O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) veñen de publicar unha nova entrega do especial “Proxector”, iniciativa de divulgación que ambas as institucións impulsan para achegar á cidadanía galega recursos didácticos de calidade en lingua galega. Na véspera da celebración do Día da Ciencia en Galicia, o monográfico leva por título “A investigación química aplicada ao desenvolvemento industrial”, e pon o foco na contribución da química á innovación tecnolóxica e ao progreso económico sostible.
07/10/2025
03/10/2025
“Quen pintou o Tombo A miraba para o Pórtico da Gloria; quen facía o pórtico sabía das miniaturas dese códice e ollaba para o panteón… na catedral de Santiago estaba todo interconectado porque hai unha trama visual, material, mental e textual sobre a que se asentaron algúns mitos” apunta Rocío Ameijeiras, investigadora da Universidade de Santiago a través do estudo do Tombo A e do panteón real da Catedral. Xunto con ela, investigadores que empregan novas tecnoloxías na análise do patrimonio ofreceron en San Simón os últimos achados arredor dun período no que se configura a identidade cultural e política de Galicia. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou esta cita coordinada por Francisco Prado Vilar, que tamén avanzou as últimas imaxes da reconstrución do coro pétreo do mestre Mateo.
03/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega de Ciencias presentaron esta mañá o volume “Fernando Calvet i Prats. Modernizador da química e promotor da industria farmacéutica en Galicia”. Fixérono na Facultade de Química da USC, onde Calvet foir profeso e coa presenza do presidente da RAGC, Juan Lema; da secretaria do CCG, Elena Vázquez; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; e o vicedecano da Facultade de Química, Pedro Rodríguez.
03/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Valedora do Pobo organizan o vindeiro martes (7 de outubro, 10:00 horas) a xornada “Mulleres e vulnerabilidade social”. Unha cita que pretende poñer o foco nas múltiples formas de discriminación que lles afectan ás mulleres cando o xénero se cruza con outros factores como a raza, a clase social, a orientación sexual ou a discapacidade. Está aberta a inscrición desta cita presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube do CCG.
02/10/2025
O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Ramón Yzquierdo Perrín, membro do plenario da institución entre 1997 e 2016 en representación da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Especialista en arte medieval, especialmente no románico e protogótico, e na Catedral de Santiago de Compostela
02/10/2025
Este venres, 3 de setembro, arrinca en Ponte de Lima (Portugal) unha nova edición do ciclo de cinema “Mulleres, Patrimonios, Sociedade”, promovido pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade do Minho. A proxección da longametraxe documental O corno, coa presenza da súa directora, Jaione Camborda, abre este programa que achega, desde unha ollada feminina, a importancia do cinema como ferramenta de transmisión do patrimonio cultural. As sesións son de entrada libre ata completar a capacidade.
02/10/2025
O Códice Calixtino, o Tombo A, a Crónica troiana ou os códices musicais recentemente redescubertos son obxecto de análise e estudo por parte de prestixiosos especialistas. Investigadores como Francisco Prado-Vilar, Rocío Ameijeiras ou Isaac Alonso de Molina, entre outros, achegarán este venres 3 de outubro en San Simón as últimas novidades dos seus estudos na xornada “O pergameo iluminado: Arte, música e tecnoloxía no estudo do Códice Medieval” do Consello a Cultura Galega (CCG). Falarán das novas interpretacións sobre o Panteón Real da Catedral de Santiago, o coro do mestre Mateo, e dos pigmentos empregados nos códices. Como colofón da xornada, un dos maiores musicólogos ofrecerá unha clase práctica para cantar usando as mans como fixeran no século XII os cantores do coro compostelán, cuxas imaxes aparecen petrificadas no espazo coral creado polo obradoiro do Mestre Mateo, do que tamén se avanzará unha nova e espectacular reconstrución 3D. A xornada ten as prazas esgotadas pero será gravada e os vídeos subiranse á web e á canle de YouTube do CCG.
02/10/2025
A iniciativa Un país coa súa lingua. Foro participativo que promove o Consello da Cultura Galega (CCG) e que pilota Dolores Vilavedra entra na súa recta final. Este xoves terá lugar na sede da institución (a partir das 16:30 horas) a última sesión participativa na que se debaterán tanto as medidas presentadas no marco deste proceso, como as recibidas por internet para conformar un documento con propostas concretas encamiñadas a recuperar o vigor do galego. O informe final será presentado publicamente nas vindeiras semanas.
01/10/2025
“A poesía de Cortegoso sorprende pola escasa ou nula presenza do suxeito no poema e polo uso dunha linguaxe creativa, deliberadamente libre e complexa”. Así o afirma Gonzalo Hermo, poeta e autor da entrada sobre Francisco Cortegoso (Bora, Pontevedra, 1985-2016) que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). A través da entrada e dos materiais complementarios pódese percorrer o itinerario vital e literario deste creador.
30/09/2025
Existe unha perda de produtividade do marisqueo no noso país. Esta é a realidade que xuntou esta tarde a investigadores de diversos centros existentes en Galicia (o CIM, o iARCUS e o Centro Oceanográfico de Vigo) no marco da sesión “O marisqueo en Galicia” organizada pola Sección de ciencia, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). Alicia Estévez Toranzo coordinou esta cita na que se presentou a afectación da salinidade e da temperatura sobre os principais bivalvos (ameixa e berberecho). Ademais, demandouse un estudo global para elaborar un plan de xestión integral das especies exóticas e expuxéronse as liñas de actuación actuais sobre contaminación química e microbiana nas zonas de Aldán e a Ría de Arousa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da sección, Elena Vázquez Cendón, xunto con Alicia Estévez, abriron a sesión que foi gravada e se pode consultar no web e na canle de YouTube da institución.
30/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día Internacional da Tradución, que se conmemora cada 30 de setembro, coa actualización de novos textos literarios en galego e inglés no proxecto “Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos”. Esta nova entrega diversifica estilos e preocupacións estéticas cun feixe de textos de Marica Campos, Xela Arias, Ánxel Fole e unha escolma de cantigas
29/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) asiste en Barcelona a unha xornada organizada polo clúster European Union National Institutes for Culture (EUNIC) no marco de MONDIACULT 2025, a Conferencia Mundial de Políticas Culturais promovida pola UNESCO que comeza hoxe. A institución galega participará na sesión titulada Cultural Institutes addressing Global Challenges, desenvolverase este martes 30 de setembro no Institut d’Estudis Catalans e forma parte do Civic Agora, un programa de debates e espazos de encontro que integra voces locais e internacionais para reflexionar sobre o papel da cultura na construción das sociedades contemporáneas.
26/09/2025
A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o vindeiro martes (30 de setembro, 16:15 horas) unha xornada dedicada a analizar os retos e oportunidades do marisqueo de Galicia, unha actividade esencial da identidade cultural do noso país. A cita titúlase “O marisqueo en Galicia: tradición, ciencia e desenvolvemento económico” e aborda a perda preocupante de produtividade dos parques marisqueiros de Galicia por mor da contaminación, cambio climático e especies invasoras. Alicia Estévez Toranzo coordina esta sesión que xunta responsables de centros de investigación, universidades e administracións. Está aberta a inscrición desta cita presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube da institución.
26/09/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, asiste ao acto organizado polo Congreso dos Deputados para conmemorar o Día Europeo das Linguas. A efeméride, que se conmemora o 26 de setembro por iniciativa do Consello de Europa como homenaxe á diversidade lingüística europea, con más de 200 linguas propias.
25/09/2025
O exfiscal superior de Galicia, Carlos Varela, alertou que a expansión da intelixencia artificial supón riscos serios de vulneración dos dereitos fundamentais, que van desde a privacidade ata a igualdade, e subliñou a necesidade de garantir marcos normativos sólidos que protexan a cidadanía. A súa intervención, en diálogo co avogado Xoán Antón Pérez Lema, fixo unha análise dos riscos que un uso indebido da intelixencia artificial (IA) supón para os dereitos humanos. A sesión insírese no marco do ciclo “Pensarmos”, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). O vídeo da sesión está dispoñible para consulta no web e na canle de YouTube da institución.
25/09/2025
Conferencias, recitais e espectáculos poñen o foco na relación entre sexo e filosofía, eixes sobre os que pivota a terceira edición do Festival de Filosofía de Galicia que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). O filósofo e ensaísta Carlos Fernández Liria, xunto coa xornalista e investigadora Elena Lázaro Real participan neste certame que entrecruza palabra con manifestacións artísticas e que nos fai pensar da relación entre corpo e pensamento, pracer e palabra, ética e erotismo. As actividades, que se desenvolven venres e sábado no Centro sociocultural Maruxa e Coralia e no CGAC en Santiago de Compostela, non se emiten en directo.
24/09/2025
O ciclo Revisando a nosa arte que organiza a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) detívose este mércores na figura do pintor coruñés Francisco Miguel, asasinado en 1936, e puxo sobre a mesa novas achegas sobre a súa evolución artística, a dispersión da súa obra e o seu papel dentro dunha xeración truncada pola guerra e a represión. O crítico de arte Carlos L. Bernárdez, o escritor Manuel Rivas, a comisaria de exposición Rosario Sarmiento xunto coa vicepresidenta da agrupación cultural Alexandre Bóveda, Carmela Galego, participaron nesta sesión coordinada por Ramón Rozas. “Estamos en tempo de facer xustiza reparativa e afectiva” apuntou Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG na apertura da sesión. Pola súa parte, a coordinadora da sección, Paula Cabaleiro, destacou que é “un pequeno gran de area que podemos achegar desde o CCG no proceso de resignificación da súa figura”.
24/09/2025
A sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este xoves (25 de setembro, 18:00 horas), unha nova sesión do ciclo Pensarmos que leva por título “Dereitos humanos: o impacto da intelixencia artificial”. Nesta ocasión, o protagonista será o fiscal Carlos Varela García que intervirá en diálogo co avogado e analista político Xoán Antón Pérez Lema. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e emítese en directo desde o web institucional e a súa canle de YouTube.
23/09/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu na mañá deste martes a visita do alumnado de quinto de secundaria do colexio hispano arxentino Santiago Apóstol. Achegoulles o funcionamento da institución e as actividades desenvolvidas con especial atención aos recursos e materiais relativos a Arxentina. “Galicia é unha nación transterritorial que abrangue tamén á que chamamos a Galicia espallada” apuntou.
23/09/2025
Francisco Miguel Fernández Moratinos (A Coruña, 1897-1936) foi pintor, libreiro, ilustrador de revistas literarias do momento e unha promesa da plástica galega. Foi asasinado en 1936 e a súa figura ficou fondamente esquecida. Sobre a dimensión da súa obra reflexionarán Manuel Rivas, Carlos L. Bernárdez, Rosario Sarmiento, Ramón Rozas e Carmela Galego na xornada “Francisco Miguel. Tempo de facer xustiza”. A cita, que se insire no ciclo Revisando a nosa arte, terá lugar este mércores 24 de setembro (17:00 horas) e pode seguirse en directo a través do web e a canle de YouTube do CCG.
Francisco Miguel Fernández Moratinos (A Coruña, 1897-1936) foi pintor, libreiro, ilustrador de revistas literarias do momento e unha promesa da plástica galega. Foi asasinado en 1936 e a súa figura ficou fondamente esquecida. Sobre a dimensión da súa obra reflexionarán Manuel Rivas, Carlos L. Bernárdez, Rosario Sarmiento, Ramón Rozas e Carmela Galego na xornada “Francisco Miguel. Tempo de facer xustiza”. A cita, que se insire no ciclo Revisando a nosa arte, terá lugar este mércores 24 de setembro (17:00 horas) e pode seguirse en directo a través do web e a canle de YouTube do CCG.
22/09/2025
Unha nutrida representación do corpo consultar acreditado en Galicia reuniuse na mañá deste luns convocado polo Consello da Cultura Galega (CCG) para “crear un espazo de comunicación e de coñecemento mutuo entre a lingua e a cultura galega e as linguas e culturas dos países que están aquí representados” tal e como apuntou Rosario Álvarez, presidenta do CCG, na apertura da sesión. Baixo o título “Diplomacia e cultura” coñeceron as características da acción exterior do CCG e sentaron as bases de colaboración nun encontro que terá periodicidade anual.
20/09/2025
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza os días 26 e 27 de setembro a terceira edición do Festival de Filosofía de Galicia. Conferencias, recitais e espectáculos poñen o foco na relación entre sexo e filosofía, un territorio no que se entrecruzan corpo e pensamento, pracer e palabra, ética ee erotismo. O filósofo e ensaísta Carlos Fernández Liria, xunto coa xornalista e investigadora Elena Lázaro Real participan neste encontro de entrada libre previa inscrición.
19/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora co Festival internacional outono de teatro de Carballo (FIOT) este mércores 24 de setembro (Pazo da Cultura de Carballo, 18:00 horas) coa mesa redonda “A arte do canto improvisado: tradición, ensino e perspectivas contemporáneas”. Domingo Blanco, Lupe Blanco, Manuel Maseda, e o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo, participarán nesta sesión de análise e divulgación sobre a educación e a situación actual desta manifestación cultural.
19/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de incorporar aos seus fondos dixitais as traducións ao galego de obras clásicas da cultura francesa e textos medievais vencellados a Galicia feitas polo profesor e tradutor Henrique Harguindey Banet (Lugo, 1946- Cangas, 2024). Deste xeito garántase a custodia e difusión do esforzo filantrópico de tradución que xa foi difundido en vida polo propio autor no espazo web palabrasdesconseladas.gal.
19/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o vindeiro luns, 22 de setembro (sede do CCG, 10:30 horas), a xornada “Diplomacia e cultura” que reúne por primeira ao corpo consular acreditado en Galicia. O encontro supón unha oportunidade para afondar nos vencellos entre a diplomacia consular e a historia contemporánea do noso país ademais de abrir novas vías de colaboración de cara ao futuro. As persoas interesadas en asistir teñen que enviar un correo electrónico a exterior@consellodacultura.gal.
18/09/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, participou esta mañá na sede da institución na inauguración da 22ª edición do simposio anual sobre o libro e a lectura que organiza a Asociación Galega de Editores (AGE). Alí destacou o apoio do CCG á entidade e ofreceu a “dispoñiblidade para desenvolver nos vindeiros meses calquera acción complementaria”. Canda ela estaban Anxo Lorenzo, Secretario xeral de Cultura, que incidiu na “colaboracion coa asociación a través do convenio que manteñen coa AGE e recordou a importancia da distribución e da exportación no sector do libro. Miguel Toval, que era o seu primeiro simposio como presidente da AGE, destacou a importancia da distribución nun momento que “aínsa que somos optimistas pola certa estabilidade, estamos nunha situación moi dificultosa”. O simposio titulado “A distribución do libro galego” analizou os modelos de distribución do libro galego e as liñas de apoio á exportación do libro.
18/09/2025
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de setembro un lote de números do xornal Lugo: Órgano oficial del Centro Lucense de Buenos Aires. Nesta ocasión súbense noventa exemplares que se corresponden co período comprendido entre maio de 1943 e decembro de 1950.
17/09/2025
Francisco Miguel Fernández Díaz (A Coruña, 1897 – Bértoa, 1936) foi un destacado pintor e ilustrador. O seu legado ficou no esquecemento tras o seu asasinato en 1936. Os seus restos veñen de ser recuperados do cemiterio de Bértoa en Carballo enterraranse na Coruña o vindeiro 29 de setembro. Ao fío deste acontecemento, o Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais, a entrada desta prometedora figura da arte plástica galega a cargo do crítico e comisario de arte Carlos L. Bernárdez. Ademais, o vindeiro día 24 na sede do CCG terá lugar a xornada Francisco Miguel. Tempo de facer xustiza que revisará a súa dimensión artística.
12/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle estes días As XVI Jornades d’Intercanvi Cultural, organizadas organizadas pola Societat Verdaguer, a Societat Catalana de Llengua i Literatura e a Càtedra Verdaguer d’Estudis Literaris da Universitat de Vic – Universitat Central de Catalunya. Conferencias, mesas de debate, encontros arredor da tradución literaria galego-catalá e catalán-galego xunto con visitas a espazos emblemáticos da cultura galega enmarcan un programa de catro días que conta coa colaboración de diferentes entidades galegas.
11/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a presentación das XVIII Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño”, que poñen o foco na figura de Andrea López Chao (Mondoñedo, 1874 - A Habana, 1954), destacada mestra do galeguismo na emigración. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, subliñou que “Andrea foi muller, docente, emigrante, militou no asociacionismo, feminista... constantes que nos convocan constantemente”. Pola súa parte, Isabel Martínez, subdirectora xeral de Relacións coas Comunidades Galegas da Xunta, puxo o énfase en que foi “un referente e unha pioneira no compromiso social coas mulleres”. Tamén interviñeron Alberto García, concelleiro de Cultura de Mondoñedo, e Luís Fernández Ansedes, membro da asociación Abrindo Camiño, quen destacaron a importancia das actividades que se desenvolverán o vindeiro día 15 en Mondoñedo. Ademais da presentación do documental sobre a súa figura, da man dos seus directores Violeta Ramos e Daniel Vázquez, estivo presente a bisneta da homenaxeada, Patricia Ares.


