Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga casaron o 8 de xuño de 1901. Adiantáronse máis dun século á legalización do matrimonio homosexual en España. A súa historia foi investigada e dada a coñecer por, entre outros, Narciso de Gabriel e desde entón inspirou películas, exposicións, obras de teatro e un regueiro de publicacións. E desde hoxe tamén un cómic. O Consello da Cultura Galega(CCG) presenta “Elisa e Marcela”, unha banda deseñada guionizada e debuxada por Xulia Vicente. Ademais da publicación, que xa se pode descargar desde o web institucional, hai un making of a cargo da propia autora no que dá as claves deste traballo. Esta iniciativa súmase ás propostas coas que a institución conmemora, a través da súa Sección de Pensamento, o Día do Orgullo LGTBI+, que se celebra cada 28 de xuño.
Ler máis