O introdutor máis importante do romantismo musical en España Pianista e compositor nado en 1826 na Coruña, no seo dunha familia de grande tradición musical. Comezou os seus estudos musicais na súa cidade natal. En 1844 viaxou a París coa intención de estudar con Frédéric Chopin pero ante a imposibilidade de conseguir tal propósito, instal...
O introdutor máis importante do romantismo musical en España Pianista e compositor nado en 1826 na Coruña, no seo dunha familia de grande tradición musical. Comezou os seus estudos musicais na súa cidade natal. En 1844 viaxou a París coa intención de estudar con Frédéric Chopin pero ante a imposibilidade de conseguir tal propósito, instalouse en Londres como alumno do checo I. Moscheles, con quen permanecería ata 1849. Finalizados os seus estudos, realizou diversas viaxes por Europa e despois de vivir varios anos en Madrid, retirouse ó seu pazo de Lóngora, onde residiu compoñendo ata a súa morte.
Pódense distinguir tres etapas na súa música: a primeira, romántica, á que corresponde a maior parte da súa música para piano só e voz e piano. O estilo destas obras en relación coa súa data de composición e edición en España fai de Adalid o introdutor máis importante do romantismo musical en España. A segunda etapa, clásica, á que corresponden as sonatas para piano, piano e violín, cuartetos de corda, marchas e motetes. E a terceira, que comprende a ópera, melodías e cantares para voz e piano e algunhas marchas orquestrais. Na obra para voz e piano utiliza textos de poetas tanto estranxeiros coma galegos, e entre estes últimos, sobre todo obras da súa muller, Fanny Garrido e de Rosalía de Castro.
A el débese o inicio do cultivo dun xénero que perduraría ata as primeiras décadas do século XX: a melodía galega. Dentro deste xénero, o compositor introduxo os primeiros aires dun crecente Nacionalismo/Rexionalismo.
A marcha fúnebre está escrita para piano a 4 mans, Adalid concibía este tipo de música como música doméstica, de entretemento particular. Foi escrita, probablemente, para a súa execución na Sociedade de Concertos, como unha homenaxe ao mariscal O'Donnell no seo dunha sociedade semi-privada. Pertencente á súa segunda etapa, “clásica”, presenta un ritmo firmemente sinalado con frases simétricas, deseñada para acompañar o paso dun cortexo. A melodía serve de ornamentación dun ritmo repetido e regular marcado polo uso do puntillo.
Ver biografía no Álbum de Galicia