Cine e educación: experiencias de Galicia e Portugal é o título da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Museo do Pobo Galego e a Asociación Cultural Olloboi, amosan este venres (10:00 horas) dinámicas consolidadas de pedagoxía do cine nas aulas galegas en diferentes niveis educativos. Ademais, tamén se achega ás prácticas que se están a desenvolver en Portugal. A sesión, coordinada por Cristina Domínguez, Beli Martínez, Ana Moreiras e José Manuel Sande, pódese seguir en directo desde o web institucional e a canle de Youtube.
03/04/2025
02/04/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o especialista en poesía popular galega, Domingo Blanco, asinaron esta mañá un acordo polo que Blanco lle cede á institución unha colección de rexistros sonoros en torno a música de tradición oral. Son 38 cassetes orixinais que recollen entrevistas a distintos informantes sobre cantiga improvisada. Os materiais custodiaranse no Arquivo Sonoro de Galicia, centro dependente do CCG, que procederá a súa dixitalización e difusión posterior.
02/04/2025
O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a biografía Francisco Conesa (La Unión, Murcia, 1944 - 2016). Na súa terra natal foi moi coñecido pola súa faceta de pintor e escultor, mentres que en Galicia "desenvolveu unha prolífica carreira como escenógrafo e deseñador de vestiario vinculada ao teatro galego". Así o explica Ana Abad de Larriva na entrada que hoxe se publica no web do CCG.
27/03/2025
Varios libros de actas, os estatutos iniciais e o proxecto de reforma dos mesmos, así como varias memorias... son algúns dos documentos da sociedadad Centro Benéfico e Social Hijos de la Estrada que este xoves se soben á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Esta iniciativa do Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), permite visibilizar fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega
26/03/2025
A arquitecta Teresa Táboas (Ciudad de México, 1961) reflexionará este xoves 27 de marzo (18:00 horas) no Consello da Cultura Galega (CCG) sobre os límites do territorio. A súa intervención forma parte do ciclo Pensarmos co que a Sección de Pensamento do CCG propón reflexionar sobre cuestións de actualidade. A cita, coordinada por Celia Pereira Porto, emítese en directo desde o web e a canle de Youtube da institución.
26/03/2025
O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a entrada da condesa de Barrantes, Julia Becerra Malvar (Salcedo, 1892-Madrid, 1974), tamén coñecida como “condesa Boa”. Detrás do seu título nobiliario “agóchase unha muller fascinante, que non tivo medo a meterse en política, enfermeira na Segunda Guerra Mundial, chegou a cantar na Scala de Milán, e foi anfitrioa do Pacto de Barrantes, considerado a orixe do primeiro Pacto de Autonomía de Galicia” afirma a xornalista Maruxa Alfonso Laya, autora da entrada que hoxe se publica no web do CCG.
25/03/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG), da man da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais, inicia en Boiro este mércores 26 de marzo (10:00 horas) o ciclo “Acceso á cultura en Galicia 2025”. Cinco xornadas (catro de recollida e unha de debate final) que se desenvolven entre marzo e xuño e atenden a catro perspectivas do dereito de acceso á cultura. A primeira das citas titúlase “Acceso á cultura e participación” e aborda o dereito a participar da cidadanía. A coordinadora da comisión do CCG, Paula Cabaleiro; o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o coordinador da xornada, Alberto García; máis a deputada provincial de cultura, Natividad González, inauguran esta sesión de traballo na que se exporán seis exemplos de boas prácticas que se están a desenvolver en diferentes lugares. A xornada non se emite en directo pero será gravada e subirase á hemeroteca á maior brevidade posible.
25/03/2025
Catálogo, revista especializada, libro de artista, fanzine... son variados os formatos das publicacións artísticas. Sobre as diferentes vertentes e ás súas problemáticas e posibilidades profunda a xornada deste mércores 26 de marzo (17:00 horas) coa que se pecha o ciclo Arte en tempo real. Lucia Yáñez coordina esta sesión organizada no marco da actividade da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) coordinada por Paula Cabaleiro. A cita é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e a canle de Youtube do CCG.
20/03/2025
Traducir ao galego os programas de tramitación utilizados no ámbito xudicial así como os modelos de documentos máis frecuentes da administración. Son algunhas das medidas concretas que se propuxeron este xoves no marco da mesa “Administración, a xustiza e os servizos públicos” coordinada por Alba Nogueira, que apuntou posibilitarán “avanzar para que a administración e a xustiza lle falen á sociedade na súa lingua” . Esta sesión forma parte do proxecto Un país coa súa lingua. Foro Participativo que puxo en marcha o Consello da Cultura Galega (CCG) para ofrecer medidas propositivas sobre a situación do galego. “Insistimos na importancia de traballar con todas as portas abertas e implementar medidas coas ferramentas actuais para reverter a situación que xa está diagnosticada” insistiu Dolores Vilavedra, coordinadora este foro e vicepresidenta do CCG. As sesións continúan o 23 de abril coa mesa “Sanidade, ciencia e servizos sociais”, moderada por Iolanda Casal.
20/03/2025
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de marzo cinco números de Adiante, publicación oficial das Mocedades Galeguistas, filial da sociedade arxentina Irmandade Galega.
19/03/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) expresa o seu fondo pesar polo pasamento da fotógrafa catalá Anna Turbau (Barcelona, 1949-2025). Fotógrafa social, Turbau morreu esta madrugada en Barcelona, onde residía. Mantivo unha estreita relación con Galicia que se iniciou en 1975, cando chegou xunto con Llorenç Soler para retratar as vivendas para familias xitanas construídas por César Portela e Pascuala Campos en Campañó (Poio). Arrincou así unha estadía de tres anos na que fotografou, entre outros movementos sociais, as loitas para conservar los montes veciñais, as protestas contra a construción da AP-9 ou a realidade dos Ancares. Un arquivo fotográfico formado por preto de dez mil fotografías que a propia Turbau cedeu ao CCG para a súa custodia e difusión.
13/03/2025
Na década dos oitenta, saíron ao prelo Recuperemos as mans é Evidencias, dúas contribucións imprescindíbeis de María Xosé Queizán como pensadora galega ao debate feminista. O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta este venres no MARCO de Vigo (19:00 horas) a reedición conmemorativa deses textos, nunha xornada que servetamén de homenaxe á autora. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, asiste a este encontro no que participan Carme Adán, Helena González, María Xosé Porteiro, Iolanda Veloso, Marga do Val e Inma López Silva.
12/03/2025
Aurora Pereira Carballo (Santiago, 1940-2023), coñecida como Aurichu Pereira, foi ”unha muller loitadora e unha creadora valente”. Así describe Mercedes Rozas a esta pintora, deseñadora, creadora e activista cultural na entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega.
12/03/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG), a través da Sección de Patrimonio e Bens Culturais e coa colaboración da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (UDC), desenvolve este xoves 13 no Museo do Mar de Galicia (Vigo, 10:00 horas) a xornada “O Patrimonio cultural nos espazos portuarios de Galicia”. Unha cita que reflexiona sobre o valor cultural, analiza a complexidade da protección do patrimonio portuario e na que se presentan dous exemplos de actuacións arquitectónicas nestes espazos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta cita que está coordinada por Teresa Nieto e Patricia Muñiz Feira. A sesión non se emite en directo pero será gravada e subirase con posterioridade ao web do CCG.
11/03/2025
Cales son os retos do libro galego? Cales as súas apostas? Como de diversos os seus perfís? A que públicos lles falta por chegar? E, moi especialmente, que espazo teñen o lectorado e o libro galego nelas? Estas son algunhas das preguntas ás que pretende responder a xornada “As librarías, un ecosistema posible para o libro galego” que organiza este mércores (a partir das 16:30 horas) a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, coordinada por Montse Pena e Rosalía Fernández Rial, pódese seguir en directo desde o web da institución e a súa canle de Youtube.
11/03/2025
Son 231 cartas recibidas polo premio Nobel, Camilo José Cela, con boa parte dos autores máis significados da cultura do país na segunda metade do século XX. A dixitalización e posta a disposición pública do fondo destas cartas presentouse este martes na sede da Fundación Pública Camilo José Cela. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, salientou a “ampla e tupida rede de relacións de diverso tipo que mantivo coa sociedade galega, tanto no tecido da intelectualidade galeguista e académica en sentido máis amplo, coma noutros ámbitos”. Mentres que o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, destacou que permitirá “coñecer máis de cerca o sentimento de galeguidade do Premio Nobel”. Pola súa parte, Covadonga Rodríguez, directora-xerente da fundación que custodia o legado do autor, lembrou que se trata dunha primeira fase do inxente fondo epistolar que se conserva. As cartas xa están dispoñibles para consulta desde o sitio web do CCG.
11/03/2025
Achégase a data do Día Mundial da Auga, que se celebra cada 22 de marzo, e a nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), achégase á súa importancia. Unha ducia de vídeos para afondan na auga, nas súas características, nas súas problemáticas e nalgúns dos seus múltiples aproveitamentos (natural, patrimonial, médico, turístico ou enerxético) baixo o título “A auga: unha molécula fundamental”.
08/03/2025
Cóscara, abelleira, saltasebes, ourego bravo, balsamina, seixebra son moitas as denominación que Martín Sarmiento (1695-1772) documentou sobre este vexetal frecuente en Galicia e que ten virtudes para curar enfermidades do bazo e outras doenzas. Todas elas están recollidas en Martín Sarmiento: Discurso crítico-botánico sobre el vegetable gallego Seixebra publicación inédita do frade que ultima o Consello da Cultura Galega (CCG). Co gallo do terceiro Día do Naturalismo, que se celebra o 9 de marzo por coincidir no día do nacemento de Sarmiento, o CCG ofrece un avance deste texto xunto cunha reprodución da ilustración da planta.
07/03/2025
A Coordinadora Feminista Donicela (CFD) foi un colectivo vigués moi activo na década de 1990. Fomentaron a reflexión sobre a situación das mulleres, facilitaron cursos de formación e encheron numerosos espazos públicos con consignas propias animadas con rimas e músicas extraídas do cancioneiro tradicional ou das cancións máis populares, adaptadas ás reivindicacións feministas do momento. Vinte anos despois da súa disolución, diferentes integrantes do colectivo xuntáronse no grupo de traballo Coordinadora Feminista Donicela. Facendo historia para escribir a entrada do Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), que se sobe na véspera do 8M, Día Internacional das Mulleres. Proxeccións, materiais documentais e novas entradas do álbum completan as accións da institución arredor desta data.
06/03/2025
A presidenta, Rosario Álvarez, e a Comisión Executiva recibiron esta mañá a visita dos membros da Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia. Na xuntanza abordaron a situación do sector cultural galego ademáis de coñecer de primeira man as diferentes liñas de traballo da institución.
04/03/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) traballa arredor do movemento feminista e da situación das mulleres de xeito permanente e continuado ao longo de todo o ano a través do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), entre outras actividades. Con todo, arredor da data 8 de marzo, Día internacional das Mulleres, desenvólvense algunhas accións concretas para reforzar e visibilizar esta liña de traballo. Coma vén sendo habitual, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, prográmanse audiovisuais que foron producidos ou dirixidos por mulleres no ciclo Olladas de muller que cumpre 13 edicións e arrinca este mércores 5 (Filmoteca de Galicia, A Coruña, 18:00 horas) coa última película de Margarita Ledo Prefiro condenarme. Ademais, a Hemeroteca Feminista A Saia sobe á rede unha nova cabeceira para contribuír a divulgar os fondos dos movementos feministas e LGTBIQ+ na historia contemporánea. As entradas do Álbum de Galicia deste mes de marzo están todas protagonizadas por mulleres.
03/03/2025
O festival O Son do Camiño (12,7%), Manuel Rivas (5,7%), o Culturgal (4,7%), Fillas de Cassandra (4,2%) e a celebración do Día das Letras Galegas (4,1%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2024, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia. Así figura no adianto da nova entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG).
27/02/2025
Unha medida piloto que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros) coa finalidade de ser implementada para compensar a menor presenza social do galego. Esta é unha das ideas centrais que se propuxeron no marco da xornada “Educación e socialización”, coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha o proceso Un país coa súa lingua. Foro participativo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que “abrimos un debate para propiciar consensos no marco do noso labor asesor e consultivo e pedimos que todo o país estea unido en favor da súa lingua”. Pola súa parte, a vicepresidenta do CCG e coordinadora do proceso, Dolores Vilavedra, explicou que “en outubro teremos un documento final con propostas concretas de aplicación inmediata”. O foro continúa o 20 de marzo, cunha mesa coordinada por Alba Nogueira e co título “Administración, xustiza e servizos públicos”.
27/02/2025
En agosto de 1920 un grupo de emigrantes en Cuba procedentes das parroquias veciñas de San Xoán de Calo (Teo) e de Santa María de Biduído (Ames), deciden crear unha sociedade para, entre outros fins sociais, financiar a construción de escolas na súa terra natal. Documentación desta sociedade chamada "Calo y Viduido. Sociedad de instrucción, recreo y socorros mutuos" forma parte da nova entrega do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, co que o Arquivo da Emigración Galega, servizo do Consello da Cultura Galega (CCG), visibiliza fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega
26/02/2025
“A educación e a socialización” é o tema da mesa coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) abre este xoves (16:00 horas) o proceso Un país coa súa lingua. Foro participativo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora do foro, Dolores Vilavedra, e o coordinador desta sesión, Nel Vidal, son os encargados de inaugurar esta primeira xornada, que busca propor medidas concretas sobre o modelo educativo no que se adquire a competencia da lingua galega na infancia e na adolescencia, en relación con outras dinámicas e espazos para a socialización. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo a través do sitio web da institución e da canle de YouTube. O foro conta con diferentes formas de participación para que a cidadanía poida achegar as súas propostas en calquera momento do proceso.
26/02/2025
Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906) foi, ademais de poeta e narrador, xornalista de oficio que “actuou sobre a cultura galega do seu tempo e moi consciente do seu papel de promotor de ideas de restauración cultural no seo do pobo”. Así o asegura Afonso Vázquez-Monxardín, autor da entrada que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega. Nela define a Lamas Carvajal como “o cuarto pé do Rexurdimento”.
25/02/2025
“Museos e coleccións” é o título da cuarta xornada do ciclo Arte en tempo real que organiza este mércores 26 de febreiro (16:30 horas) a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que coordina Paula Cabaleiro. O director da Fundació Foto Colectania de Barcelona, Pepe Font de Mora; a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve e o director do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Xoán Pastor Rodríguez, son algúns dos especialistas que asisten a esta cita que analiza a estrutura do sistema artístico. Rosario Sarmiento e Sofía Santos coordinan esta xornada presencial e que pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.
25/02/2025
Lucía Freitas, Ana Portals, Consuelo Rodríguez Ribadulla e María Xosé Sanmartín Rodríguez son catro mulleres cociñeiras e innovadoras. Elas protagonizan “Saberes e sabores. Mulleres que alimentan a vida”, unha peza audiovisual dirixida por Encarna Otero e realizada pola Comisión Técnica Imaxes e Voces do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez; o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril; Encarna Otero mais o equipo técnico e as protagonistas asisten este martes 25 de febreiro en Arzúa (capela da Madanela, ás 19:00 horas) á estrea deste audiovisual, que pretende servir de mostra do traballo anónimo e invisible das mulleres no mundo da cociña. Ao remate haberá unha actuación musical a cargo de diferentes integrantes da agrupación local “O Bringuelo”.
19/02/2025
Adolfina Casás Rama e mais a súa sobriña Rosa foron dúas labregas e cantareiras da Vila da Igrexa (Cerceda). Nunca actuaron para o público xeral, só para familiares e veciñanza, ambas foron entrevistadas por Dorothé Schubarth para o Cancioneiro Popular Galego. Son tamén algunhas das cantareiras recoñecidas neste 2025 co Día das letras Galegas. O Consello da Cultura Galega (CCG), no marco do seu proxecto Álbum de Galicia, acaba de subir a entrada biográfica que recolle o seu legado. Foi escrita por Richi Casás, neto e afillado das cantareiras.
18/02/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG), a través da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, inaugura neste ano un novo ciclo para repensar o territorio. O proxecto chámase Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural (ETTPC) e estenderase ao longo do bienio 2025-2026. Cada dous meses haberá unha xornada de dous días que permitirá escoitar o relatorio de especialistas sobre as diferentes materias propostas máis un debate con expertos galegos. O ciclo arrinca mañá (mércores 19 e xoves 20, ambos os dous ás 17:00 horas) cun encontro sobre a paisaxe. Teresa Nieto, Carlos Amoedo e Rebeca Blanco-Rotea coordinan este ciclo presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo.


