Día Internacional do Patrimonio Inmaterial

----

Día Internacional do Patrimonio Inmaterial

Especial · Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial

Fotografía en tons azuis de dúas redeiras cosendo redes no porto, coas embarcacións ao fondo.
Fotografía da presentación do encontro «Os oficios do mar» (Ribeira), en duotono

Cada 17 de outubro a UNESCO celebra o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial. O Consello da Cultura Galega súmase recompilando o ciclo Comunidades e patrimonio cultural inmaterial, que a Sección de Patrimonio e Bens Culturais levou en 2025 aos territorios das comunidades portadoras, o informe sobre a situación da salvagarda que o acompaña e o Foro Patrimonio e Sociedade, do que parte este camiño. Xuntos apuntan unha idea: un patrimonio vivo protéxese coñecéndoo e contando con quen o mantén.

  • 5encontros e xornadas en catro concellos
  • 25vídeos coas intervencións
  • 2publicacións: o informe sobre a salvagarda e a guía do foro

Propostas para a salvagarda

Informe · Marzo de 2025

A situación da salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia

Desde 2023 Galicia vive un impulso inédito no recoñecemento do seu patrimonio inmaterial: o Entroido, a Rapa das Bestas de Sabucedo, a Ofrenda do Antigo Reino, o xogo dos birlos ou a música e o baile tradicionais están en camiño de seren bens de interese cultural. O informe da Sección celebra este avance e acompáñao con tres propostas para que a protección sexa eficaz:

  1. Coñecer para protexer. Un rexistro e unha documentación sistemáticos das manifestacións, como prevé o artigo 68 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, con criterios do Plan Nacional para recoñecer as máis singulares e atender primeiro as máis fráxiles.
  2. As comunidades, no centro. Estender a cada declaración o órgano de xestión con portadores que se estreou coa carpintaría de ribeira, un modelo galego de boas prácticas que pode ser referencia en todo o Estado.
  3. O inmaterial ten lugar. Protexer, xunto con cada práctica, os espazos, os obxectos e as paisaxes que a fan posible: os valos de pedra seca, os montes das bestas, os camiños da festa.

O obxectivo: un patrimonio que siga vivo porque o seguen practicando, transmitindo e renovando as súas comunidades.

Ler o informe (PDF, 190 KB): A situación da salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia

Catro patrimonios vivos, catro comunidades

En cada encontro, investigadores e portadores sentáronse na mesma mesa. Todas as intervencións quedaron gravadas e poden verse na páxina de cada actividade.

O peche do ciclo

Ver no YouTube a gravación da xornada A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia

Gravación íntegra da xornada na canle de YouTube do Consello

Xornada de peche · Santiago de Compostela ·

A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia

Na véspera do Día do Patrimonio, a xornada de balance presentou o informe da Sección e abriu o debate sobre o Censo do patrimonio cultural, a Lista da UNESCO e a plataforma colaborativa Galicia Nomeada. Asociacións e institucións da memoria falaron de redes no territorio, e representantes das catro manifestacións do ano expuxeron problemas comúns e retos compartidos.

Conclusión: traballo en rede no territorio, coas comunidades no centro da acción patrimonial.

Ver a xornada: A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de GaliciaPrograma (PDF, 529 KB): A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia

Catro intervencións para empezar

Unha voz de cada encontro, desde a comunidade portadora ata a investigación.

  • Ver no YouTube: A declaración da música e o baile tradicionais como BIC: unha ollada desde a comunidade portadora, por Ana García LenzaAna García LenzaA declaración da música e o baile tradicionais como BIC: unha ollada desde a comunidade portadoraEncontro «A música, o canto e o baile»
  • Ver no YouTube: A salvagarda do oficio de redeira, por Rosa María Pardo CampañaRosa María Pardo CampañaA salvagarda do oficio de redeiraEncontro «Os oficios do mar»
  • Ver no YouTube: A candidatura conxunta da rega tradicional a patrimonio inmaterial da humanidade, por José Mª Martín CivantosJosé Mª Martín CivantosA candidatura conxunta da rega tradicional a patrimonio inmaterial da humanidadeEncontro «A rega tradicional»
  • Ver no YouTube: A transmisión das danzas gremiais, por Carme López FernándezCarme López FernándezA transmisión das danzas gremiaisEncontro «As danzas brancas»

O día e quen o traballa no Consello

Que celebra o 17 de outubro

A Conferencia Xeral da UNESCO proclamou en novembro de 2023 o 17 de outubro como Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, a proposta de Polonia, Botsuana, Bangladesh, Marrocos, Corea do Sur, Panamá, Ruanda e Eslovaquia. A data lembra o día de 2003 en que se aprobou a Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, e a primeira celebración foi en 2024.

O día quere visibilizar un patrimonio que non está nos museos nin nos monumentos, senón nas prácticas que as comunidades transmiten e recrean: festas, oficios, músicas, danzas ou saberes sobre a terra e a auga. A súa fraxilidade é a súa propia natureza: desaparece cando deixa de practicarse.

Este patrimonio cultural inmaterial, que se transmite de xeración en xeración, é recreado constantemente polas comunidades e polos grupos en función do seu contorno, da súa interacción coa natureza e da súa historia.

Convención da UNESCO de 2003, artigo 2

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais

Coordinada por Teresa Nieto Freire, a Sección estuda, debate e difunde o patrimonio cultural galego e, a través da Comisión Técnica de informes sobre patrimonio, prepara os informes que as administracións solicitan ao Consello, entre eles os preceptivos nas declaracións de bens de interese cultural. As súas liñas de traballo máis recentes:

  • Comunidades e PCICiclo de 2025 recompilado nesta páxina: encontros nos territorios coas comunidades portadoras.
  • Encontros Temáticos TransversaisBienio 2025–2026: paisaxe, rural, transición enerxética, turismo e xestión de riscos no patrimonio.
  • Soster o nosoXornadas no rural coa xente que mantén vivo o patrimonio dos lugares.
  • Mulleres, Patrimonios, SociedadeCiclo de cinema entre Galicia e Portugal, xa na súa oitava edición.

Noticias da Sección de Patrimonio e Bens Culturais

O punto de partida: Foro Patrimonio e Sociedade

Antes do ciclo de 2025, a Sección de Patrimonio e Bens Culturais impulsou unha reflexión colectiva sobre a xestión integral do patrimonio cultural galego: que significa para a sociedade e como debe coidarse. Participaron 37 profesionais de universidades, centros de investigación, ensino, institucións da memoria, administracións, asociacións e industrias culturais, organizados en tres mesas de traballo. As sesións públicas de abril de 2021 quedaron gravadas.

Publicación · 2021

Foro Patrimonio e Sociedade

Guía práctica para a análise dun sector clave na gobernanza do futuro

Rebeca Blanco Rotea, Teresa Nieto Freire e Cristina Sánchez-Carretero2021 · 241 páxinas · ISBN 978‑84‑17802‑37‑0

Conta a orixe, a metodoloxía e o desenvolvemento do foro e, sobre todo, ofrece unha guía práctica nacida das mesas de traballo, xunto coa mesa política cos grupos do Parlamento de Galicia e as sesións de conclusións. Unha ferramenta para unha gobernanza do patrimonio máis participativa.

Ler a guía (PDF, 2,8 MB): Foro Patrimonio e Sociedade

O foro · Decembro de 2019 – abril de 2021

As tres mesas, en vídeo

  • Ver no YouTube: O patrimonio agrario: a construción cultural do territorio a través da actividade agraria, por José Castillo RuizMesa 1 · Políticas públicas e normativaO patrimonio agrario: a construción cultural do territorio a través da actividade agrariaRelatorio de José Castillo Ruiz
  • Ver no YouTube: Experiencias arredor da xestión integral do patrimonio cultural, por Román Fernández-Baca CasaresMesa 2 · Conservación, protección e difusiónExperiencias arredor da xestión integral do patrimonio culturalRelatorio de Román Fernández-Baca Casares
  • Ver no YouTube: A dimensión educativa como vector estratéxico na xestión do patrimonio cultural, por Olaia Fontal MerillasMesa 3 · Educación, formación e cidadaníaA dimensión educativa como vector estratéxico na xestión do patrimonio culturalRelatorio de Olaia Fontal Merillas

Ver o foro e os seis vídeos: Foro Patrimonio e Sociedade

Normativa de referencia


Recomendamos: