| 1962-05-14 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e co membrete:]
Transcripción da Carta de Paz Andrade a Díaz Pardo. 1962 en 14/05/1962
Vigo, 14/5/1962
Querido Isaac:
Recibimos vosa carta do 27, co-a boa nova da volta de Mimina. Cando esta chegue cecais teña embarcado xa. Escribín a Losada, que ten intrés en mandarme os libros recentemente ilustrados por Luís, pra que os mandara por Mimina. Pol-o demais, non temos cousa algunha a traguer d-esa xenerosa terra, máisime no intre pol-o que ven pasando. Hai tempo que quixera ter o primeiro libro de tapas de Seoane, mais xa séi que non se atopa.
Sospeitamos que Mimina chegue nos primeiros de San Johan. Eu non estaréi aínda en condicións de ir ao porto, se ben escomenzo a moverme algo, co-a axuda da muleta. Pilar irá a agardal-a. Na tua carta falas de que vén na Dodero, mais non dices o barco.
O día 21 desembarca na Cruña o pintor Arturo Souto, con 50 coadros. Ven cheo de anceios por revivir na Terra, mais non sei se permanecerá eiquí. En Vigo ten unha irmá e sobriñas. Sei que tamén veu Jesús Bal, aínda que non aparecéu por Vigo. Cecais ande por Madrid. Só sei que estivo en Sant Yago, coa muller.
Onte estuvo a verme Otero Pedrayo, que está feliz co seu Premio. É pena que o premio teña patronímico, pra unha executoria tan limpa coma a de Ramón. Quixen dicir algo d-esto n-un artigo que me pediron os do Faro, mais non pudo ser. Armouse unha pequena revoldaina, deixáron-o dun día pra outro, viñeron a rogar enmenda… e tiven que eliminar o introito discriminador das dúas figuras morales.
Tamén Risco anduvo n-estes días por Vigo, aínda que non o vin. Fixo declaracións, ben asisadas, e supoño que está ben consolado cos cinco votos. Filgueira foi o que decidéu a votación. Tamen é o mais político no vello senso da verba.
¿Cando tomas o avión? Supoño que deixarás as cousas en forma de durar máis nas estancias galegas. E que d-esta, a de Antón Baltar será a definitiva. Os Dieste viñeron hai unha semán por eiquí, e volven a estar en Rianxo. E Luís ¿pensa en verdade na volta definitiva?
Nada máis. Lembranzas a Pepe e os demais amigos, co-a mellor aperta pra ti de
Valentín
[Engadido a man:] Será posible conquerir Lonxe, de Lorenzo Varela? Teño vellas ganas de o ter.
|
| 1974-06-10 |
|
Ver [Carta mecanografada, con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Dónega a Seoane. 1974 en 10/06/1974
A Cruña, 10.6.74
Luis Seoane
Bs. As.
Meu querido e ademirado Seoane:
Contesto a tua do 23 do mes pasado. Debíache carta, sí. Ben vexo que levas unha boa contabilidade. Mais non o fixen denantes por mor dunha viaxata que argallamos polas terras do Al-Andalus pra lle facer unha visita ao noso fillo. E, xa sabes, entre o previaxe, o viaxe e o postviaxe ficóu todo demorado. Pasámolo mo ben. Impresionounos, especialmente, Córdoba. Alí batemos con vellos e conocidos amigos. Séneca, Averroes, Ibn Hassam, Maimónides, Góngora, Duque de Rivas e... mesmo Manolete, deixámolos, previo o conocemento abstracto que deles tiñamos, cáseque vivencialmente incorporados a nós. E Granada, Motril, Málaga, Ronda, Arcos, Sevilla, Cádiz, Huelva, Rábida, Palos, Moguer, pra voltar por Itálica, Mérida, Trujillo, Cáceres, Yuste, Guadalupe, Plasencia, Salamanca e Zamora. Como verás, polos camiños da millor historia galega. Porque xa sabemos, –tí nolo dixeches– que sempre haberá un paisán noso remexendo nos feitos que aqueles nomes evocan. E, claro está, non deixamos de lembrarte ao noso paso pola serranía xienense, afogada a súa soedade e desertización polos colonos galegos e cataláns –e alemáns católicos– asentados no XVIII por Carlos III nas vellas “Nuevas poblaciones...” Mais, vaiamos ao noso.
Fai xa máis de vinte días que fixen entrega ao noso amigo do anteproiecto dos Estatutos polos que se ha gobernar a nova Fundación. Entreguéillo pra que fixera nél as observacións que a ben tivera. Estóu en agarda das mesmas. Polo de pronto, vexo que do tidúo desaparez o nome de Castelao. Que era, si mal non recordo, idea túa incorporalo ao nome da Fundación. Tan axiña teña algunha nova verbo do choio, faréicha saber. Deica o de agora somentes falou de comenencia de estudar a incorporación ao Consello ou Padroado da Fundación dun representante dunha nonnata asociación de “Amigos” que, naturalmente, habería que constituír. Ben se ve que a simplicidade, que a sinxeleza e que a esencialidade non entran no canón estético e social do noso amigo. A impronta do seu delirante barroquismo fica sempre ben patente onde queira que toque. Con todo, téñolle lei.
O Día das Letras foi un éisito. Tivo moi boa acollida tanto nos medios populares como nos culturais e nos de comunicación social. Semella que é festa que callóu na concencia do país. O nome de Viqueira, cáseque esquecido, foi unha revelación pra moitos.
Tamén estivemos en Padrón co gallo da imposición a Álvaro Gil desa trapallada do Pedrón de Ouro. Vímonos amigos de toda Galicia. O Álvaro estivo algo amolado coa “festa”, mais non a puido refugar. Seica foi presionado por compromisos que non foi quen de vencer. O Isaac lanzou, no nome do Museo Maside, unha fermosa medalla conmemorativa. O etnógrafo portugués Santos Junior foi o mantedor do acto. E no xantar, en Rois, falou don Ramón Otero.
E pra rematar, queremos que seipades da nosa ledicia pola noticia do voso próisimo viaxe á Terra. Entramentras, de nolos dous pra volos dous, cinguidas apertas
Dónega
|
| 1976-03-17 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa, correccións manuscritas e co membrete:] EDUARDO BLANCO-AMOR.
Transcripción da Carta de Blanco Amor a Seoane. 1976 en 17/03/1976
Ourense, 17-III-1976
Querido Luis:
Acaba de chegarme a tua carta. Moitas gracia polos teus fraternáis parabéns. O Premio honróume moito máis do que poidera agardar, polo seu valor moral, nada menos que a carón de don Ramón Otero, e tamén polo seu valor económico que me priva das xa adiantadas angurias que me causaba a miña vellez, cun pé na ancianidade. Polo menos, estóu a coberto de indispensábele.
O teu cadro chegóu a tempo e puñémolo no sitio que merece. A Expo é unha pequena mostra antolóxica e foi un éisito espeitacular. Houbo un incidente que me magóu a ledicia diste xesto de tan limpa solidaridade. O refugallo (pois púxenlle como condición a Laxeiro que no[n] se invitase máis que aos meus amigos personaes ou aos que il invitase) para non quedar fora, montóu unha maniobra saboteadora tripulada por Huete, Quessada e o analfabeto de Manzano. Mandaron rapaces a que recollesen firmas polas casas. Por enriba de todo iste noxo, os ourensáns Virxil[i]o, Prego, Baltar e Buciños mandaron cousas de verdadeira calidade, rebaixando os prezos para facilitar a venda. O pior de todo iso é que a xente apúxolle a maniobra aos ideólogos “progres”, i eu sei de certo que non é verdade. Foi unha fazaña de piollosos e despeitados que quixeron quedar ben sin gastar nada, botándolle a culpa ao “estado capitalista”; o mesmo estado do que munxiron becas, subvencións e forzaron vendas –auntamentos, diputacións, etc– e fixeron ben, xa que o diñeiro é dos contribuintes e nos dos caciques feixistas; máis non era do caso que a corda crebase polo máis delgado e que me puñesen a min por “chivo expiatorio”, precisamente a min que fixen o que puden no seu favor, dende artigos, presentacións in vivo e nos catalogos, até cobrarlle unha conta de 80.000 pesetas, do ano 1969, cando andaban langreando de fame, menos o Quessada que foi millonario precoz. En fin, unha náusea...
As vendas van adispacio, pois iste país está pasando por unha crisis sin precedentes no que vai do século, asegún me dixo Prados Arrarte; é de tal feitío e fondura que nin a Oposición se atreve a denunciala nos seus verdadeiros termos. Con todo, xa se venderon algúns e hai perspeitivas de que salian a maoría. Xa che contarei. O Patiño, de Librouro, mandouche algúns catálogos.
Como aneidota aparte, mándoche a carta que lle escribín aos lambóns do Centro Galego. Contestoume o Presidente dicindo: “Yo vuelo muy alto y le invito a Vd. a que me siga”. É curioso até que punto aparva á xente en canto se ven na Direutiva, como si foran presidentes do país.
Escríbolle, e mándolle todas istas cousas ao Nuñez Bua, sin que acerte a comprender por qué non me contesta. Todo saliu dunha carta sua na que me apuña que eu non tiña respeto aos vellos galeguistas. E non hai modo de qué me acrare en que consiste tal irreverencia. A ver si tí tés máis sorte e cho dice.
Estóu agardando a que a situación arxentina millore o mínimo para facer o meu viaxe. Teño medo que xa non me cheguen os anos para volver, con certa disposición para gozalo a ise país que tanto quero e ao que, no fondo, débolle coasi todo o que son. Dixen nun reportaxe de fai uns días: “Mi vida intelectual resulta impensable de todo punto sin mi vida en la Argentina, sin el efecto automático de modelación que ejerció sobre mi espíritu, la ciudad de Buenos Aires”.
Escribe de vez en cando. Unha moi aperta moi agarimosa do voso vello e fidel amigo
Eduardo
Mentras non atopo unha casa, vivo en Hotel Miño. Ourense
[Anexo.]
[Carta mecanografada co membrete:] EDUARDO BLANCO-AMOR.
Orense 4 de febrero de 1976
Señor Presidente del Centro Gallego
Buenos Aires
De mi consideración:
Le envío a Vd, con mucho gusto, el adjunto recorte. Las noticias que contiene son el resultado paradojal de la política de abandono, descrédito e incluso calumnia que durante diez años ha seguido la fracción política de la que la actual junta directiva forma parte. Empezó con la condena al hambre cuando Virginia Castelao, Prada y otros pidieron para mi, enfermo aun de una grave enfermedad, el mendrugo de ayuda que significaba la representación de esa querida entidad en Galicia, haciéndola recaer sobre la misma persona nombrada por el señor Mourente. Siguió con la violación de correspondencia del archivo mostrando cartas mías a los señores Fernández Armesto y siguió con mi proscripción total de la columna de la revista durante todo ese plazo, en los momentos de mis éxitos literarios que no eran sólo personales, sino de Galicia y de modo muy significativo de la colonia y del Centro Gallego de Buenos Aires en cuyo ámbito me formé y actué prácticamente durante toda mi vida. El resultado también paradojal de la proscripción de los intelectuales gallegos, por determinación de esa política, llevó a la colonia al escándalo que significa tener por máximo representante –con todos mis respetos al escritor– a alguien totalmente ajeno por origen, por formación y por apellido a nuestra estirpe gallega.
Ya sé que de todo ello hay un culpable con nombre y apellido, sujeto turbio y sin escrúpulos al cual el Centro se entregó porque “aportaba avisos”, según carta que tengo de un “direutivo” de mente estrictamente comercial.
Perdone Vd. el tono amargo de esta carta, pero me creo con derecho a ello en el instante en que mi país acaba de consagrarme con un premio y nada menos que al lado de nuestro gran don Ramón, no solo con su cuantía y duración económica, sino por la resonancia jubilosa que está alcanzando en todo el país español, desde la televisión a los artículos de prensa, además de las manifestaciones personales en forma de centenares de telegramas y cartas; y puede Vd. creerme que sólo una cosa empaña estos momentos de alegría: no poder nombrar a ese Centro que fue mi hogar espiritual durante tantos años y del que solo recibi negativas y ultrajes cuando más necesitaba su apoyo.
Saluda a Vd. atentamente
E. Blanco Amor
|