Nortada, Vendaval, Soán, Poñente, Nordés, Levante e Ábrego son os nomes tradicionais da meteoroloxía popular e mariñeira galega dos ventos segundo a súa dirección de procedencia e dan tamén nome a “Seteventos”, o último proxecto de pódcast do Consello da Cultura Galega (CCG), que aborda as interaccións de Galicia con outros países, culturas ou dinámicas históricas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación que o proxecto pretende “amosar a interacción entre Galicia e calquera outra dirección e, de paso, amosar o fondo enorme de gravacións e materiais do CCG”, mentres que o coordinador da Área de Produción de Contidos e Difusión, Manuel Gago, explicou que “encaixa nunha liña da institución de trasladar a cultura galega a todos os formatos”. Na rolda de prensa tamén estiveron Gabri Fuentes e David Gesteira, autores do pódcast, que parte da escolma de fitos, persoas ou acontecementos representativos para conectar con outras zonas do mundo empregando unha narrativa contemporánea. Os sete episodios xa están dispoñibles en Ágora, a plataforma de pódcast do CCG, así como nas principais plataformas: iVoox, Spotify e YouTube.
Ler máis
Resultados da busca para: 'David Gesteira'
Amosando noticias 1 a 1 de 1


