Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 2041 a 2060 de 3759

Un informe do Consello da Cultura Galega pide un Plan de Arquivos de Galicia articulado desde perspectivas de xénero e feministas

Un informe do Consello da Cultura Galega pide un Plan de Arquivos de Galicia articulado desde perspectivas de xénero e feministas

Non son só depósitos que xuntan documentación administrativa, senón que son centros que atesouran a memoria colectiva dun país. Deles poderiamos saber datos como o número e características de profesionais dun sector, quen solicita licenzas de obra, quen compra unha vivenda ou quen paga impostos. O material que gardan 15 dos 313 concellos galegos supoñen preto de trece quilómetros de material, o que dá conta da súa dimensión. E nel as mulleres –como “categoría” documental– están completamente invisibilizadas. Así figura no Informe sobre os arquivos públicos en Galicia. Unha perspectiva de xénero e feminista que acaba de presentar a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a coordinadora da Comisión de Igualdade, María Xosé Porteiro; e as autoras do informe, Dolores Pereira, Olimpia López e Mariám Mariño. O texto indica que a presenza das mulleres nos criterios de ordenación, clasificación e difusión é inexistente; que se incumpren as leis de igualdade, de arquivos e de transparencia e que urxen medidas de planificación, descrición e xestión desde esta profesión ocupada no seu 78,6% por mulleres.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega inicia contactos con fundacións de ámbito literario para futuras colaboracións

O Consello da Cultura Galega inicia contactos con fundacións de ámbito literario para futuras colaboracións

A biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta semana un encontro de carácter informal cunha serie de fundacións galegas de ámbito literario para coñecer da súa situación, intereses e necesidades de cara a futuras colaboracións. A xuntanza encadrouse no marco dunha rolda de contactos que a actual Executiva do CCG está a desenvolver con entidades de ámbito cultural.

Ler máis

Isabel Burdiel presenta no Consello da Cultura Galega a súa biografía de Emilia Pardo Bazán

O Consello da Cultura Galega acollerá o venres 15 de marzo, ás 12:00 horas, a presentación de "Emilia Pardo Bazán" (Taurus, 2019), a biografía da escritora galega asinada por Isabel Burdiel. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, acompañará á autora da publicación xunto cos profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Manuel González Herrán, Ramón Máiz, e Ramón Villares.

Ler máis

Preséntase a táboa periódica en galego na xornada que celebra os 150 anos da súa publicación

Cal é a relación da táboa periódica con Youtube? E coa música? Ou coas mulleres? E que achegou Galicia ao sistema periódico? As respostas a estas preguntas están na xornada que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega e que se titula “O ano internacional do sistema periódico: reflexións desde Galicia”. A cita está coordinada por Manuel Bermejo, Ana González e Marcelino Maneiro e inclúe un fito importante: a presentación da táboa periódica en galego. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, vai inaugurar esta cita xunto con Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. A xornada retransmitirase en directo no noso web.

Ler máis

A sétima edición de “No bico un cantar” reúne na raia a mocidade galega e portuguesa

A sétima edición de “No bico un cantar” reúne na raia a mocidade galega e portuguesa

A localidade pontevedresa de Tui acollerá o vindeiro 7 de xuño a sétima edición do concerto “No bico un cantar”, unha proposta que xunta música, poesía e mocidade. A cita foi presentada esta mañá por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega quen destacou o valor da proposta deste ano no que “convidamos a nenos galegos e portugueses a cantar para establecer vínculos por riba da raia”. Canda ela estaban Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional; Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, xunto co alcalde de Tui, Carlos Vázquez, e o director artístico desta proposta, Maximino Zumalave. A cita xuntará un gran coro de cincocentos nenos e nenas chegados dos conservatorios profesionais e das escolas de música da zona. Nela estrearase a versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez “No rego do prado!” a cargo do compositor Alexis Rozas.

Ler máis

A situación actual e a memoria da cultura galega estarán presentes en Nova York en dúas mesas redondas

O Instituto Cervantes de Nova York e a City University of New York acollen este martes 12 e mércores 13, respectivamente, dúas mesas redondas para achegar novas perspectivas sobre a cultura galega. A primeira delas falará sobre a memoria e a segunda sobre o contexto histórico e perspectivas de futuro da cultura galega. Nelas participa a profesora Dolores Vilavedra, acompañada de personalidades do mundo académico e institucional da galeguidade en Estados Unidos, como Alex Alonso, José del Valle ou John Patrick Thompson. A cita insírese dentro do programa de actos paralelos á exposición “Os adeuses” que se pode ver no Museo da Inmigración de Ellis Island ata o 5 de maio.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega sube á rede nova documentación das publicacións feministas

Co gallo do Día Internacional da Muller traballadora a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega programou varias actividades arredor desta data. En colaboración co CGAI está a celebrar a oitava edición do ciclo “Olladas de muller. Creadoras galegas de imaxe”, que pretende dar conta da produción audiovisual feita por mulleres de Galicia e Portugal. Ademais, no marco do proxecto de recuperación documental “A Saia”, subiu tres novas cabeceiras a este repositorio que concentra as publicacións que deixou tras de si o movemento feminista no noso país.

Ler máis

Mañá comeza en Rennes un congreso que explora as conexións entre Galicia e Bretaña

Galicia e Bretaña son dúas rexións de contrastes: mar e bosque, rías do norte e do sur, acantilados e montañas... Estas son tamén algunhas características definitorias de ambos os territorios que permiten establecer certos paralelismos. Sobre eles falarán especialistas galegos e franceses en Rennes. A cita titúlase “Les paysages Bretagne Galice” e está organizada conxuntamente polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Université Rennes 2. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, intervirá coa laudatio a Xesús Alonso Montero, no marco da homenaxe que lle fai a universidade bretoa.

Ler máis

O Consello da Cultura prorroga ata o 17 de marzo “Alba de Gloria”, a mostra que recrea o mítico discurso de Castelao

“Alba de Gloria. Unha experiencia” é a mostra coa que o Consello da Cultura Galega recrea o último gran discurso que pronunciou Castelao. A mostra terá as súas portas abertas ata o vindeiro 17 de marzo. Ata o momento pasaron pola exposición preto de 15.000 persoas mais 2.500 escolares no marco do programa didáctico.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e o CGAI achegan desde mañá a creación feminina no ciclo “Olladas de muller”

“A nosa intención era dar soporte de difusión a este traballo inmenso de creación audiovisual que estaban a facer as mulleres” explica Encarna Otero, alma máter do ciclo “Olladas de muller. Creadoras galegas de imaxe”, que cumpre neste 2019, oito edicións. A cita arrinca mañá no CGAI (rúa Durán Loriga, ) coa proxección do filme “Arte + muller+Galicia” de Rosario Sarmiento e remata o sábado coa proxección de catro curtametraxes que dan conta da boa saúde da creación audiovisual feminina no noso país. Haberá sesións de debate coas propias creadoras e este ano, como novidade, exhíbese a creación feita en Portugal. A entrada é de balde.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Universidade de Rennes exploran nun congreso as conexións entre Galicia e Bretaña

Especialistas galegos e franceses analizarán os vindeiros días 8 e 9 de marzo as conexións entre as paisaxes galegas e bretoas. A cita, que ten lugar en Rennes, titúlase “Les paysages Bretagne Galice” e está organizada conxuntamente polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Université Rennes 2. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, intervirá coa laudatio a Xesús Alonso Montero, no marco da homenaxe que lle fai a universidade bretoa.

Ler máis

Lluis Bassets e Francisco Castro falarán mañá de fascismos dixitais no Consello da Cultura Galega

Lluis Bassets (Barcelona, 1950) é un coñecido xornalista pero tamén un destacado pensador. Mañá estará no Consello da Cultura Galega (CCG) para falar de fascismos dixitais. Insírese no ciclo “Pensarmos”, unha proposta da Sección de Pensamento que pretende reflexionar sobre temas de actualidade nun formato dialogado. Nesta ocasión, o interlocutor do convidado será o editor Francisco Castro. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do ciclo, Carme Adán, inaugurarán esta cita que se poderá seguir en directo a través do sitio web da institución.

Ler máis

Preséntase en Sicilia unha nova reedición en italiano do cómic “Vivir no solo”

Este xoves e venres, o Parque de Nebrodi, un dos catro parques que existen na illa de Sicilia, conmemora o seu vixésimo aniversario. Unha celebración que se xunta con outra efeméride, a Década internacional do Suelo 2015-2024. No marco destes acontecementos están previstos dous actos nos que se presentará a reedición do cómic "Vivire nel Suolo", a adaptación ao italiano da banda deseñada xestada polo Consello da Cultura Galega (CCG) no ano 2000. En total imprimiranse en italiano 10.000 novos exemplares, que se suman aos 10.000 xa editados en 2015 pola Sociedade Italiana da ciencia do solo.

Ler máis

A Cónsul da República Arxentina visita o Consello da Cultura Galega

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega (CCG) e responsable do Arquivo da Emigración Galega (AEG), Xosé Manoel Núñez Seixas, e o xerente da institución, Marcelino Fernández, recibiron esta mañá a visita da Cónsul da República Arxentina en Galicia, Asturias, León e Zamora, Silvina Montenegro. No transcurso da xuntanza analizaron posibles vías de colaboración entre ambas entidades relativas á recuperación documental de materiais relacionados coa emigración galega na Arxentina, ademais de explorar diferentes vías de difusión de fondos existentes.

Ler máis

Miguel Fernández-Cid, membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, é o novo director do MARCO

Miguel Fernández-Cid, membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, é o novo director do MARCO

Miguel Fernández-Cid (Pontevedra, 1956) é o novo director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO. O padroado da Fundación MARCO elexiuno por unanimidade logo da proposta de nomeamento realizada pola Comisión Técnica de Valoración para o posto de director. Esta comisión estaba formada por catro expertos de recoñecido prestixio: Miguel Zugaza, director do Museo de Bellas Artes de Bilbao; Juan Manuel Bonet, director do Instituto Cervantes; Antón Castro, profesor da Universidade de Vigo; e Lucas García Guirao, subdirector adxunto de Museos Estatais do Ministerio de Cultura e Deporte.

Ler máis

Mañá pecha en Compostela In situ, o ciclo que analiza os cascos históricos

Vigo, Ferrol, Ourense e Ribadavia contan con cascos históricos que teñen modelos de xestión, problemáticas e plans especiais diferenciados. Desde o mes de setembro, tres xornadas permitiron coñecer como eran e as súas propias especificidades. Forman parte do foro In situ. Cascos históricos, que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) e que chega á súa fin cun gran debate en Santiago. Esta última cita terá lugar mañá, cando todos os expertos consultados se xuntarán na sede do CCG para debater se é posible conciliar os intereses da cidadanía coa rehabilitación e coa xestión destes espazos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto coas coordinadoras da xornada, Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Nieto, inaugurarán esta cita que se poderá seguir en directo a través do sitio web da institución.

Ler máis

Un concerto e unha publicación, entre as actividades do Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas.

Un concerto e unha publicación, entre as actividades do Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas.

O Museo do Pobo Galego acolleu esta mañá un gran acto que xuntou a todas as institucións e entidades implicadas na celebración do Día das Letras Galegas e que este ano pon os ollos en Antonio Fraguas. Nel participou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, quen destacou o incansable labor do homenaxeado no tempo que permaneceu no Consello da Cultura Galega ao dicir que “foi un membro activo e, á fronte da Sección de Antropoloxía, amosou una gran capacidade e dispoñiblidade para conectar, para servir de ponte coa cultura tradicional”. Ademais, indicou as actividades que a institución prepara para este ano entre as que destaca unha publicación e un concerto.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega achégase á poliédrica figura de Plácido Castro cunha xornada

“Era un rara avis, unha persoa de clase alta fondamente comprometida por Galicia que xogou un papel fundamental ao trazar os eixes básicos dunha política exterior de vocación universalista” explica Xulio Ríos, coordinador da xornada “Vocacións e ideais en Plácido Castro”, que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá en Cambados (a partir das 16:00 horas en Exposalnés). Formado en Londres, políglota, falou en galego na BBC pero tamén traballou no portugués Jornal de Notícias, no arxentino La Nación e en publicacións galegas. Ademais de xornalista, foi tamén tradutor. Sobre todas estas facetas xira esta cita que inaugura a presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coa alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e con Xulio Ríos.

Ler máis

O Consello da Cultura felicita a Manuel Gallego polo Premio Nacional de Arquitectura

Non é a primeira vez que recibe o Premio Nacional de Arquitectura. Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, 1936) recibiuno en 1997 polo edificio do Museo de Belas Artes na Coruña e agora repite galardón pero por toda a súa traxectoria. Das súas cinco décadas de carreira profesional destacan obras como a residencia oficial do presidente da Xunta en Montepío (Santiago) ou centro de saúde de Viveiro. Foi membro da desaparecida Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega, onde participou en numerosas actividades. Hoxe recuperamos unha conferencia que ofreceu no marco do ciclo “Palestras maxistrais” (fai scroll na seguinte páxina) titulada “40 anos de arquitectura”

Escoita a conferencia

Ler máis

Unha publicación escolma trinta figuras científicas relevantes do Álbum da Ciencia

Buscaron figuras relevantes, de diferentes épocas, de distintas disciplinas, que compartisen un denominador común: ser figuras relevantes para a ciencia en Galicia. O resultado é Álbum da ciencia. 30 nomes e as súas achegas, unha publicación que escolma trinta nomes do proxecto homónimo que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG) en rede. “Unha santa compaña de inmortais da ciencia e os seus froitos para o país” indicou a presidenta da institución, Rosario Álvarez, durante a presentación. Con ela estaban os coordinadores do libro, Francisco Díaz Fierros, Xosé A. Fraga e Alfonso Mato, xunto con Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, que considera que “as vidas destes personaxes son un espello onde mirarse”. A publicación está dispoñible para descarga desde o web do CCG.

Ler máis