Noticias

Gabinete de Comunicación (CCG). Rexistros421 a 445 de 445
11/10/2023

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Marcial Valladares

A Marcial Valladares Núñez (Vilancosta, Berres, A Estrada, 1821-1903) “o nome viñéralle dado en lembranza da batalla de San Marcial contra os franceses en que saíra vitorioso o pai, o avogado don José Dionisio Valladares, que desenvolveu unha intensa vida militar e política”. Así o Xosé A. Fernández Salgado, autor da entrada que hoxe se incorpora no Álbum de Galicia, colección de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
10/10/2023

Especialistas destacan a contribución metodolóxica e o coñecemento que achegou o Seminario de Estudos Galegos

“O Seminario de Estudos Galegos (SEG) inaugurou unha nova forma de saber, ao introducir unha metodoloxía e un maior coñecemento global atendendo ao rigor científico” apuntou Francisco Díaz Fierros, coordinador do congreso Saber de Nós, na inauguración desta cita que convoca a destacados especialistas para ofrecer un balance do que significou este movemento no centenario da súa creación. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, destacou tamén a relevancia histórica desde grupo que mudou o coñecemento do país. A cita remata mércores cunha revisión as áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. Sobre o SEG afonda tamén a nova entrega de Proxector, iniciativa que o CCG coa Universidade de Santiago de Compostela que nesta ocasión escolma doce vídeos vencellados ao movemento e os seus membros. A revisión do Seminario compleméntase o vindeiro 24 de outubro con outra xornada que ofrece unha análise en comparación con outros centros análogos no contexto hispánico.
06/10/2023

O impacto directo do galego no conxunto da economía supón 1.440 millóns de euros

O valor económico do galego é un documento pioneiro que achega, por primeira vez, o coñecemento da contribución da lingua galega ao conxunto da economía de Galicia. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares; Melchor Fernández e Diana Fernández, profesores da USC e investigadores do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) presentaron esta mañá os resultados deste informe que cuantifica en 1.440 millóns de euros de valor engadido bruto (VEB) e 27.702 postos de traballo o impacto directo que o galego supón ao conxunto da economía de Galicia. O documento xa está dispoñible para descarga.
04/10/2023

Perugia acolle a mostra Afonso X e Galicia, que afonda na conexión galega do monarca

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, acompañada de Carlo Pulsoni e Marco Paone, codirectores do centro de estudos galegos da Universidade de Perugia;. Roberto Rettori, delegado de orientación, titoría e divulgación científica da mesma universidade; Ignacio Peyró, director do Instituto Cervantes de Roma e Leonardo Varasano, asesor de cultura da Comuna de Perugia, inauguraron esta mañá no reitorado da universidade a mostra Afonso X e Galicia. O proxecto expositivo poderá verse na cidade italiana ata o 13 decembro.
04/10/2023

Dúas actividades profundan na música medieval a partir da figura de Martín Codax

Unha xornada científica e un concerto son as dúas actividades coas que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Redondela celebran este xoves, 5 de outubro, unha nova edición do ciclo “Seíam'eu... en San Simón”. O programa busca profundar na figura de Martín Codax, figura homenaxeada este ano co Día das Artes Galegas. A xornada terá lugar de mañá (a partir das 10:30 horas) na illa de San Simón, e contará con destacados especialistas para falar das voces e da arpa na música medieval. Titúlase “Ecos medievais: A voz e a arpa, testemuñas e transmisores da alma musical do pasado”, non se retransmite en directo, pero será gravada para logo subirase á rede no web do CCG. Pola tarde (19:30 horas), no auditorio a Xunqueira de Redondela, haberá un concerto no que terá lugar a estrea absoluta da reinterpretación das cantigas de Martín Codax feita por catro compositores galegos actuais.
04/10/2023

O rexionalista Andrés Martínez Salazar entra no Álbum de Galicia

Editor, arquiveiro e historiador, Andrés Martínez Salazar (Astorga,1846 - A Coruña, 1923) foi unha das principais figuras do rexionalismo galego, sobre todo no campo da cultura e como impulsor do rexurdimento literario do país. A súa entrada, que hoxe se inclúe no Álbum de Galicia, colección de biografías que elabora o Consello da Cultura Galega (CCG), foi elaborada por Alfonso Mato.
03/10/2023

A exposición Afonso X e Galicia chega a Bratislava

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a directora da biblioteca central de Brastislava, Silvia Stasselova; e a embaixadora de España en Eslovaquia, Lorea Arribalzaga, inauguraron este luns a mostra Afonso X e Galicia. Un proxecto expositivo que afonda na conexión do rei Sabio con Galicia.
02/10/2023

O CCG desenvolverá proxectos conxuntos coa embaixada de España en Eslovaquia

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, reuniuse esta mañá coa embaixadora de España en Eslovaquia, Lorea Arribalzaga Ceballos. Na xuntanza estableceron contacto para futuras vías de colaboración en iniciativas de ámbito cultural que se concretará en proxectos expositivos e outras actividades.
29/09/2023

Nace Seara, un espazo para a tradución literaria galega ao inglés

De Rosalía de Castro ata Emma Pedreira, pasando por Luis Pimentel, Claudio Rodríguez Fer ou Luisa Villalta. Todos eles están en Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos, un espazo web que nace para ofrecer unha selección decantada que percorre a historia da literatura galega. Nesta seara, presentada na véspera do Día Internacional da Tradución que se celebra cada 30 de setembro, os textos dos creadores galegos estarán na versión orixinal, pero tamén na súa tradución ao inglés. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a coordinadora técnica do proxecto, a profesora e tradutora estadounidense Kathleen Nora March, presentaron en rolda de prensa este espazo que amosa textos inéditos canda outros máis coñecidos, algúns deles tamén recitados para, en palabras da presidenta, “amadores e amadoras das linguas e da literatura, desde calquera lugar e cultura”.
27/09/2023

A pioneira actriz e locutora Pilar Pereira entra no Álbum de Galicia

María del Pilar Pereira Carballo (Santiago, 1937-2020) foi unha actriz de teatro e locutora radiofónica pioneira, aínda que tamén foi autora e directora escénica e traballou como actriz de cinema e televisión. Foi “un referente e posúe unha dilatada, destacada e versátil carreira” asegura Ana Abad de Larriba, que asina a entrada que hoxe se inclúe no Álbum de Galicia, colección de biografías que elabora o Consello da Cultura Galega (CCG).
27/09/2023

Os editores reflexionan sobre o presente e futuro do sector no Consello da Cultura Galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inaugurou esta mañá o XX Simposio “O Libro e a lectura” que organiza anualmente a Asociación Galega de Editoras. Na súa intervención destacou o salto “cuantitativo e cualitativo que o sector de unos últimos corenta anos” e lembrou o reto da internacionalización e a dixitalización. Ademais, destacou que ambas institución cumpren neste 2023 corenta anos e que “estamos xuntas no mesmo barco”.
27/09/2023

Xosé Ramón Veiga reflexiona sobre a aceptación da derrota democrática no ciclo Pensarmos

O ciclo Pensarmos, organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) que coordina Celia Pereira Porto, regresa este xoves (18:00 horas) cunha nova cita sobre a calidade da democracia. Nesta ocasión, Xosé Ramón Veiga reflexiona sobre o tema a partir da análise dun período concreto da historia. A xornada leva por título “O máis difícil é aceptar a derrota: Pluralismo político, participación e democracia no século XIX”. A sesión é presencial e pode seguirse en directo desde o sitio web e as redes sociais da institución.
25/09/2023

Rosario Álvarez deposita na Caixa das Letras o legado material e simbólico de Rosalía de Castro

A sede do instituto Cervantes acolleu na mañá deste luns un acto para conmemorar o Día Europeo das Linguas que se celebra cada 26 de setembro. Nel presentouse a versión multilingüe do poema “Grito hacia Roma” de Federico García Lorca e tamén tivo lugar a apertura da Caixa das Letras de Rosalía de Castro. Aproveitando a conexión recoñecida entre Lorca e a poeta galega, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), depositou o legado material e simbólico “dunha muller poeta dun categoría literaria e dun pensamento revolucionario”. O acto, contou coa presenza do presidente en funcións, Pedro Sánchez, quen lembrou a primeira tentativa de creación dunha cartografía lingüística, a do Atlas Lingüístico iniciado polo grupo do filólogo Tomás Navarro quen “descubriu unha xeografía lingüística plural, unha España de multitude de acentos e unha riqueza que debemos preservar”. Asistiron a esta homenaxe representantes do sector da cultura e da política como a presidenta do Congreso, Francina Armengol, ou a ministra de Educación en funciones, Pilar Alegría, entre outros.
22/09/2023

O CCG participa no XII Pleno do Consello de Comunidades Galegas

Hoxe comeza en Ourense o XIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas, órgano representativo dos galegos do exterior a través das entidades asentadas fóra de Galicia que teñen a condición de “comunidade galega” no Rexistro da Galeguidade. A esta xuntanza asiste o xerente do Consello da Cultura Galega (CCG), Marcelino Fernández. Alí falará do proxecto de creación dun Museo de Emigración e doutras iniciativas desenvolvidas pola institución coma o proxecto de xeolocalización das Escolas da Emigración. Ademais, esta semana tamén se incorpora ao Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do CCG, a colección completa de El Eco de Teo, publicado en Bos Aires polas sociedades de emigrantes do distrito de Teo e Vedra en Arxentina.
22/09/2023

A presidenta deposita o legado de Rosalía de Castro na Caixa das Letras

O 26 de setembro é o Día Europeo das Linguas. Unha celebración que o Consello da Cultura Galega (CCG), o Instituto Cervantes, o Euskal Etxepare Institutua e o Institut Ramon Llull adoitan celebrar de maneira conxunta e que nesta edición cobra especial protagonismo a cultura galega. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, depositará na Caixa das Letras que mantén o Instituto Cervantes un legado “in memoriam” de Rosalía de Castro. Será no marco do acto no que se presenta a edición especial multilingüe do poema "Grito hacia Roma", obra de Federico García Lorca. O acto, que se desenvolverá na sede do Cervantes o vindeiro luns 25 de setembro (11 horas), conta coa presenza do presidente do goberno en funcións, Pedro Sánchez.
21/09/2023

Unha xornada analiza a gordofobia

A discriminación provocada pola obesidade, a gordofobia, e a violencia estética son os temas que aborda a xornada Gordofobia que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Valedora do Pobo celebran este venres, 22 de setembro na sede do CCG. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, inaugurarán esta cita coordinada por María Xosé Porteiro e Carme Adán. A xornada pode seguirse en directo desde o sitio web e as redes sociais da institución.
20/09/2023

As crises alimentarias e o cambio climático centran a nova sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia

O Consello da Cultura Galega (CCG) regresa co ciclo Pensar o mundo dende Galicia, co que celebra o seu 40º aniversario, para afondar na situación climática actual. María Loureiro coordina esta sesión do foro que se titula “Límites planetarios. Unha ollada socioeconómica dende Galicia” e na que se analizará o impacto do cambio global na agricultura e nas posibles crises de alimentos. Nela participan, entre outros expertos, José María Sumpsi, exdirector de Política Alimentaria da FAO, e Adrián Escudero, catedrático e divulgador da Universidad Rey Juan Carlos. Xosé Manoel Núñez Seixas, coordinador do Foro, e María Loureiro inauguran esta cita que se pode seguir en directo desde o web e as redes sociais do CCG.
20/09/2023

Un acto festivo e un congreso reivindican o legado do Seminario de Estudos Galegos

O 12 de outubro de 1923 un grupo de ilustres estudantes da Universidade de Santiago camiñaron xuntos ata a casa de Rosalía de Castro en Ortoño. Esa andaina derivou na creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución científica determinante no futuro do país. Cen anos despois, diferentes entidades repiten aquel percorrido cun acto festivo aberto á cidadanía. É un dos actos centrais que conmemora o centenario do SEG e que debullaron esta mañá a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Ames, Blas García; máis a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago (USC), Pilar Murias. Alén da festa popular do día 12 de outubro, na véspera (días 10 e 11) terá lugar o congreso «Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos», que fará balance da significación na historia científica, intelectual e cultural de Galicia do SEG.
18/09/2023

Un informe insta a implementar mecanismos de protección perante o impacto do eucalipto

O Consello da Cultura Galega (CCG) fixo público na mañá deste luns o informe Informe sobre o impacto dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido no patrimonio natural e cultural de Galicia. Nel afirma que as plantacións forestais con especies de crecemento rápido supuxeron a transformación dos elementos que constitúen a paisaxe galega. “É urxente fomentar as medidas de restauración ambiental e restitucións de hábitats” conclúe o documento, que confirma que a xestión forestal baseada na produtividade está a destruír a diversidade e complexidade que caracteriza a paisaxe de Galicia. Establecer a obrigatoriedade de que os montes conten con documentos de ordenación ou procurar unha maior catalogación dos bens son algunhas das medidas que contempla. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da comisión que elaborou o documento, Rebeca Blanco-Rotea, presentaron o texto no que participaron seis especialistas de diferentes áreas durante dous anos. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web da institución.
18/09/2023

Ramiro Cartelle profunda na figura de Mauricio Farto na nova entrega de Caligrafías musicais

O proxecto Caligrafías musicais, iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), recupera cada dous meses conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego. Hoxe publícase a cuarta entrega, que consiste nunha conferencia do intelectual coruñés Ramiro Cartelle sobre o compositor, director e recompilador do folclore galego Maurico Farto Parra (1867-1947).
14/09/2023

O Consello da Cultura Galega intensifica a súa acción exterior no último cuadrimestre do ano

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou na tarde deste mércores en São Paulo unha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia. Canda ela estaban presentes o comisario, Antoni Rossell, e diferentes responsables da Universidade de São Paulo: Paulo Martins, diretor da Facultade de Letras, Filosofía e Ciencias Humanas; Manuel Mourivaldo Santiago Almeida, xefe do Departamento de Letras Clásicas e Vernáculas; e Maria Inês Batista Campos, do Programa de Pós-Graduação em Filologia e Língua Portuguesa. A mostra é unha das accións que a institución mantén neste final de ano no marco do seu programa de Acción Exterior. Conferencias, ciclos de cinema, renovación do espazo web son algunhas das actuacións da institución, que vén de incorporar a Xavier Queipo como coordinador da Comisión de Relacións institucionais e Acción exterior.
12/09/2023

Cibrán Santamarina escolma vídeos sobre física na nova entrega de Proxector

“Escolma para ver e escoitar física” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta ocasión trátase dun Proxector de autor que reúne unha ducia de recursos audiovisuais na ollada de Cibrán Santamarina Ríos, director do Departamento de Física de Partículas da USC.
11/09/2023

Recuperada a intervención de Teresa Rodríguez Montañés, sobre as escravitudes contemporáneas

“Trata, escravitude e prostitución non son a mesma cousa e é moi importante distinguilos para poder xerar políticas públicas nesta materia” explicaba a xurista Teresa García Montañés no Consello da Cultura Galega en 2019, quen tamén destacou que é un xigantesco negocio. “É o segundo negocio ilegal máis lucrativo do comercio internacional e move 150 billóns de dólares ao ano” afirmou no marco da súa conferencia titulada “A trata de seres humanos e escravitude contemporánea”. É unha das intervencións que destacamos no marco do proxecto que visibiliza 12 intervencións destes 40 anos do Consello da Cultura Galega (CCG).
06/09/2023

A fotógrafa Ruth Matilda Anderson entra no Álbum de Galicia

No ano 1921, a Hispanic Society encomendou á fotógrafa Ruth Matilda Anderson o labor de viaxar á Península Ibérica para desenvolver un traballo de documentación baseado, nomeadamente, no fotografado do traxe tradicional e outras manifestacións da cultura material galega. Desa encomenda saíron diferentes viaxes que construír a documentación máis completa que unha persoa estranxeira erguera nunca sobre o noso país. A historia da fotógrafa americana e o seu legado entra agora no Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), nunha entrada asinada por Vitor Vaqueiro.
31/08/2023

A gordofobia, as crises alimentarias e o teatro galego, entre as vindeiras actividades

O Consello da Cultura Galega (CCG) recupera o ritmo de actividades despois do verán cunha serie de xornadas que abordan desde a discriminación que subxace trala gordofobia, ata as crises alimenticias pasando por unha revisión sobre o teatro galego. A primeira da actividades arrinca este venres, coa habitual colaboración que o CCG organiza coa Fundación Pondal para o Festiletras. O luns 4 de setembro ábrese a inscrición de todas as actividades.