Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 21 a 40 de 3707

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora novos exemplares da cabeceira Lugo

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de novembro un novo lote de exemplares do xornal Lugo: Órgano oficial del Centro Lucense de Buenos Aires. Nesta ocasión súbense 210 números que se corresponden co período comprendido entre 1951 e 1968, cos que se completa a posta na rede dos números dispoñibles no AEG.

Ler máis

A biografía da pedagoga María Salvado entra no Álbum de Galicia

María Salvado (Budiño, O Pino, 1950- Santiago, 2024) foi unha activista política e sindical e unha das figuras fundamentais da renovación pedagóxica galega desde finais da década de 1960. Cando se cumpre o primeiro cabodano do seu pasamento, a súa biografía acaba de incorporase ao Álbum de Galicia, cunha entrada escrita por Antón Lopo.

Ler máis

Unha xornada reflexiona sobre a vixencia e desafíos do Centro Dramático Galego

“Centro Dramático Galego, vixencia e contribución da institución ao futuro da creación escénica galega” é o título da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) revisa este martes (10:00 horas) a situación desta unidade de produción teatral pública. É tamén a primeira cita dun ciclo que afondará no papel das institucións culturais galegas actuais. Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG, xunto con Cristina Domínguez, coordinadora da sección e tamén da xornada xunto con Eduardo Alonso e Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, inauguran esta sesión que se pode seguir en directo no web e na canle de YouTube da institución.

Ler máis

Comeza no ILG o simposio que aborda as oportunidades e riscos para o galego da intelixencia artificial

“A intelixencia artificial e a lingua galega: oportunidades e riscos” é o título do simposio do Instituto da Lingua Galega (ILG) que analiza o presente e o futuro da lingua galega na era dixital. Durante tres días especialistas de diferentes ámbitos reflexionarán sobre as novas perspectivas e tamén abordará os problemas éticos e legais e as repercusións para diferentes profesións. O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora con este simposio coa edición do volume que recolle as intervención dos especialistas.

Ler máis

A Asociación Cultural Val de Láncara concede a María Vázquez o premio Ramón Piñeiro, facer país

A actriz María Vázquez é a gañadora da XXIII edición do Premio Ramón Piñeiro Facer país que concede a Asociación Cultural Val de Láncara. “É unha muller galega, comprometida coa lingua galega, defensora do rural con humildade e compromiso” destacou Lucía Arrojo Vázquez, membro da asociación, na comunicación do fallo que tivo lugar este luns no Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, sinalou o valor deste certame que “é un modelo de pluralidade e de traballo pola cohesión do territorio”. Na presentación do resultado estaba tamén Xurxo Rodríguez, en representación da asociación, e a concelleira de cultura de Láncara, Alba Sangil.

Ler máis

Un informe urxe mellorar os procedementos de protección do patrimonio cultural inmaterial

“A situación da salvagarda do patrimonio cultural inmaterial” é o título do informe que a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Teresa Nieto, acaba de presentar no marco dunha xornada homónima. O encontro, encamiñado a visibilizar a importancia do recoñecemento deste tipo de bens, subliñou a necesidade de facelo cos procedementos, documentación e rigor que establece o marco normativo, ademais de contar co apoio das comunidades portadoras. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración da xornada a importancia da implicación das comunidades na preservación e nas medidas de protección para garantir un patrimonio vivo. Ademais, destacou que “a educación patrimonial segue a ser a materia pendente”.

Ler máis

Inaugurada en Vigo unha mostra que se achega á historia do movemento LGTBQ+ na Transición

O 26 de xuño de 1981 as rúas de Vigo acolleron a primeira manifestación do Orgullo en Galicia. Tralas consignas “Pola liberdade sexual” ou “Non á represión da homosexualidade” as marxes ocuparon o centro ante a mirada atónita das persoas viandantes. As imaxes daquel momento, captadas polo avogado laboralista Xabier Mañón, xunto coa reconstrución dunha das históricas pancartas, poden verse en Pegadas para un tempo novo, a exposición de pequeno formato que a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou na tarde deste xoves 13 de novembro no edificio Redeiras da Universidade de Vigo, xunto con Carme Adán, coordinadora do CDIF, e a comisaria, Daniela Ferrández.

Ler máis

A preservación do patrimonio inmaterial a debate

Na véspera do Día Mundial do Patrimonio que se celebra cada 16 de novembro, a sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) dedica este xoves (sede da institución, 9:30 horas) unha xornada analizar a situación e a protección do patrimonio vivo. “A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia” é o título desta sesión que pon o ramo a un ano de traballo no que se analizaron diferentes casos e se pon sobre a mesa un informe sobre a preservación destes bens inmateriais. Teresa Nieto, responsable da sección de Patrimonio do CCG, e Ana Estévez Lavandeira coordinan esta cita que tamén se pode seguir en directo desde o web da institución.

Ler máis

Unha xornada destaca o humanismo político de Castelao

“Castelao foi artista, intelectual e político, e esa tripla mirada dálle unha capacidade rara de xuntar emoción cívica, criterio moral e deseño institucional” afirmou Paulo Carlos López, coordinador da xornada “Castelao: democracia e paz” que o Consello da Cultura Galega (CCG) organizou na mañá deste martes xunto co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago de Compostela. A vicepresidenta do CCG, Dolores Vilavedra, inaugurou a sesión que puxo en diálogo os textos do intelectual coas intervencións de Serxio María Rodríguez, Tamara Andrés Padín e Iria Friné Rivera que conectaron o seu pensamento co contexto internacional actual.

Ler máis

Unha mesa redonda achégase ao pensamento de Castelao sobre a democracia e a paz

O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, organiza este martes (facultade de Ciencias Políticas e Sociais, 12:00 horas) a actividade “Castelao: democracia e paz”, un encontro dedicado a examinar a visión que Afonso Daniel Rodríguez Castelao formulou sobre a democracia e a paz no mundo. O acto pretende poñer en diálogo os textos do intelectual rianxeiro cunha pluralidade de voces contemporáneas —especialmente novas— que contribúan a conectar o seu pensamento co contexto internacional actual.

Ler máis

O especial “Proxector” achégase á física cuántica cunha ducia de vídeos divulgativos

A nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en lingua galega promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), leva por título “Física cuántica: o enigmático mundo do pequeno” e conmemora dúas efemérides: o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica e o XVI Día da Ciencia en Galego. Unha ducia de vídeos ofrecen unha viaxe divulgativa polo universo das partículas subatómicas e as tecnoloxías de vangarda que delas se derivan.

Ler máis

Unha mostra e un coloquio afondan en Lisboa na pegada de Camões na cultura galega

Portugal celebra o 500 aniversario do nacemento dunha das figuras máis sobranceiras da cultura portuguesa: Luís Vaz de Camões. O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) máis a Cátedra de Estudos Galegos da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL), organizan varias actividades en Lisboa encamiñadas a estreitar as relacións entre a cultura galega e portuguesa no marco dos actos conmemorativos. Unha delas é a exposición “Sob o signo de Camões. Exposição do livro galego da FLUL” que a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta tarde. Outra é encontro-diálogo “Vidas paralelas” que terá lugar mañá mércores no que participan Hélio Alves e Xosé Manuel Dasilva e que afonda na pegada e no impacto creativo da obra camoniana nos autores máis importantes da literatura galega.

Ler máis

O oitava edición do ciclo "Dramaturxias Itinerantes" recunca en Vigo e Porto

O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto, o Camões-Centro Cultural Português de Vigo máis o Centro de Cultura Politécnico do Porto, presentan a oitava edición de "Dramaturxias Itinerantes". Un ciclo que pon en diálogo a dramaturxia contemporánea de autoría feminina en Galicia e Portugal. Esta edición, que terá lugar este luns 10 de novembro (16:00 horas) no Centro de Cultura Politécnico do Porto e martes 11 na ESAD de Vigo (17:00 horas), contará coa participación das dramaturgas Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman (que conforman a compañía A Panadaría) e a portuguesa Inês Filipe, que presentarán as obras As que limpan e A morte da sereia, respectivamente. Ambas representacións contarán cun coloquio posterior coas autoras.

Ler máis

Unha xornada analiza os contos populares na obra de Vicente Risco

“Do conto popular e as súas reescrituras. Vicente Risco no xerme da literatura infantil galega” é o título co que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación Vicente Risco pretenden poñer en valor a relevancia da obra de Risco na conservación, reinterpretación e proxección da tradición oral galega ademais de afondar no seu papel na xénese da literatura infantil e xuvenil do país. A cita, que se desenvolve este sábado en Allariz (8 de novembro, 10:00 horas) non se emite en directo pero será gravada o material subirase ao web do CCG.

Ler máis

Especialistas destacan as lagoas lexislativas nos casos de violencia económica contra as mulleres

O control económico, a explotación financeira e a sabotaxe laboral son algunhas prácticas analizadas hoxe por profesionais do dereito, da investigación e do ámbito laboral na xornada “A violencia económica”, organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL). As presidentas de ambas entidades, Rosario Álvarez e Antía Domínguez, salientaron na inauguración a relevancia desta primeira colaboración conxunta, “especialmente pola reflexión colectiva necesaria para erradicar a violencia e a discriminación contra as mulleres”. Ademais, Carme Adán, coordinadora da xornada e directora do CDIF, subliñou que a violencia económica é unha das formas de violencia máis naturalizadas e invisibilizadas, e lembrou que afecta a máis do 90 % das mulleres que sofren control psicolóxico.

Ler máis

Uunha xornada afonda na situación do jazz en Galicia

“Sobrevivir no jazz en Galicia: entre a paixón e a profesión” é o titulo da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) profunda este xoves (a partir das 16:30 horas) na situación do jazz en Galicia. Ramón Pinheiro Almuinha e Felipe Vilar coordinan esta cita que pon o foco nas condicións de creación, na memoria do xénero e nas oportunidades de desenvolvemento dun sector cada vez máis internacional e plural. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e a Canle de YouTube da institución.

Ler máis

O CDIF aborda a violencia económica como antesala ao 25N

“A violencia económica” é o título da xornada coa que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Consello Galego de Relacións Laborais, se achega a unha reivindicación histórica do feminismo e da loita das mulleres como é a independencia económica. Profesionais do ámbito da maxistratura, da avogacía, da inspección de traballo e dos sindicatos laborais achegarán o seu punto de vista sobre ese asunto na sesión deste mércores 5 de novembro (9:45 horas). Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Antía Sández Callejo, presidenta do Consello Galego de Relación Laborais, inauguran esta xornada presencial que se pode seguir en directo desde o web e a Canle de YouTube da institución.

Ler máis

Un volume analiza como se constrúen as identidades lingüísticas

Desde como se expresan as ideoloxías lingüísticas nas interaccións das redes do “Dígocho eu” e a plataforma @emgalego, ata as motivacións dos neofalantes da provincia de Ourense, pasando polos procesos de tradución que os fillos dos migrantes fan ao seus pais... son moitas e moi variadas as casuísticas que se analizan no libro “Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística” que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto de Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaban de sacar do prelo. A directora do ILG, Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo Garra e Miguel Guisantes Alonso, máis Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG, xunto con diferentes autores do libro presentaron a publicación na mañá deste luns no salón de graos de Filoloxía. O volume xa se pode descargar desde o web do CCG.

Ler máis

Unha xornada analiza o legado de Juan Ramón Capella, filósofo do dereito analítico

A sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes (4 de novembro, 10:15 horas), a xornada “Sen Ítaca, con esperanza: O legado de Juan Ramón Capella Hernández. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e busca poñer o foco na dimensión filosófica e o seu compromiso coa transformación social. A xornada desenvólvese en dous espazos: pola mañá na sede do CCG e pola tarde na na Facultade de Filosofía.

Ler máis

Preséntanse os 25 anos de escavacións en Luxor

O proxecto DJEHUTY é o nome da misión arqueolóxica española que traballa na necrópole de Dra Abu el-Naga en Luxor (Exipto). A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, abrirá o acto de presentación dos vinte e cinco anos de escavacións arqueolóxicas que serán explicados polo seu director, o exiptólogo José Manuel Galán, xunto co especialista en Sistemas de Información Xeográfica (SIX) do CESGA, Emilio Ángel Abad Vida. A cita terá lugar este venres 31 de outubro ás 18:00 horas na sede da institución.

Ler máis