O patrimonio cultural galego enfróntase con frecuencia a situacións de risco derivadas de fenómenos naturais e de emerxencias ambientais. O tren de borrascas do inicio de ano provocou o derrubamento parcial da Muralla de Lugo, mentres que os incendios forestais do pasado verán afectaron numerosos bens patrimoniais. Son algúns exemplos da vulnerabilidade do patrimonio ante eventos extremos e da necesidade de desenvolver estratexias de prevención, protección e resposta. Cuestións que aborda a xornada “A xestión de riscos e a resposta ás emerxencias no patrimonio cultural”, coa que se pecha o ciclo “Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural” (ETTPC). Un espazo de debate organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, que leva dous anos promovendo unha análise interdisciplinar do territorio e dos seus valores patrimoniais. Os encontros ábrense mañá (17:00 horas) cunha intervención de Arsenio Sánchez Henampérez, cocoordinador do Plan Nacional de Xestión do Risco e Emerxencias en Patrimonio Cultural. Seguirán o xoves 11 (17:00 horas) cun debate a cargo de profesionais que traballan no ámbito galego sobre este asunto. A cita, coordinada por Teresa Nieto, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Amoedo, é presencial e pode seguirse en directo a través do web do CCG e a súa canle de YouTube.
Ler máis
Resultados da busca para: 'Inés Santé Riveira'
Amosando noticias 1 a 8 de 8


