Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 21 a 40 de 3141

Unha ferramenta permite explorar a escrita galega entre 1797 e 1846

“Papés d’emprenta condenada” foi como Manuel Freire Castrillón cualificou en 1813 “Os rogos d’un gallego”, a célebre denuncia da Inquisición escrita por Manuel Pardo de Andrade. Puña así de relevo o papel decisivo que a prensa e os impresos —xunto coa circulación manuscrita— tiveron nos albores do século XIX como vehículos de transmisión de ideas, noticias e debates políticos nun tempo de profunda transformación social. É tamén o título do proxecto web que presentaron esta mañá na sede da institución a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o editor dos textos, Ramón Mariño; o coordinador da unidade de divulgación e contidos dixitais do CCG, Manuel Gago. A iniciativa recupera, edita e analiza un centenar de textos galegos producidos entre 1797 e 1846.

Ler máis

Abórdase en Melide a relevancia das pontes históricas e a súa conservación

Os pasos fluviais, e en particular as pontes, son elementos determinantes no trazado das camiños con gran valor de uso e histórico. Co título "As pontes históricas" o Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Museo Terra de Melide, organiza este xoves 4 de decembro (a partir das 17:00 horas) unha xornada que analiza este tipo de construcións desde o punto de vista histórico, cultural, paisaxístico e social.

Ler máis

Unha exposición e unha xornada achéganse á actualización da pandeireta

A pandeireta é un instrumento sinxelo (un aro de madeira, pel e unhas ferreñas), ancestral e universal. “Pero en Galicia soa diferente grazas ao traballo de mestres artesáns e dos profesionais que a tocan”, asegura Luciano Pérez, coordinador do proxecto A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral, que o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta este mércores na Capela de Santa María, en Lugo. Unha xornada divulgativa (a partir das 16:30 horas) e unha exposición (visitable ata o 9 de xaneiro) permitirán ver e escoitar as innovacións deste instrumento. Alejo Amoedo, director do Arquivo Sonoro de Galicia e vogal da comisión executiva do CCG; Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo, xunto cos comisarios da mostra, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, inauguran este proxecto.

Ler máis

A novena Conxuntura do Observatorio da Cultura Galega destaca a estabilidade do sector

As cifras de emprego mantéñense estables en Galicia no último ano, mentres que a creación de empresas do sector cultural experimenta unha notable mellora (+14,7%). A demanda dos fogares tamén presenta unha evolución positiva: o gasto medio por fogar continúa en máximos, con 135 euros, e o consumo de lecer fóra da casa tamén acada valores elevados. Ademais, rexístrase un avance significativo nas importacións e exportacións de bens e servizos culturais. Estas son algunhas das principais conclusións da novena Conxuntura estatística do ámbito cultural, o documento de traballo que acaba de publicar o Observatorio da Cultura Galega, organismo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe xa está dispoñible para a súa descarga no web do CCG.

Ler máis

Presentadas as novas edicións de Flores de Sombra e A orillas del Pilcomayo

Con motivo do centenario da publicación de Flores de Sombra (1925) e da reedición de A orillas del Pilcomayo (1937) de Federico Mediante, a editorial independente EOditorial, presenta dúas novas edicións que buscan recuperar e poñer en valor a figura dun dos autores máis singulares do xornalismo e da literatura de aventuras do século XX. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o editor, Antonio Andina; máis Ana Martínez Loredo, neta de Federico Mediante Noceda, presentaron esta mañá na sede da institución ambos traballos.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade lucense da Liga Santaballesa

Un grupo de emigrantes naturais da comarca lucense da Terra Chá, naturais dos concellos de Vilalba, Trasparga, Xermade, Muras, Cospeito e Abadín crearon o 7 de outubro de 1907 na Habana a "Liga Santaballesa de Educación e Instrucción", que aínda segue activa. Libros de actas, de rexistro de socios, documentación sobre xuntas xerais, entre outros materiais, súbense hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que promove o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Parte do material dixitalizado foi cedido pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, herdeira da antiga delegación desta entidade na parroquia de San Pedro de Santabaia en Vilalba (Lugo).

Ler máis

O ciclo Pensarmos aborda os desafíos na educación da man de Daniel Turienzo

O ciclo Pensarmos, que organiza a sección de pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) ten este xoves (18:00 horas) unha nova sesión. Baixo o titulo “Desafíos educativos. Como mellorar desde a realidade” terá como principal protagonista a Daniel Turienzo, unha das voces máis solventes e recoñecidas no ámbito da equidade educativa e das políticas públicas de educación en España. A súa intervención, en formato dialogado co inspector de educación Rubén Veloso, afondará nunha cuestión central: como pode o sistema educativo mellorar de maneira realista, sostible e baseada en evidencias. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e emítese en directo desde o web institucional e a súa canle de YouTube.

Ler máis

Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medio milleiro de cantares tradicionais

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu na mañá deste luns a presentación do Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo. Atención pido señores, un volume elaborado polo musicólogo Xosé Lois Foxo que reúne e contextualiza arredor de medio milleiro de cantos tradicionais recollidos neste territorio ourensán desde 1962 ata a actualidade. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de lingua, Valentín García; o deputado provincial da Deputación de Ourense, Rosendo Luís Fernández; máis o autor do libro, acompañados dun grupo de informantes do Bolo, que fixeron unha pequena demostración, presentaron o volume que xa se pode descargar no sitio web do CCG.

Ler máis

Unha xornada e unha monografía documental, entre as actividades para conmemorar o 25N

Este martes, 25 de novembro, é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora esta data con varias actividades. O propio día, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) pon en rede a monografía “Ecofeminismos” que inclúe materiais de diferente tipo que sitúa o movemento dentro e fóra de Galicia. E o mércores terá lugar a xornada “Fotografía e feminismo” comisariada por Paula Cabaleiro e Rosario Sarmiento que reflexionará arredor da fotografía e do feminismo. As actividades arrincaron o pasado 5 de novembro coa xornada "Violencia económica".

Ler máis

Un volume percorre a Transición a través das pegatinas

Pegatas ao peito. Memoria democrática da Transicion en Galicia é o título da publicación editada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que peneira no fondo Miguel Gutiérrez para ofrecer unha crónica visual da transición a través das pegatinas que circularon polo país durante catro décadas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e os responsables do libro —o propietario do fondo, Miguel Gutiérrez; o historiador Emilio Grandío; e o autor das fotografías, Chema Ríos— presentaron esta publicación na sede do CCG, que xa se pode descargar desde o sitio web.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora novos exemplares da cabeceira Lugo

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de novembro un novo lote de exemplares do xornal Lugo: Órgano oficial del Centro Lucense de Buenos Aires. Nesta ocasión súbense 210 números que se corresponden co período comprendido entre 1951 e 1968, cos que se completa a posta na rede dos números dispoñibles no AEG.

Ler máis

A biografía da pedagoga María Salvado entra no Álbum de Galicia

María Salvado (Budiño, O Pino, 1950- Santiago, 2024) foi unha activista política e sindical e unha das figuras fundamentais da renovación pedagóxica galega desde finais da década de 1960. Cando se cumpre o primeiro cabodano do seu pasamento, a súa biografía acaba de incorporase ao Álbum de Galicia, cunha entrada escrita por Antón Lopo.

Ler máis

Unha xornada reflexiona sobre a vixencia e desafíos do Centro Dramático Galego

“Centro Dramático Galego, vixencia e contribución da institución ao futuro da creación escénica galega” é o título da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) revisa este martes (10:00 horas) a situación desta unidade de produción teatral pública. É tamén a primeira cita dun ciclo que afondará no papel das institucións culturais galegas actuais. Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG, xunto con Cristina Domínguez, coordinadora da sección e tamén da xornada xunto con Eduardo Alonso e Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, inauguran esta sesión que se pode seguir en directo no web e na canle de YouTube da institución.

Ler máis

Comeza no ILG o simposio que aborda as oportunidades e riscos para o galego da intelixencia artificial

“A intelixencia artificial e a lingua galega: oportunidades e riscos” é o título do simposio do Instituto da Lingua Galega (ILG) que analiza o presente e o futuro da lingua galega na era dixital. Durante tres días especialistas de diferentes ámbitos reflexionarán sobre as novas perspectivas e tamén abordará os problemas éticos e legais e as repercusións para diferentes profesións. O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora con este simposio coa edición do volume que recolle as intervención dos especialistas.

Ler máis

A Asociación Cultural Val de Láncara concede a María Vázquez o premio Ramón Piñeiro, facer país

A actriz María Vázquez é a gañadora da XXIII edición do Premio Ramón Piñeiro Facer país que concede a Asociación Cultural Val de Láncara. “É unha muller galega, comprometida coa lingua galega, defensora do rural con humildade e compromiso” destacou Lucía Arrojo Vázquez, membro da asociación, na comunicación do fallo que tivo lugar este luns no Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, sinalou o valor deste certame que “é un modelo de pluralidade e de traballo pola cohesión do territorio”. Na presentación do resultado estaba tamén Xurxo Rodríguez, en representación da asociación, e a concelleira de cultura de Láncara, Alba Sangil.

Ler máis

Un informe urxe mellorar os procedementos de protección do patrimonio cultural inmaterial

“A situación da salvagarda do patrimonio cultural inmaterial” é o título do informe que a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Teresa Nieto, acaba de presentar no marco dunha xornada homónima. O encontro, encamiñado a visibilizar a importancia do recoñecemento deste tipo de bens, subliñou a necesidade de facelo cos procedementos, documentación e rigor que establece o marco normativo, ademais de contar co apoio das comunidades portadoras. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración da xornada a importancia da implicación das comunidades na preservación e nas medidas de protección para garantir un patrimonio vivo. Ademais, destacou que “a educación patrimonial segue a ser a materia pendente”.

Ler máis

Inaugurada en Vigo unha mostra que se achega á historia do movemento LGTBQ+ na Transición

O 26 de xuño de 1981 as rúas de Vigo acolleron a primeira manifestación do Orgullo en Galicia. Tralas consignas “Pola liberdade sexual” ou “Non á represión da homosexualidade” as marxes ocuparon o centro ante a mirada atónita das persoas viandantes. As imaxes daquel momento, captadas polo avogado laboralista Xabier Mañón, xunto coa reconstrución dunha das históricas pancartas, poden verse en Pegadas para un tempo novo, a exposición de pequeno formato que a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou na tarde deste xoves 13 de novembro no edificio Redeiras da Universidade de Vigo, xunto con Carme Adán, coordinadora do CDIF, e a comisaria, Daniela Ferrández.

Ler máis

A preservación do patrimonio inmaterial a debate

Na véspera do Día Mundial do Patrimonio que se celebra cada 16 de novembro, a sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) dedica este xoves (sede da institución, 9:30 horas) unha xornada analizar a situación e a protección do patrimonio vivo. “A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia” é o título desta sesión que pon o ramo a un ano de traballo no que se analizaron diferentes casos e se pon sobre a mesa un informe sobre a preservación destes bens inmateriais. Teresa Nieto, responsable da sección de Patrimonio do CCG, e Ana Estévez Lavandeira coordinan esta cita que tamén se pode seguir en directo desde o web da institución.

Ler máis

Unha xornada destaca o humanismo político de Castelao

“Castelao foi artista, intelectual e político, e esa tripla mirada dálle unha capacidade rara de xuntar emoción cívica, criterio moral e deseño institucional” afirmou Paulo Carlos López, coordinador da xornada “Castelao: democracia e paz” que o Consello da Cultura Galega (CCG) organizou na mañá deste martes xunto co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago de Compostela. A vicepresidenta do CCG, Dolores Vilavedra, inaugurou a sesión que puxo en diálogo os textos do intelectual coas intervencións de Serxio María Rodríguez, Tamara Andrés Padín e Iria Friné Rivera que conectaron o seu pensamento co contexto internacional actual.

Ler máis

Unha mesa redonda achégase ao pensamento de Castelao sobre a democracia e a paz

O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, organiza este martes (facultade de Ciencias Políticas e Sociais, 12:00 horas) a actividade “Castelao: democracia e paz”, un encontro dedicado a examinar a visión que Afonso Daniel Rodríguez Castelao formulou sobre a democracia e a paz no mundo. O acto pretende poñer en diálogo os textos do intelectual rianxeiro cunha pluralidade de voces contemporáneas —especialmente novas— que contribúan a conectar o seu pensamento co contexto internacional actual.

Ler máis