Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 2761 a 2780 de 3707

O CCG publica o seu primeiro libro electrónico

En 1955, Valentín Paz Andrade escribiu en Bogotá o poemario Canto do pobo disperso, que o Consello da Cultura Galega editou como facsímile para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado a este autor. Co Canto do pobo disperso, o Consello inicia tamén a súa colección de libros electrónicos. As novas publicacións que o CCG está a preparar incluirán tamén unha versión en ePUB, co obxectivo de facilitar a lectura en tablets, móbiles e outros dispositivos de lectura electrónica. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio. Pode descargalo na ficha da Mediateca.



O libro electrónico pode visualizarse en calquera software e dispositivo con capacidade para reproducir ficheiros ePuB.

Ler máis

9-Xuño: Seminario “A reorganización da industria mediática e os incentivos europeos” con Robert Picard, director do Reuters Institut de Oxford

O Consello da Cultura Galega acollerá o sábado 9 de xuño un seminario de reflexión e debate sobre “A reorganización da industria mediática e as políticas de incentivos no escenario europeo”, no que intervirá Robert G. Picard, director do Reuters Institut da Universidade de Oxford (Inglaterra), un dos máis prestixiosos expertos en xestión de medios. Entregarase diploma acreditativo. O aforo está limitado a cen persoas e a inscrición debe cumprimentarse en: http://www.consellodacultura.org/evento.php?id=357

Ler máis

Publicación das listaxes de solicitudes admitidas e excluídas da convocatoria pública de cinco bolsas DOG núm. 75, do 21 de abril de 2012

Convocatoria de bolsas de colaboración en proxectos de investigación. 2012

Ler máis

Asinado un convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Fundación Curros Enriquez

O Consello da Cultura Galega e a Fundación Curros Enríquez asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a institución celanovense gravará en arquivos informáticos de formato dixital os seus actos relevantes e remitirá copia ao Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. Para completar o “Fondo Fundación Curros Enrríquez” o Consello da Cultura Galega recibirá tamén en préstamo durante seis meses outras gravacións da Fundación para a súa copia e dixitalización, fondos que a primeira institución cultural de Galicia poñerá a disposición de investigadores externos e poderá difundir nas súas páxinas web. No acto da sinatura estiveron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enriquez; Maximino Rodríguez, concelleiro de Celanova, e Afonso Vázquez-Monxardín, secretario do Arquivo Sonoro de Galicia.

Ler máis

Unha xornada sobre Celso Emilio e a emigración galega salienta a necesidade de revitalizar en pé de igualdade as relacións coa "terceira xeración".

A xornada “¿Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración Galega” puxo sobre a mesa a necesidade de dinamizar as relacións coa terceira xeración dos emigrantes, nomeadamente en América e darlle un novo impulso á proxección de Galicia. A sesión, organizada polo Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, e coordinada polo profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, revisou tamén diferentes aspectos da biografía persoal e literaria de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) e a súa desemellante relación co mundo da emigración en Venezuela, onde en 1968 publicara “Viaxe ao país dos ananos”, logo de ser expulsado da Hermandad Gallega.

Ler máis

Ramón Villares: "Valentín Paz Andrade foi exemplo de intelectual moderno e coherente visión de futuro e contribuiu a situar o feito diferencial galego na axenda politica da transición”

Ramón Villares, académico e presidente do Consello da Cultura Galega, definiu a Valentín Paz Andrade, xornalista, avogado, ensaísta, economista e poeta, como “persoa de reflexión pero tamén de acción, unha figura singular no panorama da cultura e da política galegas do século XX, autor dunha inxente e innovadora obra”. En definitiva, “un exemplo de intelectual moderno e coherente que sempre apostou por colocar Galicia no mundo, no sentido de ser galego alí onde se atopase e actuase”. Audaz mesmo na súa defensa da lingua galega como “idioma transcontinental”.

Ler máis

Setecentas persoas en Pontevedra no II Concerto "Día das Letras Galegas" organizado polo Consello da Cultura coa Real Filharmonía de Galicia, a Polifónica e o Coro "M. Quiroga"

Setecentas persoas asistiron ao II Concerto "Día das Letras Galegas" organziado polo Consello da Cultura Galega no Pazo da Cultura de Pontevedra. Foi o mércores 16 de maio ás 21 horas, con entrada libre e gratuíta, e contou coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave e acompañada pola Sociedade Coral Polifónica e o Coro Académico do Conservatorio Profesional “Manuel Quiroga” de Pontevedra. Na sesión estreáronse as obras “Cantata das cantigas”, de Roxelio Groba, e “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade”, de Juan Durán. Entre outras autoridades asistiron o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o Director Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

Ler máis

Concluíron as xornadas sobre as boas prácticas na conservación e protección do Patrimonio Cultural Material-Inmaterial Galego

A reflexión sobre o valor crítico dos Bens Culturais e a súa formulación, conservación e protección orientou as dúas xornadas de debate que sobre o patrimonio cultural galego convocou os días 11 e 15 de maio o Consello da Cultura Galega, en sesións de mañá e tarde. Organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, que coordina Iago Seara Morales, as xornadas reuniron expertos de Galicia, Andalucía, Aragón, Madrid e Valencia e continuaron outros encontros que sobre esta temática acolleu o Consello da Cultura en 2008 e 2011. As xornadas reclamaron un inventario oficial do patrimonio e subliñaron a necesidade de non separar o inmaterial do material, "caras dun mesmo poliedro", en expresió do profesor Marcial Gondar.

Ler máis

Carta de servizos

Ler máis

Presentado en Pontevedra o Concerto “Día das Letras Galegas”, organizado polo Consello da Cultura Galega coa Real Filharmonía de Galicia

Presentado en Pontevedra o Concerto “Día das Letras Galegas”, organizado polo Consello da Cultura Galega coa Real Filharmonía de Galicia

O Consello da Cultura Galega organizará o seu segundo concerto “Día das Letras Galegas” no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será o mércores 16 de maio ás 21 horas, con entrada libre e gratuíta, e contará coa Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave e acompañada pola Sociedade Coral Polifónica e o Coro Académico do Conservatorio Profesional “Manuel Quiroga” de Pontevedra. Na sesión estrearanse as obras “Cantata das cantigas”, de Roxelio Groba, e “Caderno de bitácora de Valentín Paz Andrade”, de Juan Durán. A entrada será libre ata completar a capacidade do auditorio. O concerto foi presentado hoxe nunha conferencia de prensa polo Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o director da orquestra Maximino Zumalave. O Alcalde Lores agradeceu a oportunidade de Pontevedra acoller a segunda edición deste concerto. Villares lembrou a feliz coincidencia de ser a cidade o lugar natal de Valentín Paz Andrade e contar cunha destacada traxectoria musical e coral. Maximino Zumalave aludiu á importante significación da música na vida social e cultural dos pobos.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega presentou “Canto do pobo disperso”, poemario inédito de Valentín Paz Andrade, "exemplo de intelectual moderno e coherente"

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o poemario CANTO DO POBO DISPERSO, transcrición e facsímile dun inédito de Valentín Paz Andrade, escrito en Bogotá (Colombia) en 1955. A institución contribúe así tradicionalmente á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación dunha peza senlleira da figura homenaxeada. A edición estivo ao coidado de María Xesús Lama, profesora da Universidade de Barcelona, e autora do estudo introdutorio. Na presentación interviron: Ramón Villares, presidente do CCG; Rosario Álvarez, vicepresidenta e Alfonso Paz-Andrade, fillo do homenaxeado, que salientou a importancia e a vixencia da obra do seu pai, a quen definiu como "un home coherente entre o seu discurso e a súa acción".

Ler máis

Inaugurouse en Fene a exposición OS ADEUSES, 73 fotografías da epopea migratoria captadas por Alberto Martí

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron o luns 7 de maio ás 20 horas na Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces 20-22) a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. A exposición permanecerá en Fene ata o día 30 de maio. Con anterioridade puido verse na Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Ferrol e Ourense. Na inauguración estiveron presentes o Alcalde de Fene, Gumersindo Galego; o xerente do CCG, Marcelino Fernández Santiago, e o director do CGAI, Guillermo Escrigas.

Ler máis

Xornada “As coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital en rede”, organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura

O Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, organizou o venres 27 de abril unha xornada de reflexión e debate “V Encontro o son da Memoria” sobre “As grandes coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital en rede”. A xornada celebrouse, en sesións de mañá e tarde, no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia e ocupouse da situación dos arquivos sonoros na radiodifusión, nas universidades, nas institucións galegas e nos grupos de recompilación etno-musical. Consideráronse novas formas de coordinación e cooperación entre posuidores e/ou xestores de coleccións de gravacións sonoras ao abeiro das posibilidades abertas polo traballo en rede.

Ler máis

Ramón Villares participa en Cádiz no “II Foro Editorial de Estudios Hispánicos y Americanistas”

O presidente do Consello da Cultura Galega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares, participa no “II Foro Editorial de Estudios Hispánicos y Americanistas”, que se celebra do 25 ao 27 de abril na Universidade de Cádiz baixo o título “La edición en el mundo hispánico: historia y desafíos”.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega expresa o seu pesar polo falecemento do destacado galeguista Xaime Isla Couto

O Presidente e a Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG) expresaron hoxe o seu pesar polo falecemento do avogado, economista, ensaísta e académico da Galega, Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915) “figura sobranceira e dinamizadora do galeguismo político e cultural”.
O CCG subliñou “o inequívoco compromiso galeguista de Xaime Isla Couto, desde a súa actividade nas Mocidades Galeguistas, no Seminario de Estudos Galegos ou no Partido Galeguista, ata a súa decisiva participación na fundación da Editorial Galaxia, da que era Presidente de Honra, ou o seu labor como director da “Revista de Economía de Galicia”.
O CCG salientou asemade a contribución de Xaime Isla Couto, activo e brillante conferenciante, á normalización do idioma galego nos ámbitos económicos e tamén na igrexa, nomeadamente a través da Editorial SEPT e a súa tradución da Biblia ao galego.

Ler máis

Nova convocatoria de bolsas do Consello da Cultura Galega

Convocatoria de bolsas de colaboración en proxectos de investigación. 2012

Ler máis

Nova convocatoria de bolsas do Consello da Cultura Galega

Hoxe, o Diario Oficial de Galicia publica a RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2012 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de cinco bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.

Pode descargar aquí a convocatoria

Ler máis

Concluíron as Xornadas de análise e debate sobre o estado da cuestión da Arte Contemporánea en Galicia

O Consello da Cultura Galega acolleu os días 12-13 e 18-19 de abril unhas xornadas de análise e debate sobre o estado da cuestión da Arte Contemporánea en Galicia. Organizadas pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, que coordina María Luísa Sobrino, as xornadas reflexionaron sobre a creación artística, os labores de intermediación, o papel das institucións e o mercado. Os debates, aos que asistiron cada día unas corenta persoas, puideron tamén seguirse en directo, vía streaming, en: www.consellodacultura.org

Ler máis

O Consello da Cultura inaugurou no Museo do Pobo Galego a exposición “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975)”

A exposición itinerante “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), ideada e organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Fundación 10 de Marzo, foi inaugurada esta tarde no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, onde permanecerá ata o vindeiro 13 de maio. A mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, rescata e destaca en vintedous paneis explicativos e nove vitrinas o papel dinamizador e transformador dos axentes e das asociacións culturais en Galicia nos últimos quince anos da ditadura franquista. Arranca en 1961, ano de creación en Compostela da primeira asociación cultural galega “O Galo”. No acto inaugural, ao que asistiron máis de cen persoas, interviron Ricardo Gurriarán; Manuel Caamaño, un dos fundadores da Agrupación Cultural "O Facho" e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que subliñou a importancia de dar a coñecer o legado "daqueles pioneiros que fixeron un traballo esencial para o que hoxe temos".

Ler máis

O Encontro Festlatino 2012 subliñou a decidida importancia estratéxica da proxección internacional das linguas e culturas pensinsulares

O Encontro Festlatino 2012 celebrado hoxe no Consello da Cultura Galega, que puido seguirse vía streaming, salientou a importancia estratéxica da proxección internacional das linguas e as culturas peninsulares e, no caso galego, a necesidade dunha maior cooperación interinstitucional e social para actuar nomeadamente no universo da lusofonía. Nas sesións participaron dirixentes de institucións das culturas da península ibérica vinculadas á súa proxección exterior e á promoción do diálogo intercultural (Institutos Camões, Cervantes e Ramón Llull, e o Movimento Festlatino) e persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e universitario galego. O Festlatino é un movimento cultural que fomenta o diálogo entre as culturas neolatinas de Europa, América, África e Asía.

Ler máis