Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Limpar
Resultados da busca para: 'Marta Lois'
Amosando noticias 1 a 19 de 19

Novos recursos no Día Internacional do Orgullo

Co gallo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, a hemeroteca feminista A Saia, proxecto dependente do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), engade novas publicacións á súa colección. En concreto, póñense na rede o exemplar número 13 de S’homos e a totalidade dos números de Menlacex, dúas revistas de temática LGBTIQ+. Ao fío desta data, o CCG organizou tamén unha nova xornada do foro Pensar con Orgullo, na que se presentou o informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia. Elaborado polo Foro Identidades e Disidencias Sexuais do CCG, o documento está dispoñible para a súa consulta no web institucional.

Ler máis

O Foro Identidades e Disidencias Sexuais demanda maior formación e programas para as persoas LGBT+

O 65 % do alumnado de secundaria presenciou nas clases de Educación Física comportamentos homofóbicos entre estudantes. Entre o 86 % e o 92 % das agresións físicas non se denuncian. Estes son algúns datos que se recollen en Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia, documento elaborado polo Foro Identidades e Disidencias Sexuais do Consello da Cultura Galega (CCG). “É un informe pioneiro no que por primeira vez se lles dá voz a todos os colectivos implicados para abordar as necesidades e preocupacións de todas as persoas LGBT+ e propoñer accións de mellora”, explicou Rosario Álvarez, presidenta do CCG, na súa presentación. “Con el rematamos un camiño de dezaoito meses que reuniu un centenar de persoas entre colectivos, profesionais, institucións e diferentes administracións e que abre outro para poder afrontar as necesidades deste colectivo tras un estudo sopesado”, apuntou Carme Adán, coordinadora do equipo de traballo que elaborou o documento. A presentación do informe, que xa se pode descargar desde o web do CCG, foi o peche da xornada Pensar con Orgullo IV.

Ler máis

Preséntase o primeiro informe sobre disidencias en Galicia na xornada Pensar con Orgullo

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o vindeiro mércores, 21 de xuño, a cuarta edición da xornada Pensar con Orgullo, unha cita que reflexiona sobre a situación do colectivo LGBTI+ coñecendo a situación doutros países e centrada nas políticas públicas. Nela presentaranse os resultados do Foro Identidades e Disidencias Sexuais, un espazo de reflexión e análise sobre a diversidade que supuxo 18 meses de traballo. As conclusións presentaranse nun informe pioneiro que aborda as necesidades e preocupacións das persoas do colectivo LGBT+. Como avance da xornada, na tarde do martes 20, haberá un obradoiro para mulleres a cargo de Gena Baamonde e A Panadaría Teatro.

Ler máis

Santiago e Ourense acollen o II Festival de Filosofía de Galicia

O pensamento de filósofas destacadas como Hannah Arendt ou Simone de Beauvoir serve de punto de partida para as mesas de debate do II Festival de Filosofía de Galicia. Un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) que arrinca mañá en Compostela cun programa que está pensado para dar a coñecer as mulleres destacadas da Historia do Pensamento e da Filosofía que permanecen invisibilizadas. Ata o domingo, entre diferentes localizacións de Santiago e de Ourense, haberá conferencias e espectáculos para convidar ao público a pensar e a facelo cun punto de vista distendido.

Ler máis

Regresa o ciclo Pensarmos cunha conferencia sobre a discriminación no dereito

A filósofa do dereito Maggy Barrère (Donostia, 1957) participa mañá, mércores 21 ás 18:00 horas, no ciclo de reflexión Pensarmos cunha conferencia titulada Dereitos e discriminación na “nova normalidade”: unha mirada iusfeminista. A súa intervención desenvolverase en formato dialogado co maxistrado Xermán Varela. A iniciativa, coordinada por Celia Pereira Porto, enmárcase dentro das actividades da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.

Ler máis

O II Festival de Filosofía de Galicia renderá homenaxe ás filosofas

A banalidade do mal, frase acuñada pola filosofa Hannah Arendt, abre en Compostela o programa da segunda edición do Festival de Filosofía de Galicia. Un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) que mestura conferencias e espectáculos para convidar ao público a pensar e a facelo cun punto de vista distendido. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto coa directora do encontro, Carme Adán, explicaron en rolda de prensa o programa, que este ano está dedicado ás filosofas. A cita desenvólvese en Compostela e como novidade, ábrese á cidade de Ourense onde están programados varios espectáculos.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura Galega propón unha reflexión multidisciplinar sobre o corpo

Ao fío do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo. LGTBI, a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega propón anualmente unha xornada debate. Nesta ocasión, a cita desenvolverase este luns 20 baixo o título “Pensar con Orgullo III. Corpos en rebeldía: aproximacións interdisciplinarias”. Unha sesión de reflexión que sirva para tender pontes na sempre complexa relación entre o corpo, a sexualidade, o desexo e o sexo/xénero, desde unha proposta interdisciplinaria. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez e a coordinadora da Sección de Pensamento, Carme Adán, serán as encargadas de inaugurar esta cita presencial que tamén se poderá seguir en directo a través da web e das redes sociais da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade constitúen o Foro Identidades e Disidencias Sexuais

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade constitúen o Foro Identidades e Disidencias Sexuais

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), e María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, deron a coñecer este luns en rolda de prensa o Foro Identidades e Disidencias Sexuais. Trátase dun proxecto coordinado por Carme Adán, responsable tamén da Sección de Pensamento do CCG, que busca incrementar o coñecemento das necesidades da poboación LGBTQI, así como os recursos e servizos cos que contan as administracións públicas nesta materia. O Foro está conformado por cinco mesas de traballo que artellarán un proceso de reflexión que culminará en 2023 coa presentación dun informe pioneiro nesta materia.

Ler máis

Javier Vilanova fala de filosofía de sentido común no ciclo Pensarmos

O ciclo de reflexión Pensarmos, que organiza mensualmente a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) que coordina Carme Adán, ten este xoves 19 de maio (18:00horas) unha nova cita. Desta volta co filósofo e profesor Javier Vilanova, que falará da filosofía de sentido común. Estará con el na mesa a tamén profesora, Nieves Herrero. A sesión é presencial, pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.

Ler máis

Unha xornada reflexiona sobre o papel dos medios de comunicación no contexto actual

Que papel deben cumprir os medios de comunicación na nosa sociedade? Informar ou educar? Existe a censura? Que é iso da guerra informativa? Estas son algunhas das cuestións sobre as que coñecidos xornalistas debaterán mañá na xornada “Censuras e silencios nos medios de comunicación” que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita é presencial pero tamén se poderá seguir en directo a través da web e das redes sociais da institución.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura Galega afonda na vixencia do pensamento da filósofa Simone Weil

A vida de Simone Weil (París, 1909 – Ashford, 1943) foi breve e moi intensa. Foi unha filósofa que predicou co exemplo e deixou o seu posto de profesora universitaria para traballar como obreira nunha fábrica en condicións infrahumanas. A sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) pon os ollos no seu exemplo para analizar o contexto actual na xornada titulada “As raíces do pensamento de Simone Weil”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da sección, Carme Adán; mais a da xornada, Celia Pereira, inauguran este martes a cita presencial que se pode seguir en directo desde o web e as redes sociais da institución.

Ler máis

Jaume Alonso-Cuevillas falará mañá no ciclo Pensarmos sobre noticias falsas e xuízos paralelos

O xurista, avogado e político Jaume Alonso-Cuevillas (Barcelona, 1961) participa mañá (18:00 horas) no ciclo Pensarmos, iniciativa da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). Alonso-Cuevillas é, entre moitos outros postos, exdeputado do Parlament de Catalunya, e ofrecerá un relatorio titulado “Proceso xudicial, fake news e xuízos paralelos: unha visión dende Catalunya”. O avogado Xoán Antón Perez Lema será o encargado de dialogar con Alonso-Cuevillas no marco deste formato de reflexión coordinado por Carme Adán. A xornada é presencial, precisa inscrición previa e pode seguirse en directo desde o web do CCG e as súas redes sociais.

Ler máis

Brigitte Vasallo participa mañá no ciclo de reflexión “Pensarmos”, que para no verán

A escritora, profesora e activista Brigitte Vasallo (Barcelona, 1973) participa mañá no ciclo “Pensamos”, iniciativa da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). Vasallo, coñecida especialmente pola súa crítica da islamofobia de xénero, a denuncia do purplewashing e o homonacionalismo, así como pola súa defensa do poliamor nas relacións afectivas, ofrecerá un relatorio titulado “As mentiras na linguaxe”. A profesora de Ciencias Políticas da USC Marta Lois dialogará con Vasallo no marco deste formato de reflexión coordinado por Carme Adán. As prazas están esgotadas, pero pode seguirse en directo desde o web do CCG e as súas redes sociais.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega conmemora o Día do Orgullo cunha xornada e novos materiais

Cada 28 de xuño a comunidade LGTBQ+ celebra unha serie de accións para reafirmaren a súa orientación sexual, reivindicaren os seus dereitos e mais para faceren denuncia das actitudes homófobas. Nas vésperas desta celebración, o Consello da Cultura Galega (CCG) prepara diferentes accións. Dunha banda, organizará mañá martes, 22 de xuño, a segunda edición da xornada “Pensar con orgullo”. No marco desa cita estrearase a curtametraxe documental “Dereito a existir: falan elas” dirixida por Carme Adán e Cristina de la Torre, que recolle o testemuño de tres xeracións de mulleres transexuais. Da outra banda, no propio día 28 incorporarase unha nova cabeceira ao repositorio documental hemerográfico “A saia”.

Ler máis

Especialistas poñen de manifesto a vulnerabilidade na atención sanitaria

A pandemia puxo de manifesto a complexidade do coidado, que todos somos vulnerables e que cómpre non perder o aprendido neste tempo. Son as principais conclusións da xornada “A vulnerabilidade na encrucillada. Pensadoras contemporáneas e experiencias no ámbito sanitario” que hoxe organizou o Consello da Cultura Galega (CCG). Matronas, enfermeiras e investigadoras de ámbitos que van desde a saúde ata a filosofía abordaron nas súas intervencións situacións de vulnerabilidade como o parto ou a atención sanitaria durante a pandemia. Todos os relatorios desta cita coordinada por Carme adán e María Xosé Agra foron gravadas e se poden consultar a través de internet.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega dedica mañá unha xornada a reflexionar sobre a vulnerabilidade

A pandemia puxo en evidencia que hai suxeitos, situacións e colectivos máis vulnerables ca outros. Investigadoras dos ámbitos da saúde e do coidado das mulleres, da teoría feminista e da filosofía, reflexionarán mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) sobre a vulnerabilidade nunha xornada titulada “A vulnerabilidade na encrucillada. Pensadoras contemporáneas e experiencias no ámbito sanitario”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta xornada organizada por Carme Adán e María Xosé Agra. As prazas están esgotadas pero pode seguirse en directo a través do web e as redes sociais da institución.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura insiste na necesidade de reordenar e desestacionalizar o turismo

“A capacidade da catedral de Santiago e do centro histórico non está ben resolta e acabará tendo problemas” indicaba Miguel Angel Troitiño, catedrático de Xeografía Humana e coordinador do estudo que en 2008 limitou o acceso a catedral de Santiago, no marco das xornadas “Turismo masivo e patrimonio. Converxencias e diverxencias dun diálogo posible”. A cita foi inaugurada polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que incidiron no peso crecente que o turismo ten no noso país e a necesidade de reordenalo para que non afecte ao patrimonio. O primeiro día das xornadas tamén abordou a problemática dos cascos históricos e dos bens declarados Patrimonio Mundial.

Ler máis

Unha xornada analiza desde mañá o equilibrio entre turismo masivo e patrimonio

Galicia como destino turístico, nomeadamente turismo cultural, está á alza. Os últimos datos do INE constatan o incremento das noites hoteleiras na nosa comunidade nun 5,7 % con respecto ao ano anterior. Buscar un equilibrio entre a demanda turística cada vez máis numerosa e a xestión patrimonial é o obxectivo das xornadas “Turismo masivo e patrimonio”, que comezan mañá no Consello da Cultura Galega. Ramón Villares, presidente do CCG; María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural; Nava Castro Domínguez, directora de Turismo de Galicia; Rebeca Blanco Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, e o coordinador da cita, Carlos Nárdiz, son os encargados da inauguración dunhas xornadas que se poden seguir en directo desde o web da institución.

Ler máis

Xornadas sobre Igualdade: Ramón Maiz vencellou igualdade, sustentabilidade e cidadanía ecolóxica para superar o deterioro e a fragmentación do presente

As “Xornadas sobre Igualdade”, comezaron hoxe no Consello da Cultura Galega coa aposta que Miguel Maiz, profesor da Universidade Santiago de Compostela, fixo por “unha reflexión igualitarista da sustentabilidade e unha reflexión sustentable da igualdade”. Trátase de vencellar os conceptos de igualdade, sustentabilidade e cidadanía ecolóxica “para superar o deterioro e a fragmentación do presente”. Nas sesións, organizadas pola Sección de Pensamento e Sociedade, do Consello da Cultura Galega, intervirán mañá os profesores Daniel Raventós. Ignacio Sotelo e Giacomo Marramao, das universidades de Barcelona, Berlín e Roma, respectivamente.

Ler máis