Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 2841 a 2860 de 3707

O Consello da Cultura Galega rendiu homenaxe á memoria e ao legado da arquiveira, historiadora e académica Olga Gallego Domínguez

O Consello da Cultura Galega homenaxeou hoxe a memoria e o dilatado labor profesional da arquiveira, historiadora e académica Olga Gallego Domínguez (Ourense, 1923-2010). Unha xornada incluída no ciclo “Mulleres e historia”, organizada pola Comisión de Igualdade, analizou a súa obra e o seu legado, ao tempo que chamaba a atención sobre “o labor de tantas mulleres que sostiveron e sosteñen o sistema de arquivos e bibliotecas públicas”. A sesión foi presentada por Ramón Villares, presidente da institución, e por María Xosé Agra Romero, coordinadora da Comisión de Igualdade e organizadora do programa, que coordinaron Carmen Pérez Pais e Concepción Varela Orol.

Ler máis

“Habería que aplicar a lei vixente, aínda que esa normativa é insuficiente para protexer o Patrimonio Cultural de Galicia”, di María García Alén

“Logo de analizar o estado de protección do Patrimonio Cultural de Galicia, ao abeiro da lexislación vixente, podemos concluir que, malia as insuficiencias da normativa actual para protexer a totalidade dos bens culturais, por mor da ampliación do concepto de Patrimonio, deberiamos comezar por aplicar os instrumentos legais cos que contamos”. María García Alén, coordinadora xunto con Iago Seara, das Xornadas sobre “Situación actual do Patrimonio Cultural en Galicia, amosouse partidaria de revisar a lei, vixente dende 1995, sen esquencer “os incumprimentos da lexislación por parte das Administracións responsabeis”. As Xornadas, celebradas onte e hoxe coa asistencia de cincuenta expertos, foron organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega.

Ler máis

A conservación e transmisión do Patrimonio Cultural Galego require “rigor, conciencia crítica e pragmatismo”

A conservación e a transmisión do patrimonio cultural esixe actuar con rigor, conciencia ctrítica sobre a importancia do legado e algo de pragmatismo para diferenciar o que debe ou non ser conservado. A transversalidade da conservación do patrimonio foi un dos fíos conductores das Xornadas sobre “Situación actual do Patrimonio Cultural en Galicia”, iniciadas hoxe no Consello da Cultura Galega, organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais, e ás que asisten cincuenta expertos. Os traballos foron inaugurados cun acto presidido polo presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e no que interviron Iago Seara, coordinador da Sección e das Xornadas, Antonio Díaz, en representación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e Carlos Varela, Fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os traballos continuarán hoxe, tamén en sesións de mañán e tarde, con especial atención á lexislación sobre a protección do Patrimonio Cultural Galego.

Ler máis

O Consello da Cultura coorganiza co Instituto da Lingua Galega o Simposio "Textos, palabras e voces"

O Consello da Cultura Galega (CCG) coorganiza xunto co Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela o Simposio ILG-2011 "Textos, palabras e voces: corpora e ferramentas para a investigación lingüística". Os traballos desenvolveranse os días 26 e 27 de outubro e 3, 4, 10 e 11 de novembro na Facultade de Filoloxía da USC. A colaboración do CCG co ILG ven de vello e materialízase na edición e publicación das actas dos simposios. O deste ano coincide co 40 aniversario do ILG e está programado como un acto de compromiso coa innovación en materia de investigación lingüística. Aqui pode consultarse o detalle do programa e o formulario de inscrición

Ler máis

Ramón Villares recibe hoxe a medalla da Universidade de Lisboa e o título de “Investigador Honorario”

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, recibirá hoxe a medalla da Universidade de Lisboa e o título de “investigador honorario”.
A homenaxe terá lugar esta tarde no curso do acto de apertura do ano académico 2011-2012, do Instituto de Ciencias Sociais. Na sesión, que será presidida polo Reitor da Universidade de Lisboa, Antonio Novoa, dictará unha conferencia Quentin Skinner, da Universidade de Londres, sobre o tema “Uuha xenealoxía do Estado Moderno”.
O Instituto de Ciencias Sociais da Universidade de Lisboa é un espazo de investigación innovador e motivador, un centro de excelencia en Portugal recoñecido internacionalmente.

Ler máis

O Encontro “Conexôes IV. Diálogos Galicia-Brasil” demanda novas liñas de acción e estratexias de cooperación mútua en materia cultural galaico-brasileira

O Encontro “Conexôes IV. A literatura brasileira hoxe. Diálogos Galiza-Brasil”, o primeiro deste teor desenvolvido en Europa, concluiu esta tarde subliñando a necesidade de liñas de acción e estratexias de cooperación mútua en materia cultural entre Galicia e Brasil. Así o expresaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o representante da embaixada de Brasil en Madrid, Márcio Catunda. Organizado polo Consello da Cultura Galega e o Itaú Cultural brasileiro, o encontro reuniu en Santiago de Compostela durante tres días a escritores, críticos, editores, docentes e tradutores brasileiros e galegos para reflexionar sobre as literaturas brasileira e galega e profundizar no diálogo entre dous espazos con moitos puntos en común, empezando polas posibilidades idiomáticas.

Ler máis

O Encontro “Conexöes IV. A literatura brasileira hoxe. Diálogos Galicia-Brasil” subliña a necesidade dunha maior cooperación aproveitando os camiños da lingua

O Encontro “Conexôes IV. A literatura brasileira hoxe. Diálogos Galiza-Brasil”, o primeiro que se desenvolve en Europa, subliñou a necesidade dun maior coñecemento, de “deixar de vivirmos de costas” e dunha meirande cooperación entre dous espazos con tantos puntos de contacto, nomeadamente nos camiños da lingua. Organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e Itaú Cultural (Brasil), o Encontro pretende establecer un diálogo entre escritores brasileiros e expertos brasilianistas sobre as dinámicas actuais da literatura brasileira e contrastar esa situación con escritores, críticos, editores, docentes e tradutores galegos. As sesións, que finalizarán mañá día 19, poden seguirse en directo, a través da canle de difusión de eventos do CCG, na súa web: www.consellodacultura.org

Ler máis

Ramón Villares entregou ao Conselleiro de Cultura o “Informe sobre a regulación e a organización e funcionamento das Fundacións Culturais de Interese Galego”

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, acompañado pola Comisión Executiva, entregou hoxe ao Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela, o “Informe sobre a regulación e a organización e funcionamento das fundacións culturais de interese galego”. O informe fora solicitado polo Conselleiro de Cultura e elaborado por unha Comisión Técnica Temporal creada no Consello da Cultura Galega a finais de 2010. O Pleno da institución aprobou o pasado 26 de xullo o informe, que, entre outras propostas, recomenda a centralización do exercicio do Protectorado nun só organismo administrativo con maior capacidade de intervención e regulación. O documento ofrece unha reflexión xeral sobre a situación e os principais problemas que presenta o sector fundacional en Galicia e recomenda unha reforma do actual marco normativo para intentar mellorar a actual regulación das fundacións de interese galego, en particular das culturais, e a súa organización, funcionamento e actuación. Galicia conta con 520 fundacións de interese galego. O noventa por cento foron creadas a partir de 1983.

Ler máis

A sala do peirao de Curuxeiras-Ferrol acolle a exposición OS ADEUSES, 73 fotografías da epopea migratoria galega captadas por Alberto Martí

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inaugurarron hoxe na sala do peirao de Curuxeiras-Ferrol a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. O acto contaou coas presenzas de Ramón Villares, presidente do CCG, Guillermo Escrigas, director do CGAI, Ángel María del Real, Presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, e Alberto Martí. A exposición estará en Ferrol ata o 5 de novembro. Con anterioridade puido verse na Coruña, Vigo, Santiago de Compostela e A Pobra do Caramiñal.

Ler máis

Presentado o Informe "A situación sociocultural nos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes. II Mapa Cultural de Galicia"

A presentación do informe A SITUACIÓN SOCIOCULTURAL DOS CONCELLOS GALEGOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES. II MAPA CULTURAL DE GALICIA, publicado polo Consello da Cultura Galega (CCG), serviu para chamar a atención sobre a necesidade de adecuar mellor recursos e obxectivos en tempos de crise. Tamén para insistir no feito de que as políticas culturais non deben ser vistas como gasto senón como investimento. Nesa liña coincidiron o Presidente do CCG, Ramón Villares, o director do informe, Xesús A.. Lage Picos, e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Fernández. O informe constata o feito de que nos inicios do 2009 “a cultura amósase amplamente arraigada na xeografía galega como un servizo máis do Estado do Benestar” e daquela o grao de institucionalización das políticas culturais ten acadado o seu cénit.

Ler máis

Investigación

O AEG desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar.

Ler máis

Fondos Bibliográficos-Catálogo

O Arquivo da Emigración Galega, como centro documental e de referencia informativa, posúe unha biblioteca especializada en temas migratorios composta por monografías e publicacións periódicas de carácter científico. Este fondo bibliográfico intégrase na Biblioteca do Consello da Cultura Galega e, como fondo de especial interese para Galicia, na Rede de Bibliotecas de Galicia, o que permitirá o seu posterior acceso mediante un catálogo automatizado.

Ler máis

Fondos Documentais

Unha das finalidades do Arquivo da Emigración Galega é a recuperación e salvagarda do patrimonio cultural da emigración galega, centrándose na recompilación da documentación existente, ben no seu soporte orixinal ben mediante a súa microfilmación. A súa intención é ademais constituír un centro ou banco de referencias documentais (gráficas, bibliográficas, estatísticas, sonoras, literarias e artísticas) sobre o fenómeno migratorio nas súas diversas modalidades ao longo das súas distintas etapas, indicando a localización exacta de todos os materiais para axilizar a súa consulta.

Ler máis

Fondos Estatísticos

Para achegarse cuantitativamente aos movementos migratorios, o AEG conta cunha sección propia de fontes estatísticas na que se pretende recompilar as principais series editadas por organismos oficiais.

Ler máis

Fondos Audiovisuais

O Arquivo da Emigración Galega conserva un amplo arquivo fotográfico composto por uns 8.000 documentos gráficos en diferentes soportes que actualmente están en fase de catalogación e dixitalización.

Ler máis

Fondos Orais

Co obxectivo de recuperar a voz dos protagonistas, o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a recuperación da memoria histórica e cultural de Galicia, a través da reprodución dos fondos procedentes do Proxecto Historga.

Ler máis

Obxectivos do AEG

O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.

Ler máis

A militancia falangista de Álvaro Cunqueiro polarizou o Faladoiro de Pontevedra e as intervencións de Alonso Montero, Xosé Fortes, Luís Cochón e Olivia Rodríguez

"Non se pode ser infinitamente indulxente co comportamento do cidadán Cunqueiro entre o 20 de xullo de 1936 e o ano 1950", sostivo Xesús Alonso Montero diante de Xosé Fortes, máis propenso á "indulxencia fronte ás debilidades humanas". O Cunqueiro militante da Falange, ao servizo do Franquismo, foi o argumento do Faladoiro "Os intelectuais galegos e o Franquismo", organizado polo Consello da Cultura Galega e celebrado onte no Sexo Edificio do Museo de Pontevedra e no que participaron tamén Luís Cochón e Olivia Rodríguez. O acto foi seguido por setenta persoas.


Ler máis

Vigo acolleu a xornada final do Congreso internacional “Mil e un Cunqueiros” e John Rutherford reclamou “unha boa edición crítica da obra completa do escritor”

Cunha glosa da dimensión galega e internacional de Álvaro Cunqueiro, da súa relación coa cultura anglófona, feita polo ilustre galaicista da Universidade de Oxford, John Rutherfod, concluiu hoxe no Auditorio Municipal de Vigo o Congreso internacional “Mil e un Cunqueiros”, organizado polo Consello da Cultura Galega e as tres universidades galegas. “Era obrigado vir a Vigo, dixo Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura, porque a Vigo está unido o nome do escritor, que aquí creou boa parte da súa obra literaria e xornalistica”. O congreso, con dúas xornadas en Santiago de Compostela e unha na Coruña, agrupou nove conferencias maxistrais, cinco mesas redondas e trinta comunicacións, que permitiron revisar e aportar novas miradas ao legado dun clásico, “necesitado dunha boa edición crítica da súa obra completa”, ao ver de Rutherford. Ramón Villares, o concelleiro de Normalización Lingüística e deportes, Manel Fernández, e o vicerreitor da Universidade de Vigo, Henrique Costas, participaron no acto de clausura deste congreso, punto culminante das actividades do “Ano Cunqueiro”, organizado polo Consello da Cultura e iniciado tamén en Vigo o pasado mes de febreiro para conmemorar o centenario do escritor (Mondoñedo, 1911-Vigo,1981).

Ler máis

O legado cunqueirián reclama unha visión de conxunto da súa obra e unha actualización biográfica, segundo o congreso “Mil e un Cunqueiros”, que mañá finalizará en Vigo

O legado literario de Álvaro Cunqueiro está a reclamar unha visión de conxunto que permita abarcar analíticamente toda a súa diversidade creadora e tamén unha actualización biográfica, que cubra baleiros significativos da súa peripecia persoal e vital. Así o constatou Fernando Valls (Universidade de Barcelona) na súa intervención na penúltima xornada do congreso internacional “Mil e un Cunqueiros” celebrada hoxe na sede do Consello da Cultura Galega. As sesións, organizadas por esta institución cultural en colaboración coas tres universidades galegas, tiveron carácter itinerante con escala o xoves na Coruña, e rematarán mañá sábado 1 de outubro no Auditorio Municipal de Vigo cunha mesa redonda e dúas conferencias, a última ao cargo do destacado galaicista John Rutherfod, da Universidade de Oxford.

Ler máis