O Consello da Cultura Galega (CCG) abre hoxe a inscrición para a mesa Educación e socialización a primeira das sesións que conforman Un país coa súa lingua. Foro participativo. A mesa está coordinada por Nel Vidal e Dolores Vilavedra e analizará o vindeiro día 27 de febreiro (a partir das 16:00 horas) o papel do ensino en lingua galega en relación con outros espazos para a socialización e como se pode favorecer a transmisión interxeracional en lingua galega. A cidadanía pode participar achegando as súas propostas en calquera momento do proceso a través dun formulario habilitado no web así como en cada unha das sesións, ben de maneira presencial, ben a través da emisión en directo da xornada en streaming. O foro, coordinado por Dolores Vilavedra, elaborará un documento propositivo con medidas concretas e prioritarias para avanzar na recuperación do vigor do galego.
18/02/2025
13/02/2025
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de febreiro novos números de Vivero en Cuba, publicación oficial da Sociedade de instrución "Vivero y su comarca". Sociedade que naceu coa vontade, segundo os seus Estatutos, de “construir edificios para escuelas en todas las parroquias de los Ayuntamientos de Vivero, Orol, Muras, Riobarba, Jove y Cervo, y crear una escuela de Artes y Oficios”.
12/02/2025
Representantes de diferentes iniciativas independentes de artes do movemento e performativas que existen no país, así como responsables do sector público vencellados a este sector reuníronse este mércores no Consello da Cultura Galega (CCG), no marco dunha xornada coordinada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais co apoio da Fundación María Jose Jove, para demandar un maior apoio ao sector. “É unha xornada especial que procura un espazo de encontro” afirmou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación desta cita que tamén forma parte dun itinerario de traballo que rematará a finais de 2025 coa elaboración dun informe deste sector.
12/02/2025
“Xenio e figura da nación galega”. Así define Henrique Monteagudo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) na entrada que acaba de elaborar para o Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Nela fai un percorrido sobre a biografía do recoñecido intelectual, artista plástico, escritor e dirixente político, ao que considera “un referente indiscutido do galeguismo e do nacionalismo, un clásico das letras galegas e unha das figuras máis representativas da Galicia contemporánea”.
12/02/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Fundación Xenoma Galicia, organizan este xoves, 13 de febreiro (16:30 horas) a xornada “Proxecto Xenoma Galicia” que trae a especialistas para falar das oportunidades que nos ofrece a medicina personalizada, así como da posta en marcha da iniciativa. A xornada, organizada por Anxo Carracedo e María Brión, ten as prazas esgotadas pero pode seguirse a través do web do CCG e das redes sociais da institución.
11/02/2025
A Casas Vella, Residencias paraíso, Atopémonos bailando.... son varias as iniciativas independentes que existen en Galicia de apoio á danza e ás artes performativas e do movemento. Todas elas estarán presentes na xornada “Iniciativas independentes de apoio á investigación e creación en danza e artes performativas en Galicia” que se desenvolve este mércores (9:30 horas) e que pretende visibilizalas, reflexionar sobre o seu impacto no territorio e a súa relación coa política cultural pública, tanto local como estatal. A sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Fundación María José Jove, organiza esta cita coordinada por Natalia Balseiro, Susana González e Caterina Varela. A cita é presencial e pode seguirse en directo desde o web do CCG.
11/02/2025
Antroido, entroiro, entruido, entrudio... son moitas as formas para designar a unha das manifestacións máis sobranceiras do noso patrimonio cultural inmaterial: o entroido tradicional. A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), escolma este mes unha ducia de vídeos para achegarse ás diferentes formas de celebración baixo o título “Cando o pobo vai de festa: celebracións e patrimonio inmaterial”.
10/02/2025
En 1923 un grupo de estudantes idealistas, serios e comprometidos coa súa nación puxeron en marcha unha brillante aventura científica, política, e mesmo artística, ao abeiro da universidade. Foi o Seminario de Estudos Galegos (SEG). A importancia daquel proxecto, a súa comparación con entidades análogas e a relevancia do seu legado está presente no volume que vén de editar o Consello da Cultura Galega (CCG) baixo o título Saber de Nós. O Seminario de Estudos Galegos. “É unha obra colectiva con olladas que se cruzan para facer balance e valorar o legado que se foi construíndo” asegurou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación do volume á que asistiron os dous editores, Henrique Monteagudo e Ramón Villares, máis outros autores participantes como Alfonso Mato ou Francisco Díaz-Fierros. O libro xa se pode descargar desde o web da institución.
10/02/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) expresa o seu fondo pesar polo pasamento do artista Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950- Brión, 2025), figura destacada das artes gráficas en Galicia. Na madrugada do sábado ao domingo finou este prolífico cartelista, muralista, escultor e ilustrador de libros. A súa obra destacou polo seu poderío visual e a profunda raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega. Ten unha ampla traxectoria como deseñador e ceramista en Sargadelos e, entre os seus recoñecementos, destaca o Premio Nacional de Escultura que recibiu en 1968.
05/02/2025
De Domingo Martínez de Presa ata Ana Kiro pasando por Maruxa Boga, Maruxa Villanueva, Pedro Ferrer, Perfecto Feijoo.... son moitos os nomes propios que forman parte da historia do rexistro sonoro en Galicia. Sobre eles falarase este xoves (17:00 horas) na xornada “A arte do rexistro sonoro en Galicia: dispositivos, espazos e personaxes“ que organiza o Arquivo Sonoro de Galicia, centro do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, máis o coordinador da xornada e director do ASG, Alejo Amoedo, inauguran esta cita que contará coa participación de Carlos Martín e Julio Gómez. A sesión é presencial pero pódese seguir en directo desde o web do CCG.
05/02/2025
Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes, Forcarei, 1930-2008) foi “o fotógrafo da individualidade e do infinito universo humano”. Así o define Vítor Vaqueiro, autor da entrada do fotógrafo forcareiés que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
04/02/2025
"Recuperemos as mans" é o primeiro ensaio de María Xosé Queizán que viu a luz en 1980. É tamén o título da xornada coa que o Centro de Documentación en Igualdades e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxea á autora este mércores 5 de febreiro (16:45 horas). Carme Adán, Marga do Val e Helena Fernández participan nesta cita que pretende recuperar a vixencia das argumentacións ao tempo que serve de recoñecemento do relevancia da súa escrita hai 45 anos. A presidenta, Rosario Álvarez, inaugura este encontro ao que asiste a homenaxeada e se pode seguir en directo polo web da institución.
01/02/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede o único documento sonoro conservado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950). Trátase da mensaxe que o intelectual gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de “Os vellos non deben de namorarse”, no Teatro Solís de Montevideo o 8 de outubro de 1941 á que el non podía asistir. Esa gravación foi obxecto dunha nova dixitalización en decembro de 2024 e é, ata o momento, o único rexistro coñecido da voz de Castelao. Engádese ao especial que o CCG puxo en marcha ao inicio deste ano en que se conmemora o 75 cabodano do intelectual.
30/01/2025
Este xoves, 30 de xaneiro, celébrase o Día da Ilustración que nesta edición se lle dedica a Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950). O Consello da Cultura Galega (CCG) súmase á efeméride convocada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), coa posta na rede do fondo Colección de Carteis da Queimada Popular de Cervo. Son 27 carteis deseñados por Xosé Vizoso nos que se pode ver a evolución do seu característico estilo.
29/01/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais, a entrada do actor coruñés Antonio "Tucho" Lagares (A Coruña, 1932-2013). Foi un dos pioneiros do audiovisual galego que deixou a súa pegada en diferentes medios escénicos e artísticos. A entrada foi escrita por Ana Abad de Larriva.
28/01/2025
A terceira xornada do ciclo “Arte en tempo real” reflexiona este mércores 29 de xaneiro (17:00 horas) sobre a situación das galerías de arte no contexto actual. A sesión está coordinada por Lucía Pita e nela participan os responsables das galerías galegas Metro e Dupla, máis a asturiana Llamazares. A xornada, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que coordina Paula Cabaleiro, é presencial e pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.
21/01/2025
Galicia conta cunha gran riqueza de museos ou coleccións museográficas que responden a unha realidade moi diversa en canto a tamaño, recursos e públicos. Dez teñen máis de 600.000 euros de orzamento, mentres o 34% dispoñen de menos de 50.000 euros. A súa evolución nos últimos vinte anos é obxecto de estudo en ”Análise da situación dos museos e outros centros museísticos en Galicia”, documento de traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na rolda de prensa celebrada esta mañá na sede da institución que o informe revela unha das grandes fortalezas “temos un patrimonio cultural rico e diverso, unha base sólida sobre a que construír iniciativas de investigación, documentación, conservacións, educación e difusión”. Nesta diagnose, o coordinador do Observatorio da Cultura Galega, Häkan Casares, apuntou que os expertos consultados para a elaboración deste informe sinalan que a centralización da xestión limitou a autonomía dos museos e cómpre deseñar unha estratexia para evitar convertelos en recursos turísticos e exposicións temporais.
17/01/2025
Reducir a contaminación luminosa, crear mecanismos de control nos organismos e servizos de ordenación urbana ou elaborar unha normativa que poña freo á instalación xeneralizada de pantallas publicitarias ultrabrillantes son algunhas das recomendacións que se inclúen no “Decálogo por un uso responsable da iluminación artificial” que elaborou unha comisión técnica do Consello da Cultura Galega (CCG). “O documento quere influír nas medidas para recuperar o ceo nocturno” explicou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez que presentou este venres o documento xunto coa coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, Elena Vázquez Cendón; o membro da comisión Salvador Bará e o científico e coordinador da comisión Jorge Mira. O documento, que xa se pode descargar desde o web da institución, está dirixido ás administracións públicas.
20/12/2024
San Domingos de Bonaval acolle o vindeiro 7 de xaneiro un acto cívico que abre a celebración da conmemoración do 75 cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950). Diferentes representantes da comisión constituída o pasado 7 de novembro xuntáronse no Consello da Cultura Galega (CCG) este venres para presentar as primeiras accións de programación encamiñadas a poñer a atención sobre a vixencia e o legado da súa figura. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; xunto con representantes doutras entidades avanzaron as liñas de programación da celebración. Ademais, fixeron un chamamento á cidadanía da participar na celebración dunha personalidade irrepetible de tan alta transcendencia na historia contemporánea de Galicia.
19/12/2024
O Arquivo da Emigración Galega (AEG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de subir ao Repertorio de prensa da emigración 157 números do xornal anarquista Cultura Proletaria. Periódico de Ideas, Doctrina y Combate. É un dos xornais anarquistas de maior difusión, comezou a editarse en marzo de 1927 e estivo operativo ata 1953.
19/12/2024
Aurora Sampedro Piñeiro (San Pedro de Bemquerencia, Barreiros, Lugo 1913-1996) foi unha destacada química que dedicou a súa carreira investigadora aos campos da nutrición e da automoción. As súas aportacións ao estudo dos oligoelementos de orixe animal e as aliaxes de materiais valéronlle o recoñecemento da Real Academia de Doutores de España como Correspondente de Ciencias Experimentais. A súa entrada, asinada por Manuel Rivero Pérez, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG).
16/12/2024
O final do franquismo (1973-1977) é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o grupo de investigación da Universidade de Santiago (USC), HISPONA, abordan este martes (a partir das 9:30 horas) os diversos aspectos históricos e sociais que marcaron a Transición en Galicia e no conxunto do Estado. Emilio Grandío coordina esta cita na que investigadores como Manuel Ortiz Heras, Ana Cabana ou Luis Velasco achegarán múltiples perspectivas e reflexións críticas sobre este período histórico. A xornada, que se emite en directo polo web e as redes sociais da institución, pon o ramo ao convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades
16/12/2024
Foi un destacado filólogo e un dos máximos especialistas arredor do ilustrado Padre Sarmiento. José Luis Teófilo Pensado Tomé (Negreira, 1924- Salamanca, 2000), coñecido co hipocorístico de “Chelís”, é unha figura imprescindible dentro dos estudos lingüísticos. A súa entrada, asinada por Xosé Amancio Liñares Giraut, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.
16/12/2024
Os Seis poemas gallego de Lorca para piano e voz que compuxo Isidro B. Maiztegui Pereiro (Gualeguay, 1905-Mar del Plata, 1996) volverán soar vinte e oito anos despois de que o propio autor os interpretase no Consello da Cultura Galega (CCG). Será este luns 16 de decembro, a partir das 18:30 horas, no marco da actividade titulada “POSTAIS DE GALICIA. Música de Isidro B. Maiztegui Pereiro para voz e piano” encamiñada a visibilizar a figura deste compositor arxentino fillo de galega. A actividade inclúe unha conferencia en un concerto a cargo de Lucas López López, Premio Andrés Gaos na categoría sénior.
11/12/2024
A nova xornada do ciclo Revisando a nosa arte procurará fomentar a “lembranza, recoñecemento e aproximación a algunhas facetas esenciais” do pintor Tino Grandío cando se conmemoran os cen anos do seu nacemento. Miguel Fernández-Cid, Xosé Carlos López Bernárdez e Manuel Quintana Martelo participan neste encontro coordinado por Lucila Yáñez Anllo-Vergas e organizado pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), a vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo e o Museo Provincial de Lugo. A sesión, que se celebra na sala de exposicións Capela de Santa María (xoves, 12 de decembro, a partir das 16:30 horas), non se emite en directo pero será gravada e subirase ao sitio web da institución.
11/12/2024
Chamábase Xosé Manuel Vázquez Martínez (Ribeira, 1947- A Coruña, 2010), pero era coñecido como Tuto Vázquez. Foi un actor pioneiro de teatro, audiovisual e dobraxe en Galicia. Participou en numerosas montaxes de compañías teatrais amadoras, profesionais e tamén do Centro Dramático Galego. Ademais, formou parte do grupo de persoas que elaboraron o proxecto fundacional da Escola Dramática Galega. A súa entrada, escrita por Ana Abad de Larriva, incorpórase hoxe ao Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
05/12/2024
O proxecto Sextina, que inclúe rarezas e documentos pouco coñecidos do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), inclúe hoxe unha nova entrega. Desta volta subimos un número de As follas de Sísifo, revista literaria promovida polo Café Uff de Vigo na primeira metade da década dos oitenta.
04/12/2024
A filóloga Kathleen N. March clasifica as poetas de posguerra en dous grupos. Por un lado as que comezan a publicar nos anos corenta, por outro as que o fan a partir do 75. No primeiro está Xaquina Trillo (Vilagarcía, 1916-2024) poeta que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Aínda que publicou o seu primeiro libro con 64 anos, ela escribiu desde que era nova e fixo gala dunha poesía sinxela e moi apegada á paisaxe mariñeira da súa cidade natal. “Pretende demostrar que a poesía é unha canle apta para deixar constancia escrita da súa ideoloxía e do seu compromiso” afirma Patricia Arias Chachero, autora da entrada biográfica.
03/12/2024
Hai un apoxeo arredor do patrimonio cultural en Galicia e no norte de Portugal no que conflúen moitos factores: as novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio, cambio de mentalidade social, unha maior implicación das administracións. Máis dunha ducia de experiencias de intervención patrimonial que dan conta deste cambio recóllense na exposición Olladas #EMPC. Olladas #INSITU. Rebeca Blanco-Rotea, co-comisaria xunto con Rosa Benavides; João Cabeleira, diretor-adjunto do Lab2PT Laboratório de Paisagens, Património e Território (Lab2PT) da Universidade do Miho; máis Jorge Correia, vice-diretor da Escola de Arquitetura, Arte e Desing inauguran este martes (17:00 hora local) na Escola de Arquitectura, Arte e Design da Universidade do Minho en Guimarães a primeira itinerancia desta mostra. Estará aberta ata o 10 de xaneiro.
03/12/2024
O aumento do nivel do mar, desxeo dos glaciares, quecemento dos océanos e fenómenos meteorolóxicos extremos son algunhas das consecuencias do cambio climático. Sobre os fenómenos meteorolóxicos adversos e as consecuencias do cambio climático tratan os doce vídeos que conforman a nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC). “A adversidade nos mapas do tempo” é o título desta entrega que xa está dispoñible.


