Temática: artistas [3]
| Data | Material | Ver |
|---|---|---|
| Data | Material | Ver |
A Bella Otero (Valga 1868 - Niza 1965). A raíña valguesa da escena |
Ver
Transcripción da A Bella Otero (Valga 1868 - Niza 1965). A raíña valguesa da escenaFilla de nai solteira, Agustina Carolina del Carmen Otero Iglesias naceu na parroquia pontevedresa de San Miguel de Valga, o 4 de novembro de 1868. Viviu xunto á súa nai e catro irmáns. Tratábase dunha familia sumida na miseria. A súa nai, Carmen Otero Iglesias, era coñecida como “A piñeira”, pois alimentaba os fillos grazas a recoller piñas no monte e vendelas como combustible para facer lume e dar calor. O seu destino estivo marcado por un suceso nefasto de violencia, pois foi vítima dunha brutal violación no monte Terroeira, sendo aínda unha rapaza preadolescente, de once anos de idade. Logo do acontecido, foi trasladada ao Hospital Real de Santiago, debido a unha aparatosa e preocupante hemorraxia. As secuelas psíquicas e físicas, xunto ao rexeitamento de parte da veciñanza, foron un dos desencadeantes da fuxida da súa localidade. Existen varias versións sobre a forma en que a Bella Otero fuxiu de Galicia e descoñécense os detalles sobre a súa aparición en Barcelona e máis tarde en París. A historia da súa vida está envolta nun halo de fantasía e misterio. Fálase dunha historia de vida chea de datos autobiográficos inventados. O certo é que a súa sona tivo unha repercusión internacional. A Bella Otero logrou moverse en círculos culturais de vangarda da Belle Époque. A súa fermosura, destrezas artísticas, sedutora indumentaria e bo manexo de idiomas abraiaron a poderosos homes da elite; o que provocou que algúns perdesen a cordura e a fortuna. O seu ciclo vital pecharíase dun xeito pouco afortunado, en soidade e sen luxo, debido á súa afección polos xogos de casino, que a levaron á ruína. A pesar da condición económica na etapa final da súa vida, Carolina Otero non esqueceu a súa terra natal —á que nunca máis volveu—, pois deixou unha misiva, dirixida ao alcalde de Valga, na que manifestaba a súa intención de facer beneficiarios de súa herdanza os residentes máis pobres. O dito desexo non se cumpriría, xa que non tiña bens, nin cartos que achegar á comunidade menos favorecida de Valga. A Bella Otero morreu aos noventa e sete anos en Niza, o 10 de abril do ano 1965.
|
|
Maruxa Villanueva (A Barrela-Carballedo, 1906 - Santiago de Compostela, 1998) |
Ver
Transcripción da Maruxa Villanueva (A Barrela-Carballedo, 1906 - Santiago de Compostela, 1998)María Isaura Vázquez Blanco, máis coñecida como Maruxa Villanueva, naceu na Barrela e iniciouse no canto da man da súa nai. En 1926, con tan só vinte anos, cruza o charco cara a Arxentina seguindo a dous irmáns que se anticiparan na aventura migratoria. En Bos Aires desenvolvería o seu talento como cantante e actriz, non sen antes traballar como dependenta nun comercio téxtil, como o facía calquera outra muller emigrante galega da época. O desenvolvemento da súa carreira artística foi impulsado da man dun matrimonio formado polo pianista vasco Juan Gueresta e a súa muller, a cantante galega Esperanza Blanco. En 1936 deixa o seu traballo no sector do comercio debido ao éxito alcanzado, sobre todo entre a colectividade galega residente en Bos Aires. Maruxa colaborou de maneira activa nas actividades desenvolvidas a favor da República española levadas a cabo pola colectividade emigrante na cidade. Nese tempo coñece ao dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán, que a convidou a cantar na estrea da obra Se o sei… non volvo á casa, que tivo lugar no famoso Teatro Maravillas. Casou con Daniel pero non sería un matrimonio estable. Formaron a Compañía de Teatro denominada Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva, coa que se estreou "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao. Ademais deste último, Maruxa Villanueva tiña amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco-Amor e Fernando Iglesias “Tacholas”, entre outras figuras destacadas da cultura galega alén mar. O seu retorno a Galicia foi intermitente, regresa en 1949 pero, ao fallar os seus plans de traballo, volve a Bos Aires en 1958, para retornar definitivamente en 1962. Esta vez desempeñaría un importante labor na Casa Museo Rosalía de Castro, da man do Dr. Agustín Sixto Seco, presidente do Padroado Rosalía de Castro. Converteuse nunha especialista no mundo rosaliano e coidadora da dita Casa Museo. Recibiu numerosas distincións polo seu labor activo na difusión da cultura galega fóra e dentro de Galicia. Finou en Santiago de Compostela aos noventa e dous anos de idade, o 24 de novembro de 1998.
|
|
Ana Kiro (A Castañeda-Arzúa, 1942 – Mera 2010) |
Ver
Transcripción da Ana Kiro (A Castañeda-Arzúa, 1942 – Mera 2010)María Dolores Casanova González naceu na Castañeda (Arzúa) o 24 de xaneiro de 1942. Con tan só dezaoito meses os seus pais levárona vivir a Barcelona. O seu pai, José Casanova Novás, era garda civil e fora destinado á Cidade Condal. Como a maioría das familias de emigrantes galegos no resto de España, a de María Dolores visitaba cada verán a súa aldea natal. Aos seis anos de idade foi vivir á Castañeda coa súa avoa paterna durante un ano. A súa convivencia coa avoa Dolores marcou fondamente a súa identidade cultural e persoal. Durante aquel ano vivindo na Castañeda aprendeu a “ser galega”; a Galicia labrega exerceu unha forte influencia no que, máis adiante, sería unha extensa e brillante carreira musical. De volta a Barcelona e sendo menor de idade, foi ás agachadas coa súa irmán a un programa radiofónico dominical de Sant Feliu de Llobregat, no que deixaban participar libremente e mostrar o talento artístico a toda persoa que o desexase. Resultou gañadora do concurso pero os seus pais truncaron, nun primeiro momento, o que sería o impulso para comezar unha carreira artística.
|


