A exposición itinerante “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975), ideada e organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Fundación 10 de Marzo, foi inaugurada esta tarde no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, onde permanecerá ata o vindeiro 13 de maio. A mostra, comisariada por Ricardo Gurriarán, rescata e destaca en vintedous paneis explicativos e nove vitrinas o papel dinamizador e transformador dos axentes e das asociacións culturais en Galicia nos últimos quince anos da ditadura franquista. Arranca en 1961, ano de creación en Compostela da primeira asociación cultural galega “O Galo”. No acto inaugural, ao que asistiron máis de cen persoas, interviron Ricardo Gurriarán; Manuel Caamaño, un dos fundadores da Agrupación Cultural "O Facho" e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que subliñou a importancia de dar a coñecer o legado "daqueles pioneiros que fixeron un traballo esencial para o que hoxe temos".
Ler máis
Amosando noticias 2781 a 2800 de 3710


