| 1954-01-12 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1954 en 12/01/1954
Buenos Aires, 12 de xaneiro de 1954
Sr. D.
Domingo García Sabell
Santiago de Compostela.
Meu querido García Sabell:
Recibín fai poucos días unha carta de Piñeiro na que fala dunha carta túa que non recibín, e que seguramente perdeuse. Tamén refírese a ela Del Riego noutra recibida pouco denantes que a de Piñeiro. Nesta derradeira adiántame a noticia que tiñas de confirmarmo, que me encheu de ledicia e agradescimento, de que Galaxia publicaría unha monografía feita por tí sobor da miña pintura. Agradézoche sinceiramente esa nova proba do teu agarimo, sen outro estímulo que a vosa comprensión, isolado, a maior ambición que teño é precisamente que a miña obra sexa conoscida nesa, pois toda ela está feita e pensada pra Galiza dende unha cibdade, onde si ben atopei un crima propicio pra o desenrolo do meu arte e onde cada día acrescéntase o meu prestixio, non eisiste unha realidade cuia simpatía téñame engadado, nin estímulo sensibel algún pra o que eu fago. Toda ela coma tí viches está feita de lembranzas, pensada con paixón na terra, cos desexos afebrados de voltar algún día pra atopar nela a miña xustificación defiñitiva. Rematei de facer en decembro o grande mural de que che falaba nunha carta miña e fiquei ledo dél. Está gostando moito e recibo costantemente gabanzas, pero quixera telo feito nesa. Despois do mural escomecei a facer unhas estampas ao temple por un procedimento vello esquecido, que resulta dunha gran novedade, ao mesmo tempo que pinto. Pra febreiro ou marzal sairá un libro de poemas en galego de Varela con grabados en madeira meus. Traballo moito, arreo, soio. E probábel que en outubro ou novembro viaxe a Lima e expoñer invitado por unha galería de aquela cibdade, logo con seguranza irei a Italia onde quixera quedarme todo o tempo que poida. Meu desexo sería quedarme en Europa deica que poidera voltar a esa. Non sei.
Tamén escribo decote. Algús ensaios sobor temas de arte, sobor de probremas nosos, e teño xa algunhas notas tomadas pra facer este mes os ensaios sobor Eiroa e Maside.
Dixen xa o que sei de mín, fálame de tí do que proieitas, do libro da saudade que me anuncias próisimo a sair, fálame dos amigos comús, escríbeme. Fai falla que nos escribades. Temos intrés en todo o que se faga nesa. Fálame do teu ensaio sobor da creación artística, sobor da biografía de Valle Inclán, tan necesaria, sobor dos ensaios que tes de mandar para pubricar nesta. Fálame de tí. Perfecto López fíxome chegar as fotografías do Pórtico que che agradezo fondamente. Conseguín que se aprobasen no Centro Galego algunhas cousas intresantes pras próisimas pubricaciós, o libro de Manuel María, o tomo de ensaios de Del Riego, as obras completas de Cabanillas, de Castelao e de Noriega Varela. Mais estou canso de todo isto e teño ganas de pecharme no meu traballo persoal. Non vexo a ninguén, ou apenas a ninguén, soio a xente do Centro Galego donde eu podo arranxar algo deica agora persoalmente. Supoño que terás recibido un libro de Alberti adicado a tí e meu libro das Tapas cuio limiar adiquei a Elena e a tí. Atrevinme a facelo sin consultarvos deixándome levar polo meu sentimento. Non sabedes o ben e tamén o desfacemento que fixo a vosa estancia nesta en nós, naqueles que tivemos que sair da Galiza. A surpresa de ter comprobado que en tantos anos aturabamos sendo fideles aos principios fundamentaes que nos serviran de guiamento na mocedade e pensando da mesma maneira en tantos problemas actuaes. Que non tiñamos difrencias que nos arredasen aínda tendo desenrolado a nosa vida inteleitual en medios tan desvariados. Cicáis a nosa soidade é a vosa soidade e a nosa limpeza moral que tiñanos achegado nunha época de nosa mocedade fixo o miragre. Que ledicia pra nós comprobar que a nosa xeneración non se tiña estragado e que mantiña unha continuidade e unha unidade mais outa esprovada na aversidade. Pra nós foi un bezo a vosa visita. A vosa soidade e a nosa tiñase povoado de verdades carnanas en nós e que apenas agoirábamos de mozos. Afondábanse pola vosa presencia todal-as andrómenas que uns poucos cativos tiñan erguido pra nos apartar. Aturábamos sendo os mesmos, e adereito traballamos por iguaes fins espritoales, vos na terra e nós pra ela.
Adiqueivos ese limiar de todo curazón. O desfacemento que nos trouxo a vosa volta a Galiza foi o nos voltar á realidade, á soidade. Con vosco vivemos por uns días, moi poucos, en Galiza. Ficábamos novamente soios enfrontados co mecelado destiño que nos mantén alonxados de todo aquelo que amoramos. ¡Abonda! Escribide sobor de vos, dos vosos proieitos. Temos necesidade das vosas verbas, de ter concencia que eisistimos pra vos. Escribide.
Pra Elena e pra tí recibide os saúdos de Maruxa, e a mesma e grande aperta e o desexo de un ano benfadado de:
Seoane.
|
| 1954-01-12 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e membrete:]
Transcripción da Carta de García Sabell a Seoane. 1954 en 12/01/1954
DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/GELMÍREZ, 15/TELÉFONO 1330/SANTIAGO
12-I-1954
Sr. D. Luis Seoane
BUENOS AIRES
Querido Luis:
Fai moito tempo que non tés noticias miñas. Houbo dous motivos de retraso. Un: as cartas d-eiquí non chegaban a Buenos Aires. No principio do meu regreso parece que todas as misivas se perdían. Xa ves. Quedei mal con algunha xente hasta que me decatei da “broma” e puiden acrarar o misterio. Agora parece que as cousas van acougando. Por iso agardei bastante. Non quería escribirche de vagar, extensamente, e que logo tudo se evaporara. (Ista de hoxe vai certificada).
Outro motivo: A chegada do teu Libro de Tapas deixoume deslumbrado. E hai ocasións, irmán entrañabel, en que o exceso de emoción i-o colmado de afeitividade, fai sumamente difícil a comunicazón axeitada mediante carta. O Libro de Tapas foi pra todos os amigos un acontecemento. Pra mín resultou unha fonda conmoción. Dende a adicatoria –que Elena i-eu tanto che agradecemos– xa comencei a tremer. Logo, a obra. O prólogo, que tí me leras ahí, tan nobre e tan evocador, renovóume intres inesquecibels na túa casa, sentado a ouvir as verbas carregadas de lembranzas, n-aquila lus plomiza do ceo bonaerense, a carón dos lenzos honestamente berradores, e sentindo no meu interior –hoxe a vivencia é idéntica– que estaba diante –¡por fin!– do auténtico pintor, do forte, fecundo e orixinal artista galego po-lo que a Terra sempre clamóu e que os fillos, con frivolidade e trampa, sempre lle negaron. O libro levábame ó cadro teu que está, no meu fogar, colgado en sitio de honor. O cadro devolvíame ó libro e, por si esto non abondáse, alí estaban os versos de Varela, versos que turran d-ún, versos que conmoven e limpan a un tempo a sensibilidade de malos e noxentos resabios. (Moito haberá que falar de Varela. Paréceme que tudo está por decir. A min dáme a impresión de un poeta impositivo, un poeta que asedia e hostiga ó leitor e o obriga a entregarse rendidamente, urxentemente, acuciantemente, po-la forza e a intensidade do seu pálpito. Sempre hai unha outa e frenética vibrazón nos poemas d-iste grande lírico. Dende a pirmeira liña xa produce algo así como un arrepío eléitrico. Varela obliga. Sobor da perfeición da forma e o garbo do ritmo ou a riqueza das imáxes –hoxe cáseque as únecas virtudes da poesía contemporánea, po-lo menos da poesía que priva– anda na obra de Varela a enerxía reconcentrada, dura, vital e humán da propia, alucinante personalidade, –hoxe virtude de poucos i–esgrevios artistas–. Ó meu ver, Varela emociona porque domina. Hai un derradeiro segredo varelián que se trasluce nos seus poemas e que é como a inquietude premonitoria que tén o chán antes de racharse n-unha sacudida xeolóxica. Varela tén moito de telúrico, de planetario, velado a propósito, como si temera que, a cada intre, o mundo fora a saltar en anacos. Varela, poeta lúcido i-estelar. Varela, con medo de sí mesmo. Varela, poeta anguriado ante a forza do seu corazón. Por iso, poeta fondamente galego. Non sigo. Sería mester ampliar isto con moita percisión).
Volvamos a tí. Andiven, pois, revolto i-exaltado. Mais eu teimaba escribirche con serenidade. Nada de pegar catro urros delirantes. Non. Eu quería darte unha aperta razonada. Eu quería espresar o meu entendemento da túa obra. E a emoción non-o permitía. O Libro de Tapas tén a culpa. Soio agora escomenzo a acougar un pouco. Soio agora.
I entón, ¿que decir? Nada máis que isto: vou facer, pra coleición de Arte de Galaxia, unha monografía sobor Luis Seoane. E quero que n-ela se amostre, con rigor e frialdade e ouxetividade, o miragre da Pintura galega enxendrada n-ún artista verdadeiro.
Haberá que afincar bén o senso galego da obra de Seoane. Como eiquí, na Galicia, hai vieiros aldeáns que son como ele os pintóu, dende a ausenza e o desvío. Cómo hai petrucios e mozos que pican o cigarro, e rapazas pasmadas, e probes de pedir, e solpores e amañecidas, que son as réplicas dos seus cadros, dos seus cadros feitos pulo a pulo e congoxa a congoxa, na soedade imensa de América, ca lembranza de Terra vista cando home novo e sostida na ialma artista por escuras, misteriosas razóns de sangue e de Raza. Nada de facer con isto –tan sagrado– literatura xemente e tristeira. Non. Ademostrar concretamente, centíficamente, valéndose dos máis avanzados e serios estudos da Psicoloxía das Estructuras e do análisis eisistencial do Arte, a radicalidade galega da pintura de Luis Seoane.
A seguida espricar en que consiste a orixinalidade e as innovacións de tal pintura. En suma, pescudar a esencia da aportación escrusivamente pictórica de Seoane, ou seña, o que fai d-ele un auténtico creador, xa que eisisten unhas formas (eu podo defiñilas longamente), seonescas, únecas e típicas. Eiquí radica a grandeza e o tidóo de groria d-ise arte. Non se trata da fidelidade a unha escola ou do sometemento a un estilo. Trátase da trasposición da realidade esterna n-unhas composiciós que reflexan, sutilmente, a intimidade do autor, siñalando preferenzas e desdéns, marcando predominios e singularidades, nos córes que cantan e nas liñas que ordean. Non importa que Seoane pinte en bermellóns ou en grises ou en azules. O modo de usálos é o que interesa. I ese modo responde a unha afinidade moi marcada po-lo cór no que iste tén, por unha banda, de espresivo, e po-la outra, (isto coido que é esencial en Seoane), po-lo que ten de espricativo. Haberá que subrayar ista nota con gran enerxía. Seoane esprica emotivamente. Tal feito é conmovedor e profundamente celta. Por iso os cadros de Luis Seoane –como a poesía de Rosalía ou a conversa dos nosos labregos– son todos, en cada ún de por sí, puro monólogo plástico, discurso ou poema, no que volumes e distancias, perfiles e contrastes, son outros tantos rexistros da voz poderosa do artista que grita o seu amor ou a súa protesta, o seu desacougo ou a súa nostalxia. A pintura de Luis Seoane é como a obra d-ún neno que denantes foi home i-está a recordar, na súa aitual pureza infantil, a severidade e a honestidade do varón d-outro tempo, do varón entrevisto e cáseque esquecido en unha vida máis soñada que vivida. E tudo isto arremoíñase nos cadros de Seoane con ofrecemento sinxelo e xeneroso. Pintura a de Seoane de entrega cos brazos abertos. Sin argumento, nin retóricas de ningunha crase, n-un falar inspirado, fresco i-espontáneo de cada lenzo, froito lucidío de moitas sabencias e longos, difíceis e recatados estudos.
Velahí tés o senso do meu futuro ensaio. Eiquí queda presentado velozmente, en seco esquema e tén aire cecais un pouco cabalístico ou arbitrario. Pró eu aseguroche que non será d-ise xeito. Obrígame a falar agora así o non facer ista carta un fárrago inacababel. Mais as ideas que me bulen na cabeza e, sobre tudo, o que ten de ser escrito, há levar o arranxo totalmente ceñido, –cáseque de seguro estilo científico-natural– que hoxe os tempos piden pra tratar dos problemas artísticos. E velahí tes o que eu tiña de decirche unha vez dominada a primeira emoción que desencadou o teu espléndido libro.
A monografía –si che parece bén o proyeito e o aprobas– levará algunhas reproduciós dos teus cadros. Por fortuna, eu trouxen as formidables fotos que tí me regalache. Mais algunha debe ir a todo color. ¿Cáles prefires tí? (Tendrás que enviar os clichés como se fixo cas ilustraciós da obra de Daniel. A cousa non urxe pois tudo o de Galaxia vai con bastante retraso. Pró convén que vaias dispoñendo o material).
XXX XXX
Noticias concretas: O Libro de Tapas foi amostrado n-unha cea á que asistiron, entre outros, D. Ramón Otero Pedrayo, Piñeiro, Borobó, Floro Morán (un rapaz moi entendido en Pintura e grande entusiasta ademirador teu), e unha moréa de xente nova. Houbo fonda emoción e brindóuse con entusiasmo por Luis Seoane e a súa obra.
Teño xa feito un artigo prá Nación. Vou revisálo e axiña o enviarei á túa direición. Non-o fixen antes por esceso tremendo de traballo profesional. Prá escribir algunha cousa teño que roubar horas ó sono.
Recibo Imago Mundi. Moi boa. De gran alento. Fixen a suscrición por intermedio de Perfecto López ó que din o encargo cando voltóu pra isa. En canto teña vagar, tentarei facer un pequeno ensaio. Veremos si sale bén.
Recibín o libro de Rafael ca adicatoria. Dalle unha aperta cordial da miña parte. Aínda que non-o conozo persoalmente fai xa moitos anos que o teño entre o meu Parnaso particular e a ele debo moi puras emociós. É un grande e noble poeta.
Por correo aparte mándoche o volúmen de ensaios sobor da Saudade que, por fin, saíu á rúa. (Retraso involuntario). Tamén vai un artigo méu de fin de ano. Eiquí levantóu moitos comentarios, inda que n-ele eu soio me refiro ó extranxeiro, ¿comprendes?
Finalmente, vas as fotos feitas na túa casa.
Non deixes de mandarme as fotografías dos teus murales. Eiquí percísase tudo o teu. E o libro dos poemas de Varela que tí ilustras.
Prometo firmemente escribirche con absoluta regularidade.
Floro Morán pídeme un exemprar do Libro de Tapas. Si o podes enviar, que veña dedicado a iste home, que tanto te quere. Xa dirás a forma de pago. Non andes con remilgos. Tí tes os teus gastos e n-iste caso trátase de xente en posición económica moi boa. Mándalo á miña direición e nome. (Temo que xa non dispoñas de ningún exemprar).
Apertas fortes pra Lorenzo. ¡Que home máis inquietante! Apertas prá Cuadrado. ¡Qué bó rapaz! Todo o meu afecto e o meu agarimo pra Maruja. Pra tí, pra tí non hai verbas nin despedidas. Pra tí isa aperta de irmán que se dá con ledicia e, ó mesmo tempo, con un nudo na garganta.
Domingo
¿Poderías mandarme o Cancionero de Unamuno? Moito se fala eiquí d-ele.
[Escrito a man]
Querida Maruja:
Hace mucho tiempo que no te escribo, pero no creas que por ésto dejo de acordarme de vosotros, pues ha sido para mi una gran satisfacción el haberos conocido y vivir con vosotros los momentos tan agradables que hemos compartido y que ojalá pronto podamos repetirlos, porque ahora me figuro que no tardareis mucho en venir por aqui.
Hemos recibido el Libro de Tapas tan hermoso de Luis. Ha sido una sorpresa deliciosa, pues es un libro soberbio que nos gustó sobremanera. Habeis sido muy amables molestandoos tanto, pero el libro desde luego es una preciosidad. Lo enseñamos a todo el mundo y tiene un éxito estraordinario. Bueno, desde luego los amigos que no os conocen es igual que si os conocieran, pues no cesamos de hablar siempre de vosotros.
Recibir un cariñoso abrazo de vuestra amiga Elena.
Muchos recuerdos a Cuadrado. Supongo que estará más contento que cuando estuvimos en esa. Me alegraria mucho que asi fuese.
|
| 1954-02-10 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1954 en 10/02/1954
Bos Aires, 10 de febreiro de 1954
Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago de Compostela
Querido Domingo:
Non quero decirche a emoción que me produxo, prodúxonos, a túa carta derradeira. Non sei como escribilo, vivimos en canto a Galiza, tocante á xente millo[r] desa a que máis estimamos, nunha soedade e nun apartamento que temos de superar. A coleitividade galega non conta, a pesares de todo o noso traballo, no terreo do esprito é un monstro chatún ao mellor cheo de bondade, de bó sentimento máis de testa reducida, e aquelo que facemos en arte ou literatura non pode estar orientado somentes cara a ela pois tiña de ser mesquiño e sen destiño. Galiza é o que conta, e Galiza sodes vós i ese povo que nos cerca i á Galiza, querida de nós, impasible como unha dona de Amadís, oferendamos os azos da nosa obra nas xostras mais desvariadas e nos países mais distintos. En Estados Unidos en México, no Uruguay, eiquí, hai moitos coma nós que loitan soios e que precisan do voso alento. Axudádeos. Cada un ergueu a sua tenda e puxo a sua ensina galega de loita na porta, mais todol-os que ficamos lonxe podemos trocarnos en vagamundos, e virar esa insina esgrimada por un longo desterro, pol-o desazo, nun escudo asañado de corte dos miragres. Todos arregueixamos do voso alento e tedes millo[r] que ninguén, pois vivides en comunión limpa coa terra a facultad de sunguirnos nunha obra común. Tí decatáchete desto, non sei coma decircho con outras verbas, e a tí debémosche todos nós, irmán benquerido, mais dunha afincada emoción.
Encheme de ledicia o que te tivese gostado a Libro de Tapas e que Elena e tí non tivésedes refugado a adicatoria, feita coma seguimento da tenra saudade que nos trouxéchedes. Contigo viñeron á miña memoria moitos feitos senón esquecidos, durmidos en mín, os días coas noites compostelanas, os nosos soños de estudantes, esa rebelía crara que caracterizou a nosa xeneración i ese amor pol-os homes e pola vida que aínda hoxe, no noso recollimento obrigado, teñen de recoñecernos. A nosa foi unha xeneración soberba da que algún día terá de facerse historia. Trocamos en moitos anos moitas cousas que parecían eternas e loitamos con isa senelidade que parecía estusigalo todo. Aínda o noso fracaso como xeneración si eisiste, tén unha grandeza pouco común dada pol-as circunstancias que nos tocou vivir. Mais deixemos isto, o Libro de Tapas costituíu un eisito, en pouco mais de un mes desquitoume o prezo ben subido da edición e istes días ando na tarefa de remitirllo a todol-os amigos a quenes sempre fun enviando as miñas cousas, e tamén a Floro Morán, de quén síntome ben retribuído coa sua amistade.
Tan pronto as teña enviareiche tamén as fotos dos muraes que gostaron moito, creo que cho decía na carta miña que se cruzóu coa túa. Tamén teño de enviarche fotografías de algunhas das estampas que fixen pol-o sistema do estarcido dos vellos imprenteiros dos séculos XVII e XVIII, que alumeaban por ese procedimento os “tarots”, as barallas, e as estampiñas relixiosas. Os poemas de Varela sairán en marzal. Manda os teus artigos pra La Nación e Imago Mundi e pra esta última podes solicitarlle artigos ou ensaios ás xentes de Galiza que consideres de acordo coa finalidade da revista. E moi importante a colaboración vosa nese senso.
¿Coma non vai a parecerme ben o proieito da monografía e feita ademáis por tí? Estou encantado e agradecido de que o fagas. Pra mín é un bén co que non soñaba, e aínda coas reproduciós en negro teño a sensación de que algo da miña obra pertenecerá por fin a Galiza. I eso gracias a tí que non sei como agradecercho. O que me escribes sobor da miña pintura, cando te refires á liña e ao color, ás formas, estou certamente de acordo e síntome fondamente interpretado cando falas de monólogo plástico porque mais que nada é iso o que nesta soedade veño facendo en lembranza dunha terra que me nego a perder, que non quero que me seia derrancada. Ela reside nevoenta pol-os anos de apartamento en min e a ela acudo coma teima. Mais eu non quero falar desto. Esto[u] mais que outra cousa agradecido de tí, e de todos os que facedes “Galaxia” e concretamente ledo e goioso de que tí atopases na miña obra aquelo que nela é remotamente galego aínda que embrullado nas formas e na estética do noso tempo ao que ninguén con responsabilidade inteleitual pode voltarlle ás costas á que sén sometementos a estilos ou a escolas coma tí ben dís teñen, supoño, moito que ver co noso pasado románico, ise pasado grorioso de Europa occidental que foi desdenado pol-os sandeus crasicistas, tan indifrentes a todol-os pasados de todal-as culturas que ren tiñan que facer coa fidelidade de ouxeto que eles amaban mais que o arte. Teño por seguro que teu ensaio a (sic) de ser eistraordinario i eu felicitome delo. Enviareiche os clisés pras reproduciós en cór un destes meses, dime aprosimadamente a data en que che fan falla.
Pronto mandareiche o libro de Rafael adicado a Cádiz, súa cibdade. Está feito con sangue, conozo moitos dos poemas leídos direitamente por Alberti nunha tarde na súa casa. Con saudades os dous do noso Atlántico común. Soio, e cun grandor coma moi poucos poetas casteláns atinguiron. Afincado coma unha rocha, abourado de todos, sen máis pratea que pisar coma todos nós, que a que leva na ialma, sen pasaporte, sen visado, soio. Ergueito sobor da lameira dos poetas oficiaes casteláns.
Denantes envíoche por correo aparte o Cancioneiro de Unamuno. Onte recibín o tomo da Saudade que non sei coma loubalo, xa que os ensaios que máis me interesaron foron precisamente os dos mais amigos. De tí sinto que non abandones cicáis un pouco o consultorio pra adicarte mais ao que é indudábel túa vocación, cuio desenrolo tanto necesitamos, pareceume un traballo revelador no que non soio analizas a saudade senón que fas un análisis psicolóxico sen igoal deica a data do home e da natureza galega. Isa renuncia á Saudade, ise deixarse ir do home galego nese sentimento que o eleva sobor das xentes doutras castas ten no teu traballo un análisis insuperábel. Mañífico tamén o traballo de Piñeiro do que recibín a Separata. Estades facendo unha grande laboura do que todos debemos ficar agradecidos. Iste exemplar pasareillo cando remate de leelo a José Luis Romero, o direitor de Imago Mundi con quén teño intrés en que vos poñades en contaito.
Escríbeme, escríbeme, prégocho pol-o bén que me fan as vosas noticias. Recibide pros amigos, pra Elena e pra tí todol-os agarimos de Maruja e meus, e tí tamén sen despedidas a aperta irmán, forte e acesa de:
Seoane
|
| 1954-03-27 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1954 en 27/03/1954
Bos Aires, 27 de marzal de 1954
Querido Domingo:
Fai poucos días recibín a túa derradeira carta, do 28 de febreiro, e fixen as xestiós a que nela te referías, pódense contar pol-o menos con unha páxina e meia. Teño que saber o máis urxentemente posibre cal é a forma de pago, onde e a quén se remiten os orixináes. Insula é a revista literaria de Madride máis conoscida eiquí, en certa maneira a única dese tipo respeitada e cicáis ese número tivese nesta gran venda, podendo conseguir nos que se fixesen por algunhas librerías pedidos especiaes.
Fai algúns días remitínlle a Paco o ensaio sobor de Eiroa, fíxeno o millor que puiden i-espero facer logo o de Maside. No de Eiroa tivéseme gostado falar máis do home e das circunstancias que nos rodeaban naquiles días.
Estou pintando moito, logo dun descanso impo[s]to pol-a sésta de iste vran, que aínda rende. Quero facer unha grande exposición este ano, ademáis de ter que enviar a unha galería de Nova York grabados i-estampas tamén pra expoñer. Unha revista alemana, Gebrauchsgraphik de Munich, anuncia un artigo con reproduciós en cor sobor do Libro de Tapas.
Por correio aparte, enviareiche nota dos traballos editoriaes feitos por nós, Cuadrado e máis eu, e tamén a relación de outros traballos isolados feitos por algunhas entidades ou persoas.
Escríbeme con devagar, e cóntame de todol-os amigos comús. Istas letras non son máis que pra darche sinal do feito. Escuso decirche que leín os artigos de La Noche que me pareceron eixelentes i-o teu concretamente de unha audeza a que soio nos tén acostumado Julián Marías aínda que eu non participe do seu xeito de cavilar. Agardamos o teu ensaio pra Imago Mundi ademais do artigo pra La Nación.
Ren máis por hoxe. Saudos de Maruxa e meus pra Elena e pra tí, e recibe unha longa e forte aperta de:
Seoane
|
| 1954-12-01 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e membrete:] DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/GELMÍREZ, 15/TELÉFONO 1330/SANTIAGO
Transcripción da Carta de García Sabell a Seoane. 1954 en 01/12/1954
1-XII-1954
Sr. D.
Luis Seoane
BUENOS AIRES
Querido Luis:
Estos días, y por Correo Aéreo, recibirás un artículo mío sobre Lonxe. Te lo envío por intermedio de Paco del Riego a quien quise dárselo a conocer. Si a Lorenzo Varela y a tí os parece bien, yo publicaré aquí, en el Faro de Vigo –que es el periódico de mayor circulación en Galicia– la versión castellana del mismo. El trabajo va sumamente condensado y expresa en forma literaria ideas que quizá necesitasen la amplitud de un ensayo para poder formularse en todas sus consecuencias. De todas formas, yo estimo que así gana en fuerza, concisión y poder emotivo. Una vez más he de repetirte que Lonxe es un gran libro, y tus grabados, una verdadera maravilla.
Del Riego ya publicó un estupendo artículo en La Noche, que supongo que te habrá mandado. Piñeiro me encarga os diga que él se reserva para finales de año. En tal ocasión, La Noche publica un número extraordinario y Piñeiro es el encargado de hacer la crítica del libro gallego más importante del año. En esta ocasión, como veis, va a ser Lonxe.
Ya estamos a vueltas con tu monografía. Va a resultar un verdadero alarde, gracias sin duda a tu obra y a las magníficas reproducciones de la misma. En cuanto se disponga del primer ejemplar, saldrá por vía aérea para tí.
Por aquí seguimos trabajando como siempre, entre dificultades y sinsabores, pero con mayor entusiasmo que nunca. Se aproxima la época de la actividad cultural, con conferencias, artículos, etc. De todo ello te daremos puntual noticia.
Dale un fuerte abrazo a Lorenzo Varela y otro a Cuadrado. Elena y yo mandamos cariñosos saludos para Maruja. Tú recibe un fuerte y cordial abrazo de
Domingo
[Escrito a man]
No sé si Paco te envió los ejemplares del Discurso de D. Ramón. Los editamos nosotros. Algunos van dedicados. Otros, no. Estos los repartirás tú conforme estimes oportuno.
|
| 1954-12-27 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1954 en 27/12/1954
Buenos Aires, 27 de diciembre de 1954
Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago de Compostela
Querido Domingo:
Debí haberte escrito hace días respondiendo a la tuya de los primeros días de este mes, dándote noticia además de haber recibido tu artículo sobre Lonxe que tanto a Varela como a mí, excluyendo aquello que puede ser halago para nosotros, nos pareció magnífico y nos emocionó por lo que él encierra de mensaje, de adhesión cordial. No deja de ser curioso que pensando en vuestra obra ahora mismo, en este instante, en la obra de los que estáis ahí de la misma generación nuestra, y en la nuestra, las encuentre repentinamente hermanas por algo más hondo que el gusto de la forma o del tema, que por las causas que unos y otros defendemos. Las pienso unidas en un igual sentido del destierro y en una añoranza adánica de un paraíso perdido que sin embargo no era cuando pudo serlo, en nuestra mocedad, más que puro sueño que aspirábamos a que se cumpliera. Emigrados de nuestra infancia y de esos sueños como de esa tierra estamos nosotros, pero en vuestra obra vista así de lejos se trasunta igual nostalgia emigratoria aún viviendo en Galicia. Creo que deberías desarrollar alguna de las ideas que viertes en tu artículo en ensayos, sin que fuese a propósito de libro alguno, pues sería de gran utilidad para el pensamiento gallego y ayudarías a entendernos. Tu artículo nos ha parecido espléndido y desde luego a ambos, a Varela y a mí, nos gustaría que se publicase en El Faro de Vigo, pues además de su valor como breve ensayo, para nosotros significa, como te dije en otras, la única forma de que nuestra obra no se diluya fuera de Galicia, de la tierra a que precisamente está dedicada.
Estamos deseando conocer el artículo de Piñeiro de La Noche, su juicio nos interesa por igual y en el caso de Varela va unido además al recuerdo de una camaradería juvenil que él nunca olvida. Tengo noticias de mi monografía por Del Riego y estoy impaciente de conocer el texto que hiciste. La de Maside quedó muy bien y me gustaría que la mía quedase, en cuanto a la generalidad de las reproducciones, similar. Recibí el ejemplar dedicado de D. Ramón y tengo que escribirle uno de estos días pero no sé realmente como expresarle mi agradecimiento, pues en sus palabras sobre mí quiero ver que hay más amistad y cariño que justicia y no puede sospechar él cuanto me conmovió, y no sé como decírselo, el que ni nombre, después de tantos años fuese pronunciado por boca de un gran maestro como es él, en la Universidad, por la que tanto luchamos en una época y queremos siempre.
Supongo en tu poder y en el Piñeiro mi álbum Campesinos que te envié por Castiñeiras.
Con mis deseos de que paséis un feliz año 1955 y con los augurios de que todos nuestros fervores comunes se cumplan, recibid Elena y tú el saludo cariñoso de Maruja y mío y el fuerte abrazo hermano de:
Seoane
Escribe, escribid, vuestras cartas son nuestro único aliento. Otro abrazo.
|
| 1959-09-18 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1959 en 18/09/1959
Buenos Aires, 18 de setembro de 1959
Sr. D.
Domingo García Sabell
Santiago.
Querido Domingo:
Recibín o número de Insula, cuio envío agradézoche moito e que me parece –nos parece en xeral– un grande número. Destaco pol-a miña parte a tua colaboración e a de Piñeiro, a de Celestino de la Vega, a de Carballo Calero, Fole, a de Ledo. En xeral todas son moi boas e reveladoras, escluíndo, ao meu xuicio, a de Franco Grande. Teñen de evitarse os xuicios particulares en panorámicas coma a que pretende facer, e dende logo non pode esquecerse a Lorenzo Varela nun ensaio sobre poesía galega contemporánea. Igoalmente a visión galega de Landeira Irago é ledamente caprichosa. Algús que amamos a Celtia ollamos non a xente viva do noso país marchando ao través dos séculos con unha gaita ao frente, senón unha interminábel marcha da Santa Compaña con isa gaita, iso sí, levada por un esquelete como a representaría dendo logo Peter Brueghel, autor tamén de grabados como “artículos de fondo” do mesmo xeito que nas Cantigas de Alfonso atópanse notas sociaes e periodísticas que non son o peor das Cantigas. Dende Peter Brueghel deica Ensor ou Ghelderode mixturanse a crónica, o humor, a ledicia de vivir, a traxedia e o drama, coma unha constante de todol-o arte flamenco. Ren mais céltico que o poema de Curros a Rosalía, por exempro. Nos voltaremos de América cun libro de poemas e unha úlcera de estómago, con moito mais ás veces que un libro de poemas, e tamén con doencias mais graves que a úlcera de que fala o ledo cronista, e tendo pol-a distancia cicáis unha visión deformada de Galicia, non tan parva e deformada coma a do señor Landeira Irago, que escluíu do celtismo aos eisilados Shaw, Joyce, Moore, O´Casey, ou Yeats, irlandés de Londres; Beckett ou Brendan Behan, voces distintas máis xunguidas nun mesmo “candor emocional”; ou ao Oscar Wilde de A balada da cárcel de Reading: “Aquil que vive mais dunha vida, mais dunha morte tamén ten que morrer”. Os emigrantes morren de morriña, Rosalía, Curros. Voltarán algús emigrantes, sí, voltarán cun libro de poemas, é algo mais dooroso que unha úlcera de estómago. Tí es moito mais que médico e sábelo. Que ben acougado debe sentirse o Sr. Landeira, ao que non coñezo, no carnaval de Rio, e que desacougo pra íl leere o fermoso poema “Galicia” de Pimentel, da terceira páxina dise número de Insula. Mais a pesare distas miñas reaiciós é un número notábel que supoño ten de sere dunha enorme utilidade. Eiquí aínda non chegou. O teu ensaio Europa desde Galicia tes que amplialo, é moi bon, coma tamén o de Piñeiro. Mais todo o número é importante i é un trunfo. Notábel o ensaio de Ledo sobre arte e o de Fole sobre ensaio.
Recibín a tua carta e dín a noticia da reaición encol da tua conferencia e do libro de Cunqueiro a uns poucos, non sei si é prudente facelo púbrico. Non lle dixen ren a Don Ramón, xa tería tempo de enterarse e non quixen preocupalo. As conferencias de Otero foron eistraordinarias. Fixéronno traballar e asistir a banquetes arreo. Eu traballo. Envíoche por correio aparte o meu derradeiro libro de dibuxos. Istes meses expoño, casi simultáneamente en San Pablo, Rio, Nueva York i eiquí. En Xaneiro marchamos a Suiza, e teño en preparación algunhas cousas que deixarei feitas denantes de fin de ano. Escríbeme unha carta longa, necesítoa. Síntome soio, penso que perdín unha vida. ¡Ou... ditoso señor Landeira, que pode, cego, rir…! Dende un burato, centos de cadros, grabados, dibuxos, vinte muraes, libros de varios xéneros, ¿pra qué? O señor Landeira que é un home sensíbel, soio dianostica unha úlcera de estómago. Despois de todo somentes un emigrante, ¡que outo irmán Curros!.
Saúdos de Maruxa e meus pra Elena e pra tí, e recibe a forte aperta do teu amigo:
Seoane.
|
| 1972-02-10 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1972 en 10/02/1972
Buenos Aires, 10 de Febreiro de 1972
Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago de Compostela
Querido Domingo:
Recibín a tua carta do 28/1/72 na que nos das noticias de Isaac. Este escribíume decíndome da sesión de sete horas que tivéchedes e participándonos a súa decisión de separarse de Mimina, remitíndome (non me lembro si xa cho escribín) unha copia dunha carta feita fai meses que pensóu remitirlle. Non me decía ren mais. Nós, que non temos os teus recursos, estamos desolados. As cartas de Isaac, encol de cuestiós da fábrica e do museo, son normales. Escribímonos coma sempre. Mimina escríbelle en troques a Maruja, desesperada. O mesmo Xosé que sufre coa nai. Tivésenos gostado facer algo, mais nós non podemos facer mais do que fixemos. Nestes asuntos de matrimonios, aínda xunguíndonos unha amistade íntima, un non pode meterse demasiado e nós, creo, xa pasamos no caso de Mimina e Isaac a liña do permitible.
Teño en conta o teu encárrego do libro de Frida Lawrence. Nono atopei nas librerías inglesas do centro da cidade, e, un destes días, cando faga menos calor, iréi as do bairro de Belgrano onde hay (sic) outras tres ou catro librerías inglesas. Perseguiréino deica atopalo.
Gostaríame moito que matinases na posibilidade de crear ahí unha editorial de bibliófilos que editase dous ou tres libros ó ano, estudiando maqueta, compaxinación tipográfica, ilustraciós, etc., de moi poucas páxinas e destinada a toda a penínsua. Libros que non terían de pasare de douscentos ou trescentos exemprares e nalgún caso aínda menos. De poucas páxinas, pois teñen de compoñerse a man. Falamos desto no vrau pasado, pero moi de paso. Eu penso calquer tídoo como Los sueños de Quevedo, A metamórfosis de Kafka, Anna Livia Plurabella de Joyce, ou Polifemo de Góngora, por poñer uns tídoos vidos de calquer xeito á memoria neste intre. Penso que é un momento bon pra unha laboura deste tipo e pra facer algús ensaios ó pasar de libro-ouxeto. Da parte literaria e artística ocuparíamonos os dous. Tería que estudarse o probrema dos suscriptores na penínsua incluíndo Portugal. Quixera que matinases nesto sin participar a ninguén aínda esta iniciativa. Penso que contribuiríamos a elevare o prestixio de Galicia en canto ós libros.
Remíteme a lista de cousas que tés encol de min y (sic) eu enviareiche as que faltan. Agradézoche as verbas, que me tivese gostado escoitar adicadas a mín, pola radio do Ferrol.
Apertas moi garimosas de Maruja e miñas pra Elena e pra tí:
|
| 1976-02-16 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1976 en 16/02/1976
Buenos Aires, 16 de Febreiro de 1976
Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago
Querido Domingo:
Recibín a tua carta de fins do mes pasado, que te agradezo moito por todo o que dís de Insectario, tan ben dito e tan de acordo co que tratei de facer. A min levoume a este tipo de temas a miña creencia na unidade do universo, a irmandade que sinto con todas as criaturas, aínda as mais insignificantes, aínda que todo esto non poda axustalo en forma algunha relixiosa, pois é un sentimento que nasceu conmigo. Dende neno conmóvenme os ollos das xentes, dos animales, aínda dos bichocos cando se lle poden percibir; paréceme que os ollos unen a todolos seres comprendéndonos a nos. Sei que os hay (sic) cegos como as toupas, pero sinto frente a elas parecida perplexidade, a que me producen os homes cegos. Dibuxei, pintei e grabei a moitos animales, o touro, o can, o pulpo, paxaros, peixes, caracolas e insectos. Fixen centenares de testas humáns directamente recollidas. Cada prigo dun rosto paréceme un milagre, como cada testa dun bichoco ou dun animal grande, cada par de ollos, sempre en todos, en éstas e nas das xentes. Os bichocos son en xeral pérfidos, molestos, asesinos, mais en todos eles, como nos homes, existe unha inocencia primeira que os salva. Son ruíns porque eso pertenesce ao orde do universo, a misión para a que xurdiron ou foron creados. Cumplen enmais dun logar práctico, eficaz na natureza, un logar no mundo da nosa fantasía. Ocorre igoal coas outras bestas. A mesma forza enigmática que conduce os homes conduceos a eles e están tamén suxetos a eso que chamamos destino. Mais son así os misterios do universo. As plantas fanse amigas ao seu xeito da man que as coida e acaricia. Creo que todo esto forma parte da miña natureza galega, a que se fai evidente nas nosas creencias e leendas, en San Andrés de Teixido onde se nos fai coidar dos reptiles ou calquer animal que atopemos no camiño, na perduración das pedras da serpe e en algunha creencia como a de supoñer aos Cabaleiros da Taboa Redonda convertidos en mosquitos en certa lagoa de Ourense agardando pola volta do Rei Arturo. Eu teño iniciado, fai anos, un pequeno bestiario escrito pra publicar algún dia cos significados de moitos animales. Foi, aos comezos, unha conferencia que fixen para o Colegium Músicum de Buenos Aires, ilustrado con diapositivas de bestas no arte universal. A Edade Meia foi pródiga na sua representación. As xentes na pantasía meieval transformábase facilmente en dragóns, cóbregas, escorpións e vermes en xeral, cecais, dixeron, polos seu pecados mortales ou por encantamentos. Mais o misterio non se detén nin siquera na xeoloxía. Vulcano e Neptuno facían da terra e do mar seus axentes e nos sabemos hoxe que os antigos non fixeron mais que preveer o home científico de hoxe. Nos, inocentes galegos, sabios celtas en potencia, sabíamos que algo contiñan as pedras, a terra e as augas nas que creíamos dende sempre. Mais, non che distraigo mais. Blacke, poeta celta, cando quixo ferir a un veciño dibuxouno e escribíu ao pé “O espectro de unha pulga”, non matinou en ningunha clase de máquina, maiúscula ou minúscula, sinón nese bichoco aparentemente insignificante.
O dibuxo de Caparrós fareino e mandareino un destes días, mais provisional, pois prefiro facelo do natural cando volva a Galicia, e non porque non poda facelo de unha fotografía. Degás e Picasso fixeron escelentes dibuxos por este procedimento.
Agradézoche as tuas verbas e todo canto fas por mín. Recibide Elena e tí unha aperta moi garimosa de Maruxa e miña:
Seoane.
|
| 1976-09-02 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e membrete:]
Transcripción da Carta de García Sabell a Seoane. 1976 en 02/09/1976
DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 592116/SANTIAGO
2-IX-1976
Querido Luis:
Non sabes como agradecín as túas verbas, tan xenerosas, tan abertas e tan aleicionadoras. Os amigos, coma tí, axudan a aturar tódalas incomodidades do diario traballo. E as inquedanzas do país. Estamos confusos, inritados, sufrindo inxusticias e malas valoracións. Pro, ¿qué vou eu a contarte a tí que tanto levas apañado pola iñorancia e a mala intención dos demáis?
O que escribiches sobor de Maletvich e Rodchenko é moi bó, e sorprendentemente adiviñador.
Eu aproveitei o mes de Agosto –as miñas vacacións– para dar unha paseata por Bélxica e por Holanda. Os Memling de Bruxas e o Van Eyck de Gante deixáronme estupefacto. O Museo Boymanns-van Beuningen de Rotterdam, que de seguro tí xa conoces, contituie unha mostra sumamente completa do Arte do noso tempo. Matinei moito en tí e na tua obra, en tantos respeitos ben superior a gran parte da que alí se exhibe. E tomei notas que están xa no meu Xornal. En suma, que voltei fortecido, tonificado, e con desexos de traballar. O novo libro de ensaios anda, por ende, a ritmo decente.
Agardo o catálogo da túa nova Mostra. Non deixes de remesalo.
Apertas moi cordiales de Elena e miñas para Maruxa e para tí. E que regresedes axiña. Necesitamos de vós.
Domingo.
[Escrito a man]
Teño carta de Otero Espasandín. Operárono dún cáncer no colon. Está recuperándose. Penso que debías escribirlle.
|
| 1976-10-01 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1976 en 01/10/1976
Buenos Aires, 1º de Outubro de 1976
Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago
Querido Domingo:
Fai moitos dias que recibín a tua carta que agradezo como todalas tuas. Estes dias pasados estiven na cidade de Tucumán con unha nova exposición de pintura. Coñecín xente espléndida, inquedos, sabendo moito de custións de arte, en xeral universitarios, e pasámolo moi ben Maruja e eu. Foi unha nova esperencia, e a mostra constituie un éisito popular. Tucumán ten unha das millores Universidades do país. Perante a guerra contratou profesores españoles, alemáns, italians, xudeos. Fixo en pequeno o que Estados Unidos fixera en grande. Agora, estes dias precisamente, finou en Buenos Aires Mondolfo, un dos máis importantes pensadores italians, e alí estivera de profesor entre os españoles un matemático catalán moi importante, Corominas, agora en Estados Unidos, un grupo notable de filólogos discípulos de Américo Castro e Tovar, cando tivo que deixar España. É unha terra que queda no subtrópico arxentino, mais ten por kilómetros un paisaxe parecido na súa estructura a moito paisaxe galego, mais con unha flora distinta. Os montes e os vales vistos de lonxe parécense aos montes do que chamamos montaña na provincia da Coruña, Ordes, Arzúa, Melide, a zona entre o Tambre e o Ulla.
Conozo, efectivamente, o Museo que citas de Rotterdam, un dos mais importantes do arte deste século, mais tamén o é a cidade, practicamente feita despois da guerra cos eistraordinarios monumentos que se ergueron nela logo de rematada. Un sinte envexa da cultura dos alcaldes e concellales que rixen esas cidades e o amor que sinten os cidadáns delas polo progreso. Eu tiña pensado fai moito os monumentos que fan falla nas cidades galegas, tan desprovistas deles, ou con figuras ridículas que se ergueron en memoria das millores xentes nosas como o de Rosalía de Santiago, ou eses bustos que poñen ás veces como o de Pondal na Coruña, o de Cervantes tamén en Santiago, etc, frente as novas esculturas que se erguen en Rotterdam por exemplo. Deberían prohibir os bustos nas plazas, simplemente son ridículos.
A semana que ven enviareiche a monografía que salíu aquí. Non o fixen pola folga de correos de España. Temos que estudar un libro con reproduccións onde tivese cabida o que tes escrito no teu diario encol das miñas cousas. Penso que sería un libro orixinal, coas opinións favorables ou non, de acordo a como o fuches escribindo. Xa falaremos desto ao meu regreso. Agradézoche a tua opinión encol do meu traballo sobre Malevich e Rodchenko. Levareiche as outras que fixen entón sobre outros pintores que de algún xeito me interesaban. Remíteme, por favor, a dirección de Otero Espasandín, eu na (sic) teño, perdina en algún viaxe.
Unha grande aperta de nos os dous para Elena e para ti. Estamos desexando veros.
|
| 1978-02-23 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa e membrete:] DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 592116/SANTIAGO
Transcripción da Carta de García Sabell a Seoane. 1978 en 23/02/1978
23-II-1978
Sr. D.
Luis Seoane
BOS AIRES
Querido Luis:
Recibín a tua carta. Sinto o da gripe, pero é cousa que hoxe resulta inevitabel. Coidate sempre. Tí eres forte –xa o teñes demostrado– e non me preocupan isas pequenas doenzas, sin maior transcendencia.
Vexo que sigues a traballar dun xeito sistemático, contínuo e fecundo. Non te esquezas de remesarme, cando saian, os teus novos libros de grabados. Interésanme moito.
Sinto que non espoñas en Milán, aínda que comprendo o teu cansacio. A mín, no meu eido, acontéceme o mesmo. Son escesivas as obrigas que cangan sobor de ún. En fin, non nos laiemos.
Eu ando metido nunha actividade cáseque frenética. O Senado, as Comisións que me visitan e piden a miña intervención, –hoxe mesmo viñeron uns paisáns das Encrobas a pedir que eu os apoie, pois o resto dos parlamentarios non fan ren, e axiña lles dixen que estaba disposto a loitar polos seus dereitos onde fora e cómo fora–. Imos preparar, xa que logo, unha estratexia axeitada a ver si acadamos que non rouben o que é deles. Xa che terei ao tanto diste choio.
As conferencias –niste mes levo dadas sete, cinco en Galicia e duas en Madrid–. E, derradeiramente, o oficio de curador, que pide moito. En suma, un trafego contínuo. Agora estou tan esgotado que marcho á Coruña a descansar tres días seguidos. A leer e a escoitar música.
Os López de Gomara –apelido de conquistador español– aínda non apareceron por eiquí. Cando veñan, atendereinos con todo agarimo.
Por correo aparte envieiche a reseña periodística dunha intervención parlamentaria da Totora. Verás por ela que a miña calificación de conducta circense estaba plenamente xustificada. ¡Cánto dano fai ista muller ao bó nome de Galicia!
Xa saberás que ardeu gran parte do Pazo de Meirás. O incendio foi provocado. Por fortuna, salvóuse a biblioteca da Pardo Bazán. O resto, polo que nos contan, era morralla, bisutería, mala pintura e obxetos de valor arqueolóxico froito da rapiña disa curuxa que é a viuda do dictador. ¡Coarenta anos roubando, amasando millóns, e nin tan siquera un cadro de firma importante! Un mal gusto de militar español.
Pasado mañán ingresará na Academia Galega Mariñas del Valle. Denantes xa o fixeron Eduardo Moreiras e Valentín. Nún mes, tres numerarios novos. Coido que a cousa non vai mal. Tamén salvei un atranco económico. E o domingo celebraremos a primeira sesión ordinaria na nova casa. Polo de agora soio é unha ocupación provisional. A inauguración oficial terá lugar cando rematemos algúns detalles de instalación para os que precisamos cartos que eu ando a pedir por todas partes.
Unha apreta ecumenica de Elena e miña para Maruxa e para tí. Sempre voso,
Domingo
|
| 1978-05-05 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1978 en 05/05/1978
Buenos Aires, 5 de Abril de 1978
Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago
Querido Domingo:
Recibín a tua carta do 23/II que che agradecín moito. Tes a virtude, tan pouco frecuente, de infundir optimismo. Chegóume nun intre de decaimento. Non sei que facer. Quedar eiquí definitivamente ou voltar a Galicia xa pra sempre. Si marcho, renuncio a unha carreira feita, a unha obra que seguramente non voltarei a ver máis. Enténdese que si renuncio a esto é somente pra voltar a Galicia. En Madrid, ou Barcelona, síntome moito mais alleo que en Buenos Aires. Ben, todo esto temos que resolvelo Maruja i eu. Sabémolo. Mais dígocho a ti soio, cecáis porque decíndoo matino que alivio o meu decaimento e a preguiza que sinto.
Os meus álbumes non sairán denantes de fin de ano. Mais, tan pronto os teña impresos remitireichos. Lamento o ocurrido coa presidencia da Xunta de Galicia. Co comportamento da maioría parlamentaria. O presidente deberían de ser tí ou Piñeiro, ninguén mais. Eu non sei ben quen é Rosón, nin o grado de galeguista que é. Algúns de Lugo deiquí non falan moi ben dél. Eu non tomo partido. Un senso primario galeguista téñeno todos os galegos. Alégrome moito de que tomes partido pola xente das Encrobas. A min paréceme unha causa xusta, e nós, alleos ao comercio e á industria, necesarios, mais que todo o emporcan, temos a obriga de defender os mais débiles. Así polo menos pensei eu e sei que tamén tí. Pertenecemos á mesma escola da F.U.E. e a uns anos que nos marcaron pra sempre. Os que viñeron tras nós, somente catro ou cinco anos despois, xa non teñen a nosa formación, nin tiveron a mesma adhesión a uns principios morales que a nos asináronos pra sempre, aínda estando eles con nos. O oportunismo que seguíu inmediatamente despois da rotundidade deses principios fixéronos diferentes aínda estando, ou parecendo estar, dun mesmo lado. Os anos que nós vivimos denantes da guerra civil, constituíron un límite de duas épocas en que se dividíu o mundo. A min sorprendeume, en Galicia, dende o meu primeiro viaxe do ano 60, a coincidencia de criterios os que nos formamos a fin da década do vinte con aqueles que o fixeron pouco mais tarde. Foron os precursores, creo, do confusionismo de moito[s] dos mozos de hoxe. Supoño que esto estará estudado.
Agradecinche o envío da reseña da intervención parlamentaria de Totora, e tamén a noticia da entrada na Academia de Valentín, Moreiras e Mariñas. Trátase de personas de valor que penso poden traballar nela. Gostaríame moito que si se imprimen os discursos me gardásedes un exemplar. Tamén das conferencias pronunciadas por ti si se publican.
Recibide Elena e tí unha forte aperta de Maruxa e miña:
|
| 1978-06-13 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1978 en 13/06/1978
Buenos Aires, 13 de Xunio de 1978
Dr. Domingo García Sabell
Santiago
Querido Domingo:
Por unha carta de Isaac tiven noticia de que ves a Buenos Aires invitado polo Centro Galego con motivo do Dia de Galicia. Non sabes canto me alegrou a noticia, ainda que eu esté persoalmente moi lonxe de todo o que ocurre na colectividade dende que fun aldraxado por un grupo de persoas fai uns oito anos, instigados por Valentín Fernández, sin que esa institución e as outras lles contestase, como terían de facelo, por todo o que eu fixen para elas en tantos anos, dende o 37 ó 70. Dende entón deixei de frecuentala e non concurrín endexamais a un acto dela. Mais este é un caso particular. A realidade é que non se ten de ningún xeito de deixar de lado a importancia que ela ten, sobre todo que tivo no pasado, cando non envellecera por falla de emigrantes novos. Das tuas conferencias e de ti persoalmente lémbrase moita xente. Foi moi importante a imaxe que deixaches dunha Galicia nova, inqueda, descoñecida para eles, a maioría, que lles anunciaba a esistencia de uns valores dos que non tiñan apenas noticia. Nos alegrámonos moito de que veñades. Eu por egoísmo persoal. Verás o meu traballo feito en Buenos Aires, o que estou facendo, algúns dos murales mais importantes. E poder ver xuntos algúns espectáculos. Buenos Aires é con seguranza a cuarta, ou quinta gran cidade musical e teatral do mundo. Hoxe, un dia calquera do outono anúnciase, soio en teatro, Cyrano de Bergerac de Rostand, Anna Christie de O´Neill, Lorenzaccio de A. de Musset, El Abanico, de Goldoni, Romeu y Julieta de Shakespeare, xuntamente coa obra dos mais novos, como El Desperfecto de Dürrenmat, Ceremonia para un negro asesinado de Arrabal, ou Requien para un viernes a la noche de Rosenmacher, do teatro universal. Do teatro en castelán estase repoñendo Los intereses creados e La casa de Bernarda Alba, aparte do teatro arxentino. De ópera, Otelo de Verdi e Gisell de Adam-Coralli, etc. Enmais dos ballets nacionales e estranxeiros, concertos, e en este intre traballan sete circos en distintos bairros da cidade. Non vou a reproducirche as páxinas de espectáculos dun xornal, La Nación, nin referirme ó teatro experimental que se fai, nin ós cafés-concerts, etc. Douche noticias de este aspecto de cidade descoñecido en España, para animarte a que veñades. Para nos serán dias inolvidables, estou seguro.
Non sei nada do que pasou co libro de Galicia no ano 2000. Si tivo críticas, etc. O vicerrector nin tan siquera me remitíu o exemplar. Teño un que me envióu Del Riego. A Xulio Maside fíxenlle un traballo sobre Carlos, pra un libro que tiña de se editar axiña, enviéillo fai meses, e tiven noticias por Piñeiro de que o recibíu. Xulio nin siquera me acusóu recibo, é moi posible que non lle gustara. Esquénzome traballando. Traballo.
Non escribo mais. Esta carta é simplemente consecuencia da ledicia que sentimos polo voso viaxe en Xulio. Unha aperta moi grande ora vos os dous de Maruxa e miña:
|
| 1978-10-19 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1978 en 19/10/1978
Buenos Aires, 19 de Outubro de 1978
Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago
Querido Domingo:
Lembrámonos sempre de vos. Do ben que nos fixo persoalmente o voso viaxe, independente do que lle fixo á colectividade, polo que sei. Para min eres a persoalidade mais outa de Galicia de hoxe e este non é unha frase feita como afago. Esto sínteno moitos outros, e independente, o xuicio, da nosa amistade ou da que teñan contigo as outras xentes a que me refiro. En febreiro ou marzo marcharemos a Galicia, non creo que aínda definitivamente, pois unha gran galería de eiquí quere festexar os meus setenta anos, en 1980, con unha gran mostra retrospectiva da miña obra e pra esto terei que tratar de axudar a concentrar as obras que teñen museos, galerías e particulares, pois ten de ser unha selección da pintura e mostrar tamén grabados, álbumes, libros ilustrados, etc. Un traballo no que teño que estar presente eu. O que me sorprendeu é de que a alguén se lle tivese ocurrido festexar os meus posibles setenta anos. Nunca pensei neles, nin na edade relacionada co arte nin en xeral coa miña vida. Un ten uns anos físicos que non responden a edade do seu esprito, das suas inquedanzas. En todo caso é a edade que os mais mozos matinan dos vellos cando non os coñecen ben. ¿Cal era a edade da moza de Ticiano, de Ho Kusai, etc., por poñer exemplos, a que tiñan cando cumpliron vinte anos ou a que mostraban na sua obra cando tiñan noventa? Cando tiñan vinte anos remataban unha academia, eran os mais vellos dos pintores, mais que os que estaban a morrer pola edade, mais cando tiñan arredor dos 90 era cando continuaban abrindo camiños ó seu arte, cando mais importante era a separación que houbera moitos anos denantes entre eles de 20 anos e os que entonces consideraban moi vellos, no que mais debe importar ao home, no desenrolo da cultura.
Non sei para que che escribo todo esto. Porque cando comecei a escribir matinaba soio facelo para pedirche un favor. Quero, como ti sabes, donar a miña biblioteca de arte, un dous mil tídoos, á sección de Historia do Arte, da Facultade de Letras de Santiago, e desexo que acepten o donativo. Para ofrecelos e sexan aceptados debe esistir un procedimento que descoñezo. Tamén para que o Consulado interveña no envío, pagando a Universidade ou o Estado os gastos do embarque e traslado. Naturalmente a aduana arxentina pondría dificultades, pois a maioría deses libros son moi valiosos e moitos están agotados. Outro problema son os cadros e os grabados. Cecáis o que tiña que facer o Estado pra incorporar novamente a España os intelectuais que tiveron que sair de España con motivo da guerra, e non teñen pensión, xubilación, etc., e non me refiro soio ó caso das donacións, é que se ocupasen os Consulados de lles facilitar os trámites ós membros dos consulados nos países onde están acreditados e ós funcionarios das Aduanas ao ingreso das obras de arte dos artistas nesas condicións en España. Quixera que tí nalgún intre falases desto co Ministerio correspondente, moita xente quedaríache agradecida pois, que eu sepa, é a reparación mínima para todos aqueles que non tiveron cárrego oficial algún, sendo escritores, artistas, homes de cencia, periodistas, etc., e en coarenta anos foron acumulando ouxetos, obras de arte, bibliotecas, no esterior. Mais o que nos urxe é resolver o problema da donación. Vou a iniciar o inventario dos libros, aproveitando a axuda da miña sobriña nas suas vacacións, dos que quero donar á Universidade compostelán, pois sei que en ela a biblioteca de arte é probísima.
Perdoame por esta petición. Xa faláramos algo desto polos dias que estiveches eiquí.
Unha aperta moi forte e garimoso pra Elena e pra ti de Maruxa e miña:
Seoane.
|