O Códice Calixtino, o Tombo A, a Crónica troiana ou os códices musicais recentemente redescubertos son obxecto de análise e estudo por parte de prestixiosos especialistas. Investigadores como Francisco Prado-Vilar, Rocío Ameijeiras ou Isaac Alonso de Molina, entre outros, achegarán este venres 3 de outubro en San Simón as últimas novidades dos seus estudos na xornada “O pergameo iluminado: Arte, música e tecnoloxía no estudo do Códice Medieval” do Consello a Cultura Galega (CCG). Falarán das novas interpretacións sobre o Panteón Real da Catedral de Santiago, o coro do mestre Mateo, e dos pigmentos empregados nos códices. Como colofón da xornada, un dos maiores musicólogos ofrecerá unha clase práctica para cantar usando as mans como fixeran no século XII os cantores do coro compostelán, cuxas imaxes aparecen petrificadas no espazo coral creado polo obradoiro do Mestre Mateo, do que tamén se avanzará unha nova e espectacular reconstrución 3D. A xornada ten as prazas esgotadas pero será gravada e os vídeos subiranse á web e á canle de YouTube do CCG.
Ler máis