Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1 a 20 de 3818

Subidos á rede fondos da sociedade de emigrantes “Hijos de Lorenzana”

“Fomentar la amistad entre todos los hijos de aquel Término Municipal y aumentar y difundir la enseñanza entre todos los niños de ambos sexos por medio de las escuelas de instrucción elemental”. Estes son os obxectivos que motivaron, en abril de 1911, a un grupo de emigrantes orixinarios do concello lugués de Lourenzá a fundar a “Hijos de Lorenzana. Sociedad de beneficiencia e cultura”. Materiais que axudan a entender a traxectoria desta entidade súbense hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega” que mantén o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Un especial para por en valor estes fondos documentais e ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.

Ler máis

O escritor Xabier P. DoCampo entra no Álbum de Galicia

«Escritor, mestre e contador; activista do esencial e membro da Xeración Lamote». Así sintetiza Manuel Bragado a traxectoria de Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946–A Coruña, 2018), unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. A súa biografía incorpórase desde hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de perfís biográficos do Consello da Cultura Galega (CCG), nas vésperas do 26 de xuño, data do seu pasamento.

Ler máis

Unha xornada aborda en Palas de Rei o papel do territorio na creación contemporánea

A residencia artística Do Picho situada en Palas de Rei acolle este xoves 25 de xuño (a partir das 16:30 horas) a xornada “Territorio e identidade. Apostas dende a ruralidade e o contexto non urbano”. Un encontro organizado pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) que propón reflexionar sobre o papel do territorio na creación contemporánea, poñendo en valor iniciativas que, dende o non urbano, contribúen a ampliar o campo de acción da arte e a complexificar os discursos sobre identidade, pertenza e produción cultural. Paula Cabaleiro, coodinadora da sección e secretaria do CCG, inaugura esta sesión coordinada por Rosendo Cid e Eduardo Valiña. Non se emite en directo pero será gravada.

Ler máis

O Observatorio da Cultura Galega destaca a actividade do sector, fortemente condicionado polos custos

Máis público, máis actividade, maior produción e perspectivas favorables para o futuro. O sector cultural galego afronta 2026 nunha posición de consolidación pero moi condicionado polo incremento dos custos. Así o reflicte o “Barómetro da Cultura Galega 2026”, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG) do Consello da Cultura Galega (CCG) a partir dunha mostra de 829 entidades de todos os ámbitos da cultura galega. “Este Barómetro amosa unha mellora real pero sen facer unha lectura triunfalista” apuntou a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, na rolda de presentación do documento. Canda ela, Håkan Casares Berg, membro da comisión asesora do OCG, destacou que “aínda que o sector traballa máis, non se traduce en máis ingresos debido aos elevados custos que ten para desenvolver a súa actividade”. O estudo revela que, por primeira vez, máis da metade das entidades non solicitaron axuda pública e salienta o papel do galego como un activo importante para o sector. O documento está dispoñible para descarga desde o web da institución.

Ler máis

A cabeceira histórica El Gallego súmase ao “Repertorio da prensa da Emigración Galega”

“Todo por España y para Galicia” era o lema da cabeceira El Gallego, un dos primeiros xornais galegos editados na Arxentina a finais do XIX. Preto de sesenta números desta cabeceira histórica incorpóranse ao “Repertorio da prensa da emigración galega”, proxecto de dixitalización e difusión de xornais creados pola colectividade emigrada que se custodian no Arquivo da Emigración Galega.

Ler máis

A VII edición de “Pensar con Orgullo” reflexiona sobre a diversidade sexual no ámbito cultural

A sétima edición de “Pensar con Orgullo”, que organiza o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), pon o foco na diversidade sexual no ámbito da cultura. Baixo o titulo “Crear, programar e mediar dende a diversidade sexual” profesionais da creación, da comunicación, da mediación cultural e da xestión pública para abordar os retos da inclusión da perspectiva LGBT+ no ámbito cultural galego. Ademais, presentarse un avance da Guía de boas prácticas para a programación de actividades culturais con perspectiva LGBT+ que prepara a institución. A sesión, coordinada por Carme Adán, é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e a canle de YouTube do CCG.

Ler máis

Unha xornada reflexiona sobre o papel da innovación fronte ao cambio climático

“Innovación nun clima que cambia” é o título da xornada coa que a Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) analiza este mércores (a partir das 9:30 horas) o papel da innovación na resposta aos desafíos derivados da crise climática. A sesión, coordinada por Susana Bayo, reunirá especialistas do ámbito científico, tecnolóxico e universitario de centros de referencia como o Instituto Tecnológico de Aragón (ITA), o Institute for Systems and Computer Engineering, Technology and Science (INESC TEC) de Portugal ou o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) de Galicia. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de YouTube.

Ler máis

Xinzo de Limia acolle o derradeiro escoitadoiro do ciclo “Migracións e Dereitos Culturais”

Xinzo de Limia acollerá este martes (a partir das 17:00 horas) o cuarto e último escoitadoiro do ciclo “Migracións e Dereitos Culturais” que organiza a Comisión de Xestión e Políticas Culturais, orientada a coñecer de primeira man as experiencias, necesidades e propostas da poboación migrante e dos axentes culturais de Galicia para avanzar na garantía dos dereitos culturais desde unha perspectiva intercultural. A coordinadora da comisión e secretaria do CCG, Paula Cabaleiro abre este encontro de traballo pechado ao público.

Ler máis

Ratificada a elección de Dolores Vilavedra como presidenta do Consello da Cultura Galega

O Consello da Xunta de Galicia ratificou na sesión deste luns a elección de Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) como presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG). O decreto publicarase mañá, martes 16 de xuño, no Diario Oficial de Galicia. A toma de posesión terá lugar o vindeiro 3 de xullo nun acto institucional ao que asistirá o presidente de honra da institución e presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela.

Ler máis

Asinado un acordo de colaboración coa Universidade do Minho

A presidenta en funcións do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a pró-reitora para a Cooperación Internacional da Universidade do Minho (UMinho), Sandra Fernandes, asinaron este venres en Braga un protocolo de colaboración para o desenvolvemento de actividades conxuntas durante os vindeiros catro anos.

Ler máis

A institución participa en Barcelona na mostra retrospectiva dedicada a Anna Turbau

O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora co Palau Robert e a Fundación Photographic Social Vision e o Centre Internacional de Fotografia na mostra “Anna Turbau. En veu pròpia”, unha ampla retrospectiva da fotógrafa catalá que inclúe estre o seu relato expositivo algunhas das súas imaxes máis emblemáticas realizadas en Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, intervén este luns (15 de xuño, 19:00 horas) na inauguración da mostra que se pode visitar no Palau Robert (Pg. de Gràcia, 107, Barcelona) ata o 30 de agosto de 2026.

Ler máis

Homenaxe institucional en Vigo a Luís de Camões

Vigo acolle o vindeiro luns (15 de xuño) a xornada “De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões”, coa que a cultura galega pon o ramo aos actos conmemorativos do quinto centenario do nacemento de Luís de Camões, o gran poeta das letras portuguesas. Unha exposición, unha sesión de relatorios e un recital de poemas do gran clásico das letras portuguesas conforman o programa desta cita que terá lugar na Casa Galega da Cultura. O Consello da Cultura Galega (CCG), xunto con outras entidades, organiza esta cita que rematará cunha ofrenda floral diante do busto de Camões na Praza de Portugal da cidade olívica.

Ler máis

Unha xornada afonda na figura de Mercedes Ruibal no centenario do seu nacemento

Dos alalás e da lírica medieval ata a actual escena musical en galego, a nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en galego promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), conmemora o Día Europeo da Música (21 de xuño) cunha ducia de vídeos. Baixo o título Lingua e música en sintonía, abórdanse temas como os seráns, as regueifas, as músicas urbanas e outros estilos musicais.

Ler máis

O Día da Música centra a nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en galego

Dos alalás e da lírica medieval ata a actual escena musical en galego, a nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en galego promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), conmemora o Día Europeo da Música (21 de xuño) cunha ducia de vídeos. Baixo o título Lingua e música en sintonía, abórdanse temas como os seráns, as regueifas, as músicas urbanas e outros estilos musicais.

Ler máis

Unha xornada analiza os riscos e as emerxencias no patrimonio cultural galego

O patrimonio cultural galego enfróntase con frecuencia a situacións de risco derivadas de fenómenos naturais e de emerxencias ambientais. O tren de borrascas do inicio de ano provocou o derrubamento parcial da Muralla de Lugo, mentres que os incendios forestais do pasado verán afectaron numerosos bens patrimoniais. Son algúns exemplos da vulnerabilidade do patrimonio ante eventos extremos e da necesidade de desenvolver estratexias de prevención, protección e resposta. Cuestións que aborda a xornada “A xestión de riscos e a resposta ás emerxencias no patrimonio cultural”, coa que se pecha o ciclo “Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural” (ETTPC). Un espazo de debate organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, que leva dous anos promovendo unha análise interdisciplinar do territorio e dos seus valores patrimoniais. Os encontros ábrense mañá (17:00 horas) cunha intervención de Arsenio Sánchez Henampérez, cocoordinador do Plan Nacional de Xestión do Risco e Emerxencias en Patrimonio Cultural. Seguirán o xoves 11 (17:00 horas) cun debate a cargo de profesionais que traballan no ámbito galego sobre este asunto. A cita, coordinada por Teresa Nieto, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Amoedo, é presencial e pode seguirse en directo a través do web do CCG e a súa canle de YouTube.

Ler máis

A poesía da Terra Chá resoou en Vilalba na décima edición de “No bico un cantar”

Un gran coro formado por 400 nenas e nenos chegados de toda Galicia cantou esta tarde en Vilalba as verbas dos poetas da Terra Chá no concerto “No bico un cantar”. “Esta é unha actividade pensada para a rapazada, auténticos protagonistas, nunha experiencia que esperemos sexa inesquecible”, apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, no inicio desta actividade esta institución organiza xunto coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia máis a colaboración do Concello de Vilalba. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a iniciativa “na que cada ano se implican centos de persoas dando mostra dun importante traballo colectivo a prol da nosa cultura que é especialmente relevante pola implicación das xeracións máis novas”. Unha idea na que incidiron a alcaldesa de Vilalba e a directora xeral de Educación Profesional, Eugenia Pérez, nas súas intervencións. Maximino Zumalave dirixiu este gran coro acompañado da formación de metais Hércules Brass, con Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a vindeira edición homenaxeará a Xosé Neira Vilas.

Ler máis

A presidenta electa, Dolores Vilavedra, comparece no Parlamento de Galicia

A presidenta electa do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra (Vigo, 1963), compareceu na tarde deste venres na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia, no paso previo ao seu nomeamento oficial. Alí perfilou as liñas xerais do seu mandato que se caracterizan por reforzar o Observatorio da Cultura Galega, avanzar nos dereitos culturais, chegar a novos públicos e adaptar a institución aos retos de futuro. Entre as primeiras medidas anunciou un informe sobre a lectura e un plan cuatrienal de dixitalización. O seguinte trámite será o nomeamento polo Consello da Xunta de Galicia e, posteriormente, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ler máis

Galicia destaca en lectura segundo un informe do Observatorio da Cultura Galega

“A lectura é a práctica cultural máis sólida da sociedade galega e a que presenta unha evolución máis favorable”, afirma o informe Hábitos e prácticas culturais en Galicia. Tendencias e determinantes da participación cultural, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Os datos revelan que na última década medrou 6,4 puntos a porcentaxe de persoas que leron un libro e que se reduciu á metade a porcentaxe de persoas que non len nunca. O informe constata tamén unha transformación dos hábitos culturais en Galicia, cada vez máis dixitais e vinculados ao fogar. O informe xa se pode descargar desde o web do CCG.

Ler máis

O CDIF incorpora 800 novos documentos ao fondo do Movemento Feminista Organizado en Galicia

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar novos materiais ao fondo Movemento Feminista Organizado en Galicia (MFOG). A iniciativa pioneira que arrincou no mes de abril, ofrece unha segunda entrega documental composta por máis de 800 novos rexistros procedentes de dez organizacións e colectivos que desempeñaron un papel fundamental na historia recente dos feminismos en Galicia. Esta nova achega permite ampliar o coñecemento sobre as loitas, debates, campañas e formas de organización desenvolvidas por diferentes xeracións de mulleres desde a década de 1970 ata os primeiros anos do século XXI.

Ler máis

Catrocentos nenos e nenas cantan a Terra Chá en Vilalba na décima edición de No bico un cantar

A Terra Chá protagoniza a décima edición de No bico un cantar, actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Vilalba. “Unha actividade que percorre todo o país e que pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical”, apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación desta edición. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que se trata “dun proxecto moi querido que resulta dun esforzo colectivo que ten por detrás moitas entidades”. Unha idea na que incidiu o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, Rubén Vázquez, ao destacar “a colaboración como un piar fundamental para achegar a cultura galega á cativada de toda Galicia”. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou a implicación do Concello, que xuntará este venres (5 de xuño, ás 17:30 horas) 400 nenas e nenos chegados de toda Galicia. O director do concerto, Maximino Zumalave, apuntou que se “trata dunha xornada especial que permite facer música con xente moi nova”. Por último, Alejo Amoedo, membro da Comisión Executiva, destacou a excelencia musical que caracteriza o programa, “desde a dirección do concerto polo mestre Zumalave ata os arranxos realizados por Juan Durán”.

Ler máis