| 1974-03-20 |
|
Ver [Carta mecanografada con firmas autógrafas]
Transcripción da Carta de Dónega a Luís e Maruxa Seoane. 1974 en 20/03/1974
A Cruña, 20 de marzo 1974
Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires
Amigos nosos benqueridos:
Podemos, ao fin, darvos noticias encol das actuacións xudiciáis verbo do accidente automovilístico que derradeiramente padecéchedes nos Cantóns. As cousas van, como veredes, amodiño. A rapidez na xustiza non deixa de ser unha aspiración coma outra calquera. Polo Xuzgado militar dictóuse auto de inculpación en contra do autor da tropelía. Quen, pola súa parte, consideróuse como tal na declaración que prestóu. Agora pende o choio da xustificación do montante dos danos. E xa lle encarguei ao Procurador que se fixera coas facturas referentes ao arranxo do “carro”. Do malfadado carro.
Pola súa banda, o Xosé Luis fíxome saber da venta do coche. O que non conocemos –porque non era cousa nosa– foi o precio, o nome do comprador nin as demais condicións da compraventa. Máis díxonos que xa vos tiña informados da operación.
Onte estivemos tomando o aperitivo co matrimonio Dieste. O Rafael estávos encantado da vida coa formidable acollida que tivo o seu Félix Muriel na súa segunda saída ao mundo. Tanto no público lector como nos xornáis e revistas. Pra moitos foi –fixádevos ben– unha revelación. Supoño que coñeceredes as dúas páxinas que argallamos na Voz. Levaban reproducidos dous dibuxos da edición americán. Falamos moito, e ben, de vosoutros. O Rafael díxonos que, por rara casualidade, era acreedor de carta vosa. Pra compensar, dixémoslle que nós, en troques, eramos deudores.
O problema do noso amigo, vai indo. E, asegún noticias oficiosas, a proba pericial –minuciosa e detida, exhaustiva– serálle favorable. Así, Diolo queira, polo ben de todos. E meigas fóra. Un destes días propoñémonos facer unha viaxata sargadelián como cicerones duns amigos de fora. E poderemos conocer o seu talante actual. Aínda que o desacougo é nel unha constante, que apenas deixa márxe ás sorpresas.
Presentóusenos unha ocasión pra facer un viaxe a Buenos Aires. Máis, co corazón magoado, refugámola. Sería pra nós unha ilusión fantástica abrazarvos sorpresivamente en Montevideo, 1985. Nembargantes, unha manchea de circunstancias aconsellaron a nosa dolorosa decisión. Xa volas faceremos saber, porque agora sería longo de verquelas ao papel.
A nosa vida vai camiñando paseniñamente polos vieiros dunha cotianidade resabida. Como única novedade, contamos co fin da carreira do noso fillo e coa súa estadía en Sevilla servindo ao Rei. Destinárono, como sarxento da Milicia universitaria, a un grupo de carros de combate. Está, logo, a facer un servicio lúdico. Quérese decir, xogando como cando de neno brincaba cos cocheciños de choque no Relleno.
Confiadamente ficamos na espera de boas noticias vosas. E namentras, recibide cinguidas apertas de nólos dous pra vólos dous.
Dónega
[Manuscrito] Nos acordamos mucho de vosotros y pensamos mucho en la cocina de Maruja.
Muchos abrazos
Fernanda
|
| 1974-04-26 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1974 en 26/04/1974
Buenos Aires, 26 de Abril de 1974
Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña
Querido Dónega:
Recibín fai xa días a tua carta. Pola miña parte deixo nas tuas mans o arranxamento do asunto do Museo. Isaac coñece o meu pensamento nunha carta que lle remitín. Eu estou farto de todo esto. O que tí propós de deixar sin efecto o acordo de Cerámicas do Castro, tíñallo proposto a Isaac. Matino que é urxente crear o Patronato que de algún xeito interveña en todo esto. Unha laboura como é a de un Museo non pode ficar suxeta a ningunha vontade persoal. O museo é ó meu xuicio, unha das creaciós mais importantes, co Seminario denantes, con Galaxia, Penzol e Sargadelos hoxe, feitas en Galicia en moito tempo, matinando as facetas culturaes que pode abarcar, un xeito enmáis de impoñer un orden ó pasado inmediato artístico e de estabelecer un cauce, sen cánones, á creación futura, ourentada pola laboura que realice o Museo.
Agradézoche moito o teu traballo no “pleito” en que nos metemos que tivo sido remate do accidente. Eu estou traballando pra as mostras de Buenos Aires, Montevideo e San Pablo, a derradeira ten de se concretar.
Paréceme moi atinada a proposta de Mariñas del Valle pra a Academia. Fai falla que a xente que se leve as instituciós tivesen probado ser merecentes delo pola sua obra, e, enmáis pola sua consagración a Galicia nos anos de proba, que foron todos os derradeiros.
Lembrámonos moito de vos, de Fernanda e tí, e dos amigos comúns que estiveron con nós, acompañándonos, os dous meses do accidente. A actitude de todos vos, ós que estamos moi agradecidos, fixo que ficásemos con desexos de voltar. Eu estaba anímicamente desfeito polos asuntos que ti coñeces. Bueno, as miñas noticias cecáis chegan tarde, mais penso que ti coñeces o meu pensamento como o coñece de fai tempo Isaac. Pola miña parte sinto moito terme metido no asunto do museo sacrificando enmáis unha chea de obras que conservéi durante mais de coarenta anos co soño de facelo, tendo pola miña parte, o éisito que esperaba pola axuda dos amigos que siguen sendo o millor de Galicia.
Unha grande aperta pra os tres de Maruja e miña, pra Fernanda, tí e mais Fernando:
|
| 1976-04-11 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1976 en 11/04/1976
Buenos Aires, 11 de abril de 1976
Sr. D. Marino Dónega Rozas
La Coruña
Meu querido amigo:
Non sabemos nada de vos, Fernanda, Fernando e tí. Escribín en Xaneiro dándovos noticias da nosa chegada e agradecéndovos as vosas atenciós e non recibimos resposta. Pasaron xa algo mais de dous meses e queremos que nos digades como estades, que proieitos tedes, etc. De aquí xa sabedes todo polas noticias dos xornaes. Botaron fora un goberno de delincuentes comúns, de gansters, e de momento os novos levan soio vinte días, respírase paz e traballo. Os que chegaron prometeron voltar pronto á normalidade. Imos ver. De momento, respetan a Constitución.
Buenos Aires está como sempre, inquedo no orde cultural, moito teatro, cine, café-concerts, etc., añadíndolle os domingos os programas para os nenos, arredor de trinta, con cine, teatro e títeres para eles, enmais de concerto, dous ou tres para nenos e neste caso tamén para adolescentes co propósito de inicialos no amor á música. Hoxe é domingo por eso falo desto. Poucas cidades teñen tantos espectáculos adicados á infancia. Mais, como xa deixamos por desgracia de ser nenos e estamos fartos de traballar ao ritmo que esixe Buenos Aires, gostaríanos voltar novamente á Coruña. Este ano teño cinco exposicións de óleos, grabados, o que siñifica facer unhas cen obras novas, e ten de sair, casi seguro, un Bestiario do poeta Alberto Girri con grabados meus en unha edición de luxo. Todo ¿para que? Non teño ganas de facer exposicións, mais teño que facelas. Fago unha vida pechado na casa, no meu estudo, e ás vegadas, vexo dende a fiestra o Rio da Plata, violeta, ou coor de lama, ou imitando a coor do mar, según lle de. Saímos pouco, cuasi soio a casa de amigos. Lembrámonos moito dos amigos de ahí, das reunións que con vos, Domingo, Piñeiro, etc. Para mín foi unha grande alegría a reunión derradeira na casa de Domingo con motivo do homenaxe a Del Riego. É a derradeira visión leda que lembro de Galicia neste viaxe.
Esto é todo hoxe. A tí, Dónega, prégoche ocuparte do Museo. Ten que ser unha obra de todos nos. Ponte de acordo con Isaac para tratar de arranxar os problemas que poda ter. Non se lle pode deixar soio. Agora non é cousa dél e miña, ten de sere do Patronato. Matinade que o Museo pode ser un centro de expansión cultural extraordinario. Non temos de perder esta oportunidade.
A Pillado remitinlle un artigo encol de “Los Precursores” no seu aspecto gráfico. Non sei si o publicou. Gostoume a reedición que fixo Santiago.
Repito, esto é todo hoxe. Escribide.
Unha aperta fonda para os tres, si Fernando o permite estendédea a sua moza. Saúde:
|