Primeira muller luguesa licenciada en Medicina na Universidade de Santiago de CompostelaMaría Luisa Iglesias Losada naceu o 7 de setembro de 1904 en Monforte de Lemos (Lugo) e faleceu en Bilbao (Biscaia) o 29 de decembro de 1996. Era neta de Florencio Iglesias, un morfortino emigrado a Cuba coñecido como o Cubano. Florencio, de regreso en Galicia...
Primeira muller luguesa licenciada en Medicina na Universidade de Santiago de CompostelaMaría Luisa Iglesias Losada naceu o 7 de setembro de 1904 en Monforte de Lemos (Lugo) e faleceu en Bilbao (Biscaia) o 29 de decembro de 1996. Era neta de Florencio Iglesias, un morfortino emigrado a Cuba coñecido como o
Cubano
. Florencio, de regreso en Galicia, foi xerente da primeira fábrica de luz de Montorte, promotor do hotel Comercio e dono do pazo de Sober. Casado con Evangelina Marzo, tiveron en Baracoa (Cuba) ao seu fillo Waldo Iglesias Marzo, que casaría con Emilia Losada Prieto. Deste matrimonio naceu María Luisa, futura médica xinecóloga.
Estudos de Primaria e Bacharelato
María Luisa estuda Primaria en Monforte nas Escolas Pías, onde imparten clase os Padres Escolapios, polo que este centro era coñecido popularmente como Colexio dos Escolapios.
En xuño de 1919 ingresa no Instituto General y Técnico de Lugo, onde estudará en ensinanza non oficial, non colexiada, ata o ano 1923, obtendo un expediente sobresaliente.
Estudos universitarios
Realiza estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela entre 1922 e 1928, obtendo Matrícula de Honra no curso 1924-1925. Na relación de alumnas avantaxadas. que publica o xornal
El Eco de Santiago o 1 de outubro de 1925, tamén figuran María Paz Parada (médica-analista en Ourense) e mais Olimpia Valencia.
Fixo o exame de grao o 23 de outubro de 1930, no que obtivo a cualificación de Sobresaliente. Remata a carreira en xuño de 1930, sendo a única muller da súa promoción en licenciarse —o resto eran 46 homes—. María Luisa Iglesias Losada e mais Ángela Pardo Celada foron as primeiras médicas de Lugo, se ben Ángela se licenciara en Madrid uns anos antes, en 1927. Outras pioneiras do campo da Medicina en Lugo foron Eloisa Rivadulla Álvarez (pediatra), Obdulia Nogueira Santana (odontóloga), María Paz Gasalla Riveiro (oftalmóloga), Celia Touza Pérez (odontóloga), María del Pilar Vázquez Navarro (médica) e Otilia Castiñeira Puente (analista).
Carreira profesional
María Luisa casou co médico biscaíño José Lecube Barquín, compañeiro de estudos en Santiago de Compostela e, despois, tamén de profesión. Tras a voda o casal foi vivir uns anos a Ustarroz, no val de Egüés, en Navarra. Alí naceu o seu primeiro fillo e a familia viviu a feliz circunstancia de que lle tocase a lotería de Nadal aínda que, segundo informa
La Gaceta del Norte de 23 de decembro de 1933, o premio foi repartido entre case todo o cadro de persoal do Ferrocarril de Lezama. Cos cartos obtidos o matrimonio establécese en Bilbao, cidade na que Luísa comezou a exercer como tocoxinecóloga. A doutora cursou os estudos de Xenecoloxía e Parto en Biscaia no ano 1935.
O 9 de outubro de 1935 colexiouse en Biscaia, co número 618, como médida especialista en Xinecoloxía e Parto, sendo a segunda muller en facelo no Colegio de Médicos de Bizkaia. Convértese así na segunda muller especialista na provincia. Nese mesmo ano abriu unha consulta privada de Xinecoloxía e Parto en Bilbao, incluíndo o apelido do seu marido no nome: "María Luisa Y. de Lecube". O nacemento doutros dous fillos e mais o comezo da Guerra Civil, obrigárona a interromper temporalmente a súa carreira profesional, que retomou uns anos máis tarde ao lado de Isidoro García Valbuena, un dos máis prestixiosos especialistas bilbaínos da época.
En 1950, segundo o
Boletín Oficial do Estado do 13 de xullo de 1950, páxina 3050, obtivo unha praza no
Seguro Obligatorio de Enfermedad
da provincia de Biscaia. En 1955, segundo BOE do 25 de xuño dese ano, páxina 3802, obtén a praza de especialista en Xinecoloxía no
Seguro Obligatorio de Enfermedad
de Bilbao, con consulta no ambulatorio de Barakaldo, onde permaneceu ata a súa xubilación en 1974.
En 1962, cando foron regulados os títulos das especialidades médicas, María Luisa solicitou e obtivo o título de especialista en Obstetricia e Xinecoloxía, tal e como recolle o suplemento do
Boletín Oficial do Estado, número 108, do ano 1962.
O seu itinerario profesional está recollido no libro
Bizkaiko lehenak: médicas que abrieron caminos, editado polo Colegio de Médicos de Bizkaia en 2017, onde figura como a segunda muller médica colexiada en Biscaia.
Páxina web de referencia
María Luísa Iglesias Losada na páxina web Pioneiras de Ciencias de Lugo
Bibliografía
Colegio de Médicos de Bizkaia (2017): Bizkaiko lehenak: médicas que abrieron caminos. Bilbao: Colegio de Médicos de Bizkaia.
Fernández García, Isabel (2021): Pioneiras da cienca de Lugo . Lugo: Asciación Colectivo Egeria.
Gurriarán, Ricardo (2007): Mulleres galegas e Ciencia na rede formativa universitaria, primeiro terzo do século XX. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. Comisión de Igualdade.