Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Limpar
Resultados da busca para: 'Luís Seoane'
Amosando noticias 1 a 20 de 100

Aberto un espazo web con material e recursos documentais sobre Otero Pedrayo e o seu legado

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888–1976) foi profesor, ensaísta, novelista, xeógrafo e xornalista, e unha das figuras máis completas e influentes da cultura galega. No marco do “Ano Oteriano”, que celebra o 50 cabodano, o Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de abrir no seu sitio web un espazo que concentra todos os recursos elaborados pola institución ao fío do patriarca das letras galegas. Discursos, epístolas, publicacións, gravacións sonoras, especiais, a entrada biográfica e outros fondos documentais (artigos, manuscritos, etc.) compoñen este espazo que estará en permanente actualización. Con Otero Pedrayo ábrese unha nova forma de acceso aos contidos do CCG a través dos seus protagonistas.

Ler máis

Unha xornada revela novas claves da obra e da traxectoria esquecida de Francisco Miguel

O ciclo Revisando a nosa arte que organiza a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) detívose este mércores na figura do pintor coruñés Francisco Miguel, asasinado en 1936, e puxo sobre a mesa novas achegas sobre a súa evolución artística, a dispersión da súa obra e o seu papel dentro dunha xeración truncada pola guerra e a represión. O crítico de arte Carlos L. Bernárdez, o escritor Manuel Rivas, a comisaria de exposición Rosario Sarmiento xunto coa vicepresidenta da agrupación cultural Alexandre Bóveda, Carmela Galego, participaron nesta sesión coordinada por Ramón Rozas. “Estamos en tempo de facer xustiza reparativa e afectiva” apuntou Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG na apertura da sesión. Pola súa parte, a coordinadora da sección, Paula Cabaleiro, destacou que é “un pequeno gran de area que podemos achegar desde o CCG no proceso de resignificación da súa figura”.

Ler máis

O industrial Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Antonio Raimundo Ibáñez (Ferreirela de Baxo, 1749 - Ribadeo, 1809). Foi un empresario industrial e mercantil que impulsou a creación dun dos primeiros altos fornos do país, que serviu para modernizar a sociedade local da época, eminentemente labrega. Xosé Ramón Fandiño é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.

Ler máis

O escenógrafo e pioneiro do teatro galego, Xoán Manuel López Eirís, entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Xoán Manuel Lípez Eirís (Carballo, 1952- A Coruña, 2017). Foi un actor, escenógrafo e deseñador de vestiario e unha figura pioneira do Teatro Independente Galego que participou na fundación da Escola Dramática Galega. Ao longo da súa vida profesional estivo vencellado a Casahamlet, traballou co actor e dramaturgo, Manuel Lourenzo e diversas agrupacións como o Teatro Circo, a Compañía Luís Seoane, o Centro Dramático ou Teatro Elsinor. Ana Abad de Larriva é autora da entrada que xa está dispoñible.

Ler máis

Incorpórase ao Álbum de Galicia a biografía de Paco Conesa, escenógrafo e pintor vencellado ao teatro galego

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a biografía Francisco Conesa (La Unión, Murcia, 1944 - 2016). Na súa terra natal foi moi coñecido pola súa faceta de pintor e escultor, mentres que en Galicia "desenvolveu unha prolífica carreira como escenógrafo e deseñador de vestiario vinculada ao teatro galego". Así o explica Ana Abad de Larriva na entrada que hoxe se publica no web do CCG.

Ler máis

Súmase ao Álbum de Galicia a entrada da pintora e creadora Aurichu Pereira

Aurora Pereira Carballo (Santiago, 1940-2023), coñecida como Aurichu Pereira, foi ”unha muller loitadora e unha creadora valente”. Así describe Mercedes Rozas a esta pintora, deseñadora, creadora e activista cultural na entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega.

Ler máis

Dispoñible parte do epistolario galego recibido por Camilo José Cela

Son 231 cartas recibidas polo premio Nobel, Camilo José Cela, con boa parte dos autores máis significados da cultura do país na segunda metade do século XX. A dixitalización e posta a disposición pública do fondo destas cartas presentouse este martes na sede da Fundación Pública Camilo José Cela. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, salientou a “ampla e tupida rede de relacións de diverso tipo que mantivo coa sociedade galega, tanto no tecido da intelectualidade galeguista e académica en sentido máis amplo, coma noutros ámbitos”. Mentres que o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, destacou que permitirá “coñecer máis de cerca o sentimento de galeguidade do Premio Nobel”. Pola súa parte, Covadonga Rodríguez, directora-xerente da fundación que custodia o legado do autor, lembrou que se trata dunha primeira fase do inxente fondo epistolar que se conserva. As cartas xa están dispoñibles para consulta desde o sitio web do CCG.

Ler máis

O CCG lamenta o pasamento de Justo G. Beramendi, historiador do galeguismo político

O Consello da Cultura Galega lamenta a morte do historiador Justo G. Beramendi, sucedida a pasada madrugada en Santiago de Compostela de xeito repentino. Justo G. Beramendi foi catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e é unha das figuras referenciais para comprender, desde o punto de vista histórico, a articulación do galeguismo político entre os séculos XIX e XX. De feito, o seu libro De provincia a nación. Historia do Galeguismo político recibira o Premio Nacional de Ensaio en 2008. As súas publicacións ofrecen un marco amplo para comprender as dinámicas sociais, xeracionais, políticas nas que se insertaron movementos, partidos políticos e figuras relevantes da historia e cultura galegas.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora varias publicacións editadas pola Casa de Galicia de Montevideo

A Casa de Galicia de Montevideo constituíuse como unha asociación integrada pola colectividade galega residente na capital do Uruguai. Ao longo da súa existencia editou diferentes cabeceiras, coas que buscaba informar sobre a vida societaria e divulgar a cultura galega alén mar. Alma Gallega foi o seu voceiro oficial de 1919 a 1927 e, posteriormente, de 1935 a 1967, tivo unha segunda época. A partir deste ano, a entidade publicou de xeito puntual algúns números para conmemorar os seus aniversarios fundacionais e en 1991 comezou a editar un novo voceiro baixo o nome Casa de Galicia. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora neste mes de febreiro varios exemplares destas publicacións. En concreto, súmanse dous números da primeira época de Alma Gallega e seis da segunda, dous exemplares conmemorativos do cincuenta e noventa aniversario da entidade e o primeiro número de Casa de Galicia.

Ler máis

A biografía de Francisco Pillado Mayor incorpórase ao Álbum de Galicia

Francisco Pillado Mayor (A Coruña, 1941–2021) consolidouse como un dos grandes impulsores e estudosos do teatro galego. Dramaturgo, director teatral e investigador, foi un dos fundadores da Agrupación Cultural O Facho e da Escola Dramática Galega. Ademais, desenvolveu un importante labor como escritor, tradutor e editor, malia que “a súa gran paixón e vocación” foi a música, na que sobresaíu como pianista. Así o subliña Ana Abad de Larriva na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

A biografía de Lino Braxe incorpórase ao Álbum de Galicia

Lino Braxe (Mugardos, 1962 – A Coruña, 2020) foi un artista multidisciplinar, pois desenvolveu unha traxectoria profesional como poeta, actor, director, artista plástico, locutor de radio e cantante. Ademais, dedicouse á crítica, á investigación e á edición literaria tanto en Edicións Proscritas, o seu selo editorial, como noutras entidades. Este amplo abano de eidos en que desenvolveu a súa actividade converteuno “nunha figura poliédrica da cultura galega”, subliña Ana Abad de Larriva. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

A biografía de Isabel Martínez-Barbeito entra no Álbum de Galicia

Con motivo da conmemoración do Día das Bibliotecas, o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a entrada da bibliotecaria e arquiveira Isabel Martínez-Barbeito (A Coruña, 1918-2007). Intelectual comprometida coa preservación e difusión do patrimonio cultural, amosou ao longo de toda a súa vida unha preocupación constante por “contribuír ao acceso á cultura”, sobre todo “á relacionada coa promoción e a historia da Coruña”. Así o subliña a autora da súa biografía, Susana Guitar Novo.

Ler máis

Visita do alumnado do instituto arxentino-galego "Santiago Apóstol"

A presidenta, Rosario Álvarez, e a responsable de Acción Exterior, Emilia García, recibiron esta mañá a un grupo de alumnos de quinto de secundaria do instituto arxentino galego “Santiago Apóstol”, que realiza anualmente unha viaxe de estudos por Galicia. Acompañados polas docentes Cecilia Borgo e Victoria Beni, coñeceron a institución, viron a variedade de recursos que poden atopar nas nosas webs e recibiron un pequeno agasallo (un CD coas Cantigas de Santa Maria, unha edición do “Alba de Gloria” de Castelao e, por suposto, unha obra de Luis Seoane: a reprodución facsímile do “Fardel de Eisilado” cun estudo introdutorio de Gregorio Ferreiro Fente). Nese intercambio cultural, o alumnado deixou para o CCG un gravado do artista arxentino Rafael Gil (Bos Aires, 1942).

Ler máis

O Álbum de Galicia suma as entradas de catro membros do Seminario de Estudos Galegos

No ano en que o Seminario de Estudos Galegos (SEG) conmemora o centenario da súa creación, o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) está a incorporar as entradas de diferentes membros vinculados coa institución. No día de hoxe súmanse á colección as biografías de Luciano Fariña Couto (1916-2011), Antonio Iglesias Vilarelle (1891-1971), Manuel Lago González (1865-1925) e Sebastián González García-Paz (1908-1967). Asínanas, respectivamente, Francisco Fariña, José Antonio Cantal, Xosé Ramón Fandiño e Adrián Estévez.

Ler máis

O ciclo Revisando a nosa arte analiza a obra do pintor expresionista Alberto Datas

Alberto Datas foi unha das figuras clave no movemento de renovación que experimentou a arte galega nos anos oitenta. Vinculado ao grupo Atlántica, destacou pola súa particular representación da condición humana, da natureza e da crise da nosa civilización a través dunha obra en que o xesto, a cor e a materia son os protagonistas. Co fin de profundar no imaxinario do pintor e na súa traxectoria artística, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedícalle este mércores, 31 de maio (19:00 horas), unha nova xornada do ciclo Revisando a nosa arte. A sesión, coordinada por Paula Cabaleiro, desenvolverase de xeito presencial na Casa das Campás (Pontevedra). A cita non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 51 números da revista A Nosa Terra

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora 51 números da cabeceira A Nosa Terra. Editada pola Irmandade Galega de Bos Aires entre os anos 1942 e 1972, a publicación, de carácter político, tiña como fin principal informar dos propósitos dos grupos nacionalistas de Bos Aires e América. Ademais, tamén se incluían novas sobre a situación da colectividade e de Galicia. Os exemplares dixitalizados que se agregan neste mes de marzo pertencen a diversos exemplares publicados entre os anos 1944 e 1972 e, malia que a maioría deles están depositados no AEG, tamén se incorporaron algúns cedidos por Xosé María Rei Lema do fondo de Roberto Veloso, cuxo orixinais se conserva na Biblioteca de Baio.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Cidade Autónoma de Bos Aires promoverán a cultura galega na capital arxentina

Preservar e difundir o legado cultural, histórico e artístico da colectividade galega de Bos Aires é un dos cometidos do protocolo de colaboración que acaban de asinar dixitalmente a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e Emmanuel Ferrario, vicepresidente primeiro da Lexislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires. O convenio, resultado dunha relación bilateral mantida no tempo entre ambas entidades, posibilitará a realización de novas accións, entre as que destaca unha exposición que afonda na relación de Castelao con Arxentina.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Manuel Gómez Román, arquitecto do Seminario de Estudos Galegos

Construíu máis de dúas mil obras, a maioría en Vigo e na súa contorna, e os seus proxectos estaban influídos polo Barroco porque “para el, a orixinalidade debía de basearse na tradición, na orde e no gusto, achegando estilisticamente o edificio urbano ao pazo rural”. Así describe Xosé Ramón Fandiño o traballo de Manuel Gómez Román (Vigo, 1875 - 1964), arquitecto que formaba parte do Seminario de Estudos Galegos (SEG), na entrada que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia. Co gallo do centenario desta entidade, que se celebrará ao longo deste 2023, a colección bibliográfica do Consello da Cultura Galega (CCG) irá incorporando entradas das súas figuras máis destacadas.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reforzarán a dixitalización de fondos de sociedades do exterior

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reforzarán a dixitalización de fondos de sociedades do exterior

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodíguez Miranda revisaron as actuacións conxuntas para o coñecemento e divulgación da emigración galega no marco da xuntanza que mantiveron na sede do CCG. A dixitalización dos fondos de sociedades de emigrantes na Península Ibérica, así como os referentes aos procesos de emigración galega centrarán as liñas de acción para os vindeiros meses.

Ler máis

O Plenario aproba o plan de actividades para 2023

O Consello da Cultura Galega desenvolveu unha sesión plenaria no serán deste xoves na que aprobou o plan de actividades para 2023. A celebración do corenta aniversario, a internacionalización da cultura galega e a acción exterior centrarán un ano en que a institución continuará coa súa actividade habitual de investigación, documentación, arquivo e asesoría. Entre as actividades previstas para o vindeiro ano destaca o foro Pensar o mundo desde Galicia, no que destacadas personalidades reflexionarán sobre sete temas, entre eles a intelixencia artificial, as sociedades multiculturais ou unha revisión dos modelos para unha economía de cultura. Ademais, incorporouse ao pleno Xesús Palmou, en representación da Real Academia Galega de Xurisprudencia.

Ler máis