Das vidas do creador teatralVidas
Aínda que Roberto Vidal Bolaño (RVB) só cumpriu 52 anos, unha fecunda e polifacética actividade concedeulle moitas vidas. Coñecidas son as de dramaturgo, director de escena ou primeiro actor. Calquera delas teríao inscrito na Historia. Mais tamén conduciu compañías afeccionadas e profesionais como promoto...
Das vidas do creador teatral
Vidas
Aínda que Roberto Vidal Bolaño (RVB) só cumpriu 52 anos, unha fecunda e polifacética actividade concedeulle moitas vidas. Coñecidas son as de dramaturgo, director de escena ou primeiro actor. Calquera delas teríao inscrito na Historia. Mais tamén conduciu compañías afeccionadas e profesionais como promotor e empresario. Ignórase máis a dimensión de iluminador para espectáculos propios e alleos, e a de escenógrafo, onde asinou con pseudónimo para evitar a reiteración do seu nome. Poucos lembran os seus inicios no xornalismo, ao que chegou para entrar de balde nos espectáculos, con recensións e entrevistas antes de colaborar con fundamentadas críticas teatrais en
El Ideal Gallego. Publicará achegas de interese como estudoso do teatro, cunha ollada informada, perspicaz e reveladora das contradicións do pensamento dominante.
Participou ao longo dos anos no artellamento do movemento teatral independente. Ocupou espazos como voceiro que denunciaba os excesos dos poderosos e dos seus serviciais colaboradores; ata tal punto alzou a voz que sufriu ostracismo no mesmo CDG que axudara a crear,
exiliándose
no audiovisual como dobrador, director de sala, director artístico dun grupo de estudios de sonorización, creador de vídeos promocionais, escritor de guións adaptados, creador de proxectos, director de dramáticos ou actor de cine e televisión.
Desenvolveu unha rica vida persoal. Casado dúas veces, tivo un fillo e unha filla e trasnoitou unha mocidade bohemia. Foi neno acomodado en academias privadas, ata unha bancarrota familiar que o rebaixou a unha escola para aprendices e empezou a traballar case neno de recadeiro en diversas empresas. O mozo de quintas de Melilla converterase nun intelectual que asina manifestos en defensa das liberdades e dos dereitos civís.
A biografía de RVB trénzana variadísimos roles que se mesturan e se suceden, tamén por tantos personaxes como encarnou, desde Laudamuco, ata Tuiavii de Tiavea, pasando por Charli Ramos ou os dobres de si do
Caprice des dieux ou de
Sen ir máis lonxe. Na mente de escritor e desde a cadeira de dirección personificou unha chea de formas de estar no mundo. Viviu ducias de vidas en pouco máis de medio século porque o seu espírito foi paixón arroutada sen tregua. Mesmo, tras o pasamento, continuou encarnado na compañía que o sobreviviu, nos incómodos inéditos, nos premios póstumos que referendaban a súa análise crítica e na inspiración do compromiso en circunstancias en que foi exemplo e símbolo como o
Nunca máis
, o
Non á guerra
ou o Día das Letras Galegas de 2013.
Vida
O 31 de xullo de 1950 Roberto Vidal Ríos recibe a nova de que Carmen Bolaño Sánchez deu a luz o seu primeiro fillo no sanatorio do doutor Baltar e... estoupan os foguetes de fin das Festas do Apóstolo. O flamante pai ri; pertence a unha dinastía de médicos: o seu pai, Aurelio, fora delegado de Medicina de Compostela; o tío Ovidio, o da orla de Castelao; o seu irmán, tamén Ovidio, recoñecido médico militar, o derradeiro con grao de xeneral que nomearía Franco. Mais el practicaba tiro, traballaba na armería Ríos e casara fóra de portas en Vista Alegre, fronte a praciña que hoxe homenaxea a
Saxo tenor. Nese ambiente de barrio obreiro e de aluvión, inzado de lavandeiras que traballaban para os señoritos do centro ou se encaraban co gobernador civil, medra RVB. Coa cuadrilla atravesa leiras para subir á améndoa e estuda en boas academias ou mesturase nas festas entre cabezudos, mómaros e hostias xigantes rodando na Quintana. Aos oito anos viralle unha irmá, Carmen.
Por problemas económicos ha de ir á Inmaculada, La Salle
de abaixo
, para formarse como aprendiz de escribente e incorporarse ao mercado laboral moi neno. O Concilio Vaticano II tiña un firme defensor no capelán da Inmaculada, o sociólogo Juan José Cebrián. No marco das xuventudes obreiras de Acción Católica formará os rapaces en dinámicas de grupos, na teoloxía da liberación, axudará a que se manteñan as actividades escénicas escolares e poñerá a Roberto a escribir en ton reivindicativo no boletín
Fátima do Castiñeiriño, co cura galeguista Vilasó. RVB sobe a La Salle
de arriba
que acolle proxeccións e cinefórum, énchese de ver películas, mais tamén escribirá, dirixirá e interpretará a súa primeira obra,
O xogadeiro, no Día do Aprendiz, que propón a solidariedade como arma de clase no colexio das monxas de Placeres. Desbota o teatro tras o fracaso, mais non o cine; soña coa escola de cinematografía de Madrid, polo que concilia traballo e bacharelato elemental, por nocturno, titulación que se esixía para o acceso.
Ofrécese en
El Ideal Gallego por un pase de prensa para entrar gratis nos espectáculos. Terá que formarse para fundamentar as súas entregas. RVB xa non pasa inadvertido, Euloxio R. Ruibal diríxese ao xornal e fíchao no Equipo Lupa á altura de
Holocausto. Para prepararen intérpretes, crean o grupo de teatro Obradoiro. Coñece a Xaquín García Marcos. Euloxio adapta un clásico francés que estudan montar. Mais RVB terá que ir á mili a África e as súas actividades artísticas reléganse dous anos.
Á volta de Melilla, Lupa disolvérase. Roberto e Xaquín montan outro grupo, Teatro Antroido, e convocan intérpretes para un proxecto colectivo que parte da improvisación. Incorporarase Laura Ponte que rematará sendo a súa esposa. Logran estrear
Amor e crimes de Juan el Pantera
. Mais a censura dificulta novos proxectos e Roberto debe asumir o papel de director n'
As falcatrúas do Marqués Patacón, proxecto de Obradoiro retomado, e dá o paso á escrita co
Laudamuco, señor de Ningures que obterá o premio Abrente.
Por sorpresa pechan a escola de cine e Roberto entrégase ao teatro. Xaquín e Marisa Soto abandonan o grupo por discrepancias artísticas á altura das
Ledaíñas pola morte do Meco de RVB. Logo escribirá sobre a desintegración do medio rural
Memoria de mortos e de ausentes. A explotación é un desastre e concibe
Xaxara (...) que irá moi ben aínda que a considera un bodrio panfletario. Por fin, sae do prelo un libro coas súas dúas primeiras pezas dramáticas.
Durante unha baixa laboral actúa en Vigo e o Banco de Crédito Comercial aproveita para despedilo. A estratexia sindical denuncia que van contra o teatro, pero o director da sucursal era irmán de Xaquín e os amigos distáncianse. Roberto, Laura e Rodrigo Roel deciden profesionalizarse co nome da compañía, á que se incorpora Eduardo Alonso. Darán a primeira función do teatro profesional galego na véspera do XV Día da Letras Galegas no salón de actos do colexio La Salle de Santiago. Os restantes membros de Antroido pasan a conformar o Obradoiro de Aprendizaxe Teatral que rematará incorporándose á Aula de Teatro da USC.
Antroido entra nunha cooperativa, Teatro do Estaribel, con Troula. De Antroido disgrégase o círculo de Eduardo Alonso, mais seguen no Estaribel. Teñen plans moi ambiciosos, pero Troula non tarda en abandonar o proxecto. Pouco despois Antroido será expulsado por teimar nun proxecto que compromete o bo nome da cooperativa. Será un momento difícil para ir en solitario; Laura non tardará en ter que gardar repouso polo embarazo do seu fillo Roi. Así que cultivarán espectáculos mínimos, mesmo de monicreques. En 1984 preparaban unha peza de pequeno formato sobre Rosalía, cando se funda o CDG, que ofrece a Roberto escribir e dirixir. Redirecciona o proxecto cara a unha superprodución,
Agasallo de sombras. Mais a Consellería non dá autonomía orzamentaria ao CDG e Roberto criticará na prensa a Portomeñe, que decide non asinar contratos co díscolo teatreiro. Os máis dos profesionais evitan implicarse e RVB queda na rúa. Improvisa un especáculo de denuncia co que salva o ano, pero fecha as portas institucionais e o pouco que gaña non lle dá para vivir.
Fina o pai coa inauguración da TVG e el refúxiase na industria auxiliar facendo dobraxe e toda clase de creacións audiovisuais. Nesa crise tamén rompen o matrimonio Laura e el. Chamarano a algúns traballos teatrais puntuais acompasados coas oscilacións no poder da Xunta. Coñece a Belén Quitáns, con quen emprende un novo proxecto tanto de parella como artístico, Teatro do Aquí, aproveitando premios que facilitan enfrontar ambiciosas producións como
Saxo tenor,
Doentes ou
Días sen gloria. Nace Carme, a súa filla. Sufrirá de novo represalias co'
As actas escuras, que tardará en publicarse e só se estreará de forma póstuma. As dificultades móveno a redeseñar a compañía con obras de menor formato ou contando con intérpretes que empezan (
A ópera de a patacón,
Touporroutou,
Oé, oé, oé,
Anxeliños,
Rastros,
Criaturas...). Con todo tamén se atreverá c'
O desengano do Prioiro, demostrando a viabilidade escénica de Otero Pedrayo.
Ao pé do cambio do milenio Manuel Guede recupérao no CDG para proxectos ambiciosos que tenden pontes con Portugal como
A burla do galo ou
Mar revolto. Guede cre na capacidade dramatúrxica do autor para posibilitar obras
imposibles
como
Xelmírez ou a gloria de Compostela de Cortezón ou
Rosalía de Otero Pedrayo. Durante esta montaxe agrávase o cancro de pulmón que rematará coa súa vida no primeiro cabodano do ataque ás Torres Xemelgas. Mais nin iso impediu que continuase con novos proxectos da súa compañía como
Os papalagui ou
Animaliños ou que entregase
Integral que publicará postumamente.
O 9 de setembro de 2002 ingresará no Clínico de Santiago tras dous anos doente. Ás cinco da madrugada do 11 de setembro falece. O escenario do Salón Teatro de Compostela servirá de capela ardente visitada por innumerables persoas dos seus círculos de amizades e profesionais, mais tamén intelectuais e políticos destacados. Sobre a caixa repousaban o seu chapeu e o nariz de pallaso. Na tarde do xoves 12 terá lugar o seu concurridísimo enterro en Boisaca. Toma a palabra Manuel Lourenzo quen subliña o carácter apaixonado da vida de Roberto e remata pedindo
Non choredes. Recollei a tea. Espallai o lume
. Cubriuse a caixa coa bandeira galega e foi despedido cun sentido e longo aplauso.
Páxina web de referencia
Asociación Roberto Vidal Bolaño
Espazo de Roberto Vidal Bolaño en Facebook
Bibliografía
Vidal Bolaño, Roberto (2013):Obras completas. Dirección e coordinación de Xosé Manuel Fernández Castro. Santiago de Compostela: Edicións Positivas. Tomo I: Integral, Animaliños, Anxeliños!, Criaturas, Rastros, Saxo Tenor; Tomo II: Mar revolto, A burla do galo, Doentes, As actas escuras, Días sen gloria, Agasallo de sombras; Tomo III: Sen ir máis lonxe, Caprice des dieux, Cochos, Bailadela da morte ditosa, Memoria de mortos e de ausentes, Laudamuco, señor de ningures; Tomo IV: Ladaíñas pola morte do Meco, Ruada das papas e o unto, Antroido na rúa, Touporroutou da Lúa e do Sol, Xaxara, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón, Romance dos figos de ouro.
Fernández Castro, Xosé Manuel (2011): A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. Bertamiráns: Edicións Laiovento.