O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o detalle do programa do congreso -presencial e virtual- internacional que dedicará do 28 de febreiro ao 27 de xullo á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. Serán cinco sesións coa participación dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana, ampliadas a través da proxeción virtual aberta a comunicacións libres, difundidas na web institucional www.consellodacultura.org, que ofrece, asemade, outros recursos como o facsímile da primeira edición de “Cantares Gallegos”, un roteiro e un directorio de rosalianistas. En 2013 cúmprense 150 anos da publicación en Vigo (1863-2013) de “Cantares Gallegos”, obra auroral e determinante para o Rexurdimento das letras galegas. Ramón Villares lembrou o congreso rosaliano celebrado en 1985, no que tamén tiña participado a institución que preside, e falou dunha liña de continuidade, que se proxectará tamén nas xornadas a celebrar en outubro no Instituto Cervantes en Madrid e en novembro na Universitat de Barcelona. “Trátase agora de mostrar a vixencia de Rosalía desde unha perspectiva multidisciplinar”, dixo Rosario Álvarez, vicepresidenta e membro do comité organizador, integrado tamén por Anxo Angueira, Dolores Vilavedra e María do Cebreiro Rábade.
Ler máis
Amosando noticias 2761 a 2780 de 3773


