Rebasado o seu ecuador, o congreso internacional "Mil e un Cunqueiros" está a cumprir os obxectivos fixados pola comisión organizadora, nomeadamente no referido ás achegas das novas investigacións sobre a obra do escritor mindoniense. "As sesións densas, intensas e non exentas de polémica así o reflicten e tamén algunhas contribucións chegadas de ámbitos italianos ou portugueseses", dixo Dolores Vilavedra, da Universidade de Santiago, integrante da comisión xunto con Manuel Forcadela (Universidade de Vigo) e Teresa López (Universidade da Coruña). O paraninfo coruñés acolleu hoxe as sesións congresuais con particular atención aos xéneros literarios na obra de Cunqueiro, a recepción do seu legado ou herdo e a configuración textual en "Merlín e familia". O congreso retornará mañá venres á sede do Consello da Cultura Galega, institución que o organizou, xunto coas universidades galegas, para conmemorar o centenario de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981).
Ler máis
Amosando noticias 2861 a 2880 de 3707


