Sacerdote, poeta, teólogo e activista galeguistaSíntese biográfica
Na parroquia rianxeira de Isorna, separada de Catoira polo río Ulla en busca do mar de Arousa, naceu o sacerdote, poeta, teólogo e activista galeguista Faustino Rey Romero o 27 de outubro de 1921. Foi o primoxénito dun matrimonio composto por Manuel Rey Bustelo e Dolores Rome...
Sacerdote, poeta, teólogo e activista galeguista
Síntese biográfica
Na parroquia rianxeira de Isorna, separada de Catoira polo río Ulla en busca do mar de Arousa, naceu o sacerdote, poeta, teólogo e activista galeguista Faustino Rey Romero o 27 de outubro de 1921. Foi o primoxénito dun matrimonio composto por Manuel Rey Bustelo e Dolores Romero Ces, que tiveron outros sete fillos, educados polo rigorismo paterno.
Tras os estudos elementais en Bacariza e un exame de ingreso, aos 14 anos Rey Romero entra no convento que os franciscanos dirixían na parroquia padronesa de Herbón, onde pasou os anos da guerra civil. A vida no convento era moi ríxida, con moita disciplina, orde e silencio. En Herbón, con moi boas notas, descobre a obra
Siervo libre de amor (século XV) do franciscandicionario rag
o Juan Rodríguez del Padrón e identificouse co modelo do santo Francisco de Asís, fundador da orde franciscana no século XIII.
En 1939 abandonou Herbón e continuou os estudos no convento de Santiago de Compostela. Por decisión do pai, que quería que renunciase a facerse franciscano e se ordenase sacerdote diocesano, completou os estudos nos seminarios de Ourense e Tui, no que rematou a carreira e foi ordenado sacerdote en marzo de 1948. En 1949, levado pola súa paixón pola Teoloxía ampliou os estudos e licenciouse na disciplina teolóxica na Universidade de Salamanca.
Actividade pastoral
Os primeiros destinos como sacerdote foron de capelán de Cea (Mos) e Barcala (Arbo) e foi párroco durante un ano en Tameiga (Mos) e Barcela (Arbo) e como xa se dera a coñecer como poeta, en 1950 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e en 1951 membro de número da Sociedade Mariolóxica Mater Ecclesiae de Braga e do Colexio Heráldico de Bos Aires.
Á volta de Salamanca, en 1952 foi destinado ao Baixo Miño, primeiro como coadxutor na Guía (Tui), despois como capelán dos maristas portugueses de Lagarteira. E xa en 1956 nomeárono párroco de San Xoán de Amorín e encargado de Taborda e Currás (Tomiño). Nestes destinos nos que se autodefinía como
crego anticlerical
afloran as súas posicións ideoloxicamente progresistas como opoñerse ao celibato dos curas, así como un aberto enfrontamento ao franquismo e á xerarquía eclesiástica. Malia que no Baixo Miño consegue sona como escritor e como “demasiado boa persoa”, tamén emerxen os seus costumes disipados que terminaron irritando ao bispo. Sen retirarlle a titularidade parroquial, esperando un cambio de actitude, en 1957 o bispo propúxolle viaxar a Venezuela como capelán da emigración no transatlántico portugués Santa María. Como mostra de que tras a viaxe Faustino persistía nos seus postulados, foi a súa asistencia á coroación de Ramón Cabanillas no Espolón de Padrón na Pascua de 1958, que xunto aos infundios que lle atribuían un romance amoroso, enervou ao bispo.
Ao non corrixir as súas actitudes, o bispo de Tui, Fr. José López Ortiz en 1959 recluíno durante un mes no convento do Carme de Padrón e ao concluír a sanción prolongoulla enviándoo para a casa familiar de Isorna, onde fixou a súa residencia entre 1960 e 1962. E mentres vai concibindo a idea de emigrar a Arxentina como solución ao que a súa familia consideraba unha vida decepcionante, colaboraba cos párrocos rianxeiros nos actos litúrxicos e celebraba misa os domingos na capela de San Xosé Obreiro de Catoira. Para prepararse a emigrar realizou un curso en Madrid sobre a igrexa en América. En 1963 volveu ás terras do Baixo Miño para ocuparse da dirección espiritual da Casa Diocesana de Exercicios Espirituais de Tui.
De volta a Isorna seguiu escribindo poesía e ensaios teolóxicos e participou en todos os actos culturais de signo galeguista que se organizaban na zona: homenaxe a Manuel Antonio en Asados, Ateneo do Ullán e romaría viquinga, Cadro Artístico Airiños, Pedrón de Ouro…
Actividade cultural
Ateneo do Ullán e romaría viquinga
En 1961 os homes de letras das terras do Ulla decidiron crear o Ateneo do Ullán no que podían integrarse os intelectuais ribeiráns. Entre os primeiros atenienses figuran Luís Bouza-Brey, Plácido Castro, Benito Varela Jácome, Máximo Sar e Ramón García Briones. Desde o primeiro momento o Ateneo quedou baixo a dobre dirección de Rey Romero e Baldomero Isorna.
O centro de reunións era a Cantina da Estación de Catoira para o que o propietario, Segundo Rodríguez Sánchez, nomeado secretario perpetuo, lles cedeu gratuitamente un local para sede social do Ateneo e un salón para poder organizar un ciclo de conferencias pronunciadas polos mesmos primeiros atenienses e baixo o logotipo deseñado polo pintor Carlos Bóveda.
Dirixido por Rey Romero, que ademais interpretaba ao bispo Cresconio, en 1962 os membros do Ateneo do Ullán puxeron en escena nas Torres de Oeste a pantomima sobre o desembarco do rei viquingo coñecido como
Ulfo o galego
, que foi derrotado e cristianizado. Tal foi a acollida obtida que os atenienses acordaron escenificalo todos os anos e celebrar alí un xantar de confraternidade. E así foi como xurdiu a festa viquinga.
Participou e organizou actos de homenaxe a escritores galegos, como o dedicado ao poeta rianxeiro Manuel Antonio en Asados en 1960. En 1961 tamén colaborou co grupo de teatro Airiños de Asados como asesor técnico e presentador de
A fiestra baldeira de Rafael Dieste, que puxeron en escena en Catoira sen o preceptivo permiso de goberno civil.
Pedrón de Ouro
O Pedrón de Ouro naceu dunha idea compartida polo poeta Avelino Abuín de Tembra e o xurista Máximo Sar. Conviñeron ambos na conveniencia de erguer a bandeira da defensa da identidade e da liberdade de Galicia exaltando cada ano a un dos nosos escritores ou artistas que viñan laborando no máis escuro anonimato. E dos ditos pasaron aos feitos con toda rapidez, porque o 17 de maio de 1964 tivo lugar o acto de entrega do primeiro Pedrón de Ouro concedido a Faustino Rey Romero pola publicación do seu libro
Poemas das materias sagras.
Obra poética, xornalística e ensaística
Poesía
Doas de vidro. (Tip. Rexional, Tui, 1951), prologado por Victoriano Taibo e ilustrado por Xesús Rodríguez Otero, é o primeiro libro en lingua galega de Faustino Rey Romero. Contén poemas que na súa meirande parte xa foran publicados na revista
Alba e nalgún xornal de Brasil e Portugal.
O poema «Señor, cando eu morra», con música do franciscano P. Feijoo é cantado polo orfeón Terra a Nosa de Santiago. A xeito de colofón, o autor publicou un breve texto:
Eu o crego Faustino Rey Romero chamado, que alá en terras de Isorna, xunta ó Ulla, fun nado, estes versos compuxen, pois sentinme inspirado. Que o meu premio Deus sexa, e que el sexa louvado, e que a Virxe me arrede de caer en pecado
.
Catro sonetos ó destino dunha rosa publicouse por primeira vez en
Lar de Bos Aires en xaneiro-febreiro de 1951. A 2ª edición, como folleto, ilustrado por Xesús Rodríguez Otero, realizouse na Tip. Rexional de Tui en 1952.
Escolanía de melros. Contén 20 sonetos de gran perfección formal considerados pola crítica como a obra máis representativa e lograda do autor. A primeira edición realizouse en Gráficas Bolfer de Porriño en 1959 e a segunda en Artes Gráficas Cadop de Bos Aires en 1970 cun prólogo de Francisco Luís Bernárdez.
Logo destes saudosos poemarios, en 1960 publicou o seu primeiro libro de severo contido teolóxico:
Poemas das materias sagras, de grande hieratismo e sobriedade publicado na 1ª edición en Gráficas Bolfer de Porriño. E a asegunda, en 1963, editado pola Biblioteca do Ateneo do Ullán e impreso nos Talleres de Fillos de Ramiro Paz de Pontevedra. O poema titulado «A Ágoa» foi traducido ao árabe polo franciscano sirio P. Rafael Khoury e ao alemán polo profesor da Universidade de Wurzburgo, Helmut Iohanni.
Faustino Rey Romero foi un poeta bilingüe, pero con produción maioritaria en galego. En castelán só publicou 2 libros:
Florilegio poético (Pontevedra: Spes, 1949), poemas de corte modernista cun prólogo do poeta catalán Miguel Melendres e portada de Pintos Fonseca. E tamén de contido teolóxico é
El ángel descielado, publicado na imprenta Solar de Padrón en 1961.
O poema «O Melro morto», está incluído no libro
Os cen mellores poemas da lingua galega, de Xesús Alonso Montero.
Xosé Luís Franco Grande cría que Faustino tiña caste poética, pero que lle faltou unha cultura literaria refinada e moderna:
Faustino dicía que no Seminario a literatura terminaba en Gabriel y Galán
.
E Méndez Ferrín tamén advirte que a poesía de Rey Romero
móvese dentro dos estreitos límites estilísticos a que o obriga a falta de información cultural imposta polo seminario –coa súa ríxida administración de lecturas- e polo sistema socio-cultural dos anos corenta. Non obstante, considérao un poeta cargado de sentido filosófico e que a súa obra, malia ser silenciada, permanece no corazón daqueles que saben como cantan os melros
.
O Dr. Barca, protagonista da novela
O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, reproduce unha estrofa de
Escolanía de melros e define a Rey Romero como
un cura, poeta, que lle gustaban moito as mulleres. Crítico co franquismo e coa igrexa oficial. Un caso de realidade intelixente
.
Colaboracións xornalísticas
Son de salientar tamén as súas colaboracións en
Faro de Vigo,
La Nación de Bos Aires e órganos de difusión das colectividades galegas arxentinas, moitas veces asinadas co pseudónimo de Fausto de Isorna: «Evocaciones. Una fiesta brillante de las letras gallegas. Los Juegos Florales de Tui en 1881», en
Faro de Vigo, 17 abril 1951; «José María Brea, un gran poeta inédito», en
Lar, 25 de xullo de 1952; «Juan Baustista Andrade, fundador de la escuela lírica pontevedresa», en
Faro de Vigo, número especial conmemorativo do centenario, 1953; «Cauces de prodigio. Estudio estilístico de un soneto de Noriega Varela», en
Faro de Vigo, 27 marzo 1955; «Antón Noriega Varela no seu centenario», en
Galicia en el Mar de la Plata, 1969.
Ensaio
Unha elucubración filosófica-teolóxica acerca da angustia:
La angustia ensanchada en el tiempo místico (1965) e
La angustia ensanchada (1966); ás que seguiu
Teoría general de la existencia (1968).
Estadía bonaerense
Por fin, en 1966 embarcou en Vigo con destino a Bos Aires. Como crego o primeiro destino foi o de capelán dun convento de monxas no que estivo pouco tempo e pasou a desempeñar o cargo de 1º tenente cura na igrexa parroquial da Balvanera, no céntrico barrio de Once.
Pola súa traxectoria como escritor e por situarse como seguidor da liña iniciada por Xoán XXIII no Concilio Vaticano II, incluído o uso das linguas vernáculas na liturxia, Faustino foi moi ben recibido nos ambientes galeguistas, especialmente no Centro de Rianxo e no Centro Galego.
Na noite do 18 de decembro de 1971 asistiu a unha festa de despedida do ano organizada polo Centro de Rianxo. No amencer do día 19 sufriu unha non aclarada caída na reitoral da Balvanera e a causa das graves fracturas sufridas faleceu o día 20 e foi enterrado no mausoleo do Centro Galego no cemiterio da Chacarita. En 1987, dezaseis anos despois do seu pasamento, por iniciativa dos alcaldes de Rianxo, Dodro, Padrón e Pontecesures, os restos de Rey Romero foron repatriados e soterrados no seu pobo natal de Santa María de Isorna.
Páxinas web de referencia
A Romaría Vikinga na páxina web do Concello de Catoira
Bibliografía
Méndez Ferrín, X.L. (1984): De Pondal a Novoneyra. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
García, Carme e Santos, X. (ed.) (1985): Faustino Rey Romero. Rianxo: Concello.
Franco Grande, X.L. (1991): «Faustino Rey Romero». En A ilusión da esperanza (de Cabanillas a Baixeiras). Vigo: Edicións do Cumio.
Losada, Xosé Ricardo (2015): Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Santos, Xesús (2017): O viquingo converso (farsa histórica). Catoira: Concello.
Santos Suárez, Xesús: «Rey Romero, Faustino». En Gran Enciclopedia Gallega. XXVI.Santiago de Compoastela, Xixón, [s.d.]