Temática: Memoria e voces femininas da diáspora galega

Temática: Memoria e voces femininas da diáspora galega [5]

Data Material Ver
Data Material Ver
Virxinia Pereira Renda. Muller de ideas propias, confidente de pensamentos e ideais
Ver

Transcripción da Virxinia Pereira Renda. Muller de ideas propias, confidente de pensamentos e ideais

Virxinia Nicolasa María de Gracia Pereira Renda naceu na Estrada, o 20 de outubro de 1884. Filla de Peregrina Renda López e de Camilo Pereira Freigenedo, avogado de renome que encarrilou a súa educación contratando un mestre particular. En 1907 certas circunstancias familiares levaron a Virxinia a visitar con certa frecuencia a cidade de Santiago de Compostela, pois nela tiña fixada a residencia a súa irmá Sara, casada con Alfredo Pérez Viodi. Alí coñeceu ao que sería o seu compañeiro de vida, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, con quen casaría na Estrada no ano 1912. A aparición dunha desafortunada doenza ocular condicionaría o destino profesional de Castelao, afastándoo da práctica médica, que nunca chegou a exercer. A vida de Virxinia Pereira estivo marcada pola perda do seu único fillo, Afonso Xesús, que faleceu en 1928 con tan só catorce anos de idade. Co levantamento contra a República e o inicio inminente da Guerra Civil, Virxinia e Castelao comezaron o seu periplo por distintos lugares como Badaxoz, Valencia, Barcelona, a Unión Soviética, Estados Unidos, Cuba ou París. A súa condición nada tivo que ver coa vida acomodada propia da muller dun galeno. Na súa peregrinaxe con Castelao produciuse unha sutil participación de Virxinia en varios actos públicos (Nova York e Uruguai), chegando a substituílo na homenaxe a Manuel Irujo en Arxentina (1948). Durante o seu exilio en Bos Aires (1940), o matrimonio foi moi ben acollido. Castelao continuou coa súa carreira política e misión propagandística, ademais de desenvolver todas as súas facetas de artista global (novelista, debuxante, caricaturista, pintor, teórico da arte...). En todas elas estivo Virxinia presente, quen compartiu o seu fiel compromiso co galeguismo. De coidadora do seu fillo pasou a exercer de enfermeira do seu home. Castelao morreu o 7 de xaneiro de 1950 e Virxinia tivo que reiniciar un novo periplo cheo de reivindicacións, para que non morrese a súa memoria e o que iso representaba para Galicia. A partir dese momento a vida de Virxinia transcorrería entre Bos Aires e Galicia. Finalmente morreu en Madrid o 23 de decembro de 1969 e os seus restos descansan, xunto aos do seu querido fillo, no cemiterio de Figueroa.


Mariví Villaverde, memoria do exilio galego, ca. 1979
Ver

Transcripción da Mariví Villaverde, memoria do exilio galego, ca. 1979

A experiencia vital de María Victoria Villaverde Otero estivo marcada polo exilio. Filla de Elpidio Villaverde, o último alcalde republicano de Vilagarcía de Arousa e deputado nas Cortes da República, tivo que exiliarse coa súa familia en Francia. Alí coñeceu a Ramón de Valenzuela. A II Guerra Mundial obrigou a familia a buscar un novo país de acollida e marchou cara a Arxentina. Ata 1944 non volve reunirse co seu mozo, que estaba no cárcere como preso político. Tras a súa voda en Vilagarcía e debido á represión franquista, deciden en 1949 marchar para Bos Aires. Alí traballa nas representacións de teatro galego da Federación de Sociedades Gallegas e dirixe xunto con Arturo Cuadrado o xornal Galicia, onde publica algúns artigos co pseudónimo de “Mª V. Arealonga”. Hai que destacar tamén as numerosas iniciativas que realizou a prol da defensa da muller emigrante na colectividade.
En 1962 a editorial Alborada de Luís Seoane publica a súa obra máis coñecida, Tres tiempos y la esperanza, na que dá testemuño do que foi a República e o exilio para tantos e tantas galegas. En 1966 retorna coa súa familia definitivamente a España e instálase en Madrid pero con Galicia sempre presente.


1957-00-00
María Casares, símbolo e referente do exilio galego, en 1957
Ver

Transcripción da María Casares, símbolo e referente do exilio galego, en 1957 en 00/00/1957

Filla de Santiago Casares Quiroga, último presidente do Goberno da República, con 14 anos tivo que fuxir a Francia coa súa nai. Alí viviu o seu exilio, tal como relata na súa biografía, Residente privilegiada, na que fai alusión ao permiso de residencia que lles outorgou o Goberno francés.
Estudou interpretación e chegou a converterse nunha das grandes damas do teatro francés. No cume da súa brillante carreira, viaxou a Arxentina coa compañía do Teatro Nacional Popular, dirixida por Jean Vilar. Para todos os galegos emigrados e exiliados a súa presenza e actuacións teatrais supuxeron momentos de afirmación colectiva e de orgullo. María Casares, ademais dunha actriz de gran sona, era unha muller que defendía nas súas declaracións as súas ideas republicanas e democráticas. E, como non, amosábase orgullosa da súa condición de galega, como podemos ler nunha entrevista realizada nesta viaxe por Víctor Luis Molinari, a quen lle afirma: «En este futuro yo me veo en Galicia, por los caminos de Galicia, representando para mi pueblo y dándole a él lo mejor de mi espíritu».
Nesta visita a Bos Aires participou en varios eventos coa colectividade: fixo unha ofrenda floral á estatua de Rosalía de Castro no Centro Galego e recibiu diversas homenaxes de varias entidades como o Centro Lucense, AGUEA ou o Consello de Galiza, con cuxos membros aparece retratada.
O Consello da Cultura Galega ten publicado un libro de María Lopo no que podemos coñecer máis en profundidade a súa vinculación coa súa terra natal baixo o título de O tempo das mareas. María Casares e Galicia.


1959-00-00
María Valverde. Unha das grandes voces líricas da nosa terra
Ver

Transcripción da María Valverde. Unha das grandes voces líricas da nosa terra en 00/00/1959

Esta artista galega, nacida en Santiago de Compostela, triunfou como cantante de ópera nos mellores teatros de Europa. Cunha excelente formación musical e dona dunha fermosa voz de contralto, debutou no Teatro Social de Milán coa ópera Il Trovatore. Triunfa axiña e actúa nos mellores teatros. A súa fama permitiulle integrar no seu repertorio a música galega tradicional e nas súas actuacións interpreta cancións populares galegas con grande éxito.
Tras un duro periplo camiño do exilio, instálase en Montevideo co seu home, o médico xienense Virgilio Garrido. Continúa a actuar nos principais teatros e desenvolve unha intensa actividade como docente. Muller progresista, estivo moi vinculada coa colectividade galega exiliada en Uruguai.
Pouco antes da súa morte en 1959, Xosé Neira Vilas publica en Galicia Emigrante unha entrevista na que podemos ler sobre a súa brillante carreira na que destaca a súa saudade de Galicia e a pena por non poder volver á terra. O escritor define a María como unha “galega íntegra, sin eufemismos, [que] deu xerarquía á nosa canzón popular, a que levou nos beizos polos máis prestixiosos escearios do mundo”.


1962-00-00
Maruxa Seoane, compañeira de vida e obra de Luís Seoane, 1962
Ver

Transcripción da Maruxa Seoane, compañeira de vida e obra de Luís Seoane, 1962 en 00/00/1962

María Elvira Fernández López era coñecida por todos como Maruxa Seoane. Ela viviu sempre á beira do gran pintor e intelectual galego Luís Seoane, acompañándoo en todas as vicisitudes vitais polas que tiveron que pasar e apoiándoo en todas as súas iniciativas. Xuntos no exilio e xuntos no retorno ata a morte do artista.
Grazas ao seu empeño, en Galicia podemos contar e gozar da Fundación Luís Seoane, que se encarga de difundir e preservar a obra do xenial artista. Ela mesma se ocupou de recuperar gran parte dos seus cadros e debuxos e traelos a Galicia para todos os galegos e galegas.
Foron mozos desde que eran moi cativos e sempre estivo ao seu carón. Mesmo cando, tras o estalido da Guerra Civil, Seoane tivo que fuxir a Arxentina, ela toma, pouco despois, o camiño do exilio para reunirse con el e tan pronto chega a porto casan para que as autoridades arxentinas permitan a súa entrada no país. Pasa a ser unha ama de casa dilixente e unha excelente anfitrioa para os seus numerosos amigos e colegas, así como a súa asistente no seu traballo como pintor, a súa axudante e mecanógrafa... e tamén colaborou activamente na edición da revista Galicia Emigrante, onde se encargou das seccións de “Gastronomía”, “Moreas de Humor” e “A Ramallada Florida” (dedicada á cultura popular galega, cantigas, refráns, trabalinguas...). Foi, así mesmo, unha presenza constante e participativa nas actividades culturais e sociais da colectividade.


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Martínez López, RamónIsla Couto, RamiroDelgado Gurriarán, FlorencioViqueira Landa, LuisaRaimúndez, AlexandreVillaverde, MarivíLamas Barreiro, ChitaViqueira López-Cortón, María LuisaCasares, MaríaLanda Vaz, JacintaViqueira, Xohán VicenteViqueira Landa, CarmenSeoane, LuísViqueira Landa, JacintoLaxeiro, Isla Couto, XaimeLamas Barreiro, FranciscoLiñares Giraut, Xosé AmancioOtero Pedrayo, RamónLópez-Cortón Viqueira, CarmenVázquez-Monxardín, AfonsoCabanillas Álvarez, RamónPaz-Andrade, ValentínCastelao, Cela, Camilo JoséToro, Antonio Raúl deMejía Ruiz, CarmenGuerra da Cal, ErnestoVelo, CarlosSoto, LuisCastelao, TeresaLeuter González Salgado, EleuterioPérez Buján, JavierLamas, FarrucoLanda, RubenSantiago, SilvioRodríguez Viqueira, ManuelAbalo, José LuisPita, EmilioIsla Couto, FidelPaz, MartaTobío Fernández, LoisBen-Cho-Shey, Carballa, XanFerreiro, Celso EmilioSuárez Picallo, RamónPaz-Andrade, AlfonsoCuadrado, ArturoLeón, María TeresaHermida Mondelo, Sabela Temáticas: Álbum de GalicialiteraturaMullereslinguaradiomigraciónsteatrocineemigraciónHistorias de ida e voltapoesíaLingua. Literaturaacción políticaMulleres no Álbum de Galicianacionalismopinturaidentidade culturalMemoria e voces femininas da diáspora galegaA literatura galega da posguerra en Ámerica artes plásticaspolíticaprensa escritaFondo: Arquivo da Fundación Pública Galega Camilo José CelaÁlbum de Galiciamúsicaartes escénicasautores/astraduciónacción socioculturalartesmúsica clásicaartistasempresasindustria editorialcrítica literariaensaionovelainfanciaexiliocienciafotografíaÁlbum da Ciencia

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0