Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 161 a 180 de 3134

Carballo acolle este venres o Concerto das Letras Galegas coas entradas esgotadas

O Pazo da Cultura de Carballo acolle este venres (20:30 horas) a 15ª edición do Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega (CCG). Comparsas, xotas, pasodobres e outros cantos tradicionais conforman un programa que homenaxea ás cantareiras e á literatura popular oral. Será unha ocasión única xa que o concerto correo a cargo de once artistas que conforman Do Bertau, unha formación efémera creada expresamente para este concerto e que fusionará o legado tradicional cunha envoltura contemporánea. As entradas están esgotadas pero poderá seguirse en directo en streaming desde o web do CCG (consellodacultura.gal) e o Día das Letras Galegas na G2.

Ler máis

O músico da escena santiaguesa Narf entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Francisco Xavier Pérez Vázquez (Silleda, 1968 - Santiago de Compostela, 2016). Foi un músico de rock e pospunk, e compoñente de varias bandas galegas como Los Cables, Os Quinindiolas ou A Banda da Nasa. Compuxo máis de trinta bandas sonoras para compañías como o Centro Dramático Galego, Mofa e Befa ou Trigo Limpo teatro ACERT. Traballou tamén coa compañía Chévere, na que ademais debutou como actor. Na súa madurez vital, adoptou o nome de Narf, co que explorou un enfoque artístico máis persoal e íntimo e comezou a achegarse ás músicas do mundo, o que o levou por países lusófonos e Cuba. Pepe Sendón é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.

Ler máis

O especial Proxector achégase á enfermaría nunha ducia de vídeos

A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), afonda neste mes de maio na axuda que nos ofrecen os profesionais da enfermaría. Baixo o título “Enfermaría: a ciencia de saber coidar” escólmanse unha ducia de vídeos que nos achegan a biografía de tres mulleres galegas que foron pioneiras neste eido (Isabel Zendal, Elena López Mourín e Ramona Vaamonde) máis unha selección de recursos didácticos e divulgativos que nos falan da enfermaría, tanto desde o punto de vista práctico como académico.

Ler máis

Unha xornada afonda nos efectos do capitalismo na saúde e no benestar dos creadores culturais

Remedios Zafra, Iria Veiga e Marga Tojo, tres mulleres fundamentais no pensamento crítico contemporáneo, participarán este martes 13 (a partir das 16:45 horas), na xornada Ansiedade e esperanza na nova cultura. Unha cita organizada pola Comisión técnica temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) para afondar nos problemas que o sistema actual ocasiona aos profesionais do sector, atendendo principalmente á saúde mental e ao seu benestar. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro, máis a encargara desta cita, Uxía Caride, inauguran este encontro presencial que ten esgotadas as súas prazas. Poderase seguir en directo desde o web do CCG e a súa canle de YouTube.

Ler máis

Dispoñible Axudádeme a cantar, guía docente para ensinar música tradicional oral nas aulas

Cómo organizar una foliada na escola en sete pasos. Esta é a proposta didáctica que contén a Guía docente Axudádeme a cantar que elaborou o Consello da Cultura Galega (CCG). Coordinada por Renée DePalma, o documento pretende servir de punto de encontro entre os saberes populares e tradicionais cos académicos ao tempo que “visibiliza o papel central das mulleres no patrimonio musical e literario de Galicia, na súa faceta de cantantes e tocadoras de instrumentos de percusión de man”. O documento, orientado ao terceiro ciclo de educación primaria e extensible a outros niveis, xa está dispoñible para descarga. É un produto complementario da serie audovisual homónima elaborada polo CCG que percorre en seis capítulos a historia e presente deste tipo de literatura oral, sostido por mulleres, que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral.

Ler máis

O CIDF publica un monográfico sobre a presenza das mulleres nas institucións literarias

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de publicar un novo monográfico titulado “As letras das mulleres”. Helena González coordina este traballo que recompila artigos de opinión e documentos de diferentes fontes e que percorre a evolución do papel da muller nas letras galegas durante as últimas décadas. No especial atópase desde dúas galerías que revisan a presenza da muller na Real Academia Galega (tanto as académicas como as homenaxeadas co Día das Letras Galegas) ata diferentes iniciativas de visibilización de escritoras e intelectuais. A monografía, que xa está dispoñible para consulta, tamén revisa as iniciativas do CCG para a posta en valor das mulleres galegas destacadas.

Ler máis

A presidenta abre en Kiel unha nova itinerancia da mostra Afonso X e Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inaugurou este xoves en Kiel (Alemaña) unha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia. A mostra, que afonda na conexión galega do Rei Sabio, pode verse na Biblioteca Central da Universidade de Kiel (Christian-Albrechts-Universität zu Kiel, CAU) ata o 2 de xuño. Tralo acto inaugural houbo unha serie de relatorios breves a cargo dos profesores Javier Gómez-Montero, Facundo Reyna-Muniain, Gerald Schwedler e Elmar Eggert

Ler máis

A publicación institucional do Día das Letras homenaxea as mulleres transmisoras da poesía popular cantada

Agora vou cantar eu é o libro co que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe á celebración do Día das Letras Galegas. Pretende ser unha homenaxe ás mulleres creadoras e transmisoras da poesía popular cantada. A vicepresidenta da institución, Dolores Vilavedra, explicou na rolda de prensa que o libro “recolle a grandeza desta celebración, que non busca un nome, senón unha lexión de mulleres poetas e cantareiras, anónimas e sen obra nun volume que traslada ese espírito colectivo”. O libro, coordinado e editado pola antropóloga e musicóloga Beatriz Busto Miramontes, divídese en dúas partes: dunha banda, unha escolma de textos e un estudo crítico a cargo desta investigadora xunto cunha antoloxía que se mergulla no Cancioneiro popular galego, para seleccionar textos recollidos nos anos oitenta por Dorothe Shubarth e Antón Santamarina; e da outra, unha ducia de ilustracións realizadas por Cestola na Cachola (Xoana Almar e Miguel Peralta) que contan con códigos QR desde os que se poden ver e escoitar as catorce cantareiras así como seguir os textos a través das transcricións. “O libro foi entendido como un proxecto transmedia, por iso todo o contido está recollido nun espazo web que xa está accesible” explicou Manuel Gago, coordinador da Unidade Divulgación e Contidos Dixitais do CCG.

Ler máis

O profesor, intelectual e investigador, Felipe Cordero Carrete, entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Felipe Cordero Carrete (Redondela, 1894 - Santiago de Compostela, 1988) Foi un profesor de Historia, Filosofía e Inglés, así como investigador. Membro da Real Academia Galega, do Seminario de Estudos Galegos e Director da Residencia de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveu proxectos culturais como a Fundación Rosalía de Castro e a Editorial Bibliófilos Galegos. Participou na creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e durante a Guerra Civil, axudou a salvagardar a biblioteca da institución. Diana Duo Ramila é a autora da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.

Ler máis

O historiador, escritor e político, Celso García de la Riega entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Celso García de la Riega (Pontevedra, 1844-1914). Foi un historiador e escritor considerado como o primeiro impulsor da teoría galega de Cristóbal Colón. Ao longo da súa vida profesional tivo múltiples intereses e salientou en diversas facetas, como a política, a investigación no eido literario e histórico, o xornalismo e as artes plásticas. Foi un dos fundadores da Sociedad Galicia Literaria e membro da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, ademais de ser un dos primeiros socios da Real Academia Galega trala súa fundación. Guillermo García de la Riega Bellver é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.

Ler máis

Un encontro analizar en Braga o carácter patrimonial e turístico dos xardíns históricos

A cidade portuguesa de Braga acolle o encontro Jardíns históricos de Galicia e norte de Portugal que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) xunto coa Associação Portuguesa dos Jardíns Históricos (AJH). A cita combina relatorios sobre os xardíns como elementos patrimoniais e ferramentas turísticas, ademais de diferentes visitas a varios espazos catalogados. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta da AJH, Teresa Andresen; máis o vicepresidente da Mesa da Confraria do Bom Jesus do Monte, Varico Pereira, inauguraron esta mañá o encontro que conclúe este sábado 3 de maio coas visitas ao Santuário do Bom Jesus do Monte e á Quinta do Souto.

Ler máis

A 15ª edición do Concerto das Letras Galegas homenaxea en Carballo o canto tradicional

A 15ª edición do Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrarase este ano en Carballo en recoñecemento á riqueza que o canto tradicional ten tanto neste concello coma na comarca bergantiñá. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto co alcalde da localidade, Evencio Ferrero, presentaron en rolda de prensa o programa desta cita, que fai un percorrido pola xeografía galega a través das melodías tradicionais cunha posta en escena contemporánea. Na rolda tamén participaron o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo; a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández, e a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez. Entre as novidades desta edición destaca que o concerto estará a cargo de Do Bertau, unha formación coordinada por Richi Casás, creada expresamente para esta ocasión e integrada por 11 artistas de distintos eidos musicais. O concerto, de entrada libre e gratuíta, terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o 16 de maio (20:30 horas) e poderá seguirse en directo desde o web do CCG e o Día das Letras Galegas na G2.

Ler máis

Preséntase en Santiago o documental Saberes e sabores. As mulleres que alimentana vida

Lucía Freitas, Ana Portals, Consuelo Rodríguez Ribadulla e María Xosé Sanmartín Rodríguez son catro mulleres cociñeiras e innovadoras. Elas protagonizan “Saberes e sabores. Mulleres que alimentan a vida”, unha peza audiovisual dirixida por Encarna Otero e realizada pola Comisión Técnica Imaxes e Voces do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez; Encarna Otero mais o equipo técnico e as protagonistas asisten este martes, 29 de abril (18:30 horas) á presentación na sede da institución. O documental, que foi estreado en febreiro en Arzúa e está dispoñible na canle de YouTube da institución, pretende servir de mostra do traballo anónimo e invisible das mulleres no mundo da cociña.

Ler máis

Abórdase a importancia da cidade de Santiago en Díaz Pardo nunha xornada

Isaac Díaz Pardo é unha figura central para a cultura galega. Neste ano, recoñecido co Día das Artes Galegas, o Consello da Cultura Galega (CCG) achégase á súa figura este luns 28 de abril (a partir das 16:45 horas) na xornada titulada “Isaac Díaz Pardo. Azul Compostela” na que catro persoas moi vencelladas ao intelectual abordan catro facetas complementarias. A sesión, coordinada por Silvia García e Eduardo Valiña, é presencial pero pode seguirse en directo desde o web da institución e a canle de Youtube.

Ler máis

O foro Un país coa súa lingua propón medidas integración lingüística para as comunidades migrantes

Estratexias de benvida con programas de acollida transcultural, promover contidos específicos desde a CRTVG que faciliten a inmersión lingüística de maneira amena e lúdica, realizar estudos sociolingüísticos desde a perspectiva da emigración ou a creación dunha rede de puntos de encontro en galego no rural son algunhas das medidas concretas que se achegaron na terceira sesión de Un país coa súa lingua. Foro Participativo. A cita titulada “Sanidade, ciencia e servizos sociais” foi inaugurada pola coordinadora xeral do foro, Dolores Vilavedra, que destacou a súa importancia “dado que son tres ámbitos que están moi presentes na nosa vida”. Iolanda Casal, coordinadora desta mesa, apuntou na apertura “que a perspectiva sobre migración se debe visibilizar como unha riqueza e unha oportunidade e non como un obstáculo”. O proceso continúa o martes 27 de maio coa mesa “Comunicación, cultura e acción exterior” moderada por Marta Veiga.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos de “Xuventude de Galicia. Centro Galego de Lisboa”

Libros de presenzas, actas, estatutos, libros coa contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación da sociedade “Xuventude de Galicia. Centro Gallego de Lisboa” que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.

Ler máis

O pioneiro da ciencia medieval, Pedro o Galego entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Pedro González Pérez (Santa Marta de Ortigueira, 1188- Cartaxena, 1267). Foi un bispo franciscano que salientou pola súa obra intelectual e científica. Durante o seu prelado escribiu varias obras das que se conservan un tratado astronómico, un libro sobre o estudo dos animais e unha obra arredor da economía e goberno domésticos. Ao longo da súa vida mantivo unha fonda relación co rei Afonso X, de quen se di que o menciona nas súas Cantigas. Lúa Blanca Garea é a autora da entrada que está dispoñible para consultar no web do CCG.

Ler máis

Presentadas as últimas traducións do cómic Vivir no solo

O 22 de abril é o Día Mundial da Terra, unha efeméride que celebra a Organización das Nacións Unidas desde 1970 para concienciar da responsabilidade de coidar e protexer o planeta tras observarse indicios de degradación por mor da acción do home. Sobre a importancia de preservar este recurso non renovable afonda a banda deseñada Vivir no solo, que o Consello da Cultura Galega (CCG) elaborou no ano 2000 e que “25 anos despois segue estando plenamente vixente”, tal como apuntou a presidenta, Rosario Álvarez, no acto de presentación das últimas traducións do cómic coas que se pecha unha serie. Canda a ela estaba a delegada institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, Carmen González, destacou a importancia de “contribuír á divulgación da ciencia entre a poboación, con especial fincapé no ámbito escolar”. Asistiron tamén os científicos que participaron no proxecto, Francisco Díaz-Fierros e Marilar Aleixandre; o deseñador, Fran Bueno; a responsable das traducións, Montserrat Díaz Raviña, máis a coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG, Elena Vázquez Cendón. Coas traducións ao francés e portugués ponse o ramo a 25 anos de traballo nos que o cómic se traduciu a 11 linguas, contou con 16 edicións e se imprimiron máis de 70 000 exemplares.

Ler máis

A terceira mesa de Un país coa súa lingua. Foro participativo analiza o galego nos eidos asistencial, sanitario e científico

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este mércores 24 de abril (16:30 horas) a terceira mesa do proxecto Un país coa súa lingua. Foro Participativo, co que pretende ofrecer medidas propositivas para recuperar o vigor do galego. A xornada titúlase “Sanidade, ciencia e servizos sociais”, está coordinada por Iolanda Casal e reflexionará sobre a situación do idioma en a atención a colectivos vulnerables, servizos sociais, así como a inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, máis a coordinadora xeral do foro, Dolores Vilavedra, xunto con Iolanda Casal, inauguran esta mesa que ten abertas as vías de participación e que tamén se pode seguir en liña. As sesións continúan o martes 27 de maio coa mesa “Comunicación, cultura e acción exterior”, moderada por Marta Veiga.

Ler máis

Unha xornada analiza desde Allariz a relación entre cultura e territorio

Existen políticas ou proxectos que garantan os dereitos culturais e se adapten ás dinámicas e realidades territoriais? Estes proxectos parten da cidadanía ou das administracións? Son iniciativas exportadas ou as iniciativas culturais nacen do propio territorio e da comunidade rural? Estas son algunhas cuestións que pretende responder a xornada “Acceso á cultura e territorio” que se desenvolve este martes 22 de abril en A Casa Vella (Amiadoso, Allariz). É a segunda cita do ciclo “Acceso á cultura en Galicia 2025”, que puxo en marcha a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais, do Consello da Cultura Galega (CCG). Roberto Pascual coordina esta sesión que obterá datos a partir de experiencias realizadas nas comarcas do interior de Galicia. A xornada ten as prazas cubertas, non se emite en directo pero será gravada e subirase ao sitio web á maior brevidade posible.

Ler máis