Máis público, máis actividade, maior produción e perspectivas favorables para o futuro. O sector cultural galego afronta 2026 nunha posición de consolidación pero moi condicionado polo incremento dos custos. Así o reflicte o “Barómetro da Cultura Galega 2026”, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG) do Consello da Cultura Galega (CCG) a partir dunha mostra de 829 entidades de todos os ámbitos da cultura galega. “Este Barómetro amosa unha mellora real pero sen facer unha lectura triunfalista” apuntou a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, na rolda de presentación do documento. Canda ela, Håkan Casares Berg, membro da comisión asesora do OCG, destacou que “aínda que o sector traballa máis, non se traduce en máis ingresos debido aos elevados custos que ten para desenvolver a súa actividade”. O estudo revela que, por primeira vez, máis da metade das entidades non solicitaron axuda pública e salienta o papel do galego como un activo importante para o sector. O documento está dispoñible para descarga desde o web da institución.
Ler máis
Amosando noticias 1 a 20 de 45


