Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 181 a 200 de 3134

O arqueólogo, historiador e escritor Antonio López Ferreiro entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Antonio López Ferreiro (Santiago, 1837- Vedra, 1910). Foi un cóengo compostelán que destacou en moitos ámbitos. Impulsou as escavacións que remataron en 1879 co achado dos restos do Apóstolo e dos seus discípulos Atanasio e Teodoro baixo o altar maior. Na casa na que naceu hai unha inscrición que o define como “bô galego, bô sacerdote, bô historiador, bô literato, dino por todo de perdurante lembranza”. Xosé Ramón Fandiño é o autor da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega inclúe varias publicacións do Centro Galego de Lisboa

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de abril varios números de tres publicacións editadas polo Centro Galego de Lisboa en distintas etapas: Juventud de Galicia, O Galego e Galicia ó lonxe.

Ler máis

Asinado un convenio coa CRTVG para difundir a lingua e a cultura galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o director xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a realización de actividades conxuntas que contribúan a fomentar e a difundir a lingua e cultura galega. O convenio, que ten unha vixencia de dous anos que poden ser prorrogables, posibilitará a emisión, entre outras actividades do CCG, do Concerto das Letras Galegas.

Ler máis

A presidenta participa nas “Conversas no Parador” do Club de Prensa de Ferrol

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, participou este xoves no Club de Prensa de Ferrol onde ofreceu unha conferencia sobre a xénese, composición, funcionamento da institución e a súa acción actual. A presidenta da entidade ferrolá, Julia Díaz, lembrou na súa presentación que Ramón Piñeiro, primeiro presidente do CCG, foi tamén un dos primeiros convidados desta asociación creada en 1987.

Ler máis

José Fernández Vide, o gran compositor da cidade de Ourense, entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de José Fernández Vide (Ourense, 1893-1981). Foi compositor, director e instrumentista e, segundo explica Javier Jurado na entrada do Álbum, “a través das súas composicións e do seu labor educativo, Vide contribuíu de maneira substancial ao enriquecemento do patrimonio musical de Galicia e das comunidades galegas no estranxeiro”.

Ler máis

O especial Proxector afonda no poder do deporte nunha ducia de vídeos

Ao fío do Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz, que a ONU conmemora cada 6 de abril, a nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), afonda no poder transformador do deporte. Unha ducia de vídeos que nos falan da historia e das principais características dalgunhas prácticas deportivas así como dos beneficios do deporte para o benestar físico e mental.

Ler máis

A segunda sesión dos Encontros Temáticos Transversais co Patrimonio Cultural achégase ao papel do rural

O Consello da Cultura Galega (CCG), a través da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, organiza esta semana a segunda sesión do ciclo “Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural”. A sostibilidade territorial e o retorno ao lugar, con especial atención ao papel do territorio rural, son os temas que centrarán o segundo dos encontros que abre este mércores 9 de abril (17:00 horas) Joan Nogué i Font, coñecido xeógrafo catalán con gran traxectoria no eido da paisaxe, a ordenación do territorio e o urbanismo. A xornada continúa o xoves 10 (17:00 horas) co debate con profesionais que traballan no ámbito galego sobre este asunto. A cita emítese en directo a través do web do CCG e a súa canle de Youtube.

Ler máis

A cultura galega medrou de xeito moderado en 2024 segundo o Barómetro da cultura galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este martes o Barómetro da cultura galega 2025, documento que mide o estado e a evolución da actividade cultural do país no último ano e que foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do CCG. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Håkan Casares Berg, presentaron este informe, que establece que “2024 foi un ano de crecemento moderado para a cultura galega”. O 39 % das entidades enquisadas afirma que tivo un 2024 mellor que o ano anterior, mentres o 21% asegura que lle foi peor. Neste ano os custos fóronse moderando, a tendencia no emprego foi á estabilidade e medrou o número de entidades que non solicitaron subvencións para desenvolver a súa actividade. O sector volve suspender o apoio das diferentes administracións en materia cultural, aínda que mellora levemente a puntuación das administracións locais. “Neste informe, que forma parte da función asesora da institución, temos unha ferramenta de análise e de seguimento da situación cultural no que están as tres áreas implicadas: a empresarial, as administracións e o tecido asociativo” apuntou Rosario Álvarez. O documento xa se pode descargar desde o web corporativo.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega felicita a Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) felicita a o novo presidente da Real Academia Galega (RAG), institución que forma parte do Plenario do CCG. A entidade cultural celebrou o pasado venres unha sesión extraordinaria na que se procedeu a elexir a Henrique Monteaguo (Muros, 1959) como décimo cuarto presidente da RAG. Estará acompañado na comisión executiva por Ana Boullón Agrelo como secretaria; María López-Sández na tesourería; María Dolores Sánchez Palomino como arquiveira bibliotecaria e Lourenzo Fernández Prieto como vicesecretario.

Ler máis

Presentando en Zas un simposio que afonda nas iniciativas emprendedoras a partir do liño

“O liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras; estratexia para un desenvolvemento sostible na Costa da Morte” é un encontro organizado polo Concello de Zas e o Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Universidade da Coruña, que pretende analizar todos os principais aproveitamentos socioeconómicos do liño. O simposio, presentado esta mañá en Zas nunha rolda de prensa, reunirá a especialistas do ámbito científico, económico e cultural pretende poñer de manifesto a relevancia do liño como motor de transformación económica e sostible, destacando o seu valor en sectores como o téxtil ou o agroalimentario. Terá lugar o sábado 31 de maio, no salón de actos do Centro Sociocultural de Baio (Zas).

Ler máis

O Consello da Cultura Galega felicita aos galardoados coa Medalla do Parlamento

O Consello da Cultura Galega (CCG) quere trasladar a súa felicitación aos novos galardoados coa Medalla do Parlamento de Galicia, entre os que figura o expresidente da institución, Ramón Villares, máis a Real Academia Galega de Belas Artes, entidade que compón o Plenario do CCG. A presidenta, Rosario Álvarez, asistiu este sábado ao acto de entrega.

Ler máis

A institución celebrou unha sesión plenaria ordinaria

O Consello da Cultura Galega celebrou no serán deste xoves unha sesión plenaria de carácter ordinario na que se aprobou a programación para o vindeiro trimestre (entre abril e xuño) e se fixo balance da actividade desenvolvida desde xaneiro.

Ler máis

Unha xornada amosa experiencias singulares de pedagoxía do cine nas aulas

Cine e educación: experiencias de Galicia e Portugal é o título da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Museo do Pobo Galego e a Asociación Cultural Olloboi, amosan este venres (10:00 horas) dinámicas consolidadas de pedagoxía do cine nas aulas galegas en diferentes niveis educativos. Ademais, tamén se achega ás prácticas que se están a desenvolver en Portugal. A sesión, coordinada por Cristina Domínguez, Beli Martínez, Ana Moreiras e José Manuel Sande, pódese seguir en directo desde o web institucional e a canle de Youtube.

Ler máis

Incorpórase ao Álbum de Galicia a biografía de Paco Conesa, escenógrafo e pintor vencellado ao teatro galego

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a biografía Francisco Conesa (La Unión, Murcia, 1944 - 2016). Na súa terra natal foi moi coñecido pola súa faceta de pintor e escultor, mentres que en Galicia "desenvolveu unha prolífica carreira como escenógrafo e deseñador de vestiario vinculada ao teatro galego". Así o explica Ana Abad de Larriva na entrada que hoxe se publica no web do CCG.

Ler máis

Domingo Blanco cédelle á institución gravacións sonoras de cantiga improvisada

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o especialista en poesía popular galega, Domingo Blanco, asinaron esta mañá un acordo polo que Blanco lle cede á institución unha colección de rexistros sonoros en torno a música de tradición oral. Son 38 cassetes orixinais que recollen entrevistas a distintos informantes sobre cantiga improvisada. Os materiais custodiaranse no Arquivo Sonoro de Galicia, centro dependente do CCG, que procederá a súa dixitalización e difusión posterior.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade Hijos de la Estrada

Varios libros de actas, os estatutos iniciais e o proxecto de reforma dos mesmos, así como varias memorias... son algúns dos documentos da sociedadad Centro Benéfico e Social Hijos de la Estrada que este xoves se soben á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Esta iniciativa do Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), permite visibilizar fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega

Ler máis

Julia Becerra Malvar, a polifacética condesa de Barrantes, entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a entrada da condesa de Barrantes, Julia Becerra Malvar (Salcedo, 1892-Madrid, 1974), tamén coñecida como “condesa Boa”. Detrás do seu título nobiliario “agóchase unha muller fascinante, que non tivo medo a meterse en política, enfermeira na Segunda Guerra Mundial, chegou a cantar na Scala de Milán, e foi anfitrioa do Pacto de Barrantes, considerado a orixe do primeiro Pacto de Autonomía de Galicia” afirma a xornalista Maruxa Alfonso Laya, autora da entrada que hoxe se publica no web do CCG.

Ler máis

O ciclo Pensarmos aborda os límites do territorio da man da arquitecta Teresa Táboas

A arquitecta Teresa Táboas (Ciudad de México, 1961) reflexionará este xoves 27 de marzo (18:00 horas) no Consello da Cultura Galega (CCG) sobre os límites do territorio. A súa intervención forma parte do ciclo Pensarmos co que a Sección de Pensamento do CCG propón reflexionar sobre cuestións de actualidade. A cita, coordinada por Celia Pereira Porto, emítese en directo desde o web e a canle de Youtube da institución.

Ler máis

O ciclo A arte en tempo real pecha cunha sesión sobre publicacións

Catálogo, revista especializada, libro de artista, fanzine... son variados os formatos das publicacións artísticas. Sobre as diferentes vertentes e ás súas problemáticas e posibilidades profunda a xornada deste mércores 26 de marzo (17:00 horas) coa que se pecha o ciclo Arte en tempo real. Lucia Yáñez coordina esta sesión organizada no marco da actividade da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) coordinada por Paula Cabaleiro. A cita é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e a canle de Youtube do CCG.

Ler máis

Comeza en Boiro o ciclo “Acceso á cultura en Galicia 2025”

O Consello da Cultura Galega (CCG), da man da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais, inicia en Boiro este mércores 26 de marzo (10:00 horas) o ciclo “Acceso á cultura en Galicia 2025”. Cinco xornadas (catro de recollida e unha de debate final) que se desenvolven entre marzo e xuño e atenden a catro perspectivas do dereito de acceso á cultura. A primeira das citas titúlase “Acceso á cultura e participación” e aborda o dereito a participar da cidadanía. A coordinadora da comisión do CCG, Paula Cabaleiro; o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; o coordinador da xornada, Alberto García; máis a deputada provincial de cultura, Natividad González, inauguran esta sesión de traballo na que se exporán seis exemplos de boas prácticas que se están a desenvolver en diferentes lugares. A xornada non se emite en directo pero será gravada e subirase á hemeroteca á maior brevidade posible.

Ler máis