Persoa: Ramón Piñeiro

Persoa: Ramón Piñeiro [4]

Data Material Ver
Data Material Ver
1958-01-30
Carta de Piñeiro a Seoane. 1958
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]

Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1958 en 30/01/1958


Compostela, 30 de xaneiro de 1958
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Meu querido amigo:

Recibín e lin con todo interés o teu novo libro La soldadera. Pra che decir a verdade, estou mesmamente asombrado da tua estraordinaria capacidade creadora, non menos sorprendente pola intensidade que pola diversidade dos seus campos de cultivo. Semella talmente que tiveras dentro de tí a enerxía de media dúcea de homes dinámicos. Como eu non teño nin a décima parte desa capacidade de traballo, ademiro moito, cada día máis, a tua inesgotábel fertilidade espritoal.
Desta máis recente obra pouco che poido decir dada a miña impericia crítica en materia de teatro, que quizais seña estensiva a toda materia literaria a xuzgar polas airadas protestas que teñen provocado os poucos xuicios valorativos que fixen en tal terreo. Vexo que insistes unha vez máis, nesta ocasión por vía teatral, en lles percurar ouxetividade artística ás tuas vellas e sinceiras inquedanzas de tipo social–revolucionario. Tes pleno direito a facelo, que duda cabe, máis aínda no teu caso, en que tales inquedanzas responden a sentimentos moi arraigados. Pro non deberás esquencer, con todo, que tal camiño é abondo arriscado, como se pode ver contemplando a gran cantidade de producións artístico–literarias dise tipo nas que os resultados estéticos son tremendamente febles. Cando un escritor ou un artista se pon a dar voltas e máis voltas arredor dunha ideoloxía –seña ou non revolucionaria, pois o resultado é o mesmo– acércase perigosamente ó artificio, que é bastante distinto –tí sábelo millor que eu– do arte verdadeiro. O xirar demasiado insistentemente arredor dun punto, ademáis de que impide unha visión crara da realidade... produce mareo. Afortunadamente, a ti non che ten ocurrido tal cousa polo dagora. Pro tamén é ben certo que estás en perigo de que che chegue a ocurrir algún día. Por eso che falo desto, con amistosa lealtade, pois eu de todo corazón desexo que sigas libre dise perigro certo.
E non vaias pensar, como tantas veces lle ocurre ó editorialista de Galicia Emigrante, que todolos que en Galicia renunciamos ó cultivo da literatura ou do arte como instrumento de propaganda social-revolucionaria estamos anestesiados pra o problema da xusticia social. Nono penses, pois si o pensases, equivocaríaste tan rotundamente como ise editorialista, cuias elucubracións, por certo, a min resúltanme sumamente simpáticas cando descarga nelas toda a inocente cólera pueril que domina ás veces o seu esprito, sin duda porque non pode evitar que o corazón lle asoballe a cabeza máis veces das necesarias. O que ocurre éche moi sinxelo de esplicar: somos moitos os que distinguimos nidiamente o problema da xusticia social como un fin en si mesmo, do “problema social” como vehículo propagandístico ó servicio de fins distintos. A confusión arte-literatura-loita de clases-revolución, tan en boga fai 25 ou 30 anos, cando nós eramos rapaces, hoxe en Europa é un puro anacronismo (e Galicia, craro está, pertenece a Europa). O tempo non pasa en valde. Nin os rapaces de hoxe pensan coma fai 25 anos pensaban os rapaces, nin os homes maduros pensan hoxe o mesmo que cando eran rapaces, fai 25 ou 30 anos. A esperiencia vital de cada un e maila esperiencia histórica coleitiva non foron infecundas en orde á evolución do pensamento. A peor traxedia que lle pode pasar a un home é quedarse atrás en relación co tempo, “estancarse” nunha etapa da sua vida, por exemplo na mocedade, porque queda convertido paradoxicamente nun «vello» condenado a unha crecente e amarga soedade. Por eso, á altura do tempo en que vivimos, o noso amor á xusticia –tanto á xusticia social, como ás demais– non nos impide saber que a literatura, o arte i a cultura en xeneral valen por si mesmas e representan un papel propio no destino da humanidade que non se identifica necesariamente co papel do mero propagandismo revolucionario. Canto máis teñades esto en conta menos vos equivocaredes ó xuzgar as cousas deiquí.

[Escrito a man]
Bueno, acaboúseme o papel. Unha aperta moi forte do teu amigo.

Ramón Piñeiro


1958-02-11
Carta de Seoane a Piñeiro. 1958
Ver [Carta mecanografada]

Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1958 en 11/02/1958

Buenos Aires, 11 de febreiro de 1958

Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela

Meu querido amigo:

Agradézoche moito as frases garimosas inxustificadas polas que siguen, que me adicas na primeira parte da tua carta que acabo de recibir, pois estiven fora dista cidade unhas semáns. Mais non podo ademitir en silenzo as da derradeira parte, eistranamente inxénua, de dita carta, na que te refires ao editorialista de G. E., e nas que usas, ademáis dun lenguaxe que non corresponde, uns conceptos trabucados e alonxados no meu caso da realidade.
1) O que chamas tí a confusión “arte-literatura-loita de clases-revolución”, no ten ren que ver coa posición estética nin política do “pueril” editorialista de G. E., é decir miña, a que te refires. Si algunha vez tiveses perdido tempo ollando o que fixen no terreo da pintura ou escribindo, tes que ter ollado que non é fácil clasificarme, nin desexo que me clasifiquen ledamente no meu traballo, e pódese notar que non descoñezo as tentativas estéticas que poidan ser unha novedade nos días que vivo, eisperimentando nalgunhas delas cando me pareceron serias. Falarme a mín desa confusión de fai vinte ou trinta anos e simplemente por non ter dialogado nin por carta endexamáis conmigo, nin térese tomado a molestia de ollar o que fago. Esa posición que tí tes por confusa e rematada descoñecendo a sua vitalidade aitual, gústenos ou non, sigue levantando polémicas, continúa sendo respetábel e non “puro anacronismo” como tí dís. Supoño que non terás por rematado xa a Sartre e aos seus meditando –e facéndoa– nunha literatura, (nin aos realistas norteamericáns, nin aos neorrealistas italiás), sumerxida en aición.
2) A xusticia social como tema ten de encher aínda moitas páxinas, unhas boas, e outras coma tí dís “propaganda”, sin que perdan novedade. A sua novedade ten pol-o menos os séculos do Novo Testamento e namentras eisista dalgún xeito a inxusticia non ten de transformarse en tema de cabaleiría. Algunhas das mellores páxinas da nosa literatura do xix nasceron con ese tema. En canto ós fins a que te refires, “o servicio de fins distintos”, no meu caso o servicio ten un nome, Galicia, e os fins un programa, o que nos fixo irmáns que tí deberas non esquencer, e que pola tua carta pensaría que estás esquecendo. Calquer outro nome que lle poñas ó meu servicio e aos meus fins sería coincidente co que lle poder pór a policía, por exemplo; e tí, estou seguro, non eres capaz deso.
3) Non creo dende logo que os rapaces de hoxe pensen coma fai vinte ou trinta anos. Algús dos rapaces a que te refires son esaitamente un verdadeiro anacronismo, son mais vellos que nós, e dende logo non viven en Europa. Dígoo polo que parecen pensar. Si poidese falar con eles demostraríallo. Escribirlles dame preguiza. Eu vivo en Buenos Aires, e vivo polo tanto independentemente da xeografía –a xeografía humán e cultural dunha cidade é as veces cousa distinta á xeografía dun estado– en Europa. Aparte de que eu son fondamente europeo, sabendo, penso, por qué. Non estou tan seguro que sexan europeos no senso do pensamento aitual, moitos países, cidades, vilas, etc., da penínsua; mais ben, si fas aistración da xeografía, poderían ser polo que se vé unha provincia ou unha cidade do norte arxentino ou de Bolivia. Cochabamba, da que falaba Unamuno. Escríboche esto margurado. Os homes maduros en edade pensamos desde logo en moitas cousas de xeito distinto aos días da nosa mocedade, (pra mín estes días no senso do traballo e da inquietude, penso non pasaron) mais a distinción non se refire ao que era verdade, verdade sin tempo nin data, naqueles días. O noso pensamento, o dos que estamos fora, evolucionóu como evolucionóu o voso, vivindo cada un as suas propias esperencias en terras de Europa ou de América, da América americán, por decílo así, e da América europea. A esperencia histórica/coleitiva e universal é a de cada un, esta rodeada das circunstancias que o destino lles deparou. Mais si cando te refires de que vivides en Europa a tua afirmación tén un sentido peiorativo, estás trabucado en canto a esta cidade. Nos trinta ou mais teatros que eisisten nela, profesionaes i esperimentaes, podemos ver millor ou peor representado todo o teatro europeo desde os crásicos deica Esperando a Godod1, ou as obras de Ionesco. En pintura estase ao día e o mesmo ocurre en literatura. Temos, pois, oportunidade de adherirnos á derradeira escola con tempo si nos peta. En todo caso con retraso duns días. Supoño que pasará o mesmo en canto ás cencias, non o sei. Dígoche esto polo posíbel estancamento estético a que pareces referirte poda ocurrir en un. Eu estou ao día, penso, non por moda nin afán de novedade, sinón porque vivo a miña época.
4) Si o estancamento refírese a lembranza e trátase en canto ao tema, non podo ademitir esa inxenuidade túa. Supoño que basta con citarte o exempro de Proust e Joyce. Sinón se refire a eso non sei a que podes referirte cando dís “estancarse” nunha etapa da sua vida “que pode ser a mocedade quedando un convertido paradóxicamente nun vello”. Mais penso que a calquera cousa a que te refiras, forma ou tema, é posíbel que sexa máis ridículo cando se ten unha vida feita, o que supón unha obra sinón feita en desenrolo, poñerse cosméticos que o simulen mozo. Non. A mocedade e a vellez non é nin o cándido exemplo que tí pos nin este con que te podo responder. Eu penso de acordo con Martín du Gard, e si queres con Iñacio de Loyola, que todo pensar, creer e ver, non é nada si un non pode convertilo en acto, refírome á eisistencia e ao pensamento.
5) En “amarga soedade” no que se refire a Galicia estamos todos en xéral os que nos topamos eiquí. A soedade é unha condición que acompaña á proscripción. Mais tamén en mais “amarga soedade” poden sumilos a falla de diálogo, e a tua carta non é unha invitación a él, dos que están na terra. Tí nin eu non poseémos a verdade absoluta, nin a nosa esperencia é escrusivo refrexo da verdade, nin podemos tomar en ningún intre sin faltar, –e o galego é cursidoso de non faltar– aititudes inxustificadas de mestres, sobor de todo cando non se mediron suficientemente terreo do saber e da esperencia as forza[s] de un e outro, do que toma a aititude de guiar cas do presunto guiado. Lémbrome dun estudante de dereito da miña época que desdeñaba a unha peña de café porque nela nos sentabamos mozos de preocupaciós distintas y (sic) algún sin preocupación algunha, porque non leíamos, decía él, Gracian. El debe continuar lendo a Gracian, supoño que entre tinto e tinto, e conmovéndose por xestos supostamente fidalgos. Algús daquela peña fixeron unha obra á medida sua por Galicia. Outros déronlle a vida. Dende logo aquel estudante non era entón un persoaxe de Gracian e nono foi despois, polo que sei.
Resúmen: Non teño outra filiación política que a que tiña fai vintedous anos. Defendo as nosas verdades dentón porque continúan sendo verdades. Algunhas dende moi vello tempo. Defendo aquelo que o programa do G. imponía aos seus afiliados no que ten de permanente, e aitúo con libertade que me dá a desfeita e a pasividade dos que coma eu compartiron aquela irmandade. En canto ás novedades estéticas, a moda e as circunstancias do mundo penso que estou ao día. Podo orientarme sobor dunha corbata, dun libro, dun cadro, da política en canto á moda. No relativo a Europa non todo o que está en Europa é Europa no senso de civilización e da cultura. As Hurdes, por eisempro, non son Europa no que entendemos por ela. Referíndose a América ten de terse ollo. Eisisten moitas Américas, tantas ao menos coma Europas, e América non é dende logo o analfabeto europeo que volta cun “haiga” e cartos, e que non deixou de sere analfabeto aínda que teña moitas virtudes. Este persoaxe queren evitalo por igual os americáns e os europeos. Mais pra moitos de ahí parecen ser os únecos galegos que eisisten aquí. Con respeito á mocedade non ademito mais mocedade que aquela que ten a xenerosidade de defender con actos as súas conviciós, comezando, naturalmente, por ter conviciós. A vellez pra mín aínda non sei o que é aínda peiteando canas, e as obras que millor me representan, penso, están por facer. O tema desa obra pode ser no porvir por igual a descrición pintada ou escrita da folla dun arbre, o voo dunha mosca, ou o asesiñato en masa dun pobo iñocente, e pode ter tamén por igual unha forma descritiva hermética ou relatárese en estilo naturalista ou periodístico. Pode non ter tema.
Desafogado de todo esto invítote a voltar á cordialidade que nunca nos separou e a matinar que as rifas prodúcense por mal entendidos e entre xentes que se estiman e queren, e mentras tanto recibe unha aperta moi forte e fonda de verdade de

[Escrito a man]
Contestación de Luis Seoane á carta de Ramón Piñeiro do 30 de xaneiro de 1958.




1. O título correcto da obra é Esperando a Godot.


1960-10-08
Carta de Piñeiro a Seoane. 1960
Ver [Carta manuscrita]

Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1960 en 08/10/1960



Compostela, 8-X-60

Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Meu querido e lembrado amigo:

Recibín a tua carta e con ela a fonda alegría de saber que o voso recente paso pola nosa terra deixou en vós un calco perdurábel de impresións gratas. Pódovos asegurar, porque é certo, que o voso itinerario por Galicia deixou un ronsel de cordial simpatía en todos, tanto nos vellos amigos coma nos conocidos de novas. Polo que a Isabel e mais a min se refire, estade seguros de que non poidemos esquecer os brevísimos días que pasamos xuntos.
Nistes días celebrouse en Lugo o 1º Festival do Miño, un de cuios números foi un certamen literario galaico-portugués. Pra o Premio López Cuevillas, de teatro galego, presentáronse nada menos que dez obras. Premiaron ó Cunqueiro e déronlles accesit a Franco Grande, Cortezón e máis Manuel María.
Mañán elixirán presidente da Real Academia Gallega a Sebastián Martínez Risco.
Saúdos nosos a Maruxa. Pra tí, unha aperta moi forte do teu amigo certo

Ramón


1978-06-13
Carta de Seoane a García Sabell. 1978
Ver [Carta mecanografada]

Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1978 en 13/06/1978



Buenos Aires, 13 de Xunio de 1978

Dr. Domingo García Sabell
Santiago

Querido Domingo:

Por unha carta de Isaac tiven noticia de que ves a Buenos Aires invitado polo Centro Galego con motivo do Dia de Galicia. Non sabes canto me alegrou a noticia, ainda que eu esté persoalmente moi lonxe de todo o que ocurre na colectividade dende que fun aldraxado por un grupo de persoas fai uns oito anos, instigados por Valentín Fernández, sin que esa institución e as outras lles contestase, como terían de facelo, por todo o que eu fixen para elas en tantos anos, dende o 37 ó 70. Dende entón deixei de frecuentala e non concurrín endexamais a un acto dela. Mais este é un caso particular. A realidade é que non se ten de ningún xeito de deixar de lado a importancia que ela ten, sobre todo que tivo no pasado, cando non envellecera por falla de emigrantes novos. Das tuas conferencias e de ti persoalmente lémbrase moita xente. Foi moi importante a imaxe que deixaches dunha Galicia nova, inqueda, descoñecida para eles, a maioría, que lles anunciaba a esistencia de uns valores dos que non tiñan apenas noticia. Nos alegrámonos moito de que veñades. Eu por egoísmo persoal. Verás o meu traballo feito en Buenos Aires, o que estou facendo, algúns dos murales mais importantes. E poder ver xuntos algúns espectáculos. Buenos Aires é con seguranza a cuarta, ou quinta gran cidade musical e teatral do mundo. Hoxe, un dia calquera do outono anúnciase, soio en teatro, Cyrano de Bergerac de Rostand, Anna Christie de O´Neill, Lorenzaccio de A. de Musset, El Abanico, de Goldoni, Romeu y Julieta de Shakespeare, xuntamente coa obra dos mais novos, como El Desperfecto de Dürrenmat, Ceremonia para un negro asesinado de Arrabal, ou Requien para un viernes a la noche de Rosenmacher, do teatro universal. Do teatro en castelán estase repoñendo Los intereses creados e La casa de Bernarda Alba, aparte do teatro arxentino. De ópera, Otelo de Verdi e Gisell de Adam-Coralli, etc. Enmais dos ballets nacionales e estranxeiros, concertos, e en este intre traballan sete circos en distintos bairros da cidade. Non vou a reproducirche as páxinas de espectáculos dun xornal, La Nación, nin referirme ó teatro experimental que se fai, nin ós cafés-concerts, etc. Douche noticias de este aspecto de cidade descoñecido en España, para animarte a que veñades. Para nos serán dias inolvidables, estou seguro.
Non sei nada do que pasou co libro de Galicia no ano 2000. Si tivo críticas, etc. O vicerrector nin tan siquera me remitíu o exemplar. Teño un que me envióu Del Riego. A Xulio Maside fíxenlle un traballo sobre Carlos, pra un libro que tiña de se editar axiña, enviéillo fai meses, e tiven noticias por Piñeiro de que o recibíu. Xulio nin siquera me acusóu recibo, é moi posible que non lle gustara. Esquénzome traballando. Traballo.
Non escribo mais. Esta carta é simplemente consecuencia da ledicia que sentimos polo voso viaxe en Xulio. Unha aperta moi grande ora vos os dous de Maruxa e miña:


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Rivera, MabelSeoane, LuísSeoane, MaruxaDíaz Pardo, IsaacGay, FinitaBurd, LipaVarela, LorenzoLaxeiro, Arias “Mimina”, CarmenAlvajar, AmparoScheimberg, SimónCastelao, Picasso, PabloSuárez, MarcialDieste, RafaelValle-Inclán, Ramón MaríaBurd, EstherAlberti, RafaelCasares, MaríaMaiztegui, Isidro B.Shand, WilliamSofovich, BernardoBrecht, BertoltSalvat i Ferré, RicardDíaz, XoséFalcini, LuísGerstein, MarikaCortázar, JulioShakespeare, WilliamGerstein, NoemíCuadrado, ArturoRey Gómez, BeatrizMaside, CarlosDíaz Arias de Castro, CamiloSoto, MarisaMuñoz Manzano, CarmenChagal, MarcPrada, Lala deWhitelow, GuillermoUnamuno, Miguel dePiñeiro, RamónBernárdez, AuroraDíaz Arias de Castro, RosendoMiró, JoanRotzait, PerlaFernández-Albalat Lois, AndrésDürrenmatt, FriedrichSerrano Plaja, ArturoColmeiro, ManuelFernández del Riego, Francisco Temáticas: Mulleresartes“cartografías” do Álbum de mulleres Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane. artes visuaisautores/asespazos artísticosasuntos particularesliteraturasociedadeMulleres no Álbum de GaliciaA nova SargadeloscineColección: Isaac Díaz Pardo e Luís SeoanepolíticaTeatro Municipal General San Martín. Bos Airesemigraciónmedios de comunicaciónmigraciónsprensa escritamúsicaO divino SaineteOs vellos non deben namorarseradioÁlbum de GaliciaTeatro Colón. Bos AiresExposición de Luís Seoane. Colonia. 1967Historias de ida e voltaMemoria e voces femininas da diáspora galegapremiosDía de GaliciaLa casa de Bernarda AlbaThéâtre national populaireGalería BoninoBauhausEl AdefesioExposición de Luís Seoane. Madrid. 1973Ballet Gallego Rey de VianaTeatro María Guerrero. MadridExposición de Luís Seoane. Madrid. 1963MacbethAcademia Nacional de Bellas Artes [Arxentina]Imprenta Moretcaretas de CastelaoartistasteatroEsperando a GodotFausto, de GoetheLa Torre de marfil ou Paradojas de la Torre de MarfilComédie-Française

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0