Unha medida piloto que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros) coa finalidade de ser implementada para compensar a menor presenza social do galego. Esta é unha das ideas centrais que se propuxeron no marco da xornada “Educación e socialización”, coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha o proceso Un país coa súa lingua. Foro participativo. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que “abrimos un debate para propiciar consensos no marco do noso labor asesor e consultivo e pedimos que todo o país estea unido en favor da súa lingua”. Pola súa parte, a vicepresidenta do CCG e coordinadora do proceso, Dolores Vilavedra, explicou que “en outubro teremos un documento final con propostas concretas de aplicación inmediata”. O foro continúa o 20 de marzo, cunha mesa coordinada por Alba Nogueira e co título “Administración, xustiza e servizos públicos”.
Ler máis
Amosando noticias 241 a 260 de 3724


