Xurista e poeta catoirense, fundador do Ateneo do Ullán e da Romaría ViquingaO xurista, poeta e activista cultural Baldomero Ramón Isorna Casal naceu o 23 de febreiro de 1916 na casa reitoral situada no lugar do Condado, en Abalo (Catoira). Os seus pais, Faustino Isorna López, natural de Dimo (Catoira), e María Elisa Casal Sayáns, de Laxe (Mo...
Xurista e poeta catoirense, fundador do Ateneo do Ullán e da Romaría ViquingaO xurista, poeta e activista cultural Baldomero Ramón Isorna Casal naceu o 23 de febreiro de 1916 na casa reitoral situada no lugar do Condado, en Abalo (Catoira). Os seus pais, Faustino Isorna López, natural de Dimo (Catoira), e María Elisa Casal Sayáns, de Laxe (Moraña), conviviron con Baldomero Casal, irmán sacerdote de María Elisa, mentres non construíron casa propia. O pai, Faustino, era naquela altura secretario do Concello de Catoira, localidade coa que Baldomero mantivo intensas e constantes relacións familiares e culturais, sobre todo como fundador do Ateneo do Ullán e da Romaría Viquinga. Catoira, como Galicia, tiña para o poeta a dimensión física e emocional de todas as vivencias que formaron a súa personalidade —así o conta nunha entrevista en
La Noche o 13 de febreiro de 1964—. A Catoira, e mais ao río Ulla, seguiría unido durante toda a súa vida.
Realizou os estudos elementais no municipio catoirense. En 1926, con dez anos, solicitou unha bolsa da Fundación Ventura Figueroa para realizar o bacharelato en Santiago de Compostela e obtivo unha pensión de segundo ensino que se prolongaría aos estudos universitarios. Matriculouse en Dereito na universidade compostelá, e chegou a exercer de axudante do catedrático de Dereito Internacional e decano da Facultade, Camilo Barcia Trelles. No ano 1936, co inicio da Guerra Civil, tivo que abandonar a carreira —xa co cuarto curso de Dereito aprobado— ao ser recrutado e enviado a facer o servizo militar ao Batallón de Cazadores de Melilla. Foi ferido de morte nos primeiros meses da Guerra Civil e estivo hospitalizado durante moito tempo. En xaneiro de 1939 obtivo unha bolsa de formación en Alemaña, outorgada polo Ministerio de Educación Nacional. Á parte de realizar os estudos para os que fora pensionado polo Ministerio, foi lector de español na, daquela, cidade alemá de Königsberg, renomeada Kaliningrado en 1946 tras a II Guerra Mundial.
Nunha tarxeta postal enviada aos seus pais, datada na cidade alemá de Hahnenklee o 8 de abril de 1939, interésase por se as universidades españolas volverían impartir clases pronto. Parece que, ante o triunfo e a expansión do nazismo, o poeta está pensando en regresar a España e rematar Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Volveu solicitar a pensión da Fundación Ventura Figueroa, que obtivo para o curso 1940-1941, ano en que remata a carreira, e para o pagamento do título de Licenciatura.
Non só a situación de preguerra en Alemaña influíu na decisión de regresar a Galicia. Houbo outros factores, como as recaídas provocadas pola ferida de guerra, que o obrigaron a unha nova hospitalización e a temporadas de repouso, e a preocupación da familia, tal e como se pode ler na correspondencia privada que Baldomero Isorna mantivo con algúns amigos alemáns. Sabemos que viviu entre Catoira e Santiago, polo menos ata 1942 e que, licenciado en Dereito, tiña previsto presentarse a oposicións en Madrid para ingresar na carreira diplomática. Rexeitou convites para visitar Berlín, xa que a familia non lle permitía viaxar a un país en guerra.
Entre Madrid e Galicia
Casou en 1948 con Asunción Martínez de la Riva, coa que tivo cinco fillos, e instalouse en Madrid. Casualmente, Asunción era filla do médico que atendeu de meniño a Camilo José Cela e que o curou dunha enfermidade de extrema gravidade. Cela e Isorna manterían unha estreita amizade, que foi recollida polo autor de Iria Flavia na súa obra
La rosa, na que cualificou a Isorna de
entrañable amigo
. Os dous compartían andainas cando coincidían en Galicia e a prensa da época daba cumprida información delas. E tan interesante era a súa relación nesa altura que, amais de anunciaren as súas viaxes a Catoira e Padrón todos os xornais, periodistas como Máximo Sar, José Piñeiro Ares ou Borobó escribían sobre eles. Borobó escribiu un dos seus «Anacos» de
La Noche a propósito da gravata que Cela lle enviara a Isorna como tarxeta de Nadal e que lle mercara a uns dos mellores xastres de Londres. Verbo da relación entre os dous escritores, un xornalista madrileño publicou que Baldomero Isorna era realmente o inventor de Camilo José Cela.
En Madrid, Baldomero exerceu de procurador e avogado. Defendeu casos moi soados, como o preito promovido polos herdeiros das vítimas do accidente de aviación ocorrido en Barajas o 9 de maio de 1957, que lograron unha notable indemnización económica; ou o promovido, en maio de 1976, polo pintor Pedro Mozos contra o Círculo de Bellas Artes pola retirada dun premio que lle fora concedido pola institución. Canto á súa vida pública, cultural e de intelectual galego nos círculos da capital, é de destacar que formou parte activa do Centro Galego de Madrid e que acudía e participaba con frecuencia en actividades e homenaxes, como a que o Centro Galego lle dedicou a Pío Cabanillas en xullo de 1966, a quen Baldomero lle escribiu uns poemas; o xantar a Antonio Faílde en febreiro de 1960, con motivo da inauguración dunha exposición de esculturas; a homenaxe a José María de Cossío na que, segundo unha reportaxe publicada no xornal
ABC, Baldomero Isorna
habló de Cossío, de la casona de Tudanca y de los melocotones de su huerta...
. Tamén están as homenaxes que o grupo de amizades de Madrid e o propio Centro Galego lle dedicaron a Isorna con motivo da publicación dos seus libros
Campanas de palo e
Voz en blanco y 3 poemas abstractos.
Á parte do Centro Galego, des que se instalou na capital Baldomero Isorna foi asiduo dos parladoiros do Ateneo de Madrid e do Café Gijón, onde se relacionaba con intelectuais galegos da época: Carlos Oroza, Evaristo Mouzo, Luis Trabazo, Antón Risco, Adolfo Prego, Manuel Cerezales, Mercedes Ruibal, Álvaro Cunqueiro, Blanco Tobío, Castro Arines, Maruxa e mais Cristino Mallo, Mariano Tudela, Tino Grandío, Celso Emilio Ferreiro... e, obviamente, co seu bo amigo Camilo José Cela.
Tivo tamén unha relación moi próxima co novelista César González-Ruano, co xornalista Joaquín Merino e tamén co musicólogo Antonio Fernández-Cid. González-Ruano escribiría en
ABC que Baldomero Isorna era home de fermosa fantasía e dunha paixón galega que faría sospeitar que cometese calquera exceso. O xornalista e escritor Joaquín Merino, que debeu estar varias veces en Catoira convidado por Isorna —unha delas no verán de 1967—, escribiu que é
una mezcla muy saludable, una humanística receta de espíritu y materia
, mentres que Fernández-Cid eleva a canción «Mariñeira», con texto do Baldomero, á altura dos
lieder. O mesmo Francisco Umbral, no seu ensaio autobiográfico
La noche que llegué al Café Gijón (1977), sitúa ao poeta ullán no centro do parladoiro galego:
En la tertulia de los gallegos, hacia la mitad del café, estaba Adolfo Prego, con una cierta sequedad orensana en el rostro, y Baldomero Isorna, procurador de las tribunales, y Otero Besteiro...
.
Como anécdota, dentro da súa presenza activa na vida cultural madrileña, atopamos o anuncio en
ABC da súa intervención no programa da Primeira Cadea da TVE,
Los escritores, dedicado ao humorista José Luis Coll, no que Baldomero Isorna forma parte do grupo de entrevistadores canda a actriz Amparo Baró e o psiquiatra e xornalista Fernando Jiménez del Oso.
Poeta e articulista
Durante as décadas de 1950 e 1960, máis ou menos recuperado da ferida mortal e emocional da Guera Civil, lonxe xa da cidade universitaria de Königsberg/Kaliningrado e das amizades alemás, establecido en Madrid pero frecuentador de Galicia, Baldomero Isorna converteuse en asiduo protagonista e colaborador da prensa galega —
El Correo Gallego,
La Noche,
Faro de Vigo,
La Región, etc.— e da prensa madrileña, sobre todo de
ABC,
La Nación,
La Codorniz, etc. En
Blanco y Negro publicaría os poemas ilustrados «Ávila» e «Náufrago soy».
Atopámolo tamén como colaborador literario de
Vieiros, revista do exilio galego en México, aínda que non temos constancia de ningunha publicación súa.
É autor de dous libros de poemas. O primeiro,
Campanas de palo (Madrid, 1959), que comprende un total de trinta
cantares
, está ilustrado con debuxos do pintor Eduardo Vicente, do escultor Cristino Mallo e da súa filla Asunción Isorna Martínez de la Riva. Catro poemas deste libro foron ilustrados por Georges Mathieu, un dos expoñentes do expresionismo abstracto francés, en 1959, pero non chegaron a formar parte do poemario. Algúns destes trinta
cantares
foron musicados polo propio poeta («Muiñeira de Catoira», interpretada de maneira xenial polos gaiteiros de Dimo, Os Areeiras), polo compositor bilbaíno Sabino Ruiz Jalón («Mariñeira») e polo mestre Manuel Parada («Queimada»).
O segundo poemario,
Voz en blanco y tres poemas abstractos, publicouno en Madrid en 1960. Igual que
Campanas de palo, está escrito en español.
Puido haber un terceiro poemario, que el anunciou na prensa,
Play Black. Nunha entrevista en
La Noche, o autor diría:
Ha vendido ya dos mil ejemplares. Está escrito en gallego, no en inglés
. Pero, o certo é que o libro non chegou a publicarse. É posible, con todo, que algúns poemas mecanoscritos dedicados a Catoira, todos escritos en galego, que conserva a familia e outros que el editaba en follas soltas e que enviaba a amigos e familiares formasen parte do inédito
Play Black.
Á parte de escribir poemas e artigos na prensa, compuxo tamén letras para cancións. Participou como letrista na obra
Divuit cançons. Per a veu i piano do director e compositor, fundador do Orfeón Catalán, Lluís Millet i Pagès. Tamén escribiu a letra de
Cantar dos pelerinos, musicada polo compositor Manuel Parada; a partitura foi publicada por Ediciones Quiroga en 1965. Outras letras súas son as pezas musicadas por distintos compositores a partir dos
cantares
do poemario
Campanas de palo.
En 1982, o poeta de Catoira, que mantiña amizade persoal co toureiro Luis Gómez,
El Estudiante
, dedicoulle un poema titulado «Amigo Bravo», que presentou ao premio tauro-poético, convocado pola famosa taberna madrileña
Antonio Sánchez
, dotado, segundo informaba Borobó nun dos seus «Anacos», con 400 000 ptas.
Ateneo do Ullán e Romaría Viquinga
En 1961 os homes de letras das terras do Ulla decidiron crear o Ateneo do Ullán, no que podían integrarse os intelectuais ribeireños. Entre os primeiros atenienses figuran Luís Bouza-Brey, Plácido Castro, Benito Varela Jácome, Máximo Sar e Ramón García Briones. Desde o primeiro momento o Ateneo quedou baixo a dobre dirección de Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna. O Ateneo do Ullán era definido polos fundadores
como vizosa experiencia no ermo cultural do franquismo
ou, dun xeito máis formal, como
unha entidade literaria, un vínculo coordinador de cantas inquietudes xurdan nunha comarca de ilustres resonancias poéticas
. O Ateneo entende que a comarca está formada pola Ría de Arousa e as Terras de Iria e do Ulla.
O centro de reunións era a cantina da estación de Catoira, para o que o propietario, Segundo Rodríguez Sánchez, nomeado secretario perpetuo, lles cedeu gratuitamente un local para sede social do Ateneo e un salón para poder organizar un ciclo de conferencias pronunciadas polos primeiros atenienses e baixo o logotipo deseñado polo pintor Carlos Bóveda.
Dirixidos por Rey Romero, que ademais facía o papel de bispo Cresconio, en 1962 os membros do Ateneo do Ullán puxeron en escena nas Torres de Oeste a pantomima sobre o desembarco do
rei Ulfo o galego
, caudillo viquingo que foi derrotado e cristianizado, e que estivo representado por Pedro
Montañés
, o primeiro viquingo da romaría. Tal foi a acollida obtida que os atenienses acordaron escenificalo todos os anos e celebrar na contorna das Torres de Oeste un xantar de confraternidade. E así foi como xurdiu a festa viquinga, declarada
Festa de Interese Turístico Internacional
no ano 2002, que, ademais do obrigado pregón impartido desde os inicios por unha persoa de recoñecido prestixio, conta con dous espectáculos insuperables pola maxia que ofrece no mesmo escenario das torres. Un é o teatro alusivo ás incursións normandas e viquingas, e o outro, que marca o punto culminante da festa, é o ataque ao castelo polos invasores.
Sería o propio Baldomero Isorna quen lle dese o nome definitivo á Romaría Viquinga nunha carta datada o 3 de xullo de 1965 en reposta á enviada pola comisión de festas, na que se lle propón a presidencia de honra. O poeta e xurista acepta cordialmente a presidencia e propón chamarlle Romaría Vikinga no canto de Festa Vikinga, porque
é máis enxebre e ten máis poesía
. Tamén será o propio Baldomero Isorna, amigo persoal do embaixador de España en Dinamarca, quen lle propoña á empresa CEDONOSA, daquela encargada da organización da festa, informar aos nódicos de tal evento, contacto que establecerá o secretario da comisión da romaría, Elpidio Vicente, en 1972. Sairá xa ese mesmo ano na prensa danesa información sobre a Romaría Vikinga que se celebraba en Catoira.
Baldomero Isorna faleceu en Madrid o 16 de agosto de 1986.
Coda
Baldomero Isorna Casal recibiu numerosas homenaxes durante a súa vida, ben como poeta —en solitario ou en compañía de Faustino Rey Romero, como no caso da Coroación Poética de ambos os autores celebrada en Isorna o 7 de setembro de 1960—, ben como xurista, tanto nas terras de Catoira como en Santiago de Compostela, e mesmo en Madrid, onde foi agasallado polo Centro Galego coincidindo coa publicación dos seus poemarios.
A finais da década de 1980, o Concello de Catoira fíxolles unha primeira homenaxe aos poetas fundadores da Romaría Vikinga: Faustino Rey Romero, Baldomero Isorna Casal e Segundo Rodríguez Sánchez. Co título
Catoira lembra os seus poetas, O Concello publicou un folleto con poemas dos homenaxeados que, a título póstumo, recibiron unha medalla de ouro conmemorativa.
O 13 de marzo de 2022, a Fundação Calouste Gulbenkian e a Fundación Juan March incluíron o «Cantar da Queimada» de Baldomero Isorna, musicado por Manuel Parada, no concerto
Canciones Ibéricas. Cancións Galegas.
En maio de 2022 o colectivo Mesa das Verbas, de Vilagarcía de Arousa, e o Concello de Catoira organizaron unha xornada de homenaxe a Baldomero Isorna, que consistiu nunha visita ás Torres de Oeste e un recital poético. O rianxeiro de Asados, Xesús Santos, autor da farsa histórica
O viquingo converso, foi o encargado de realizar un perfil do poeta catoirense.
Agradecementos
O autor desta biografía de Baldomero Isorna quere agradecerlles a Xesús Santos Suárez, amigo que foi de Faustino Rey Romero e de Baldomero Isorna, e mais a María Elisa Castiñeiras Isorna, sobriña de Baldomero, a documentación e información brindadas.
Páxinas web de referencia
Baldomero Isorna na páxina web Mesa das Verbas
A Romaría Vikinga na páxina web do Concello de Catoira
Fontes documentais
Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela: Expediente de Isorna Casal, Baldomero, alumno de Dereito. Expedientes persoais, Leg. 640, Exp. 2.
Fundación Ventura Figueroa: Expediente persoal de pensionista de Baldomero Isorna Casal: 1926 / 1941. Unidade de instalación compartida G75783 002.