A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na mañá deste mércores na Comisión terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 3 075 773 euros, 233 373 euros máis que en 2022. É un incremento dun 8,21 % con respecto do último ano. Álvarez rendeu contas da actividade desenvolvida este ano e avanzou a programación para o 2023, que estará centrada, aínda que de xeito non exclusivo, na actividade de celebración do seu 40 aniversario. Alén da actividade habitual de investigación, documentación e arquivo, no vindeiro ano poñerase especial atención a promover a internacionalización da cultura galega, reforzar a acción exterior e promover debates que axuden a pensar o mundo desde Galicia. Os representantes dos distintos grupos parlamentarios expresaron na comparecencia o recoñecemento ao labor que desenvolve a institución.
Ler máis
Amosando noticias 881 a 900 de 3212


