Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1221 a 1240 de 1520

Entradas esgotadas para o Concerto das Letras Galegas

O Concerto das Letras Galegas, proposta musical que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra cada vindeiro día 16 de maio, ten as súas entradas esgotadas. A proposta fundirá este ano a experimentación musical de LauraLaMontagne e PicoAmperio coa poética de Xela Arias (1962-2003), figura á que se lle dedica nesta ocasión o Día das Letras Galegas. O concerto poderá seguirse en directo desde o web do CCG e da CRTVG, e no propio 17 de maio na segunda canle da TVG.

Ler máis

Chega a Ourense a mostra que afonda na pegada de Afonso X na cultura galega

Chega a Ourense a mostra que afonda na pegada de Afonso X na cultura galega

O Rei Sabio tivo unha conexión singular con Ourense. Por iso a mostra “Afonso X e Galicia” comezou a súa itinerancia nesta cidade á que chega enriquecida cunha serie de materiais arredor dese fío histórico. A exposición conmemora o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, unha das figuras máis relevantes da cultura europea, e convida a coñecer a enorme influencia da súa figura cunha peregrinaxe a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A mostra foi inaugurada pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; e Sandra Quintas, xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo. O comisario da mostra é o músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell, e Afonso Vázquez Monxardín encargouse da selección documental que complementa a proposta orixinal e ofrece a conexión con Ourense.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega ofrece o epistolario entre Paulo Rónai e Paz Andrade no Dia Mundial da Língua Portuguesa

Hoxe, 5 de maio, é o Dia Mundial da Lingua Portuguesa. Co gallo desta efeméride o Consello da Cultura Galega (CCG) publica un especial que inclúe o epistolario entre o escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai e Valentín Paz Andrade. 52 cartas que amosan como a acollida da literatura brasileira en Galicia e da literatura galega no Brasil deste período lles debe moito a estes dous intelectuais que uniron as dúas puntas do océano. Acompáñase da entrada no Álbum de Galicia de Pilar Vázquez Cuesta, escritora, filóloga e intelectual hispanista de traxectoria universitaria principalmente lusitanista. No marco desta día, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, asiste en Guimarães ao Seminario do Dia Mundial da Língua Portuguesa.

Ler máis

Un informe do Consello da Cultura Galega insta a manter o topónimo Ría de Ribadeo

O Consello da Cultura Galega acaba de emitir un informe no que insta a manter a forma patrimonial Ría de Ribadeo. O documento foi requirido pola Xunta de Galicia trala solicitude de cambio de nome oficial por Ría do Eo presentada polo Principado de Asturias perante o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana. No informe explican que a documentación e cartografía histórica avala a denominación actual e lembran que a toponimia tradicional forma parte do patrimonio cultural inmaterial e, por tanto, todos os organismos están obrigados á súa protección.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega recupera a prosa anovadora de Xela Arias na súa publicación de homenaxe

“Pensei que escribir un libro podía ser unha cousa ben inútil”. Así se titula o último conto de “¡Non te amola!” a obra narrativa na que Xela Arias, homenaxeada co Día das Letras Galegas en 2021, ficciona boa parte da súa nenez. Este é o texto que o Consello da Cultura Galega (CCG) recuperou da autora no marco da edición conmemorativa coa que homenaxea á figura escollida cada 17 de maio. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na presentación da publicación que “proclama a importancia da escritura como forma intervención”. Canda ela estaban Darío Gil, fillo da homenaxeada; a profesora Ana Iglesias, autora do estudo crítico do texto; e Bea Gregores, responsable das ilustracións da publicación. Todos eles destacaron que este texto ofrece outras facetas menos coñecidas de Xela. O libro xa se pode descargar de balde desde o sitio web do CCG.

Ler máis

A directora do CDIF, María Xosé Porteiro, recibe mañá en Vigo o premio Ernestina Otero

O Consello Municipal da Muller de Vigo entregará mañá, 4 de maio, no Auitorio Municial deste concello o premio Ernestina Otero á directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) e á filósofa e profesora, Mercedes Oliveira (Pontevedra, 1957), recoñecidas en 2020 e 2021 respectivamente. Porteiro ten unha ampla traxectoria como xornalista, política, escritora de novela e ensaio e actualmente é Adxunta á Valedora do Pobo e ocupa diferentes postos na estrutura do Consello da Cultura Galega (é membro do Plenario, vogal da súa Comisión Executiva e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, CDIF).

Ler máis

Incorpórase ao Álbum de Galicia a entrada da investigadora Aida Fernández

Un accidente de tráfico acabou coa vida de Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947-Moaña, 2015) cando estaba nun bo momento profesional. Foi unha investigadora que destacou polo seu coñecemento na acedificación dos océanos por mor do cambio climático e a primeira muller en dirixir o Instituto de Investigacións Pesqueiras. A súa biografía acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega pon na rede a dixitalización do xornal anarquista “Cultura Obrera”

No día 1 de maio, Día Internacional dos Traballadores, o Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede 254 números de “Cultura Obrera”, nun dos xornais anarquistas máis influentes en castelán da costa leste de Estados Unidos. Foi fundado en 1911 en Nova York polo catalán Pedro Esteve e estaba dirixido aos traballadores de orixe hispana do sector do tabaco e aos dos portos e do transporte marítimo.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega homenaxea a vangarda de Xela Arias no seu Concerto das Letras Galegas

O Auditorio do Mar de Vigo será o escenario no que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará o vindeiro día 16 de maio ás 20:00 horas o seu tradicional Concerto das Letras Galegas. O Concello de Vigo colabora na realización deste proxecto que xuntará a experimentación musical de LauraLaMontagne e PicoAmperio coa poética de Xela Arias (1962-2003), figura á que se lle dedica nesta ocasión o Día das Letras Galegas. O concerto é presencial pero poderá seguirse en directo desde o web do CCG e da CRTVG, e no propio 17 de maio na segunda cadea da TVG. As entradas do concerto serán de balde e pódense retirar desde hoxe a través da plataforma teuticket.

Ler máis

A pianista e compositora Enma Pino é a última entrada do Álbum de Galicia

Foi unha pianista e compositora atípica, creativa, arriscada e innovadora. Enma Pino (Tui, 1958-Vigo, 2014) destacou por ter unha voz propia, unha paixón creativa e talento musical e un coñecemento profundo da música. A súa biografía acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia no día en que se cumpren sete anos da súa morte.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega dedica mañá unha xornada á música mecánica

lgunhas culturas como a chinesa construíron autómatas que bailaban e producían sons, o que deu lugar á mecanización da música. A automatización levou a inventar cilindros codificados con pugas utilizados en órganos de salón, carillóns, caixas de música etc. A finais do século XIX, os avances científicos e técnicos desembocarían nunha revolución tecnolóxica que cambiou, e segue cambiando, o mundo. Sobre estes temas trata a xornada que o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais, realizará mañá, día 29 de abril. A cita, coordinada por Alejo Amoedo, será previamente gravada e os relatorios subiranse á rede ese día.

Ler máis

Este sábado pecha en Santiago a mostra do Consello da Cultura Galega que afonda na relación do rei Afonso X con Galicia

“Afonso X e Galicia” é o título da exposición coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) afonda na conexión galega do rei sabio cando se cumpren oitocentos anos do seu nacemento. A mostra pecha este sábado en Compostela e inicia a súa itinerancia. A primeira das súas paradas será Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel onde se inaugurará o vindeiro día 7 de maio. O proxecto expositivo compleméntase cun espazo web onde figuran materiais sonoros, audiovisuais e unha proposta de roteiros que convidan a percorrer o patrimonio galego en conexión co legado afonsino.

Ler máis

O ciclo do Consello da Cultura Galega “En modo conversa” analiza os obxectos cotiás

A vindeira cita do ciclo “En modo conversa”, formato de reflexión sobre arte e creación plástica, pon o foco nos obxectos cotiás. Chámase “Obxectos anónimos” e porá en diálogo a dous creadores con gran proxección internacional como Tomás Alonso e Miguel Leiro, baixo a moderación da deseñadora Uqui Permui. A cita, que foi gravada previamente, difundirase no web e nas redes sociais do Consello da Cultura Galega (CCG), o próximo martes 27 de abril.

Ler máis

“Vivir no solo”, cómic do Consello da Cultura Galega, adaptado ao chinés e ao polaco

O 22 de abril é o Día Mundial da Terra, unha efeméride que se celebra desde 1970 para lembrar a responsabilidade de coidar e protexer o planeta tras observárense os primeiros indicios da degradación por mor da acción do home. Sobre a importancia de preservar este recurso non renovable fala a banda deseñada do Consello da Cultura Galega “Vivir no solo”, que acaba de ser traducida e adaptada ao chinés e ao polaco grazas ao Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG) do CSIC. Ademais, un especial web visibiliza todas as edicións deste produto, que se presentou no ano 2000 e conta con máis de dez reedicións en sete idiomas.

Ler máis

A psiquiatra Iria Veiga falará mañá sobre os trastornos da verdade no ciclo “Pensarmos”

A médica psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga (Ferrol, 1981) intervirá mañá no ciclo “Pensarmos”, organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) e que este ano se centra no concepto de verdad. “Fabulación, simulación e delirio: A mentira como adaptación evolutiva e como patoloxía“ é o título da súa intervención, que ofrecerá en modo diálogo con Carme Adán, coordinadora do ciclo, e con Luisa Martínez Lorenzo. A conversa será presencial pero, en cumprimento das medidas sanitarias, require inscrición previa. Pode facerse a través do web da institución.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Ángel del Castillo, pioneiro da arqueoloxía galega

Foi un camiñante infatigable, percorreu a pé boa parte de Galicia, acompañado sempre da súa cámara fotográfica e duns cadernos onde tomaba notas e realizaba coidadosos debuxos dos monumentos e obxectos que captaban o seu interese. Co tempo, visitou, estudou e catalogou centos de monumentos, converténdose nun dos arqueólogos e historiadores máis prestixiosos da nosa terra. Falamos de Ángel del Castillo (A Coruña, 1886-1961), pioneiro da arqueoloxía galega e última incorporación ao Álbum de Galicia.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración asinan un acordo para visibilizar o fenómeno migratorio

Exposicións, difusión de actividades e traballos de catalogación de sociedade de emigrantes para incrementar a promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural galego. Este é o cometido do acordo asinado esta mañá pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Ler máis

O Foro Patrimonio e Sociedade remata solicitando a creación dun Observatorio de Educación Patrimonial

Hoxe rematou no Consello da Cultura Galega (CCG) o “Foro Patrimonio e Sociedade”, espazo de reflexión e debate sobre a situación do patrimonio en Galicia. Rebeca Blanco-Rotea e Juan Monterroso foron os encargados de expor as conclusións da Mesa 3 deste Foro que se centraba na relación entre educación, formación e cidadanía. Na súa intervención destacaron o traballo feito por todas as asociacións e entidades en defensa do patrimonio e propuxeron a creación dun Observatorio de Educación Patrimonial que documente o que se fai nesta materia en Galicia e dun Plan de Educación Patrimonial de Galicia orientado á formación patrimonial estratéxica ao longo da vida. Todas as intervencións se sistematizarán e integrarán no documento final que se presentará no verán e que terá forma dunha guía práctica. Os relatorios foron gravados e están a disposición da cidadanía no web do CCG.

Ler máis

O Foro propón a creación dunha comisión parlamentaria sobre patrimonio

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou hoxe a segunda das sesións do “Foro Patrimonio e Sociedade” na que Teresa Nieto e Cristina Sánchez Carretero expuxeron as conclusións relativas á Mesa 1, que analizou as políticas públicas e a normativa legal. Entre elas destacou a proposta da creación dunha comisión específica de patrimonio no marco da Comisión de Cultura do Parlamento. A idea central desta sesión pasou por situar o patrimonio no foco das políticas públicas como un elemento transversal e non sectorial. A cita remata maña coa análise da relación entre patrimonio, educación, formación e cidadanía. Todas as intervencións se poden seguir e participar desde o web do CCG e as súas redes sociais.

Ler máis

O Foro Patrimonio e Sociedade comeza demandando unha política global de ordenación do territorio

“Hai que entender que o patrimonio vai máis alá do monumento, é tamén paisaxe, bens mobles e inmobles; pero, sobre todo, hai que ter en conta a súa historia e a mirada da súa poboación” asegurou Iago Seara, quen, xunto con Carlos Nárdiz, ofreceu as conclusións da primeira mesa do “Foro Patrimonio e Sociedade”, espazo de reflexión arredor do patrimonio promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG). “Estas xornadas son o resultado necesario de moitas demandas canalizadas a través da Sección de Patrimonio e Bens Culturais durante anos” asegurou a presidenta, Rosario Álvarez, na inauguración dunha cita que continúa mañá coa análise das políticas públicas.

Ler máis