A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na tarde deste mércores na Comisión Terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 2.842.400,00 euros, 59.418,00 euros máis que en 2021. Álvarez rendeu contas da actividade desenvolvida este ano e avanzou a programación para o 2022, que poñerá en práctica o novo Plan de Acción Exterior (PAE). Alén da actividade habitual de investigación, documentación, arquivo e difusión, no vindeiro ano poñerase especial atención na análise da sociedade e da cultura da Galicia tardofranquista; afondarase no patrimonio derivado da cultura marítima; na situación dos medios de comunicación e tamén na igualdade e inclusión da cultura galega, nomeadamente en cuestión de idade. Os representantes dos distintos grupos parlamentarios expresaron na comparecencia o recoñecemento ao labor que desenvolve a institución.
Ler máis
Amosando noticias 1141 a 1160 de 3710


