Neste 2021 xúntanse dúas celebracións importantes para Galicia e a cultura galega: a celebración dun novo Ano Santo e o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, unha das figuras máis relevantes da cultura europea. Dúas efemérides sobre as que se asenta o último proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG) “Afonso X e Galicia”. A mostra, que abre hoxe as súas portas na Igrexa da Universidade en Santiago, convida a coñecer a enorme influencia da figura de Afonso X cunha peregrinaxe a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A mostra foi inaugurada pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Xunta de Galicia e presidente de honra desta institución, Alberto Núñez Feijoo; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar e o reitor da USC, Antonio López. O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell é o comisario desta mostra que estará aberta ata o 24 de abril.
Ler máis