Arquivo de noticias do CCG

XXVII Encontros para a Normalización
XXVII Encontros para a Normalización
Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
Amosando noticias 1 a 20 de 3867

Un libro percorre a traxectoria de Aida Fernández Ríos, figura destacada da investigación mariña desenvolta en Galicia

Aida Fernández Ríos. Da produtividade das rías á acidificación oceánica, é o título da publicación que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) lembran a traxectoria desta oceanógrafa, homenaxeada co Día da Ciencia en Galicia 2026 e que presentaron este mércores en presentaron este mércores en Vigo. “Non pretende ser unha biografía convencional nin un catálogo da súa produción científica senón ofrecer unha visión 360 grados dunha profesional que xuntou a dimensión científica e humana” en palabras do presidente da RACG, Juan Lema. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, salientou a capacidade de Aida para “manter simultaneamente a mirada sobre Galicia e sobre os grandes procesos globais, cun ollo posto nas rías galegas e outro nos océanos”. Na presentación estaba tamén Beatriz Novoa, directora do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC), centro que Aida Fernández Rios foi investigadora e directora. A publicación xa está disponible para descarga desde o web do CCG.

Ler máis

Ponse en marcha o estudo sobre a lectura e publicanse os últimos datos sobre a edición

O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer en marca o estudo sobre a lectura en Galicia. Na tarde deste martes a biblioteca da institución acolleu a primeira reunión de traballo á que asistiu máis dunha vintena de profesionais de ámbitos diversos relacionados coa lectura (biblioteca, asociación, narradores orais, ensino, edición, creación) que trasladaron a súa experiencia profesional e reflexión sobre a situación da lectura en galego. Ao mesmo tempo, a institución acaba de poñer en rede o último informe do Observatorio da Cultura Galega. Co título *O libro en Galicia: produción editorial, lingua e mercado* analiza a edición galega nos últimos anos e conclúe que conta cunha produción estable, cunha dimensión económica reducida e unha forte dependencia de determinados segmentos do mercado. O estudo tamén destaca que a fortaleza do sistema non reside “na dimensión industrial, senón na función cultural que cumpre dentro do ecosistema galego”.

Ler máis

Unha xornada reflexiona en San Simón sobre o futuro da Memoria Democrática

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello de Redondela, organiza este venres 2 de outubro en San Simón unha nova edición de *Seíam’eu... en San Simón*, que nesta ocasión leva por título *E agora que? O futuro da Memoria Democrática*. A xornada, coordinada por Emilio Grandío, propón un espazo de reflexión e diálogo arredor das políticas de memoria desenvolvidas en Galicia, da recuperación das vítimas e dos lugares de memoria, así como dos novos retos para a transmisión da memoria democrática, especialmente entre as xeracións máis novas. A xornada non se emite en directo pero será gravada e os vídeos subiranse ao web coporativo e á nosa canle de YouTube.

Ler máis

Só unha de cada catro entidades culturais coñece a Lei de cultura inclusiva, segundo un informe

A accesibilidade cultural non parte de cero en Galicia, pero a súa implantación aínda é parcial e desigual. Esta é unha das principais conclusións do informe “Accesibilidade cultural en Galicia. Diagnóstico das prácticas, capacidades e necesidades do sector”, elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e presentado esta mañá na sede do CEGADI pola presidenta da institución, Dolores Vilavedra; o coordinador do documento, Häkan Casares, e mais o presidente do CERMI, Ramón Sestayo. Segundo o estudo, a accesibilidade física é a medida máis estendida, mentres que a comunicación accesible, os formatos adaptados, os protocolos internos e a inclusión laboral teñen unha presenza menor. Tamén sinala que as entidades demandan financiamento, pero tamén asistencia técnica, formación e recursos prácticos para converter as actuacións puntuais nunha accesibilidade máis transversal.

Ler máis

Informes

Informes do Consello da Cultura Galega

Ler máis

Resolución provisional para a adxudicación das catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega

Convocatoria de bolsas de colaboración 2026

Ler máis

Textos de María Xosé Queizán, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e María Mariño incorpóranse ao proxecto “Seara”

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día Internacional da Tradución, que se conmemora cada 30 de setembro, coa actualización de novos textos literarios en galego e inglés no proxecto “Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos”. Esta nova entrega diversifica estilos e preocupacións estéticas cun feixe de textos de María Xosé Queizán, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e María Mariño. Conta tamén cunha remodelación do seu deseño que facilita o acceso aos contidos e posibilita a lectura comparada.

Ler máis

Relación definitiva de solitudes admitidas e excluídas no proceso de selección de catro bolsas de colaboración

Convocatoria de bolsas de colaboración 2026

Ler máis

A institución acolle a homenaxe a Francisco Redondo Abal, investigador comprometido na recuperación da memoria histórica

A presentación do libro Un demócrata fronte á barbarie fascista: vida e martirio de Enrique Peinador Porrúa, republicano galeguista (1902-1940), de Francisco Xavier Redondo Abal (Pontevedra, 1964 - Santiago, 2026), converterase nun acto de homenaxe e lembranza ao seu autor, finado o pasado mes de febreiro. O encontro, que terá lugar no Consello da Cultura Galega (martes 29, 18:30 horas), reunirá amizades, comunidade académica e universitaria para reivindicar a figura e o legado dun investigador profundamente comprometido coa recuperación da memoria histórica de Galicia.

Ler máis

O ciclo “Mulleres, Patrimonios, Sociedade” leva a Vigo dúas xornadas de cinema, memoria e creación feminista

O ciclo “Mulleres, Patrimonios, Sociedade”, impulsado polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Camões - Instituto da Cooperação e da Língua, I.P. , celebra este venres e sábado en Vigo a súa oitava edición. O programa que, emprega o cinema como espazo de encontro entre Galicia e Portugal explorando as relacións entre mulleres, patrimonio, memoria e territorio, contará coa estrea de Crías, de Xiana do Teixeiro, un obradoiro coa directora e as proxeccións de Cienfuegos, 1913, de Margarita Ledo, e Mulheres, Terra, Revolução, de Rita Calvário e Cecília Honório.

Ler máis

Subidos á rede fondos da sociedade centenaria “Hijos del Ayuntamiento de Oleiros”

A sociedade “Hijos del Ayuntamiento de Oleiros” foi creada en 1918 por un grupo de persoas do concello coruñés de Oleiros residentes en Bos Aires. Libros de actas, revistas e outros documentos que permiten coñecer a traxectoria e actividade desta entidade súbense hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. Unha iniciativa do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) que pon en valor estes fondos e facilitan o coñecemento da historia e da actividade das sociedades da diáspora galega.

Ler máis

Pedro Vallín e Alba Meijide dialogan sobre a forma na que nos relacionamos coa IA no ciclo “Pensarmos”

A intelixencia artificial está a transformar a maneira na que traballamos, creamos, nos informamos e nos relacionamos coa tecnoloxía. Sobre as preguntas que suscita sobre nós mesmos e sobre a sociedade que estamos construíndo, dialogarán o xornalista e escritor Pedro Vallín e a especialista en intelixencia artificial Alba Meijide na nova sesión do ciclo “Pensarmos” (xoves, 24 de setembro, ás 18:00 horas) organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). A sesión presencial, que leva por título “IA: hai alguén ao outro lado?”, poderá seguirse tamén en directo a través do web do CCG e da canle de YouTube.

Ler máis

Visita de João Rosas, vice-reitor da Universidade do Minho

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, recibiu na mañá deste luns a visita de João Cardoso Rosas, vice-reitor para a Cultura, Inclusão e Responsabilidade Social da Universidade do Minho. No encontro repasáronse as principais liñas de colaboración entre ambas as institucións e abordáronse novas vías de cooperación e futuras iniciativas no ámbito da cultura, o patrimonio e a relación entre Galicia e Portugal.

Ler máis

Participación cidadá, avaliación independente e planificación estratéxica a longo prazo, clave para a xestión dos espazos expositivos

A creación de espazos de participación cidadá para a cogobernanza das institucións culturais, a incorporación de mecanismos de avaliación independente e a acreditación dos museos foron algunhas das medidas apuntadas no segundo encontro sectorial sobre A xestión dos espazos expositivos en Galicia, co que a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) pretende achegar reflexións e propostas ante a situación producida en Galicia na xestión dos espazos expositivos tras o proceso de designación da dirección do CGAC. Na apertura da sesión, a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, destacou que o encontro pretende «achegar reflexións sobre boas prácticas adaptadas a cada momento», unha tarefa que, subliñou, «é unha das funcións como institución pública». Canda ela, a coordinadora da sección, Paula Cabaleiro, apuntou que este segundo encontro visibiliza o papel da crítica, da xestión e das políticas, ademais de convidar á participación no cuestionario que está aberto ata o 27. O proceso culminará no último trimestre do ano coa presentación dun informe final.

Ler máis

Unha xornada aborda os modelos de dirección e políticas culturais públicas dos espazos expositivos

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este martes 22 (16:00 horas) o segundo encontro sectorial sobre *A xestión dos espazos expositivos en Galicia*, unha iniciativa promovida pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que ten como obxectivo abrir un espazo de reflexión compartida sobre o funcionamento das institucións culturais, os modelos de dirección e xestión e as políticas públicas que determinan o desenvolvemento do sistema artístico galego. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, e a coordinadora da sección, Paula Cabaleiro abren esta sesión presencial que se pode seguir en directo desde o web do CCG e a canle de YouTube.

Ler máis

Resolución do 4 de setembro de 2026 pola que se nomean os membros da comisión de valoración para avaliar as solicitudes presentadas a convocatoria pública de catro bolsas

Convocatoria de bolsas de colaboración 2026

Ler máis

Unha monografía afonda en novas formas de estudar a cultura impresa

Cultura impresa: materialidades, paradigmas e retos epistémicos, é o título da monografía que acaba de editar o Consello da Cultura Galega (CCG). Reúne os textos presentados no XXIV Simposio do Instituto da Lingua Galega, celebrado os días 27 e 28 de novembro de 2024 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Doce relatorios que abordan a cultura impresa desde perspectivas que van da filoloxía e a historia do libro aos estudos visuais, culturais e sociais. Iago Casas Neo, Elisa Nieves Barreiro e Dolores Vilavedra son os editores desta publicación impresa que tamén se pode descargar desde o web do CCG.

Ler máis

O delegado do Goberno en Galicia visita a institución

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, recibiu na mañá deste venres a visita do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nun encontro no que abordaron diferentes cuestións relacionadas coa situación e a proxección da cultura galega.

Ler máis

O “Repertorio da prensa da emigración galega” incorpora 156 números de Cultura Proletaria

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede, no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, novos exemplares de Cultura Proletaria. Nesta xeira difúndense 156 números publicados entre 1938 e 1940 desta cabeceira que comezou a editarse en 1927.

Ler máis

A Comisión Executiva recibe o Grupo Parlamentario do Partido Socialista de Galicia-PSOE

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega recibiu na mañá deste xoves os representantes do Grupo Parlamentario do Partido Socialista de Galicia-PSOE (PSdG-PSOE). A situación da cultura, o cambio climático, a lectura en galego e a IA son algúns dos temas que se abordaron no marco da xuntanza. O encontro fai parte da rolda de contactos que a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, está a manter cos diferentes grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia. Este venres terá lugar o encontro co Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Ler máis