NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega promove varias actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller

Co gallo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Consello da Cultura Galega (CCG) programa actividades, conferencias e dixitalización de publicacións históricas ao redor das mulleres galegas. Ao igual que en anos anteriores, organízase coa Filmoteca de Galicia o ciclo Olladas de muller, no que se programan diferentes filmes e curtametraxes realizadas por directoras. Ademais, a hemeroteca feminista A Saia sobe varios exemplares da cabeceira Mulleres Cristiás Galegas, mentres que o Álbum de Galicia incorpora a entrada do Colectivo María Castaña. A estas accións engádese a nova sesión do ciclo Pensarmos, na que se abordará a cuestión do xénero no patrimonio, así como dúas xornadas sobre a representación da maternidade nos discursos artísticos e o legado cultural das intérpretes galegas na diáspora.

As actividades propostas arredor do Día Internacional da Muller comezan o 5 de marzo cunha nova edición do ciclo de cine Olladas de muller. Organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Filmoteca de Galicia, nel proxectaranse tanto filmes de directoras galegas como outras obras destacadas do cinema nacional e internacional que reflicten a situación da muller en diferentes partes do mundo. O ciclo, que se prolongará ata o vindeiro 12 de marzo, inaugúrase esta tarde (ás 19:00 horas) cun coloquio entre as directoras Jaione Camborda e Laura Ferrés, moderado por Jara Yáñez, directora da revista Caimán. Cuadernos de Cine. A continuación proxectaranse dúas curtametraxes estreadas no ano 2017: Rapa das bestas de Camborda e Los desheredados de Ferrés.

A programación dos días 6, 7, 8 e 12 de marzo estará dedicada ao visionado das últimas longametraxes dirixidas por estas dúas directoras (La imagen permanente, Ferrés, 2023, e O corno, Camborda, 2023), así como polas cineastas Rocío Mesa (Secaderos, 2022) e Erige Sehiri (Entre las higueras, 2022). Tamén se proxectará un clásico do cine feminista norteamericano como é Not a pretty picture, de Martha Coolidge (1975).

As curtametraxes serán as protagonistas da sesión do sábado 9 de marzo, na que se amosarán as producións portuguesas de animación Água Mole (Laura Gonçalves e Alexandra Ramires, 2017) e O homem do lixo (Laura Gonçalves, 2022). Ademais, proxectaranse catro curtametraxes dirixidas por novas creadoras galegas, como Xisela Franco (Amas da terra, 2024), Ana Amado (O lavadoiro, dirixida xunto con Lois Patiño en 2023), Alicia López (Menstruo, trua, 2023) e Laura e Coral Piñeiro (Mariví na pel da memoria, 2022).

As xornadas Ficcións da maternidade e Intérpretes galegas na emigración e no exilio e unha nova sesión do ciclo Pensarmos

As diferentes seccións do Consello da Cultura Galega desenvolven tamén actividades específicas no marco das súas liñas de traballo para sumarse ás reivindicacións do 8 de marzo.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) organiza a xornada Ficcións da maternidade: entre imaxes e palabras para reflexionar sobre como os discursos artísticos contribúen a abrir debates sobre a maternidade e o feminismo. A cita terá lugar o 7 de marzo, ás 16:15 horas, na sede institucional do CCG e consistirá en dúas mesas de coloquio. Na primeira, o director de cine Álvaro Gago e a cineasta Jaione Camborda, moderados pola coordinadora do CDIF, Carme Adán, falarán da cuestión da maternidade no cinema. Posteriormente, as escritoras María do Cebreiro e Yolanda Castaño farán o mesmo no eido literario nunha mesa titulada “A maternidade nas letras: unha materia virtuosa”, moderada pola tamén escritora e integrante do CDIF Inma López Silva.

Na seguinte semana, a Sección de Pensamento do CCG organiza unha nova sesión do seu ciclo Pensarmos. A convidada nesta ocasión é a antropóloga e profesora da Universidad Pablo de Olavide (Sevilla) Victoria Quintero, que pronunciará o relatorio “O patrimonio ten xénero: o desafío das memorias en igualdade”. A súa intervención desenvolverase en formato dialogado con Nieves Herrero, profesora de Antropoloxía Social na Universidade de Santiago de Compostela. A cita, coordinada por Celia Pereira Porto, terá lugar na sede da institución o 14 de marzo, ás 18:00 horas.

O día 15 de marzo, ás 16:15 horas, desenvolverase a xornada Intérpretes galegas na emigración e no exilio, coa que se busca dar visibilidade e reivindicar o legado cultural de mulleres intérpretes na diáspora, como as actrices Manuela Rey e María Casares ou a cantante lírica Dorinda Rodríguez. A actividade está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais e coordinada por Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, Cristina Domínguez Dapena e Fran Núñez.

O Colectivo María Castaña no Álbum de Galicia
O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o CCG, desenvolverá neste mes de marzo unha programación especial centrada en divulgar as entradas de mulleres destacadas en diferentes ámbitos. Na data previa ao Día Internacional da Muller, farase pública a primeira delas, dedicada ao Colectivo María Castaña.

A Saia
A hemeroteca feminista A Saia, proxecto dependente do CDIF e desenvolto conxuntamente co ADHUC - Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat da Universitat de Barcelona, engade á súa colección varios números do boletín Mulleres Cristiás Galegas. En concreto, suma catro exemplares da primeira época (1998-2000), dez da segunda (2002-2004) e un número especial sobre o desastre do Prestige e o movemento Nunca Máis. Editado en Santiago de Compostela pola Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria, o boletín funcionaba como canle de información e difusión dos debates e actividades da organización, así como da súa rede de contactos con grupos e plataformas de carácter cristián, feminista, social, pacifista e ecoloxista. Todos os números son en branco e negro, aínda que a partir do número 5 (2002) a cuberta e a contracuberta se imprimen sobre fondo lila, verde ou azul. A revista inclúe tamén fotografías que dan conta das actividades da entidade editora a nivel local e internacional, infografías e banda deseñada.