Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1 a 20 de 3793

Presentada a edición facsimilar Árbol, de Julio José Casal

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu a presentación da edición facsimilar do libro Árbol de Julio José Casal (Montevideo, 1889 -1954). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou no acto a figura de Julio José “que chega a Galicia como cónsul e desenvolve un labor extrarodinario como promotor da revista Alfar que é unha xoia mire por onde se mire”. Unha idea na que tamén afondou Ramiro Rodríguez Bausero, cónsul xeral do Uruguai. Pablo Eguren, neto do poeta, leu varios dos poemas da obra, que vén de cumprir 100 anos da súa saída ao prelo; Pilar Cagiao, historiadora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), situou a acción de Casal no marco da actividade cultural desenvolvida desde os equipos consulares e, nomeadamente, nos vínculos entre Galicia e Uruguai.

Ler máis

Renovada a colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantiveron un encontro onde ambos os dous puxeron en valor a colaboración interinstitucional á hora de promover actividades relacionadas coa promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural da emigración galega. Ademais, asinaron un acordo, cunha achega económica de 50.000 euros, que permitirá a elaboración de exposicións ou publicacións de temática migratoria, ademais de garantir o traballo de conservación de material documental.

Ler máis

O “Repertorio da prensa da emigración galega” incorpora novos números de Vida Gallega, editada na Habana

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, unha selección de exemplares da revista Vida Gallega, publicación editada na Habana entre 1938 e 1954 pola Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia de Cuba.

Ler máis

Rois acolle a mostra sobre a evolución da pandeireta

“A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral” é o título da exposición coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) pretende poñer en valor o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos da pandeireta. O proxecto continúa a súa itinerancia este venres, 22 de maio, no Edificio Multiusos de Rois. A mostra ábrese cunha sesión de relatorios (18:00horas) arredor dos usos e das técnicas deste instrumento e a transmisión usando como exemplo as pandeireteiras de Rois. Despois, Rosario Álvarez, presidenta do CCG; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; máis os comisarios da exposición, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, inaugurarán a mostra que se pode visitar ata o 11 de xuño.

Ler máis

A familia de Jesús Vázquez Gayoso, destacado exiliado en México, cede á institución o seu legado documental

Jesús Vázquez Gayoso (A Pontenova, 1909 – México, 1970) foi escritor, avogado e político, e unha das figuras máis destacadas do exilio republicano galego en América, cunha intensa traxectoria política, académica e humanitaria vinculada á defensa da Segunda República. A súa familia cedeu hoxe ao Consello da Cultura Galega (CCG) o seu legado documental para a súa conservación e estudo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; dous dos fillos de Vázquez Gayoso, Jesús e Juan Vázquez; e os historiadores Emilio Grandío e Xurxo Martiz Crespo contextualizaron a súa figura e salientaron o valor deste fondo documental para o estudo do exilio republicano e da memoria democrática galega.

Ler máis

O terceiro escoitadoiro sobre migracións e dereitos culturais escudriña proxectos da provincia de Pontevedra

O Centro Social A Nubeira de Vigo acollerá mañá martes, 19 de maio (17:00 horas) o terceiro dos encontros participativos centrados nas migracións e nos dereitos culturais, organizado pola Comisión Técnica da Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) no marco do programa “Migracións e Dereitos Culturais. Comunicación e Cultura de Paz”. Trátase dunha xornada de reflexión e traballo colectivo que reunirá máis de trinta persoas e proxectos culturais, artísticos, sociais e institucionais vinculados ás migracións e á interculturalidade da provincia de Pontevedra. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro; unha das coordinadoras da sesión, Marián Fernández; máis a concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, inaugurarán esta sesión de traballo pechada ao público.

Ler máis

O Concerto das Letras Galegas percorreu o legado de Begoña Caamaño nunha homenaxe colectiva marcada pola sororidade

“Festexamos a vida e a obra de Begoña Caamaño, pero tamén a todas as mulleres indómitas: ás que abriron camiños, ás que decidiron o seu destino, ás que resisten e ás que veñen detrás”, apuntou Paula Cabaleiro, secretaria do Consello da Cultura Galega (CCG), na apertura da 16ª edición do Concerto das Letras Galegas. O Auditorio Mar de Vigo acolleu esta proposta musical organizada polo Consello da Cultura Galega, co apoio do Concello de Vigo, e interpretada por Uxía, que reuniu sobre o escenario máis dunha ducia de artistas para render homenaxe á escritora Begoña Caamaño e ás mulleres libres, rebeldes e creadoras que atravesan a súa obra. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto con membros da familia da homenaxeada e unha ampla representación da cultura e da sociedade viguesa, asistiron a esta proposta, antesala do Día das Letras Galegas. O concerto poderá verse tamén este 17 de maio na G2 da Televisión de Galicia.

Ler máis

Máis dunha ducia de artistas acompañarán a Uxía este sábado no Concerto das Letras Galegas

Wöyza, Su Garrido Pombo, Raquel Domínguez, Quim Fariña, As Mosas, Malvela, Margarida Mariño mais as nenas do CEIP de Petelos (Alba Alonso, Alba Lago, Adela, Ariana, Martina e Carla) acompañarán a Uxía no escenario do Auditorio do Mar de Vigo (sábado 16, 20:30 horas) na 16ª edición do Concerto das Letras Galegas. Organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello de Vigo, esta proposta percorre a traxectoria literaria de Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras Galegas, pero tamén os seus gustos musicais. O concerto, de entrada libre e gratuíta, poderá seguirse en directo a través da web do CCG e o Día da Letras na G2 da Televisión de Galicia, no marco da programación do Día das Letras Galegas.

Ler máis

Colaboración coa Associação Portuguesa dos Jardins Históricos na protección e xestión dos xardíns históricos

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Associação Portuguesa dos Jardins Históricos (AJH) estableceron este martes en Compostela as bases para impulsar unha colaboración galego-portuguesa para fixar estratexias de protección e promoción dos xardíns históricos. Entre as primeiras medidas acordadas figura a celebración dun encontro anual, a elaboración dunha axenda común de traballo e o deseño de iniciativas compartidas como a conexión entre as rutas existentes, o desenvolvemento de proxectos de investigación e o intercambio de modelos sostibles de xestión.

Ler máis

“Proxector”, iniciativa de divulgación en galego, aborda a biodiversidade nesta entrega

O vindeiro 22 de maio conmemórase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Unha efeméride que centra a nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en galego que promove o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Unha ducia de vídeos que reflexionan sobre o concepto de diversidade ao tempo que convidan a coñecer mellor o patrimonio natural galego: Porta de Lobios, o Parque Natural das Illas Atlánticas de Galicia, a ribeira do río Mandeo, a contorna da Torre de Hércules ou as microrreservas de flora de Fisterra.

Ler máis

Unha análise propón incrementar os recursos para a divulgación científica en galego

“O algoritmo non xoga nin a favor da ciencia nin do galego” asegura Manuel Vicente, coordinador xunto con Iolanda Casal do Documento de Traballo “A divulgación científica en Galego nas redes sociais”. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a anterior coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, Elena Vázquez Cendón, máis os dous autores presentaron o estudo que constata un devalo da proxección e difusión de ciencia en galego nun contexto en que as evolución das redes esixe un maior esforzo de produción. O documento, de carácter propositivo, sintetiza 15 ideas para mellorar a situación e que demanda máis recursos e o impulso de colaboracións con perfís de gran potencial comunicativo. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web da institución.

Ler máis

Presentado o facsímile do Libro das amigas en homenaxe a Begoña Caamaño

Son 24 contribucións de diferente tipo que a contorna máis próxima a Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago, 2014) lle dedicou no primeiro cabodano. O libro das amigas é tamén a obra coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe á celebración do Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto con Amanda Álvarez e Concha de la Fuente en representación do grupo de amigas, mais a irmá de Begoña, Bea Caamaño, presentaron a edición facsimilar no estoxo que conforma a Colección das Letras Galegas desta institución. “Non é a voz de Begoña a que contén o libro pero é Begoña a través do reflexo que nos devolven as amigas” apuntou Rosario Álvarez sobre a publicación, que tamén ten edición dixital e xa se pode descargar desde o web do CCG.

Ler máis

Carlos Taibo analiza os conflitos xeopolíticos no ciclo “Pensarmos”

A nova sesión do ciclo “Pensarmos”, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) este xoves 7 de maio (na sede da institución, ás 18:00 horas) convida a unha reflexión sobre as guerras actuais da man do escritor e pensador Carlos Taibo (Madrid, 1956). Baixo o título “A guerra como elección” ofrecerá unha intervención en formato diálogado con Celia Pereira, coordinadora do ciclo e tamén da Sección. A xornada poderá seguirse en directo desde o web institucional e a súa canle de YouTube.

Ler máis

A 16ª edición do Concerto das Letras Galegas homenaxea a Begoña Caamaño

A 16ª edición do Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega celebrarase este ano en Vigo, lugar de nacemento, formación e primeiros pasos profesionais de Begoña Caamaño, homenaxeada neste Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto coa intérprete encargada da proposta musical, Uxía; Bea Caamaño, irmá de Begoña; e Alejo Amoedo, membro da Comisión Executiva, presentaron en rolda de prensa o programa desta cita, que “será unha festa musical con moitas sorpresas”, na que se mestura a tradición galega con sonoridades atlánticas e lusófonas. O concerto, de entrada libre e gratuíta, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo o 16 de maio (20:30 horas) e poderá seguirse en directo a través da web do CCG e na Televisión de Galicia, no marco da programación do Día das Letras Galegas.

Ler máis

Os Encontros Temáticos Transversais co Patrimonio Cultural analizan o impacto do turismo no patrimonio

O uso turístico masificado está provocando danos na autenticidade e na integridade do noso patrimonio cultural e natural. Dende os diferentes trazados do Camiño de Santiago ata a praia das Catedrais, pasando polos Entroido en Xinzo son algúns exemplos de patrimonio. A quinta sesión dos “Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural” que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais convida a profesionais de diferentes ámbitos para propor ferramentas e medidas de control dos fluxos turísticos sobre o territorio, de modo que se garanta a súa conservación. Os encontros ábrense martes 5 (17:00 horas) cunha intervención de Ana María Salem, especialista en planificación e ordenación do territorio. Seguirán mércores 6 (17:00 horas) cun debate a cargo de profesionais que traballan no ámbito galego sobre este asunto. A cita, coordinada por Teresa Nieto, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Amoedo, é presencial e pode seguirse en directo a través do web do CCG e a súa canle de YouTube.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade “Hermandad Gallega de Venezuela”

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer a disposición da cidadanía diferentes actas da sociedade venezolana “Hermandad Gallega de Venezuela”. Concretamente as que fan referencia á creación do Colexio Castelao, un referente da emigración galega que continúa activo. Este material difúndese no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que ten como obxectivo poñer en valor estes fondos documentais para ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.

Ler máis

Reflexión sobre a custodia dos arquivos fotográficos a partir da figura de José Suárez

José Suárez (Allariz, 1902-A Guarda, 1974) é unha figura central da fotografía documental en Galicia no século XX, pero a súa obra ten tamén un contexto internacional ligado ao exilio, ao traballo editorial e ás súas viaxes e un acercamento á cultura xaponesa. O ciclo “Revisando a nosa arte”, promovido pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que coordina Paula Cabaleiro, achégase á súa figura e legado, pero propón tamén unha reflexión sobre os arquivos fotográficos. Silvia García e Carlos L Bernárdez coordinan esta cita na que participan destacados estudosos da fotografía como Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube.

Ler máis

Especialistas ofrecen novas lecturas sobre o poder feminino na Idade Media

O papel de liderado das mulleres na Idade Media foi máis complexo, diverso e relevante do que transmiten as fontes convencionais. “As fontes narrativas borraron sistematicamente os perfís e as figuras das mulleres”, apuntou a profesora Nora Berend, da University of Cambridge, no marco da xornada “Liderado feminino na Idade Media: os diálogos de Urraca” que se desenvolveu este martes no Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta CCG, Rosario Álvarez, abriu a sesión xunto con Simon Doubleday e Diana Pelaz, situando o debate no ronsel da celebración do noveno centenario da morte da raíña Urraca, conmemorado o pasado mes de marzo. “Urraca ten a capacidade de impresionar a todo o mundo, traspasando os límites da historia e detrás dela viñeron moitas outras que quedaron agochadas”, sinalou Diana Pelaz.

Ler máis

Nova etapa de Atalaia, plataforma da arte plástica contemporánea galega

A Sección de Arte e Creación Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) acaban de relanzar Atalaia, unha plataforma web da creación contemporánea galega. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, Paula Cabaleiro; o coordinador editorial do proxecto, Rosendo Cid; e o responsable da Unidade de Divulgación e Contidos Dixitais do CCG, Manuel Gago, presentaron a nota etapa deste proxecto que, en palabras de Paula Cabaleiro, “pretende ser de utilidade para a cidadanía, investigadores e creadores”. Ana Gesto, Andrea Costas, Carla Andrade, Jesús Madriñán e Soledad Penalta incorpóranse nesta nova etapa que inclúe tamén novos vídeos, revisión dos espazos e outros formatos de difusión para contribuír a dar a coñecer a plástica galega.

Ler máis

Unha xornada revisa o papel das mulleres líderes na Europa medieval

Especialistas recoñecidas como Nora Berend, Therese Martin ou Janna Bianchini participan este martes 28 (a partir das 10:00 horas) na xornada “Liderado feminino na Idade Media: os diálogos de Urraca” que oganiza o Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, coordinada por Simon R. Doubleday e Mariña Bemúdez, toma como punto de partida a figura de Urraca I de León, raíña de Galicia, León e Castela, para reconsiderar o peso social, cultural e político dunha serie de mulleres na Europa medieval. A presidenta, Rosario Álvarez, xunto con Simon Doubleday e Diana Pelaz, abren esta xornada presencial que se pode seguir en directo desde o web e canle de YouTube da institución.

Ler máis