A situación mudou moito nos últimos anos e avanzan as melloras en materia de violencia de xénero. E as cifras así o reforzan. As denuncias interpostas por mulleres subiron un 7% no último ano. Pero a normativa tamén ten eivas e atrancos. Sobre iso falaron diferentes profesionais e técnicos no Consello da Cultura Galega (CCG) na xornada “Violencias machistas: análises e retos”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a complexidade deste tema “no que cada vez que pensamos que temos unha resposta, atopamos outra pregunta que nos convoca, que nos fai pensar e que require que busquemos unha contestación”. Destacou o labor do Consello da Cultura Galega para abordar estas cuestións dende perspectivas diferentes, xa que semella que “non ten fin o problema da violencia exercida contra as mulleres, nin os problemas e os retos cos que nos imos atopando de maneira continuada”. Pola súa banda, Carme Adán, coordinadora da xornada xunto con Paz Filgueira, apuntou a importancia desta actividade para “construír colectivamente máis coñecemento a respecto das violencias”, ámbito no que “temos moito camiño feito a través da lexislación, dende o movemento feminista e dende o pensamento feminista”. Paz Filgueira engadiu que o espírito destas xornadas é o de realizar “unha avaliación para que se coñeza a situación e a evolución en materia de violencia de xénero”.
Ler máis
Amosando noticias 781 a 800 de 3724


