“A propósito de Anna” é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxea á fotoxornalista catalá Anna Turbau este luns (27 de outubro, 16:15 horas). Margarita Ledo coordina esa sesión que achega a mirada crítica e comprometida de Turbau e a súa influencia nas xeracións posteriores. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.
27/10/2025
24/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou unha sesión plenaria no serán deste xoves na que acordou a concesión das súas medallas á filóloga estadounidense Kathleen March e ao edafólogo Francisco Díaz-Fierros, en recoñecemento á súa contribución nas actividades da institución. Ademais, aprobou as liñas xerais de programación de actividades para 2026 en que prestará atención aos medios de comunicación en galego, en conmemoración do 150 aniversario de O Tío Marcos d´a Portela, a primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. Ademais da celebración do tradicional Concerto das Letras Galegas e do programa didáctico musical No bico un cantar, tamén organizará actividades arredor da figura de Begoña Caamaño, próxima homenaxeada no Día das Letras Galegas. As transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios e o reforzo en acción exterior serán outras das liñas de acción prioritarias.
21/10/2025
A vaga de incendios forestais deste verán e o recente anuncio da ampliación da moratoria sobre as plantacións de eucalipto marcaron o contexto no que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou a xornada “Expansión e homoxeneización do espazo forestal: receita para un desastre?”, coordinada polo enxeñeiro de montes e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Eduardo Corbelle. O encontro reuniu expertos de distintos ámbitos —ecoloxía, ordenación territorial, economía rural e políticas europeas de prevención— que ofreceron medidas e ferramentas propostas desde os ámbitos científicos nos que traballan que coinciden na necesidade dun cambio de modelo na xestión do monte, cunha maior ordenación e planificación do territorio. Aldeas modelo, polígonos agroforestais, recuperación de zonas agrarias... son algunhas das medidas que se puxeron sobre a mesa. A secretaria do CCG, Elena Vázquez Cendón, e o coordinador da mesa inauguraron a sesión que quedou gravada e se pode consultar desde a canle de YouTube.
20/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra unha nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que este ano chegan á súa vixésimo sétima edición baixo o título “Lingua en acción: pasado, presente e futuro dos equipos e servizos de normalización lingüística”. A xornada pon o foco en dous axentes fundamentais para o avance da lingua galega: os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), dous colectivos que contan con máis de tres décadas de traxectoria e que resultan esenciais para a revitalización e o uso social do galego. A xornada é presencial e pode seguirse en directo a través do sitio web e da canle de Youtube.
16/10/2025
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de poñer a disposición da cidadanía a dixitalización dos primeiros 165 números do xornal España Libre. Órgano de las Sociedades Hispanas Confederadas de los Estados Unidos de América, publicación editada en Nova York entre 1939 e 1977. Nesta primeira fase, difúndense os exemplares correspondentes ao período 1939–1942, que se poden consultar en liña a través do fondo hemerográfico do CCG
16/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza en Mondariz unha xornada dedicada ás danzas brancas, unha das expresións máis singulares do patrimonio inmaterial galego. O encontro terá lugar este venres, 17 de outubro (16:30 horas) no Concello de Mondariz, onde esta tradición segue viva grazas á implicación da veciñanza e dos grupos de danzantes locais. A actividade, de entrada libre, non se emite en directo pero será gravada.
16/10/2025
Alternar a lingua vehicular dalgunhas materias, fomentar a acollida lingüística para o alumnado estranxeiro, incorporar cláusulas lingüísticas na contratación pública… son algunhas das 96 medidas que se propoñen no informe Un país coa súa lingua. Foro participativo, do Consello da Cultura Galega (CCG). Un ano de traballo no que participaron preto de 2000 persoas e no que se recibiron arredor de duascentas propostas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación “o espírito construtivo deste documento que acompaña a outras iniciativas e que ofrece ideas replicables e asumibles”. Canda ela a vicepresidenta e coordinadora do foro, Dolores Vilavedra, e o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares, explicaron o documento que contén “medidas de aplicación inmediata, moitas delas sen custo económico, e estruturais que contribúen a reverter a situación do galego”. O informe xa se pode descargar desde o sitio web da institución.
11/10/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inaugurou esta semana na Universidade de Flensburg unha nova itinerencia da exposición Afonso X e Galicia que afonda na conexión galega do Rei Sabio. A mostra permanecerá aberta ata o 10 de novembro. Ademais, a presidenta impartiu unha conferencia no marco das actividades complementarias.
11/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará o luns, 20 de outubro, en Santiago de Compostela, a xornada titulada “Expansión e homoxeneización do espazo forestal: receita para un desastre?”, un encontro que pretende promover un debate informado sobre como romper a continuidade da biomasa, reducir o risco de incendios e recuperar o valor económico, cultural e ecolóxico das paisaxes galegas. O enxeñeiro de montes Eduardo Corbelle Rico coordina este encontro no que participan especialistas en solo, biodiversidade e xestión forestal. A inscrición está aberta a través da web do Consello da Cultura Galega.
09/10/2025
A Casa de Cultura de Antas de Ulla acolleu este xoves a xornada final do foro “Acceso á cultura en Galicia” que organiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Un proceso no que participaron representantes do terceiro sector, profesionais da cultura, cidadanía e responsables políticos. Entre as conclusións desta iniciativa salientouse o papel esencial dos profesionais da cultura como axentes de cambio, a necesidade de mellorar a comunicación institucional —simplificando a linguaxe burocrática e eliminando barreiras simbólicas—, e a urxencia de incorporar á cidadanía e aos colectivos vulnerables na toma de decisións lexislativas e programáticas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García, inauguraron este encontro que foi gravado e se poderá recuperar desde o web institucional.
08/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha este xoves (9 de outubro, 10:00 horas) na casa da cultura de Antas de Ulla o foro “Acceso á cultura en Galicia 2025”, unha iniciativa promovida pola súa Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais que analiza o exercicio real dos dereitos culturais da cidadanía galega. A xornada servirá para presentar os primeiros resultados das recollidas territoriais desenvolvidas no marco deste foro durante a pasada primavera, ademais de xuntar representantes do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia, que exporán as principais liñas dos novos marcos lexislativos e programáticos nesta materia. A xornada non se emite en directo pero será gravada e incorporase ao web institucional.
07/10/2025
Mulleres migrantes, discapacitadas e xitanas explicaron esta mañá no Consello da Cultura Galega (CCG)algunhas situacións de discriminación que sofren. O seu testemuño formaba parte da xornada “Mulleres e vulnerabilidade social” que organizaron o CCG e a Valedora do Pobo. Elena Vázquez Cendón, secretaria do CCG, apuntou na inauguración da sesión a importancia deste tipo de foros. Pola súa banda, a valedora, Dolores Fernández Galiño, lembrou que “as mulleres, que son a metade da poboación, estiveron discriminadas ao longo da historia” e incidiu que “se se lle engaden variables como discapacidade, etnia ou orixe van estar aínda en peor disposición”. A sesión foi gravada e pódese ver desde a canle de YouTube da institución.
07/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) participa na nova edición de Kosmópolis 25, o festival internacional de literatura amplificada organizado polo Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB), cun programa que abre unha xanela á cultura galega contemporánea. Baixo o título Galicia no centro, esta proposta reúne conversas, recitais e concertos que amosan a vitalidade e a proxección internacional da creación galega actual. A programación das actividades, desenvolvidas entre o venres 24 e o domingo 26 de outubro, contou co asesoramento de Paula Cabaleiro.
07/10/2025
O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) veñen de publicar unha nova entrega do especial “Proxector”, iniciativa de divulgación que ambas as institucións impulsan para achegar á cidadanía galega recursos didácticos de calidade en lingua galega. Na véspera da celebración do Día da Ciencia en Galicia, o monográfico leva por título “A investigación química aplicada ao desenvolvemento industrial”, e pon o foco na contribución da química á innovación tecnolóxica e ao progreso económico sostible.
03/10/2025
“Quen pintou o Tombo A miraba para o Pórtico da Gloria; quen facía o pórtico sabía das miniaturas dese códice e ollaba para o panteón… na catedral de Santiago estaba todo interconectado porque hai unha trama visual, material, mental e textual sobre a que se asentaron algúns mitos” apunta Rocío Ameijeiras, investigadora da Universidade de Santiago a través do estudo do Tombo A e do panteón real da Catedral. Xunto con ela, investigadores que empregan novas tecnoloxías na análise do patrimonio ofreceron en San Simón os últimos achados arredor dun período no que se configura a identidade cultural e política de Galicia. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou esta cita coordinada por Francisco Prado Vilar, que tamén avanzou as últimas imaxes da reconstrución do coro pétreo do mestre Mateo.
03/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega de Ciencias presentaron esta mañá o volume “Fernando Calvet i Prats. Modernizador da química e promotor da industria farmacéutica en Galicia”. Fixérono na Facultade de Química da USC, onde Calvet foir profeso e coa presenza do presidente da RAGC, Juan Lema; da secretaria do CCG, Elena Vázquez; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; e o vicedecano da Facultade de Química, Pedro Rodríguez.
03/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Valedora do Pobo organizan o vindeiro martes (7 de outubro, 10:00 horas) a xornada “Mulleres e vulnerabilidade social”. Unha cita que pretende poñer o foco nas múltiples formas de discriminación que lles afectan ás mulleres cando o xénero se cruza con outros factores como a raza, a clase social, a orientación sexual ou a discapacidade. Está aberta a inscrición desta cita presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube do CCG.
02/10/2025
O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Ramón Yzquierdo Perrín, membro do plenario da institución entre 1997 e 2016 en representación da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Especialista en arte medieval, especialmente no románico e protogótico, e na Catedral de Santiago de Compostela
02/10/2025
Este venres, 3 de setembro, arrinca en Ponte de Lima (Portugal) unha nova edición do ciclo de cinema “Mulleres, Patrimonios, Sociedade”, promovido pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade do Minho. A proxección da longametraxe documental O corno, coa presenza da súa directora, Jaione Camborda, abre este programa que achega, desde unha ollada feminina, a importancia do cinema como ferramenta de transmisión do patrimonio cultural. As sesións son de entrada libre ata completar a capacidade.
02/10/2025
O Códice Calixtino, o Tombo A, a Crónica troiana ou os códices musicais recentemente redescubertos son obxecto de análise e estudo por parte de prestixiosos especialistas. Investigadores como Francisco Prado-Vilar, Rocío Ameijeiras ou Isaac Alonso de Molina, entre outros, achegarán este venres 3 de outubro en San Simón as últimas novidades dos seus estudos na xornada “O pergameo iluminado: Arte, música e tecnoloxía no estudo do Códice Medieval” do Consello a Cultura Galega (CCG). Falarán das novas interpretacións sobre o Panteón Real da Catedral de Santiago, o coro do mestre Mateo, e dos pigmentos empregados nos códices. Como colofón da xornada, un dos maiores musicólogos ofrecerá unha clase práctica para cantar usando as mans como fixeran no século XII os cantores do coro compostelán, cuxas imaxes aparecen petrificadas no espazo coral creado polo obradoiro do Mestre Mateo, do que tamén se avanzará unha nova e espectacular reconstrución 3D. A xornada ten as prazas esgotadas pero será gravada e os vídeos subiranse á web e á canle de YouTube do CCG.
02/10/2025
A iniciativa Un país coa súa lingua. Foro participativo que promove o Consello da Cultura Galega (CCG) e que pilota Dolores Vilavedra entra na súa recta final. Este xoves terá lugar na sede da institución (a partir das 16:30 horas) a última sesión participativa na que se debaterán tanto as medidas presentadas no marco deste proceso, como as recibidas por internet para conformar un documento con propostas concretas encamiñadas a recuperar o vigor do galego. O informe final será presentado publicamente nas vindeiras semanas.
01/10/2025
“A poesía de Cortegoso sorprende pola escasa ou nula presenza do suxeito no poema e polo uso dunha linguaxe creativa, deliberadamente libre e complexa”. Así o afirma Gonzalo Hermo, poeta e autor da entrada sobre Francisco Cortegoso (Bora, Pontevedra, 1985-2016) que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). A través da entrada e dos materiais complementarios pódese percorrer o itinerario vital e literario deste creador.
30/09/2025
Existe unha perda de produtividade do marisqueo no noso país. Esta é a realidade que xuntou esta tarde a investigadores de diversos centros existentes en Galicia (o CIM, o iARCUS e o Centro Oceanográfico de Vigo) no marco da sesión “O marisqueo en Galicia” organizada pola Sección de ciencia, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). Alicia Estévez Toranzo coordinou esta cita na que se presentou a afectación da salinidade e da temperatura sobre os principais bivalvos (ameixa e berberecho). Ademais, demandouse un estudo global para elaborar un plan de xestión integral das especies exóticas e expuxéronse as liñas de actuación actuais sobre contaminación química e microbiana nas zonas de Aldán e a Ría de Arousa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da sección, Elena Vázquez Cendón, xunto con Alicia Estévez, abriron a sesión que foi gravada e se pode consultar no web e na canle de YouTube da institución.
30/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día Internacional da Tradución, que se conmemora cada 30 de setembro, coa actualización de novos textos literarios en galego e inglés no proxecto “Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos”. Esta nova entrega diversifica estilos e preocupacións estéticas cun feixe de textos de Marica Campos, Xela Arias, Ánxel Fole e unha escolma de cantigas
29/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) asiste en Barcelona a unha xornada organizada polo clúster European Union National Institutes for Culture (EUNIC) no marco de MONDIACULT 2025, a Conferencia Mundial de Políticas Culturais promovida pola UNESCO que comeza hoxe. A institución galega participará na sesión titulada Cultural Institutes addressing Global Challenges, desenvolverase este martes 30 de setembro no Institut d’Estudis Catalans e forma parte do Civic Agora, un programa de debates e espazos de encontro que integra voces locais e internacionais para reflexionar sobre o papel da cultura na construción das sociedades contemporáneas.
26/09/2025
A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o vindeiro martes (30 de setembro, 16:15 horas) unha xornada dedicada a analizar os retos e oportunidades do marisqueo de Galicia, unha actividade esencial da identidade cultural do noso país. A cita titúlase “O marisqueo en Galicia: tradición, ciencia e desenvolvemento económico” e aborda a perda preocupante de produtividade dos parques marisqueiros de Galicia por mor da contaminación, cambio climático e especies invasoras. Alicia Estévez Toranzo coordina esta sesión que xunta responsables de centros de investigación, universidades e administracións. Está aberta a inscrición desta cita presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube da institución.
26/09/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, asiste ao acto organizado polo Congreso dos Deputados para conmemorar o Día Europeo das Linguas. A efeméride, que se conmemora o 26 de setembro por iniciativa do Consello de Europa como homenaxe á diversidade lingüística europea, con más de 200 linguas propias.
25/09/2025
O exfiscal superior de Galicia, Carlos Varela, alertou que a expansión da intelixencia artificial supón riscos serios de vulneración dos dereitos fundamentais, que van desde a privacidade ata a igualdade, e subliñou a necesidade de garantir marcos normativos sólidos que protexan a cidadanía. A súa intervención, en diálogo co avogado Xoán Antón Pérez Lema, fixo unha análise dos riscos que un uso indebido da intelixencia artificial (IA) supón para os dereitos humanos. A sesión insírese no marco do ciclo “Pensarmos”, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). O vídeo da sesión está dispoñible para consulta no web e na canle de YouTube da institución.
25/09/2025
Conferencias, recitais e espectáculos poñen o foco na relación entre sexo e filosofía, eixes sobre os que pivota a terceira edición do Festival de Filosofía de Galicia que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). O filósofo e ensaísta Carlos Fernández Liria, xunto coa xornalista e investigadora Elena Lázaro Real participan neste certame que entrecruza palabra con manifestacións artísticas e que nos fai pensar da relación entre corpo e pensamento, pracer e palabra, ética e erotismo. As actividades, que se desenvolven venres e sábado no Centro sociocultural Maruxa e Coralia e no CGAC en Santiago de Compostela, non se emiten en directo.
24/09/2025
O ciclo Revisando a nosa arte que organiza a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) detívose este mércores na figura do pintor coruñés Francisco Miguel, asasinado en 1936, e puxo sobre a mesa novas achegas sobre a súa evolución artística, a dispersión da súa obra e o seu papel dentro dunha xeración truncada pola guerra e a represión. O crítico de arte Carlos L. Bernárdez, o escritor Manuel Rivas, a comisaria de exposición Rosario Sarmiento xunto coa vicepresidenta da agrupación cultural Alexandre Bóveda, Carmela Galego, participaron nesta sesión coordinada por Ramón Rozas. “Estamos en tempo de facer xustiza reparativa e afectiva” apuntou Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG na apertura da sesión. Pola súa parte, a coordinadora da sección, Paula Cabaleiro, destacou que é “un pequeno gran de area que podemos achegar desde o CCG no proceso de resignificación da súa figura”.


