O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras encheuse no serán deste luns para homenaxear con música a un dos seus fillos pródigos: Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903 - Fair Oaks, USA, 1987). A duodécima edición do Concerto das Letras Galegas, antesala festiva do Día das Letras que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG), repasou musicalmente o legado do homenaxeado e tamén lembrou a memoria das exiliadas e exiliados republicanos que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México. O concerto supuxo a estrea da peza Diásporas, composta para a ocasión por Carme Rodríguez a partir dos textos de Galicia infinda, poemario referencial do autor. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; unha ampla representación dos concellos da comarca, entre eles, o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o de Vilamartín, Enrique Álvarez; mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a familia do homenaxeado asistiron a este concerto que tamén se emitirá na TVG este martes, 17 de maio, dentro da programación especial das letras galegas.
Ler máis