Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1 a 20 de 3724

Publicadas as colaboración de Begoña Caamaño na revista antimilitarista Ar!

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) vén de poñer en rede nova documentación de Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014), figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Nesta ocasión trátase dunha serie de entrevistas e de artigos publicados en Ar!. Revista galega antimilitarista, da que Caamaño formaba parte do seu consello de redacción. Os textos recollidos, publicados entre 1994 e 1997, amosan unha autora fondamente implicada coa denuncia do Servizo Militar Obrigatorio (SMO), coa defensa da insubmisión e coa recuperación da memoria das vítimas da militarización.

Ler máis

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) finou esta mañá en Vigo no Hospital Nosa Señora de Fátima. Alonso Montero foi catedrático de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, vicepresidente do Consello da Cultura Galega cando se constituiu a institución e membro do seu plenario entre 2013 e 2017.

Explora os numerosos contidos sobre el no noso web, desde conferencias, libros ou fotografías.

Ler máis

Fondo pesar polo falecemento de Xesús Alonso Montero

O Consello da Cultura Galega (CCG) manifesta o seu máis fondo pesar polo falecemento de Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928-2026), unha das figuras esenciais da cultura galega contemporánea e persoa estreitamente vinculada á traxectoria da institución. Alonso Montero foi un dos intelectuais impulsores da creación do CCG e desempeñou o cargo de primeiro vicepresidente, baixo a presidencia de Ramón Piñeiro, responsabilidade que exerceu ata 1984, ano en que cesou por vontade propia. Volveu formar parte do plenario entre 2013 e 2017 como membro designado pola Real Academia Galega.

Ler máis

“Diálogos interxeracionais” busca promover as vocacións científicas con conversas con destacados profesionais

Como foi o primeiro envío dun correo electrónico en Galicia? E como foi posible a construción da Ponte de Rande? E a súa posterior ampliación? Os seus protagonistas explícano no marco do proxecto “Diálogos Interxeracionais”, promovido pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) que coordina Elena Vázquez Cendón. Javier Méndez Zunzunegui é o responsable desta iniciativa que busca fomentar vocacións científicas mediante conversas distendidas entre alumnado de bacharelato e profesionais. As gravacións das primeiras sesións, sobre a evolución da física e da enxeñaría de camiños en Galicia, xa están dispoñibles. A vindeira cita terá lugar en Nigrán, o 26 de marzo, e afondará na evolución da enxeñaría aeronáutica e do espazo con Isaura Clavero, Yanina Hallak e Claudia Álvarez Souto.

Ler máis

“Proxector” escolma unha ducia de vídeos divulgativos sobre o cancro

“Cancro: ciencia e conciencia nun desafío global” é o título da nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación de recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega, que organiza o Centro de Documentación Sociolingüistica de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago (USC). Nesta ocasión achegamos unha ducia de vídeos que se suma á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro. A complexidade biolóxica da enfermidade, algunhas das novas terapias que se están a investigar na actualidade, os factores de risco, prevención... son algúns dos temas que se abordan coa intención de desterrar estigmas e transformar o medo en coñecemento.

Ler máis

O portal de divulgación culturagalega.gal presenta a súa renovación no Día dos medios en galego

Este sábado, 7 de febreiro, celébrase o Día dos Medios en Galego. A efeméride conmemora o día en que apareceu o primeiro número de O Tío Marcos d’a Portela, cabeceira pioneira dos medios en galego. No marco das celebracións do 150 aniversario daquel fito, o Consello da Cultura Galega (CCG) remodela culturagalega.gal, o seu portal de divulgación cultural. Un redeseño visual e novas funcionalidades para o portal cultural máis lonxevo en lingua galega, que conta a día de hoxe con 36.000 noticias.

Ler máis

Un roteiro percorre Ourense seguindo a pegada de Valentín Lamas Carvajal

A figura de Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906) está unida á publicación O Tío Marcos d’a Portela, pioneira dos medios de comunicación en galego. Este sábado 7 de febreiro, día en que se cumpren 150 anos da saída á rúa da histórica cabeceira, Ourense acollerá varios actos de homenaxe. Un roteiro polos lugares destacados na vida de Lamas Carvajal, unha placa conmemativa, un concerto e un xantar popular lembrarán a importancia do seu legado. O Consello da Cultura Galega (CCG) xunto cunha serie de entidades deseñaron o programa que se estenderá ao longo de todo o ano.

Ler máis

As conclusións dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística demandan recursos para os SNL e os EDLG

Os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) son dous colectivos que contan con máis de tres décadas de traxectoria e que resultan esenciais para a revitalización e o uso social do galego. Teñen un gran potencial humano pero necesitan dun cambio estrutural e de apoio económico para poder desenvolvelo. Reforzalos, incrementar os orzamentos e aproveitar as experiencias e os recursos que xestionan son algunhas das propostas que figuran nas conclusións dos XXVII Encontros para a Normalización Lingüística que se desenvolveron en outubro pasado. O documento de conclusións propón a derrogación do Decreto para o plurilingüismo, que a inspección educativa vele polo cumprimento dos Proxectos Lingüísticos de Centro, a aprobación urxente dunha normativa de ámbito supramunicipal que regule os SNL, ademais dun cambio de actitude das administracións públicas e un maior compromiso a todos os niveis. O documento, así como os vídeos das sesións, están dispoñibles para consulta.

Ler máis

Doce novas entradas incorpóranse ao proxecto “Lugares de Memoria”

Desde Suíza ata Ponte Sampaio pasando por Portomarín, Castrelo de Miño ou o Panteón Real da Catedral de Santiago. En total 12 lugares físicos ou simbólicos conforman a segunda entrega de “Lugares de Memoria”, proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) coordinado por Xosé Manoel Núñez Seixas. Un catálogo virtual que abrangue dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea, a Galicia territorial e mais a Galicia da diáspora. As novas entradas xa se poden consultar desde o web da institución.

Ler máis

O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, visita a institución

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu na mañá deste martes a visita do presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela. A xuntanza tiña como obxectivo abordar vías de colaboración e futuros proxectos comúns. Na xuntanza estiveron presentes o xerente do CCG, Marcelino Fernández, e a secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán.

Ler máis

Jaume Franquesa participa nos Encontros Temáticos Transversais co Patrimonio Cultural

Jaume Franquesa (Igualdada, 1976), antropólogo recoñecido polo seu traballo no ámbito da enerxía, o medio ambiente e a política rural en Europa, participa este martes (17:00 horas) na terceira sesión do ciclo “Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural” que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión abórdase o impacto da transformación enerxética no sistema local. A xornada continúa o mércores 4 (17:00 horas) co debate a cargo de profesionais que traballan no ámbito galego sobre este asunto. A cita, coordinada por Teresa Nieto, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Amoedo, emítese en directo a través do web do CCG e a súa canle de YouTube.

Ler máis

Pontevedra acolle a mostra sobre a evolución da pandeireta

“A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral” é o título da exposición coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) pretende poñer en valor o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos da pandeireta. O proxecto ábrese este luns (2 de febreiro) no espazo expositivo do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra cunha sesión de relatorios (18:00horas) arredor dos usos e das técnicas deste instrumento. Despois, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto cos comisarios, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, inauguran a mostra, que se poderá poderá visitar ata o 27 de febreiro.

Ler máis

Publicado en rede o fondo Siro López no Día da ilustración

O 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración, que nesta edición se lle dedica a Siro López (Ferrol, 1943), referente da caricatura en Galicia. O Consello da Cultura Galega (CCG) súmase á efeméride convocada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) coa posta na rede do fondo Colección Siro López. No propio día da celebración publicaranse no web institucional o fondo doado polo autor á institución, que contén 61 caricaturas de persoeiros da cultura, así como unha entrevista en profundidade realizada por Xermán Hermida para culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do CCG.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade Alianza Céltigos

Libros de actas das xuntas directivas e das asembleas xerais de socios, libro de enderezos de asociacións de emigrantes galegos cos que manteñen correspondencia... son algúns dos materiais que o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) garda da sociedade de emigrantes chamada Alianza Céltigos, Incio, Corbelle y sus contornos. Hoxe non existe, foi fusionándose con outros centros ata ser unha parte do actual Centro Galicia. A historia desta entidade e dos seus documentos poden consultarse na rede no marco do proxecto Memoria Documental das Sociedades da Emigración Galega.

Ler máis

O pódcast “Seteventos” afonda nas conexións entre Galicia e outros territorios

Nortada, Vendaval, Soán, Poñente, Nordés, Levante e Ábrego son os nomes tradicionais da meteoroloxía popular e mariñeira galega dos ventos segundo a súa dirección de procedencia. Tamén dan nome a “Seteventos”, o último proxecto de pódcast do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel abórdase en sete capítulos as interaccións de Galicia con outros países, culturas ou dinámicas históricas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación que o proxecto pretende “amosar a interacción entre Galicia e calquera outra dirección e, de paso, amosar o fondo enorme de gravacións e materiais do CCG”, mentres que o coordinador da Área de Produción de Contidos e Difusión, Manuel Gago, explicou que “encaixa nunha liña da institución de trasladar a cultura galega a todos os formatos”. Na rolda de prensa tamén estiveron Gabri Fuentes e David Gesteira, autores do pódcast, que parte da escolma de fitos, persoas ou acontecementos representativos para conectar con outras zonas do mundo empregando unha narrativa contemporánea. Os sete episodios xa están dispoñibles en Ágora, a plataforma de pódcast do CCG, así como nas principais plataformas: iVoox, Spotify e YouTube.

Ler máis

O “Repertorio da prensa da emigración galega” incorpora novos números do xornal TEO

O “Repertorio da prensa da emigración galega”, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), comeza este 2026 coa posta en rede dos exemplares que conserva do xornal TEO, órgano oficial de la Federación Residentes de Teo en Sud-América.

Ler máis

O ciclo “Pensarmos” abre 2026 con Cristina Sánchez Muñoz e unha reflexión sobre os totalitarismos

O ciclo “Pensarmos”, que organiza a sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) ten este xoves (22 de xaneiro, 18:00 horas) unha nova sesión. Baixo o titulo “Derivas totalitarias no século XXI”, Cristina Sánchez Muñoz (Melilla, 1959), filósofa que aborda a violencia contra as mulleres en contextos armados, analizará o contexto actual. A súa intervención terá formato dialogado co profesor de filosofía Antonio Fernández Segade. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e emítese en directo desde o web institucional e a súa canle de YouTube.

Ler máis

Aberto un espazo web con material e recursos documentais sobre Otero Pedrayo e o seu legado

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888–1976) foi profesor, ensaísta, novelista, xeógrafo e xornalista, e unha das figuras máis completas e influentes da cultura galega. No marco do “Ano Oteriano”, que celebra o 50 cabodano, o Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de abrir no seu sitio web un espazo que concentra todos os recursos elaborados pola institución ao fío do patriarca das letras galegas. Discursos, epístolas, publicacións, gravacións sonoras, especiais, a entrada biográfica e outros fondos documentais (artigos, manuscritos, etc.) compoñen este espazo que estará en permanente actualización. Con Otero Pedrayo ábrese unha nova forma de acceso aos contidos do CCG a través dos seus protagonistas.

Ler máis

“Proxector” abre o ano cunha escolma de vídeos divulgativos sobre a zoonose

Rabia, malaria, gripe aviaria, enfermidade de Lyme, infección por E. Coli. son algunhas das doenzas máis coñecidas que os animais lles transmiten de maneira natural ás persoas. A transmisión desas enfermidades, coñecida como zoonose, centra a nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en lingua galega promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Baixo o titulo “Zoonoses: ameazas diversas para unha saúde única “ xúntanse doce vídeos para explicar este tipo de enfermidades ou infeccións, ademais de consellos de utilidade para evitar a súa expansión.

Ler máis

Colaboración institucional para conmemorar o 150 aniversario de O Tío Marcos d’a Portela

O Tío Marcos d’a Portela é o gran pioneiro dos medios de comunicación en galego. Promovido por Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906), de periodicidade quincenal, chegou a ter unha tiraxe de 4.000 exemplares. A comisión de coordinación do 150 aniversario da publicación presentou hoxe os actos que conmemoran a efeméride. César Manuel Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; María López-Sández, membro da comisión executiva da Real Academia Galega; Armando Ojea, concelleiro de Ourense; Afonso Vázquez Mondarxín, coordinador da comisión, xunto con representantes da Asociación de Medios en Galego, La Región, Liceo de Ourense, a coral Ruada e a Fundación ONCE mais familiares de Valentín Lamas Carvajal detallaron no centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense os eixes das actividades previstas. Un roteiro, un xantar popular, un concerto, xornadas de divulgación e a dixitalización da colección completa, destacan entre as propostas que acollerá a cidade de Ourense ao longo deste ano.

Ler máis