O coñecemento e uso das tecnoloxías de intelixencia artificial (IA) na cultura galega son moi desiguais segundo os ámbitos temáticos profesionais. Así o pon de manifesto o documento de traballo "A intelixencia artificial na cultura galega: coñecemento, usos e opinións", producido polo Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega. Mentres os sectores do audiovisual e das artes visuais (fotografía, deseño, arquitectura e publicidade) coñecen e empregan a IA de xeito moi estendido (63,9% e 61,8% respectivamente), noutros ámbitos é algo inferior, como a edición de libros (47,5%) ou teatro e danza (40,5%). Son a música, o comercio de libros, os departamentos de cultura das administracións públicas ou os arquivos e bibliotecas os que menos coñecen e empregan estas ferramentas, con menos dun 25% dos profesionais enquisados que manifesten un coñecemento da IA. Os datos foron presentados pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, durante a inauguración da xornada "A intelixencia artificial: un novo desafío para o ensino da lingua, literatura e cultura galegas na educación secundaria" que se celebra esta tarde na institución.
Ler máis