Filólogo e político nacionalista exiliado en Estados UnidosO profesor Ramón Martínez López é recoñecido coma un dos homes máis egrexios do exilio galego nos Estados Unidos. Con todo, son de resaltar outras facianas deste intelectual, cualificado por un amigo seu –o escritor Jorge Luis Borges–, como unha bela persoa que só tiña un defe...
Filólogo e político nacionalista exiliado en Estados UnidosO profesor Ramón Martínez López é recoñecido coma un dos homes máis egrexios do exilio galego nos Estados Unidos. Con todo, son de resaltar outras facianas deste intelectual, cualificado por un amigo seu –o escritor Jorge Luis Borges–, como
unha bela persoa que só tiña un defecto (...). Era un irredutible nacionalista
. A súa vida e obra reflicten unha personalidade sobranceira na Galicia do século XX. Participou con fondura en varios acontecementos importantes para o noso país. Foi un benemérito profesor, escritor, investigador, animador de proxectos culturais; e mantivo unha imperecedoira vocación política galeguista, por compromiso ético.
Ramón Martínez López naceu na Cimadevila de Boiro (A Coruña) o 4 de abril de 1907. O meniño era o primoxénito do mariño de Ribeira Ramón Martínez Otero e da boirense Concepción López Guerra. Ramón xa era tamén o nome do seu avó paterno e mais de seu pai. Na súa infancia e mocidade chamáronlle decote Moncho. Dese matrimonio barbanzán naceu outro fillo, Xosé (1911-1978), tamén galeguista, catedrático de letras no ensino secundario e represaliado no franquismo.
Dez anos máis tarde (1917), Moncho aprobou o exame de ingreso no Bacharelato e ata 1919 é alumno do colexio dos PP. Escolapios en Monforte de Lemos, despois de cursar a ensinanza primaria nun centro dos PP. Salesianos en Vigo. A súa nai quería que estudase nun colexio
non onde se educara mellor, senón onde se comera mellor
, segundo manifestara o autor nunha longa entrevista do ano 1985 no programa
Parladoiro da Radio Galega.
Tras rematar o bacharelato por libre, comezou os seus estudos universitarios en Compostela e en outubro de 1923 é un dos mozos que funda o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Intégrase nas súas seccións de Filoloxía e Xeografía. No ano seguinte fai de actor na obra teatral
Lubicán –de Cotarelo Valledor–, coñece e trata a Castelao. En 1925 le no SEG un traballo que titula
La industria de la salazón en Galicia e publica os seus primeiros artigos en
El Compostelano e na revista
Nós. Tamén
A Nosa Terra acollerá os seus textos xuvenís. A aqueles anos, referiuse Xosé Filgueira Valverde:
Tantos e tantos relembros que perfían aquela irmandade, e o talante de Martínez López activo, esperto, cheo de simpatía e de amor á Terra
. Dese grupo e dese
fervedoiro
tamén saíu a revista escolar
Adral. No histórico SEG desenvolveu, ademais, un labor de recuperación etnográfica e folclórica, sobre todo centrado nas terras do Barbanza. Son tempos estudantís nos que estreita os seus vínculos coas xentes das Irmandades da Fala, da Xeración Nós, co artista Camilo Díaz Baliño ou co editor Ánxel Casal, por exemplo. Nestes anos, Martínez López estivo afiliado en Santiago á risquiana Irmandade Nazonalista Galega (1922-1924).
En 1928 licénciase en Dereito na Universidade de Santiago e en 1929 en Filosofía e Letras, tamén na USC. A súa actividade docente iníciase nun Instituto vigués (1929), continúa noutro de Ibiza e en 1930 gañas as oposicións de catedrático de Lingua e Literatura Española de Ensino Secundario e é destinado ao Instituto de Lugo, onde comeza como profesor no curso 1930-1931.
Coa chegada da Segunda República é candidato da ORGA nas Cortes Constituíntes, pero non sae elixido deputado. E xa en decembro dese ano 1931 afiliouse ao nacente Partido Galeguista, que será o nome e a placenta do seu ideal político deica o final dos seus días. Neses días tamén coñece á que será a súa dona de por vida, nada en Carril-Vilagarcía de Arousa, Isabel Castromán Loureiro (1912-1997). Casan en Carril o 19 de setembro de 1933. El contaba 26 primaveras e ela 21. A filla única deste matrimonio, Isabel Martínez Castromán, nacerá en 1950.
Na súa estadía en Lugo impulsa a organización xuvenil Ultreya e as Mocidades Galeguistas. É candidato do PG nas eleccións de 1933, outra vez sen éxito. Alí colabora nas revistas
Yunque e
Resol. Participa no ambiente cultural da cidade bimilenaria, e é un dos impulsores da visita de Federico García Lorca a Lugo e mais da homenaxe tributada alí a Castelao (1932). Consegue unha praza de profesor no Instituto Español de Lisboa e de aí que pase a vivir na capital portuguesa ata 1936, con viaxes de estudos a Francia, colaboracións literarias e clases, a maiores, na Facultade de Letras lisboeta. Alí tamén recibiu a visita de Castelao, desterrado en Badaxoz (1935).
No ano 1936 fai o doutoramento en Madrid, coa dirección de Cotarelo Valledor, quen xa fora o seu mestre en Compostela nos tempos aurorais do SEG. A súa tese intitúlase
Portugal en la obra de Lope de Vega. O comezo da guerra civil española sorpréndeo nas vacacións estivais en Galicia. Pasa fuxido a Portugal, coa axuda de Valentín Paz Andrade, e é nomeado agregado cultural da Embaixada española, fiel ao goberno republicano. Declarado persoa
non grata polo goberno salazarista, embarca para Francia. Ata marzo de 1937 está en París, onde tamén exerce de agregado cultural na sede diplomática española, axuda aos refuxiados, imparte cursos na Universidade de Alxer e regresa a España para loitar nas fileiras republicanas, acadando o grao de tenente de carabineiros. Mantén contactos daquela en Valencia e Barcelona con, entre outros, Castelao, Rafael Dieste, Suárez Picallo e Emilio González López. En 1939 comeza os seus trinta e dous anos de exilio en Perpignan e no campo de refuxiados de Argelés Sür Mer, dirixíndose axiña dende Francia a América no barco Massilia, inicialmente a Arxentina. A súa militancia galeguista e a derrota da República en España imposibilitaron que seguise vivindo no país natal, converténdose nun expatriado.
Inicia unha curta estadía en Bos Aires e Pergamino, co apoio de Núñez Búa. Traballa de bibliotecario, pronuncia conferencias, vincúlase aos foros universitarios bonaerenses. Chega en xuño de 1940 aos Estados Unidos, onde exerce como catedrático de Filoloxía Española na Universidade de Austin (Texas) ata 1971. Américo Castro fora o seu valedor para a acollida estadounidense. Nestas tres décadas tamén será profesor visitante (Denver, Wisconsin, Puerto Rico, Novo México, Colorado, Middlebury College...), dirixe teses de doutoramento e é cando ven a luz a maior parte das publicacións na súa especialidade.
O exilio galego tivo en América os seus focos máis fortes na Arxentina, Uruguai, Venezuela, Cuba e México e, aínda que menos numeroso, foi certamente valioso o dos Estados Unidos. Este exilio norteamericano definiuno ben X. M. Maceira coma
o exilio da elite
. Outro galego expatriado nos EE. UU. –o profesor Emilio González López–, deixou escrito, en referencia a Ramón Martínez:
A súa ensinanza da literatura española e hispanoamericana non lle impediu dedicar a súa principal atención á cultura galega
. De feito, o intelectual boirense mantivo relación con non poucos exiliados da ditadura franquista en América e en Europa. Así puido cultivar con intensidade o xénero epistolar.
Deste período, nos planos persoal e familiar, pódense salientar o seu reencontro no exilio coa súa dona (1948), o acadar a súa cidadanía estadounidense (1950, cadrando co nacemento da súa filla), as viaxes ocasionais a Portugal (1951) e a Galicia (1955, cunha homenaxe que lle tributa un grupo de amizades en Compostela), o falecemento de seu pai (1947) e de súa nai (1961), a súa estadía en Madrid cunha bolsa Guggenheim (1963), que lle permite asistir a faladoiros cos intelectuais.
En 1971 regresa definitivamente a Galicia do exilio norteamericano, despois da volta da súa dona e filla (1966). Os tres vivirán en Santiago, nunha nova xeira vital que cadrará coa súa xubilación docente, nos derradeiros anos do franquismo e o abrente da Transición democrática. A Universidade texana pagoulle o envío a Galicia da súa biblioteca –cuns 14 000 volumes–, dende Austin a Compostela.
Nos decenios 1970 e 1980 participa en diversas iniciativas e entidades (novo SEG –1978–, novo PG –do que é elixido presidente–, Fundación Otero Pedrayo, Padroado do Museo do Pobo Galego, USC, CCG, creación da Fundación Castelao –1984–) e é recoñecido con varios galardóns e homenaxes: Pedrón de Ouro, Medalla Castelao, Medalla á Lealdade Galeguista, Premio Trasalba, Fundación Penzol... Na vila de Boiro, a Casa da Cultura leva o nome de Ramón Martínez López. Así mesmo, foi membro numerario da Real Academia Galega en 1976 -
Contribucións norteamericanas á Historia da Cultura Medieval Galega é o título do seu discurso de ingreso- e exerceu como secretario do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos (1978).
Entre os seus libros e artigos, sobresaen a edición crítica da
General Estoria. Versión gallega del siglo XIV. Ms O.I.L. del Escorial (1963) e mais
A Literatura Galega no exilio (1987). A ampla bibliografía deste erudito refírese especialmente á Lingüística e á Literatura, mais foi miscelánea tamén a súa presenza en publicacións relacionadas coas ciencias sociais e a cultura galega. Aquí e no exilio norteamericano ergueuse coma un galego con proxección universal, un embaixador da cultura galega en Portugal e en América. E mantivo relación de amizade polo mundo adiante con moitas figuras da intelectualidade contemporánea: Claudio Sánchez Albornoz, Valle Inclán, Unamuno, García Lorca, Américo Castro, Pau Casals, Borges, J. Coromines, Joseph M. Piel, Xosé Luís Pensado, Ramón Piñeiro, Fernando Pessoa, Amado Alonso, Gabriela Mistral, Gerardo Diego, Teixeira de Pascoaes, Fidelino de Figueiredo e outros escritores da xeración de 1927.
Pola súa propia traxectoria vital, Martínez López tivo un coñecemento moi directo do idioma portugués, a través da súa estadía en Lisboa e da profesión de docente na Universidade de Austin. Partillaba con Castelao a idea de que
a lingua galega florece en Portugal
, mais nos seus derradeiros anos no tocante á grafía e normas do idioma galego, preferiu optar polas teses que buscan afondar lazos de unión co portugués, pero sen renunciar a un camiño propio. Hai que salientar, amais, que o profesor boirense foi un polígrafo bibliófilo e bibliómano, con moita teimosía arquivística, matinando no futuro.
Ramón Martínez López entregouse con fondura á cerna do movemento galeguista. Habería que pór de relevo nesta dedicación os nomes do Seminario de Estudos Galegos xunto co do Partido Galeguista. E a presidencia da Fundación Castelao ocupou as derradeiras arelas no seu vivir, ata que finou en Pontevedra o 12 de setembro de 1989, con oitenta e dous anos.
Bibliografía
Beiras García, Manuel (1989): «Ramón Martínez López. Rexo nacionalista, de firme lealdade á Terra», A Nosa Terra, 400 (21 de setembro), 15 e 19.
Bilbao, Conchi et al. (2005): Trasterrados. Dicionario do exilio galego. Santiago: Editorial Compostela.
Borobó, (Raimundo García Domínguez) (2001): «O exemplo de Ramón Martínez López», A Nosa Terra, 1.000 (20 de setembro), 27.
Consello da Cultura Galega (2006): Actas do Congreso Internacional O Exilio Galego. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 24-29 de setembro, 2001. Accesible en: www.consellodacultura.org / Arquivo da Emigración Galega
C[osta] R[ico], A[ntón] (1993): «Don Ramón Martínez López. Pola universalidade de Galicia» (recensión), Revista Galega de Educación.
EGU (2002): «Martínez López, Ramón». En EGU. Enciclopedia Galega Universal. Vigo: Ir Indo; 11, 448.
F[andiño] V[eiga] , X[osé] R[amón] (1974-1986): «Martínez López, Ramón». En Gran Enciclopedia Gallega. Santiago-Gijón: Silverio Cañada Editor; 20, 147-148.
Fandiño Veiga, Xosé Ramón (2003): «Martínez López, Ramón». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso-Diario de Pontevedra; 28, 81-82.
Fernández del Riego, Francisco (1990): «Martínez López, Ramón». En Diccionario de escritores en lingua galega. Sada: Ediciós do Castro.
Filgueira Valverde, Xosé (1992): VII Adral. Sada: Ediciós do Castro.
Laboratorio de Formas de Galicia (1978): Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos. Sada: Ediciós do Castro; (Cadernos do Laboratorio de Formas de Galicia; 5).
Liñares Giraut, X. Amancio (1984): «As relacións Galicia-Portugal a debate», Encrucillada, 40 (novembro-decembro 1984), 59-68.
Liñares Giraut, X. Amancio (2001): «Na memoria do profesor Ramón Martínez López», comunicación presentada ao Congreso Internacional O Exilio Galego. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 24-29 de setembro.
Liñares Giraut, X. Amancio (2007): Ramón Martínez López. Santa Comba: tresCtres Editores.
Maceira Fernández, Xosé Manuel (1995): A literatura galega no exilio. Consciencia e continuidade cultural. Vigo: Edicións do Cumio.
Mato, Alfonso (2001): O Seminario de Estudos Galegos. Sada: Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.
Real Academia Galega (1970): Nós (número de homenaxe da Real Academia Galega no 50 aniversario da revista Nós). Vigo.
Rodríguez Santamaría, Pastor (27/5/2005): «Ramón Martínez López. Boirense cosmopolita», Barbantia-La Voz de Galicia (ed. Barbanza), (27 de maio), 8.
Seminario de Estudos Galegos, (1990): Homenaxe a Ramón Martínez López. Sada: Ediciós do Castro. (Cadernos da Área de Arte e Comunición; 4).
Villaverde García, Elixio e X. Amancio Liñares Giraut (1992): Ramón Martínez López. Pola universalidade de Galicia. Noia: Sementeira. (Monografías Didácticas-Ensino Secundario).