Cronista e escritor mindonienseEduardo Lence-Santar e Guitián naceu en Mondoñedo o dezaseis de xullo de 1876. Ao ano e medio de vir ao mundo, seus pais trasladáronse primeiro a Portomarín e logo a Sarria, terra da familia materna, de onde non regresou á súa cidade natal ata 1901.
Dende aquela, e quitado breves estancias en Lugo (1911-1913, ...
Cronista e escritor mindonienseEduardo Lence-Santar e Guitián naceu en Mondoñedo o dezaseis de xullo de 1876. Ao ano e medio de vir ao mundo, seus pais trasladáronse primeiro a Portomarín e logo a Sarria, terra da familia materna, de onde non regresou á súa cidade natal ata 1901.
Dende aquela, e quitado breves estancias en Lugo (1911-1913, como oficial de Estatística), a pontevedresa parroquia de Lourizán (onde foi entre 1919-1920 administrador do pazo do seu parente Montero Ríos) e Compostela (1925-1928, como comisario de entradas do Hospital de Santiago), o seu domicilio fixouse definitivamente en Mondoñedo, cidade na que sobreviviu cos ingresos das súas colaboracións xornalísticas e o que obtivo polo seu labor como arquiveiro municipal ou como docente na Academia-Colexio de San Rosendo primeiro e na Escola de Artes e Oficios despois.
Segundo propia confesión, ao pouco de se constituír a Academia Galega enviou a esta unha colección de adiviñas populares, o que lle valeu ser designado correspondente da mesma en xaneiro de 1906.
Por ese tempo documéntanse as súas primeiras publicacións en xornais e revistas como
La Voz de Mondoñedo (na que aparecen traballos seus dende mediados de 1903),
El Norte de Galicia (dende fins de 1903), a coruñesa
Revista Gallega que dirixía o académico Galo Salinas (onde en febreiro de 1906 figura unha súa recolleita de «Cantares populares de la ribera del Masma»), a mindoniense
Minerva (coa que colaborou en maio de 1906 tamén con «Cántegas populares d’as ribeiras do Masma», xustamente dedicadas
Pr’Academia galega
) ou a boanerense
Nova Galicia e mais
Galicia de Madrid (ambas as dúas con colaboracións tamén de 1906).
Entre fins da primeira década do século XX e o remate da segunda Lence-Santar foi multiplicando a produción sobre temas históricos e etnográficos, que alternou coa creación poética e contística. Froito desa incansable entrega á escrita (sobre todo de referente mindoniense) foron as distincións e nomeamentos que dende ben cedo se lle outorgaron e que viñeron sumarse á xa amentada de correspondente da Academia, como, por exemplo, o de Cronista Oficial da Cidade de Mondoñedo —título que ostentou dende abril de 1917—, o de Socio Correspondente do Instituto Histórico do Minho —corporación da portuguesa Viana do Castelo que o distinguiu en agosto de 1922— ou o ingreso na Orde Civil de Alfonso X o Sabio en setembro de 1949.
Estudoso e divulgador incansable da terra mindoniense, Lence-Santar morreu na cidade que o vira nacer o catorce de xaneiro de 1960 e alí permanece soterrado no panteón familiar do Cemiterio Vello.
Mais antes de finarse tivo tempo para dar a coñecer unha ampla obra ensaística de tema histórico escrita en castelán, que alternou con contribucións analíticas e colectoras como etnógrafo e mais con creacións poéticas e narrativas, todas elas en galego.
O historiador
Como historiador Lence-Santar é autor dunha vastísima obra recollida en volumes, folletos e numerosas colaboracións xornalísticas tanto da prensa local (de Mondoñedo e restante Mariña lucense) coma autonómica (sobre todo luguesas e compostelás), estatal (da prensa galega en Madrid) e da emigración americana (igual bonaerense que cubana).
Deixando a un lado a inxente produción en prensa, a escrita de monografías e folletos supera a vintena de títulos. Entre estes cóntanse
Pontificado del Obispo Sarmiento (1908),
Mondoñedo: El Santuario de los Remedios (1909),
El Seminario de Mondoñedo (1909),
Mondoñedo: El Santuario del Carmen (1909),
Mondoñedo: El Convento de Alcántara (1910),
El Convento de Villanueva de Lorenzana y el de San Francisco de Vivero (1910),
Mondoñedo: La Orden Tercera (1910),
Mondoñedo: El Convento de la Concepción (1910),
El Obispo Santo y San Salvador de Pedroso (1910),
Mondoñedo: El Convento de San Martín de Villaoriente o de los Picos (1912),
La obra pía de San Antonio de Mellid (1928),
Páginas Históricas Gallegas. El Mariscal Pardo de Cela. La Santa Hermandad (1930),
El Licenciado Molina y su Descripción del Reino de Galicia (1944),
Páginas Históricas Gallegas. Los Gremios de Mondoñedo (1951),
Mondoñedo y el arbolado en el siglo XVI (1954) e
Hijos ilustres de la antigua provincia de Mondoñedo: don Víctor José María de Silva y Gutiérrez (1957).
Sendo todos os anteriores traballos de grande interese para a historiografía local, non cabe dúbida ningunha de que a súa obra de maior relevo neste eido foi a monumental
Del Obispado de Mondoñedo, editada en tres volumes entre 1911 e 1915.
Respecto da articulística histórica espallada por xornais e revistas, nos últimos anos apareceron varias entregas dunhas compilacións baixo o título
Mondoñedo, regreso al pasado.
O etnógrafo
Aínda que Lence-Santar é maioritariamente coñecido como historiador e cronista mindoniense, o certo é que a súa vocación como folclorista (e tamén como poeta e narrador) abrollou dende a primeira hora.
É lóxico que así sexa se se ten presente que xa na súa mocidade sarriá deprendeu a tocar a gaita e a zanfona, habilidades das que sempre se gabou, o que explica que Noriega Varela, no primeiro poema que lle dedicou, o distinguise como “O Gaiteiro do Masma”.
As primeiras compilacións etnográficas do autor coinciden, como se viu máis arriba, cos primeiros traballos publicados. A estas seguiron outras dadas a coñecer en
Galicia. Revista Gráfica Mensual de Madrid (onde en 1935 publicou «Do noso folk-lore. Adiviñanzas da Terra de Mondoñedo»), no periódico mindoniense
Vallibria (entre abril de 1938 e febreiro de 1940), a revista da emigración cubana
Cultura Gallega (que recolle «Folklore gallego. O guinaldo» en decembro de 1938) e en varias follas periódicas que o propio Lence-Santar dirixiu e compuxo baixo os títulos
Mondoñedo e
Nadal entre os anos 1941 e 1951, ademais de nos programas das Feiras e Festas das San Lucas (por exemplo no de 1953).
Pois ben, a práctica totalidade destes textos acabaron incorporados á serie etnográfica «Folklore gallego», que Lence-Santar publicou no xornal santiagués
El Compostelano entre xaneiro de 1938 e agosto de 1941 con algún avance anterior (o artigo «Pedindo a regueifa» de xuño de 1927 e «Folklore santiagués» de xullo de 1937).
Esta serie, que o autor cobizara reunir nun volume que ía titular
Folklore d’as terras de Mondañedo, Santiago e Sarria pero que nunca chegou a publicar, foi recollida por quen isto escribe na recompilación
Etnografía mindoniense (2000), onde rescatei o medio cento de entregas aparecidas no xornal, fonte ben celmosa para moi diversos eidos da nosa etnografía (tanto no que atinxe á cultura espiritual coma á material), paremioloxía (refraneiro, adiviñas...), literatura popular (romances, apólogos, contos, lendas etc.) e mesmo da lexicografía e fraseoloxía, sendo o mostrario prosístico galego máis importante dos publicados durante a Guerra Civil.
O poeta
Como poeta Lence-Santar é autor dunha trintena de composicións que deu a coñecer nun lapso de tempo de apenas vinte anos (1912-1932) na prensa da época, principalmente local (
La Voz de Mondoñedo, Justicia, Acción Social, Vallibria, As San Lucas) ou mariñá (
Las Riberas del Eo) e, ocasionalmente, do resto de Galicia (
A Nosa Terra,
El Compostelano). Logo desta etapa produtiva inicial limitouse a enviar composicións xa publicadas para que fosen reproducidas en diversos xornais e revistas. O porqué desta concreción temporal da súa escrita entre os anos dez do pasado século e as proximidades da Guerra Civil hai que procuralo na declarada inclinación filogaleguista que por aqueles anos experimentou o autor: sumouse á nacente Academia Galega en 1906; no outono de 1917, cando se constituíu en Mondoñedo a Irmandade da Fala local, foi elixido conselleiro primeiro e, en calidade de tal, estivo presente na I Asemblea das IF en novembro de 1918 en Lugo; amais, en 1925 ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Logo desta etapa, centrou a atención no ensaio de tipo histórico, que redactou en castelán, postergando a faceta de creador literario. Neste sentido, cómpre anotar o bilingüismo xenérico practicado por Lence-Santar, autor en castelán cando tratou temas de prosa histórica e social, mais escritor en galego de relatos e poemas, así como tamén de ensaios de tipo etnográfico-folclórico e sobre literatura popular.
Na súa poesía salienta por riba de todo a presenza do mar, do mundo mariñeiro. De feito, as súas composicións son as máis das veces mariñas modernas nas que o obxecto poetizado é, con exclusividade, o marítimo. Noutras ocasións as referencias ao mundo do mar vencéllanse a aspectos autobiográficos ou a un tipo de poesía declaradamente relixiosa. Agora ben, aínda que o elemento mariño é predominante (e nisto segue a escola do seu paisano Manuel Leiras Pulpeiro, quen pasa por ser o Poeta da Mariña fronte a Antonio Noriega Varela, a quen sempre se alude como o Cantor da Montaña), Lence-Santar afástase naturalmente de Leiras por canto na súa poética non se produce unha gabanza do mundo mareiro como no autor de
Cantares gallegos, senón que o mar que nel comparece é un cantábrico traizoeiro, onde o vento do nordés e a travesía poñen constantemente en apuros o sufrido mariñeiro; é, pois, un mar inconstante e impredicible, incontrolable e voluble, que acotío pode ofrecer a bonanza do pairar, pero que sempre reserva momentos nos que torna a singradura mortal.
Tamén teñen unha importante presenza nos poemas de Lence-Santar as composicións de contido relixioso, entre as que se contan poesías en honor á Virxe. O resto dos seus textos repártense entre poemas de circunstancias, algunha poesía de corte autobiográfico e outras de tema folclórico. No conxunto, debe subliñarse o forte carácter costumista, popularizante, que non desbota o tratamento de estampas líricas sobre a gaita, as romarías, a campá do chan natal ou as innúmeras penalidades do coitadiño emigrante. Neste sentido, a influencia dos grandes do XIX e de entre séculos faise evidente, nomeadamente no maxisterio dos conveciños Noriega Varela e Leiras Pulpeiro, mais tamén nos ecos rosalianos e pondalianos.
Toda esta escrita de Lence-Santar pode consultarse no compilatorio
Poesía galega (1999), que incorpora un amplo estudo introdutorio no que Xe Freyre e quen isto asina analizamos e contextualizamos esta produción.
O narrador
Fundamentalmente historiador, tamén poeta por frecuentación, as incursións como narrador de Lence-Santar foron máis ben contadas e apenas se alcanzan a media ducia de mostras: tres prosas aparecidas en
La Voz de Mondoñedo baixo o título xenérico de «Da terra de Sarria» («De troula», 139-140, 18-20 de novembro de 1905; «O cristo de Goián», 152, 17 de febreiro de 1906; e «As cartas», 157, 24 de marzo de 1906); o relato «O xastre de Cangas» (
Minerva, 1, 20 de maio de 1906); «O Bispo Santo: Tradición das Mariñas» (
Follas Novas, 502, 13 de xaneiro de 1907); «Cousas da Mariña: O crego de Rúa» (
Aires da Miña Terra, 12, 26 de xullo de 1908); e «O cacique de Frades» (
Galicia Nueva, 1 de novembro de 1923).
Catro destes relatos («De troula», «O Cristo de Goián», «As cartas» e «O crego de Rúa») foron recollidos no volume
Narradores ocasionais de comezos do século XX (1901-1916) polos editores Francisco Martínez Hidalgo, Marta Neira Rodríguez e María Vanesa Solís Cortizas, quen deixaron fóra desta compilación por non os considerar suficientemente fictivos «O Bispo Santo: Tradición das Mariñas» (que Modesto Hermida en
Narrativa Galega: Tempo de Rexurdimento, 1995, e servidor en
Escritores mindonienses, 1998, si estimamos ficcións máis que documentais), «O xastre de Cangas» (que tamén defendo como narración) e «O cacique de Frades» (publicado alén do período que mapea a escolma, mais inequivocamente ficcional, pois mesmo figura no xornal que o reproduce co significativo antetítulo de «Un cuento»).
De xeito resumido, as prosas de Lence-Santar oscilan entre aquelas que se inclinan por unha estrutura e contidos declaradamente costumistas, decote descritivos, e aqueloutras que se abren ao relato de temática social, sen perder de vista nunca a súa ancoraxe no contar oral e na recreación de usos e tipos populares.
Cauda
O ronsel de Eduardo Lence-Santar sobrancea non só na tradición mindoniense, senón que, na súa faceta de historiador e etnógrafo, temos nel a un dos máis notables estudosos da Galicia norlucense.
Amigo e biógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro, compañeiro de Antonio Noriega Varela e entusiasta divulgador da súa obra, foi o primeiro cronista de Mondoñedo e autor de traballos que están na base da escrita do Álvaro Cunqueiro de raiceira máis popular, pois este último bebeu nos seus artigos e tirou deles proveito á hora de crear personaxes e sucesos dos seus volumes de retratos.
Lence-Santar foi un persoeiro singular dun Mondoñedo doutro tempo. A súa
vera effigies, asinada polo conterráneo e tamén escritor Xe Freyre, dá fe do que afirmo e con ela remato estas liñas:
Figura miúda e algo desvalida, case oculta tras as laúdas barbas de imperante carolinxio; o erguido camiñar de fidalgo que pasea fachendoso o seu pedigree polas rúas de Mondoñedo; o extremo ascetismo do seu vivir cotián, de laico ermitán estrafalario; o xenio de recalcitrante célibe perrenchudo que lle asoma, ás veces, por debaixo da súa serena aparencia, de amable avó tirado dun conto de fadas; pero, sobre todo, a auréola de romántico vesánico que o adorna, a enfermiza paixón mindoniense que bule nas súas veas, unha doenza sublimada en relixión á que lle consagrar a vida en calidade de sumo sacerdote.
Obra en galego
-Poesía galega (1999)
-Etnografía mindoniense (2000)
Bibliografía