O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer en marcha un novo espazo en liña para a difusión dos materiais do Movemento Feminista Organizado en Galicia (MFOG), unha iniciativa pioneira que facilita o acceso público a un patrimonio documental de grande valor histórico e social. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do CDIF, Carme Adán, presentaron na sede da institución esta primeira entrega, que abrangue preto de 700 documentos relativos a 12 entidades. “É unha xanela para coñecer a riqueza, a variedade e a intensidade dun movemento que ten un valor que vai máis alá do arquivístico e documental”, apuntou a presidenta na presentación. Son materiais que permiten achegarse a unha parte fundamental da historia do movemento feminista en Galicia a través das súas propias producións, discursos e prácticas organizativas.
Ler máis
Amosando noticias 1 a 20 de 3040


